Super User
Lorenzana aborda coa Asociación de Empresarios do Tambre novas medidas de impulso ao Biopolo Sionlla
A conselleira de Economía e Industria mantivo un encontro con responsables da entidade no que destacou o potencial biotecnolóxico galego e comprometeu o apoio da Xunta na súa industrialización a través da nova Oficina Económica de Galicia que xestiona o Igape
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ratificou hoxe o compromiso da Xunta por continuar impulsando o sector da biotecnoloxía a través da coordinación e o traballo conxunto co Biopolo Sionlla-Polo Biotecnolóxico de Galicia. Facíao logo de manter un encontro con responsables da Asociación de Empresarios do Tambre, onde se asenta o polo, cos que abordou a posta en marcha de novas accións para incrementar a competitividade do sector a través da colaboración público-privada.
Lorenzana destacou o potencial de Galicia neste eido, “un sector en auxe polo que o Goberno galego leva apostando desde hai anos e que en Galicia xera máis de 5.000 empregos e representa o 1,8% do produto interior bruto galego”. Ademais, a conselleira de Economía e Industria avanzou que este apoio da Xunta ao sector biotecnolóxico continuará “aínda con máis forza se cabe, xa que agora contamos cun novo instrumento como é a Oficina Económica de Galicia que xestiona o Igape, que facilitará a industrialización do sector”.
Nesta liña, a conselleira lembrou que a nova Oficina Económica de Galicia constitúe un punto único de entrada a aquelas iniciativas empresariais e industriais que se queiran asentar ou medrar na comunidade. Un servizo que ofrece asesoramento, información e seguimento individualizado poñendo o foco no financiamento e na axuda que precisa o proxecto. Desde a súa entrada en funcionamento, no mes de abril, rexistrou máis de 1.900 consultas e preto de 200 citas de acompañamento a empresas galegas.
Finalmente, María Jesús Lorenzana reiterou a importancia de aproveitar o potencial biotecnolóxico de Galicia e máis concretamente do Biopolo Sionlla, “un exemplo de colaboración entre administración e empresa fundamental para atraer talento, fomentar a innovación e mellorar a competitividade do noso tecido empresarial”, concluíu.
A Xunta sitúa a innovación como “motor clave” para o crecemento e a competitividade empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a 3ª edición do Innovation Big Date onde pon en valor a nova área de innovación empresarial do Instituto centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación
- Avoga por fomentar a “cultura da innovación” desenvolvendo tecnoloxías e estratexias innovadoras e apostando polo “talento e as persoas, clave e fundamento de todo”
- Salienta o compromiso da Xunta coa formación, materializado en programas como o Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolve esta xornada e que ata o de agora ten permitido realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou esta mañá a 3ª edición do Innovation Big Date, un marco no que destacou o papel da innovación na mellora competitiva do tecido produtivo, situándoa como “motor clave” para o crecemento empresarial.
“A innovación é un piar fundamental para as organizacións e, precisamente, na xornada de hoxe queremos poñer en valor a organización baseada nas persoas”, salientou Toca Carús en referencia a unha iniciativa que se desenvolve no marco do programa Capacita Directivos, que inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento.
O programa, xa consolidado, permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña.
Neste marco, a directora do Igape resaltou a nova área de innovación empresarial do Instituto, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación.
“Esta área será a responsable de toda a planificación e programación de iniciativas para o impulso á innovación empresarial”, incidiu.
Sobre esta base, Toca Carús avogou por fomentar a “cultura da innovación” desenvolvendo tecnoloxías e estratexias innovadoras e apostando polo “talento e as persoas, clave e fundamento de todo”.
Así, explicou a directora, “as persoas, os equipos directivos”, desempeñan “un papel esencial” na promoción e xestión da innovación dentro dunha compañía, apostando pola colaboración, desenvolvendo estratexias innovadoras e, sobre todo, “apostando polo talento”.
A Xunta pon en valor a aposta pola innovación e a procura de novos mercados para o crecemento e a mellora competitiva do tecido empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou esta mañá a empresa Quobis, unha das pemes que participou na primeira edición da aceleradora de internacionalización da innovación Galicia Avanza
- Salienta que a través desta iniciativa a empresa recibiu asesoramento e apoio para incrementar a presenza internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en países de Latinoamérica como México e Colombia
- Lembra que iniciativas como o Plan Foexga, para impulsar misións comerciais, ou os xestores de internacionalización, para a contratación de expertos neste campo, teñen aberto o período para presentar solicitudes
O Porriño (Pontevedra), 17 de xuño de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou esta mañá a empresa porriñesa Quobis, que ofrece desde 2006 servizos de consultoría de redes a operadores de telecomunicacións e grandes empresas, á que puxo como exemplo da importancia de apostar pola innovación e a procura de novos mercados no crecemento empresarial e na mellora competitiva do tecido produtivo.
