Super User

  • Subliña que o plan director que a Xunta está elaborando para o sector é un plan a varios anos que pretende dirixir a estratexia público-privada na automoción en Galicia
  • Explica que o obxectivo da nova liña de axudas que se vai aprobar é facilitar que poidan reducir os custos e competir mellor nas adxudicacións

 

Redondela (Pontevedra), 16 de maio de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o traballo que está a facer a Xunta por impulsar a competitividade das empresas provedoras da industria da automoción en Galicia a través das axudas que van acompañar o plan director que se está a elaborar para este sector.

Nunha visita á planta de OP Mobility, especializada na fabricación de compoñentes e módulos exteriores de automóbiles, Lorenzana explicou que se trata dun plan a varios anos que pretende dirixir a estratexia público-privada na automoción en Galicia. Un sector, engadiu que “está nun momento de cambio e de dificultades derivado da competencia polos custos de produción”, dixo.

Segundo explicou, vai ir acompañado de distintos apoios económicos, entre eles, a nova liña de axudas dirixida ás empresas da industria auxiliar que se vai aprobar proximamente e que, segundo precisou, xunto coa factoría de Stellantis en Vigo, dan emprego a un total de 25.000 persoas. “O que pretendemos é facilitar a compra de investimentos, a eficiencia enerxética das empresas e así conseguir que poidan reducir os custos e  competir mellor nas adxudicacións”, explicou.

Sobre OP Mobility, unha das maiores provedoras de Stellantis en Galicia, destacou que conta con cinco plantas en España e dá emprego a máis de 5.700 persoas, arredor de 540 na factoría de Redondela.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nun almorzo-coloquio co director de conxuntura e economía internacional de FUNCAS no que pon en valor a “boa marcha” da economía galega, en particular no que se refire á internacionalización, que está a mellorar este ano os rexistros históricos acadados no 2023
  • Subliña a importancia de “manter o impulso das exportacións galegas” a través de actuacións como os programas de bolseiros e xestores de internacionalización, as liñas Galicia Exporta, as antenas do Igape ou o Plan Foexga
  • Destaca a necesidade de “atraer investimentos produtivos”, eido no que resalta a nova Oficina Económica de Galicia, que se configura como “punto de contacto de información e entrada para iniciativas empresarias e proxectos industrias”

 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024.- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá nun almorzo-coloquio co director de conxuntura e economía internacional de FUNCAS, Raymond Torres, que se celebrou coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e no que avogou por “manter e reforzar” a cooperación público-privada na procura de que o tecido empresarial galego sexa aínda máis competitivo.

Esta colaboración, unida ao esforzo de todos os axentes implicados, expuxo Toca Carús, está permitir a “boa marcha” da economía galega, tal e como amosan algún dos principais indicadores económicos.

Neste sentido, a directora do Igape subliñou que o PIB en Galicia medrou un 4,3% con respecto aos datos anteriores a pandemia, fronte ao crecemento do 2,9% do conxunto do Estado; que a Comunidade concluíu abril coa cifra máis baixa de parados desde que hai rexistros; ou que vén de bater, no último ano, o seu récord exportador superando, por primeira vez na historia, os 30.000 millóns de euros en vendas ao exterior.

Un escenario, salientou Toca Carús, que permite a Galicia partir dunha “boa situación” para afrontar os retos económicos que se presentan, entre os que citou a importancia de conseguir que o peso da industria no PIB alcance o 20%, ou estabilizar o binomio industria e enerxía, atendendo aos recursos naturais dos que se dispoñen.

Sobre esta base, a directora do Igape incidiu na aposta pola internacionalización, xa que a procura de novos mercados permite “consolidar o crecemento” dunha empresa e ofrece “novas oportunidades que redundan nunha maior riqueza e emprego”.

Así mesmo, explicou a directora, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, activou este exercicio novas convocatoria dos programas de bolseiros e xestores de internacionalización, das liñas Galicia Exporta, do Plan Foexga -en colaboración coas Cámaras de Comercio para impulsar novas misións comerciais-, ademais de abrir dúas novas antenas, en Emiratos Árabes e Xapón.