Neste sentido, Toca Carús puido constatar os avances na internacionalización dun dos seus produtos innovadores que contou co apoio da aceleradora Galicia Avanza. A través desta iniciativa, expuxo a directora, a empresa recibiu asesoramento e apoio para incrementar a presenza internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en países de Latinoamérica como México e Colombia.
“Quobis é un claro exemplo do que a innovación e a internacionalización poden supoñer no desenvolvemento e na vida dunha compañía” salientou Toca Carús, subliñando que, nestes momentos, a empresa factura no exterior máis do 30% da súa produción.
Neste contexto, Toca Carús incidiu na importancia da saída ao exterior como parte do proceso de crecemento dunha empresa. Un itinerario que, como lembrou, a Xunta acompaña cada ano a través dun amplo abano de programas e actuacións das que Quobis tamén se ten beneficiado.
Entre esas liñas, a directora do Igape resaltou programas como o Plan Foexga, promovido en colaboración coas cámaras de comercio para impulsar misión comerciais internacionais, e que ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro mes de outubro; ou os xestores de internacionalización, liña aberta ata o 9 de xullo e que busca facilitar a contratación de expertos neste campo.
A Xunta salienta o papel de ViaGalicia na configuración dun ecosistema emprendedor galego sustentado no talento e na innovación
- A directora do Igape, Covadonga Toca, clausura a 7ª edición dunha aceleradora que ten impulsado ata o de agora a creación de 93 empresas das que preto do 70% seguen activas, xerando máis de 500 postos de traballo e 45 millóns de facturación
- Destaca que a “innovación e o talento” permiten ofrecer “solucións avanzadas para grandes retos” causando “un impacto na sociedade, un cambio para ben, con repercusión na vida das persoas”
- Pon en valor outras iniciativas como a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes ou a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech)
Vigo, 14 de xuño de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá, en Vigo, no acto de clausura da 7º edición de ViaGalicia, aceleradora de proxectos innovadores impulsada pola Zona Franca e a Xunta, e que acolle propostas de todos os sectores produtivos. Neste marco, subliñou o papel que xoga desde hai xa unha década esta iniciativa na configuración dun sistema emprendedor galego sustentado no talento e na innovación.
“Non hai dúbida de que innovación e talento brindáronnos moitos dos elementos do noso progreso e benestar, e seguirán facéndoo”, sinalou Toca Carús, quen puxo en valor que esta aposta facilita ofrecer “solucións avanzadas para grandes retos” causando “un impacto na sociedade, un cambio para ben, con repercusión na vida das persoas”.
Neste sentido, a través de ViaGalicia outórgase soporte e asistencia na súa fase inicial a emprendedores e empresas, ofrecendo capital semente, formación, infraestruturas e asesoramento intensivo. Así, e como expuxo a directora do Igape, desde a súa posta en marcha a aceleradora ten impulsado a creación de 93 empresas das que preto do 70% seguen activas, xerando máis de 500 postos de traballo e 45 millóns de facturación.
"ViaGalicia contribúe de modo decisivo a apoiar a creación e aceleración de empresas innovadoras; a diversificar o tecido empresarial, modernizar e dixitalizar os sectores máis tradicionais de Galicia; a impulsar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía; e a atraer talento”, resaltou Toca Carús, quen sinalou o peso que xoga a aceleradora no conxunto do ecosistema emprendedor galego.
Un ecosistema, afondou, coa vista posta na “innovación, a dixitalización e a sostenibilidade”, que se presenta “cada vez máis maduro” como amosan o conxunto das iniciativas impulsadas polo Goberno galego.
Entre estas, a directora do Igape destacou a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes; ou a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech), e que teñen permitido ata o de agora, de modo conxunto, a creación de 120 empresas e de máis dun milleiro de empregos de alta cualificación.
“Neste marco, ViaGalicia permite conectar axentes clave e crear unha comunidade de emprendedores, mentores e empresas consolidadas. Co noso esforzo compartido seguiremos facendo desta aceleradora un espazo único de atracción de talento e de capacidades”, concluíu Toca Carús.
A Xunta impulsa novos obradoiros de dixitalización que promoven proxectos colaborativos para potenciar a transformación dixital e sustentable das pemes galegas
- O Diario Oficial de Galicia publica a resolución dunha nova convocatoria deste programa, que suma 34 novos obradoiros aos que se destinan máis de 600.000 euros para promover espazos de colaboración que capaciten ás empresas na preparación de proxectos avanzados cara aos principais retos da economía
- Os apoios, do 100% dos gastos subvencionables, permiten promover novos talleres de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada na procura de facilitar ao tecido empresarial, a través da cooperación, o impulso de iniciativas nestes eidos
- O goberno galego promoveu ata o de agora máis de 160 obradoiros de dixitalización cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros
Santiago, 13 de xuño de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución da última convocatoria dos obradoiros de dixitalización impulsados pola Consellería de Economía e Industria de cara a promover e facilitar a transformación industrial e a dixitalización do tecido empresarial galego. O obxectivo é crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía.
Neste sentido, e no marco da aposta do Goberno galego pola transformación dixital e sustentable dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo, impúlsanse desta volta 34 novos obradoiros que, desde a colaboración empresarial, atenden a ámbitos como a dixitalización, a sustentabilidade e a loxística avanzada.
Deste xeito, estes talleres actúan como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas poden explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos mais sostibles ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada e sostible, así como oportunidades de hibridación intersectorial.
Coma sempre, os apoios ascenden ao 100% dos gastos subvencionables. Cunha contía conxunta de máis de 600.000 euros, entre os beneficiarios se atopan organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos “hubs” de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.
Desde a súa posta en marcha, o programa ten permitido promover máis de 160 obradoiros cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros, contribuíndo así a impulsar a reactivación do tecido empresarial de Galicia a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.
Xunta e Zona Franca de Barcelona avogan por seguir colaborando para impulsar a innovación e internacionalización das empresas
Barcelona, 7 de xuño de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co presidente da Zona Franca de Barcelona, Pere Navarro, co obxectivo de seguir unindo esforzos e xerando sinerxias para impulsar a innovación e a internacionalización das empresas.
Segundo explicou a conselleira, trátase de reforzar a promoción internacional do sistema loxístico, a dixitalización dos procesos, a promoción exterior da oferta de solo industrial, e a eficiencia ambiental da loxística galega.
A Xunta destaca o labor do centro de fabricación avanzada de Inleit para o impulso da innovación do sector lácteo galego
Curtis (A Coruña), 12 de xuño de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, acompañada da directora de Xesgalicia, Raquel Rodríguez, e do director do Fondo Galego de Garantía Agraria, Juan José Cerviño, visitaron hoxe as instalacións da empresa Inleit, en Curtis, no marco dunha visita comercial dunha delegación de empresarios e directivos de comercio da rexión chinesa de Shaanxi.
Toca Carús puxo en valor a importancia deste centro de innovación que está a impulsar a empresa coa colaboración da Xunta para mellorar o sector lácteo galego e que conta cos últimos avances tecnolóxicos, e salientou ademais que é a única visita por parte da delegación chinesa a unha empresa española no marco da xira que están a levar a cabo por Europa.
A Xunta traballa para que Galicia sexa un polo de atracción industrial no ámbito da economía verde e dixital
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no Congreso da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras
- Lorenzana explicou que a Administración autonómica ofrece medidas de apoio ao tecido produtivo e puxo en valor o asesoramento que está a prestar a Oficina Económica de Galicia que no seu primeiro mes de funcionamento recibiu máis de 900 consultas de empresas
- Sinalou que a Xunta seguirá ofrecendo axilidade, acompañamento e fiabilidade para que Galicia sexa unha comunidade atractiva para as empresas e para os novos investidores
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a Xunta está a traballar para que Galicia sexa un polo de atracción industrial dentro da Península Ibérica, especialmente no ámbito da economía verde e dixital.
Lorenzana participou no Congreso da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras onde sinalou que con este obxectivo o Goberno galego está a ofrecer a máxima axilidade administrativa e medidas de apoio ao tecido produtivo para seguir medrando e creando emprego de calidade.
Na súa intervención, a conselleira puxo en valor o papel da Oficina Económica de Galicia que no seu primeiro mes de funcionamento xa recibiu máis de 900 consultas de empresas e que se configura como unha xanela única que coordine o apoio da Administración autonómica ás iniciativas desde as primeiras fases dos proxectos con persoal especializado para ofrecer unha canle única entre a Xunta e a empresa, e un punto de contacto de información e asesoramento.
Por outra banda, a titular de Economía e Industria incidiu en que a Xunta avoga por desenvolver unha estratexia de política industrial integrada e responsable para facer un aproveitamento sostible dos recursos naturais de Galicia, co impulso dunha industria de alto novel tecnolóxico e innovador.