Neste contexto, Toca Carús sinalou tamén como “factor determinante” do crecemento económico a importancia de “atraer investimentos produtivos”, eido no que resaltou a nova Oficina Económica de Galicia, que se configura como “punto de contacto de información e entrada para iniciativas empresarias e proxectos industrias”.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou esta tarde as xornadas O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria
  • Subliña que industria e medio rural son perfectamente compatibles e, máis que nunca, complementarios, porque a industria que se basea en fontes renovables ten que asentarse alí onde está a materia prima
  • Salienta que a aposta da Xunta a través da Lei de recursos naturais e da sociedade RDG vai ser o de promover os beneficios asociados á implantación en Galicia de calquera proxecto industrial a través de fontes renovables

 

Sober (Lugo), 10 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe as posibilidades que ofrece o medio rural para o desenvolvemento dunha industria verde e sustentable, que aproveita de forma responsable os recursos naturais e contribúe a xerar emprego e fixar poboación.

Na clausura das xornadas O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria, Lorenzana subliñou que industria e medio rural son perfectamente compatibles e, máis que nunca, complementarios, porque a industria que se basea en fontes renovables ten que asentarse alí onde está a materia prima.

A conselleira de Economía e Industria salientou que esa vai ser a aposta da Xunta, a través da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia: facer un mellor aproveitamento dos recursos naturais buscando beneficios asociados á implantación na Comunidade de calquera proxecto industrial a través de fontes renovables. 

Segundo dixo, trátase de incentivar que, deses proxectos se deriven postos de traballo, se fomente a industria local, e un prezo eléctrico competitivo para as empresas e accesible para os fogares. E, para iso, o labor da sociedade Recursos de Galicia (RDG) vai se fundamental, engadiu.

Desta sociedade, ademais da Xunta (32%), forman parte unha trintena de empresas que sosteñen más de 21.000 empregos directos e achegan anualmente ao PIB autonómico máis de 10.500 M€ (14% do total). A súa función, segundo explicou, é apoiar proxectos centrados, fundamentalmente, na produción de enerxía renovable, a explotación de dereitos e concesións mineiras e aqueles que requiren a utilización de auga e outros recursos naturais.

Son proxectos, polo tanto, que van ter unha clara incidencia no medio rural. E, nese sentido, reiterou que, ao igual que se está a facer co de Altri en Palas de Rei, chegado o caso todos van ser sometidos a unha tramitación ambiental absolutamente garantista e só serán autorizados se cumpren con todos os parámetros medioambientais e legais que marca a normativa. 

Ao respecto, Lorenzana reiterou que a Xunta vai poñer todos os medios ao seu alcance para que Galicia non perda o tren da reindustrialización; entre eles, a Oficina Económica do Igape e o Plan de aceleración de proxectos industriais para garantir acompañamento personalizado ás empresas e a máxima axilidade administrativa nos trámites. Pero, concluíu remarcando que isto nunca vai supoñer reducir garantías medioambientais nin seguridade xurídica.

  • A liña, que abre hoxe o período de presentación de solicitudes, busca estimular proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ambientais, sociais e de gobernanza (ASG)
  • Un dos obxectivos é promover iniciativas de implantación de solucións avanzadas que acaden reducións e aforros de recursos e diminucións na xeración de refugallos
  • Tamén se apoiarán actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións

 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2024

A Xunta de Galicia vén de activar un novidoso programa que, dotado cun orzamento de 1 millón de euros, permitirá promover entre as pemes galegas modelos de negocio máis sostibles e responsables. O prazo de solicitudes iníciase hoxe e permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de setembro.

A liña, que se pon en marcha por primeira vez este ano, estimulará proxectos centrados no desenvolvemento e mellora dos chamados factores ASG: ambientais, sociais e de gobernanza. A finalidade é que as pemes galegas implanten solucións avanzadas coas que reducir e aforrar recursos e diminuír a xeración de refugallos, dun lado, e desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza, doutro. Para acadar estas metas, impulsaranse proxectos tanto individuais como colectivos, que comprenden polo menos tres pemes con centro de traballo en Galicia que abordan solucións de maneira conxunta.

As iniciativas agrúpanse en torno a catro tipoloxías: unha primeira que atende a aspectos globais que se deben ter en conta nas organizacións, e outras tres baseadas nos propios factores ASG. Así, no que respecta aos mencionados aspectos globais, colaborarase coas pemes galegas na auditoría e avaliación de riscos ASG e na consultaría e certificación de empresas B-CORP, que son aquelas que amosan o seu compromiso coa xeración dun impacto positivo nos eidos ASG.

Así mesmo, no apartado relativo aos factores ambientais, promoveranse iniciativas que permitan tanto a reutilización como a redución do consumo de recursos nos procesos produtivos, contribuíndo á mellora da eficiencia enerxética ou da pegada de carbono. No campo dos proxectos sociais, atenderase a aspectos como a diversidade e inclusión ou a ética laboral. E no relativo á gobernanza, fomentarase a ética empresarial e a transparencia financeira.