Na mesma liña sinalou que o Goberno galego vai aprobar plans directores de impulso aos sectores industriais estratéxicos galegos e a desenvolver un mapa industrial de Galicia con información relevante dos distintos sectores.
Lorenzana tamén destacou que os fondos europeos brindan unha gran oportunidade e reclamou unha vez máis ao Goberno central unha mellor planificación dos recursos europeos, máis axilidade na asignación e na execución, e unha cogobernanza real coas Comunidades Autónomas.
Segundo explicou, existe unha desconexión importante entre as necesidades do tecido empresarial galego e o deseño dos Perte e explicou que é necesario acompasar esas axudas ás verdadeiras necesidades do tecido empresarial e aos tempos de execución dos proxectos.
Finalmente, María Jesús Lorenzana apuntou que a Xunta vai seguir ofrecendo axilidade, facilidades nos procedementos, acompañamento, fiabilidade e sobre todo, vontade de que Galicia se converta na Comunidade máis atractiva para as empresas e para os novos investidores.
A Xunta destaca o labor das antenas do Igape para achegar ao tecido empresarial galego un amplo mercado con novas oportunidades de negocio
- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou a xornada “Marrocos: Economía e oportunidades de negocio en África para as empresas galegas”, onde puxo en valor o traballo conxunto co tecido produtivo na mellora do seu posicionamento nun país que ocupa o sétimo lugar no conxunto das exportacións galegas
- Destaca que Marrocos conta cunha das antenas do Igape no exterior, xunto ás de México, EEUU, e China, ás que se suman este ano as aperturas en Xapón e Emiratos Árabes, o que configura, de modo conxunto, un mercado de máis de 2.000 millóns de persoas
- Salienta que máis de 600 empresas galegas exportan nestes momentos a Marrocos, destacando sectores como o téxtil, a automoción, os produtos minerais, o metalmecánico ou o agroalimentario
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou esta mañá a xornada “Marrocos: Economía e oportunidades de negocio en África para as empresas galegas”, celebrada con motivo da renovación dos servizos que ofrece a Antena do Igape instalada no país.
Unha Antena que, como o resto destas oficinas, ten por obxectivo facilitar o camiño das empresas galegas en destino, procurando achegar información e acompañar ás pemes nos seus proxectos de internacionalización e configurando, así, un mercado de potenciais consumidores na busca de novas oportunidades de negocio.
Neste sentido, a Antena do Igape en Marrocos facilita o labor comercial das máis de 600 compañías galegas que operan neste momentos nun país que se sitúa no sétimo lugar no que ao global das exportacións galegas se refire.
Así, durante o último ano, as exportacións galegas a Marrocos superaron os 1.260 millóns, destacando sectores como o téxtil (695M€), a automoción (114M€), os produtos minerais (112M€), o metalmecánico (86,5M€) ou o agroalimentario (79,3M€).
Neste marco, Toca Carús salientou que a Xunta suma este ano, ás antenas de Marrocos, México, EEUU, e China, a apertura en Xapón e Emiratos Árabes. “Con estas oficinas, o Igape apoia ás empresas galegas nun mercado conxunto de máis de 2.000 millóns de potenciais consumidores”, afondou a directora do Igape, que lembrou que, entre os principais servizos que presta este rede de Antenas atópase o acompañamento e asesoramento inicial, o apoio á implantación en destino, a elaboración de axendas comerciais ou o apoio á expansión comercial en destino.
“Deste xeito, ofrécense servizos individualizados e gratuítos para as empresas, as asociacións empresariais e as institucións galegas, actuando como unha ponte que una á empresa co seu mercado de destino, permitindo a súa internacionalización de forma adecuada”, salientou Toca Carús.
Así mesmo, a directora do Igape afondou tamén noutros programas e actuacións en materia de internacionalización que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, entre os que destacou os bolseiros e xestores de internacionalización, as liñas Galicia Exporta Empresas, OOII e Galicia Exporta Dixital, ou o Plan Foexga en colaboración coas Cámaras de Comercio. “E este ano sumamos tamén unha nova liña de Préstamos directos para financiar a implantación das empresas galegas no exterior”, engadiu.
“Fomentar a cooperación público-privada permitiranos manter e reforzar a colaboración co tecido produtivo galego, cooperación necesaria para axudar ás empresas para superar os obstáculos que enfrontan ao exportar e expandirse a mercados internacionais”, concluíu Toca Carús.