Para avanzar nestes eidos, apoiarase tanto a adquisición de activos materias e inmateriais -sensores, sistemas para a medición e control de parámetros produtivos e ambientais, hardware e software intelixente, nova maquinaria e bens de equipo-, como os servizos de consultaría externa de carácter tecnolóxico, de deseño de procesos ou produtos máis eficientes, e organizativos.

As axudas, en concorrencia non competitiva, cubrirán o 35 % dos custos de adquisición de activos materiais e inmateriais para pequenas empresas e o 25 % para as medianas, mentres que para os gastos de consultaría chegarán ata o 50 %, e os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 80 % da mesma.

Con esta nova liña o Goberno galego dá continuidade ao programa para a posta en marcha de proxectos de economía circular, que permitiu apoiar, nos últimos dous anos, 22 iniciativas que están a mobilizar preto de 1,4 millóns de euros na implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, acadando reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desfeitos.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou en Vigo na entrega dos Premios Emprende XXI, organizados por Caixabank e Enisa
  • Lembra que o Igape conta cun programa dotado con 1,5 millóns de euros para apoiar os emprendedores galegos no lanzamento e consolidación das súas startups
  • Tamén se vén de ampliar a rede de aceleradoras coa posta en marcha da nova Business Factory Climatech, que permite o impulso de proxectos empresariais no sector de solucións ambientais e economía circular

 

Vigo, 8 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto de entrega do Premio Emprende XXI en Galicia, organizado por Caixabank e Enisa, onde recoñeceu e felicitou a todas as empresas finalistas, así como á gañadora, que, tal e como subliñou, son exemplos do nivel excepcional de innovación e dedicación presentes no tecido empresarial galego.

Na súa intervención, a responsable de Economía e Industria resaltou o compromiso da Xunta co impulso do emprendemento e a innovación, creando un entorno favorable para o crecemento das startups en Galicia. Así, proporciónanse recursos, financiamento e oportunidades de crecemento. Neste eido, está aberta ata o 30 de setembro unha liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para subvencionar os gastos e investimentos nos que incorran os emprendedores no lanzamento e consolidación das súas startups.

Esta aposta tamén se reflicte na recente ampliación da rede de aceleradoras, coa incorporación de Climatech, a máis recente business factory, que permite o impulso de proxectos empresariais no sector de solucións ambientais e economía circular, respaldando así a sustentabilidade ambiental do tecido produtivo galego.

Esta nova iniciativa súmase a unha rede de aceleradoras xa consolidada, especializada en sectores clave, e da que forman parte as business factories BFAuto, BFAero, BFFood e BFMedicines. A estas súmanse outras iniciativas como ViaGalicia, Galicia Avanza ou Turislab, que contribúen ao fomento do emprendemento e da innovación en diversos ámbitos.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con representantes do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia
  • A asociación achegará as súas propostas ao futuro plan director da industria metalmecánica, que contará coas medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector e mellorar a súa competitividade

 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con representantes do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), con quen avaliou novas vías de colaboración para continuar reforzando este sector, así como as necesidades de desenvolvemento industrial ligadas ás renovables e as posibilidades de instalación en Galicia deste tipo de industria e dos componentes asociados. Neste contexto, a conselleira lembrou tamén que se está a elaborar o plan director da industria metalmecánica, un dos sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia xunto coa industria da automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC e a da loxística.

O plan director contará coas medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego e estimular a captación de investimento. Como primeiro fito, levouse a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Ademais, na elaboración do plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, polo que contará tamén coas achegas de Cluergal.

Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega. Antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, impartiu esta tarde unha clase maxistral na Escola Universitaria de Relacións Laborais da Universidade da Coruña
  • Subliña a importancia de apoiar a base industrial para incrementar as oportunidades laborais das persoas que agora están formándose e impulsar o talento galego

 

A Coruña, 6 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, achegou hoxe ao estudantado a política económica e industrial da Xunta como garante dun emprego de calidade para os vindeiros anos. Fíxoo durante unha charla con alumnos da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Universidade da Coruña, aos que trasladou a importancia de apoiar o desenvolvemento da base industrial para incrementar as oportunidades laborais das persoas que agora están formándose e impulsar o talento galego. 

Lorenzana apuntou que o sector industrial é un potente factor de innovación e de competitividade, e un ámbito crucial para as transicións ecolóxica e dixital, que contribuirá ao desenvolvemento de novas tecnoloxías, produtos, servizos, mercados e modelos de negocio, configurando, á súa vez, novos tipos de emprego que están por existir e que requirirán novas capacidades.

Dentro do proceso de transformación da industria galega, sinalou que a Xunta está a desenvolver unha estratexia de política industrial que busca, fundamentalmente impulsar novos sectores industriais estratéxicos; detectar e integrar novas cadeas de valor; promocionar a formación, a atracción de talento e o emprego de calidade; e mellorar a competitividade da industria galega a través da innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización.

A conselleira de Economía e Industria adiantou que a Xunta vai dar un verdadeiro impulso á Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que ten a finalidade de asegurar a xestión responsable dos recursos naturais de maneira que se protexa o medio ambiente, se cree riqueza e que a riqueza creada impacte no territorio.

A mesma filosofía, dixo, coa que naceu en novembro de 2023 a sociedade Recursos de Galicia (RDG), participada nun 30% pola Xunta, que persegue que o desenvolvemento enerxético sexa equit

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visita en Nigrán as instalacións de Marine Instruments, que potenciou a súa presenza nos Estados Unidos cunha misión comercial levada a cabo no marco da liña para grandes empresas do Foexga
  • Apunta que este programa, que vén de abrir unha nova convocatoria, permite aproveitar a “experiencia e o saber facer” destas compañías consolidando a aposta do tecido empresarial galego pola internacionalización
  • As axudas cobren o 30 % dos gastos subvencionables da participación das grandes empresas nas misións comerciais e feiras internacionais incluídas na programación de actividades internacionais do Plan Foexga

 

Nigrán (Pontevedra), 3 de maio de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións de Marine Instruments no polígono de Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra), onde puxo en valor a importancia do “efecto tractor” que grandes empresas galegas dos distintos sectores poden facer de cara a promover e impulsar a saída ao exterior de pemes e autónomos.

Neste sentido, Toca Carús destacou a recente apertura dunha nova convocatoria da liña para grandes empresas do Plan Foexga que ten por obxectivo, precisamente, aproveitar ese “efecto tractor para favorecer a imaxe da economía galega nos mercados exteriores”, fomentando e consolidando a presenza do tecido empresarial da Comunidade nos mercados internacionais, e acadando unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica, das exportacións galegas.

“Esta liña permítenos valernos da experiencia e o saber facer das compañías galegas, potenciando a súa presenza no exterior e aproveitando as sinerxías para que pemes e autónomos aposten tamén pola busca de novos mercados”, afondou Toca Carús.

A directora do Igape puxo como exemplo da produtividade do Plan Foexga á propia Marine Instruments, que a través desta liña asistiu o ano pasado a Feira Auvsi Xponential en Denver (Estados Unidos). “Estamos a falar do principal congreso mundial no sector da tecnoloxía e desenvolvemento de sistemas non tripulados e autónomos”, explicou, sinalando que a misión comercial permitiu á compañía manter tamén reunións con algunhas das principais empresas do sector de vehículos non tripulados, ampliando a súa rede comercial en beneficio do tecido produtivo galego.

Toca Carús lembrou que este programa, que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, aspira este ano a que arredor de 40 grandes empresas tomen parte nas accións de promoción, aproveitando o seu efecto tractor para favorecer a imaxe da economía galega nos mercados exteriores.

Para esta convocatoria prevense máis de 60 mercados prioritarios de acción comercial entre os que se sitúan China, India, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

Desde o ano 2019 o Goberno galego ten destinado máis de 1,5 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media de 40 grandes empresas. Unha liña á que se suma o tradicional Plan Foexga para pemes e autónomos, activado no 2014, e que suma ata o de agora outros 14 millóns cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.

“Con este tipo de actuacións potenciamos a colaboración co tecido empresarial galego para seguir a acadar rexistros históricos nas nosas exportacións”, resaltou a directora do Igape, que lembrou que Galicia vén de lograr o seu récord histórico en exportacións: máis de  30.000 millóns ao peche de 2023.

Unha tendencia que se consolida este ano. Galicia exportou en febreiro, último mes coñecido, por valor de 2.463,4 millóns de euros, un 13,4 % máis que no mesmo mes do ano anterior.

  • A conselleira de Economía e Industria visitou en Vigo as instalacións desta compañía, da que forman parte máis de 20 empresas que integran a pesca, a transformación e a comercialización de produtos do mar

 

Vigo, 2 de maio de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Vigo as instalacións do Grupo Pereira, que destacou como exemplo da aposta pola innovación e a dixitalización da cadea mar industria galega. Do mesmo xeito, sinalou o carácter exportador e a aposta pola responsabilidade social empresarial deste grupo familiar, fundado en 1955 e que integra máis de 20 empresas dedicadas á pesca, elaboración, comercialización e distribución de produtos do mar. 