Aberta a primeira convocatoria do recoñecemento Top 101 Spain Up Nation ao emprendemento con impacto en España
- Startups creadas no últimos cinco anos, cun alto compoñente innovador, potencial de crecemento e de xeración de emprego estable teñen ata o 15 de xullo para presentar a súa candidatura
Froito da colaboración entre a Asociación Española de Axencias de Desenvolvemento Rexional (Foro ADR) e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA), en representación da marca Spain up Nation, todas as ADR de España abren hoxe a convocatoria da primeira edición dos Recoñecementos Top 101 Spain Up Nation do emprendemento con impacto en España, tendo á Consellería de Universidade, Investigación e Innovación, da Junta de Andalucía, a través de Andalucía Emprende, como axencia anfitrioa nesta primeira edición.
O obxectivo deste recoñecemento é identificar, recoñecer e apoiar, desde o sector público, o emprendemento innovador e o crecemento empresarial de recente traxectoria do país.
Ata o 15 de xullo, empresas de calquera sector de actividade, que se crearon no últimos cinco anos e teñan un alto compoñente de innovación, así como potencial de crecemento, poderán presentar a súa candidatura de maneira telemática, a través da web destes premios Top 101 Spain Up Nation, onde tamén se atopan as bases da convocatoria.
Ademais de distinguir e de apoiar o emprendemento innovador, estes premios teñen como obxectivo fomentar, compartir e estender as claves da innovación para transformar proxectos e empresas en novos modelos de produción, distribución e consumo, máis competitivos, sostibles e exportables; visibilizar empresas con valor engadido, innovadoras, tecnolóxicas e creativas, con potencial para competir no mercado global; e identificar a empresas que, polo seu impacto social, económico e ambiental, achegan valor á sociedade contribuíndo ao logro dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Criterios de valoración
A valoración das candidaturas presentadas terá dúas fases: unha rexional e outra nacional, onde se seleccionará ás empresas en función dos seguintes criterios:
- Na fase rexional, terase en conta a capacidade e liderado do equipo emprendedor, o grao de innovación do modelo de negocio e o potencial de escalabilidade e capacidade de internacionalización. Así mesmo, avaliarase a viabilidade e a previsión económico-financeira da empresa e o seu impacto social, segundo a súa contribución aos ODS.
- Na fase nacional, ademais dos criterios anteriores, realizarase unha avaliación do modelo de impacto social, de negocio e ambiental integrado na empresa.
Proceso de selección
Para seleccionar ás empresas que poderán optar aos recoñecementos Top 101 Spain Up Nation, os Comités Rexionais que nomearán as Axencias de Desenvolvemento Rexional de cada comunidade ou cidade autónoma, o IGAPE no caso de Galicia, realizarán unha valoración inicial na que seleccionarán a oito empresas cada un. De aí sairán un total de 152 empresas seleccionadas, que pasarán á fase nacional.
Na fase nacional, as 152 empresas seleccionadas serán novamente avaliadas por un Comité Nacional. As catro empresas que obteñan maior puntuación de cada comunidade/cidade autónoma pasarán directamente ao recoñecemento TOP101 Spain Up Nation, é dicir, un máximo de 76 empresas.
As restantes, ata conformar o TOP101 Spain Up Nation, serán seleccionadas en función das mellores puntuacións obtidas na clasificación de impacto, con independencia do territorio no que se atopen cada unha delas.
Gala final
A Consejería de Universidad, Investigación e Innovación, a través de Andalucía Emprende, será a encargada de organizar a gala final da primeira edición destes recoñecementos, que se celebrará o próximo 4 de novembro na cidade de Córdoba. Nela coñeceranse as 19 empresas seleccionadas (unha por comunidade/cidade autónoma), que serán escollidas por un xurado experto e converteranse en embaixadoras da marca Spain Up Nation, unha das medidas prioritarias da Estratexia España Nación Emprendedora.
Ademais, as empresas Top101 que consigan chegar á final obterán como recoñecemento un Selo Top101 Spain Up Nation ás empresas máis innovadoras e con impacto no ecosistema emprendedor de España, unha axenda de networking e sesións B2B con investidores e investidoras, formación a medida para a empresa, adestramento pitch deck (adestramentos para sesións exprés). Xunto a iso, beneficiaranse da aprobación directa do grao de innovación da certificación de startups, mediante a acreditación do recoñecemento.
Pola súa banda, as 19 empresas que resulten embaixadoras territoriais Spain Up Nation gozarán, ademais, da participación en eventos de referencia promovidos por ENISA e de accións de comunicación específicas para incrementar a súa visibilidade.