Partindo do sector extractivo, Grupo Pereira, que conta coa colaboración do Igape e do Inega en diferentes proxectos, soubo completar o círculo e afondar na busca de valor engadido, entrando na transformación e comercialización dos produtos. Dispón de filiais en Senegal, Mauritania, Namibia, Sudáfrica e Malvinas. 

O complexo mar-industria de Galicia achega preto do 5% do PIB de Galicia e ten un papel fundamental na vertebración do territorio, xa que se estende por toda a costa e permite fixar poboación. A Comunidade, que alberga todas as fases do proceso, é a 11ª exportadora mundial de produtos de pesca, por diante de Xapón ou Islandia, e os seus produtos chegan a máis de 120 países. 

A recente aprobación do Perte da cadea mar-industria, demandado de maneira reiterada polo sector, pode supoñer unha oportunidade para a transformación industrial, dixital e medioambiental das empresas desta cadea industrial. 

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o Concello do Porriño, adherido desde febreiro á rede de Concellos Emprendedores
  • Destaca que a figura dos Concellos Emprendedores vai ser moi importante nesta lexislatura en que a Xunta vai redobrar a súa aposta pola industria
  • “Ese pacto pola industria e a enerxía que o presidente Rueda ofreceu a todos os partidos e administracións pódese facer realidade dando pasos coma este, onde todos teñamos claro que para continuar avanzando na industria e no emprego é necesario a colaboración entre administracións e a colaboración público-privada”, asegura

 

O Porriño (Pontevedra), 30 de abril de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe ao traballo coordinado entre a Administración autonómica e os Concellos Emprendedores para incentivar a actividade empresarial e a implantación de tecido industrial en Galicia.

Nunha visita ao Concello do Porriño que, desde febreiro este ano, conta con esta distinción, Lorenzana destacou que a figura dos Concellos Emprendedores vai ser moi importante nesta lexislatura en que a Xunta vai redobrar a súa aposta pola industria. Esta iniciativa, dixo, “encaixa perfectamente co pulo industrial que o presidente Rueda quere poñer como un dos acentos e das cuestións máis importantes a liderar nesta lexislatura”.

Segundo apuntou, a día de hoxe, en Galicia hai rexistrados 156 Concellos Emprendedores; 25 deles, na provincia de Pontevedra. Esta condición outorga a estes municipios preferencia á hora de optar a ordes de axuda da Xunta que teñan que ver coa industria, o comercio ou o impulso ao emprego, entre outras. Se se trata de convocatorias de subvencións en réxime de concorrencia competitiva dirixidas a empresas, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro asentadas nun Concello Emprendedor, preverase un criterio de valoración específico que, no baremo de puntuación, supoña entre o 5 % e o 10 % do total.

Por outra banda, con respecto aos compromisos que adquiren os Concellos Emprendedores son, entre outros: resolver as licenzas de obra no prazo máximo de 30 días naturais, unha vez que se dispoña de toda a documentación e informes; establecer bonificacións aos prezos das parcelas de titularidade municipal; ofrecer ás empresas a posibilidade de acudir ao dereito de superficie; dar tramitación urxente aos procedementos relacionados coas iniciativas empresariais prioritarias; e aprobar bonificacións fiscais de ata o 95 % en impostos municipais como son o IBI, o IAE e o ICIO.

En palabras de Lorenzana, pertencer a esta rede supón un compromiso por parte do Concello e da Xunta por impulsar a axilización administrativa. Nese sentido, salientou que a Administración autonómica está traballando a través da Oficina Económica do Igape en axilizar os trámites para calquera empresa. Tamén en fomentar a implantación de nova industria co plan de aceleración de proxectos industriais estratéxicos, que compromete un prazo de tramitación de menos dun ano. E, en terceiro lugar, en poñer solo industrial de maneira áxil para todas as empresas.

A conselleira concluíu convidando ao resto de concellos galegos que aínda non o fixeron, a sumarse á rede de Concellos Emprendedores. “Ese pacto pola industria e a enerxía que o presidente Rueda ofreceu a todos os partidos e administracións pódese facer realidade dando pasos coma este, onde todos teñamos claro que para continuar avanzando na industria e no emprego é necesario a colaboración entre administracións e a colaboración público-privada”, remarcou.