Super User
A Xunta destina 2,5 M€ á posta en marcha de dous centros dixitais que mellorarán a competividade das pemes galegas
- O Diario Oficial de Galicia publica a resolución dunha convocatoria que busca facilitar ás pequenas e medianas empresas o acceso a dotacións dixitais e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades
- A liña enmárcase no programa de Fondos de Transición Xusta, que buscan xerar un impacto económico e social positivo nestas zonas que, no caso de Galicia, están localizadas na provincia da Coruña
- Os proxectos permitirán a activación do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia que promoverá a xestión autónoma do tráfico de internet, e dun centro de produción remota para o audiovisual coa tecnoloxía máis avanzada
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución da primeira convocatoria de axudas do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña que impulsa a Consellería de Economía e Industria a través do Igape. Trátase do novo programa de Centros Dixitais que suma 2,5 M€ para o impulso de dúas iniciativas que contribuirán á mellora da dixitalización do tecido empresarial e a modernizar a industria galega a través de novos proxectos de creación deste tipo de infraestruturas.
O obxectivo é facilitar, tanto a nivel empresarial como local, a mellora da dixitalización dos procesos empresariais, a contorna das empresas e os consumidores, así como modernizar e desenvolver a base industrial. Non en vano, a dispoñibilidade local destas infraestruturas dixitais de apoio e reforzo á industria beneficia de xeito especial ás pemes, ao permitirlles acceder a dotacións dixitais e servizos avanzados a prezos competitivos e con prazos axustados ás súas necesidades.
Neste sentido, os dous proxectos apoiados permitirán, dun lado, a activación do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia, capaz de promover a xestión autónoma do tráfico de internet para mellorar a latencia de navegación, o que impulsará a transformación dixital entre as empresas galegas, especialmente no ámbito rural, sectores emerxentes e pemes; e, doutro, dun centro de produción que permite gobernar, de xeito remoto, producións audiovisuais empregando á tecnoloxía máis avanzada.
A través dos Centros Dixitais, o Goberno galego reforza a súa aposta por un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador, contribuíndo á modernización e desenvolvemento da base industrial da zona na que se instalen.
Neste sentido, cómpre salientar que estas actuacións están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa de Fondos de Transición Xusta, que buscan xerar un impacto económico e social positivo e contribuír á consolidación das pequenas e medianas empresas nos lugares definidos para estas zonas, que se enfrontan a retos socioeconómicos importantes derivados do proceso de transición cara á neutralidade climática logo do peche das centrais térmicas. No caso de Galicia, localízanse na provincia da Coruña.
Así mesmo, o programa dá continuidade a outro tipo de actuacións deste estilo, como os Centros de Fabricación Avanzada, que están a impulsar sete proxectos que suman máis de 18,6 M€ en apoios e que están a permitir promover iniciativas en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo, o agroalimentario ou a saúde e deporte.
A Xunta apunta á importancia do talento e da formación como recursos máis valiosos para garantir a competitividade do tecido empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, clausura o primeiro curso da Escola Galega de Conselleiros, do que destaca a súa aposta por ofrecer unha formación “continua e específica” para os dirixentes das empresas familiares galegas, que supoñen o 92% do tecido empresarial da Comunidade
- Pon en valor a importancia destas compañías pola súa contribución á hora de “mover a economía galega”, representando unha parte fundamental desta por volume, por calidade das actividades que desenvolven e por tradición
- Salienta o compromiso da Xunta coa formación para garantir a competitividade, materializado en programas como o Capacita Directivos, que suma xa máis de 18.000 asistentes, ou o Reacciona, que facilita o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos
Santiago, 30 de maio de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, clausurou hoxe o primeiro curso da Escola Galega de Conselleiros (ESGACO), un marco no que destacou a importancia do talento e da formación como “recursos máis valiosos” para garantir a competitividade do tecido empresarial galego.
Neste contexto, Toca Carús resaltou a importancia deste curso da ESGACO ao “ofrecer unha formación continua e específica para os dirixentes das empresas familiares galegas”, que supoñen, afondou, o 92% do tecido empresarial da Comunidade.
A directora do Igape puxo en valor a importancia destas compañías pola súa contribución á hora de “mover a economía galega”, representando unha parte fundamental desta por volume, por calidade das actividades que desenvolven e por tradición.
Sobre esta base, Toca Carús valorou o “ambicioso programa” desta iniciativa, que inclúe temas como as responsabilidades dos administradores, a incorporación de familiares aos consellos, a sucesión na empresa familiar ou a busca de ferramentas que doten de músculo financeiro. “O que se persegue é ofrecer unha formación continua e específica para os dirixentes das empresas familiares galegas, principal motor do noso tecido empresarial”, afondou.
A directora agradeceu este tipo de iniciativas ao tempo que avogou por colaborar coas institucións, neste caso co Club Financeiro de Santiago, “para proporcionar unha formación de calidade que non só transmita coñecementos, senón que tamén inspire a creatividade e o pensamento innovador”.
Unha aposta, proseguiu, que comparte o Goberno galego e que, a través do traballo da Consellería de Economía e Industria, se materializa en programas como o Capacita Directivos, que suma xa máis de 18.000 asistentes a 80 actividades formativas presenciais ou online, ou o Reacciona, que facilita o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos.
“As empresas familiares tedes a vantaxe de coñecer mellor que ninguén os problemas e necesidades do voso territorio e sector. Espero e confío en que esta Escola contribuirá a entender un pouco mellor a realidade e a anticipar algo o futuro máis próximo”, concluíu a directora do Igape.
Lorenzana pon en valor as políticas da Xunta para promover e consolidar as iniciativas empresariais emerxentes e innovadoras
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da startup Hack a Boss na Coruña
- Explica que o Goberno galego ten aberta unha liña de axudas por importe de 1,5M€ dirixida ás startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia
- Sobre Hack a Boss, a titular de Economía e Industria eloxia o talento do seu equipo de profesionais e os índices de benestar laboral da empresa
A Coruña, 30 de maio de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor as políticas da Xunta para promover e consolidar en Galicia a actividade emprendedora de carácter máis innovador.
Durante unha visita ás instalacións da startup Hack a Boss na Coruña, Lorenzana explicou que o obxectivo do Goberno galego é o de poñer as máximas facilidades posibles para a creación e o mantemento de iniciativas empresariais emerxentes, innovadoras ou de base tecnolóxica, como son as startups.
Neste marco, a conselleira explicou que a Xunta activou por primeira vez este ano unha liña de axudas cun orzamento de 1,5 millóns de euros que estará aberta ata o vindeiro 30 de setembro e que vai dirixida ás startups galegas ou cun centro de traballo en Galicia.
Estas axudas cobren os gastos e investimentos propios do proceso de lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos, e os custos habituais necesarios en todas as etapas e que, moitas veces, supoñen un grande obstáculo para as persoas emprendedoras. As contías oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros e cobren o 100% e ata o momento concedéronse 41 por importe de máis de 741.000 euros.
Sobre Hack a Boss, a titular de Economía e Industria eloxiou o talento do seu equipo de profesionais e os índices de benestar laboral da empresa, na que un 63 por cento dos seus postos directivos están ocupados por mulleres, que son tamén máis da metade do cadro de persoal, que conforman 80 persoas. “A aposta polas políticas de benestar, en xeral, demostra que se retén o talento e dá bo resultado desde o punto de vista económico”, dixo.
Lorenzana puxo esta startup como exemplo do potencial de crecemento do sector TIC en Galicia, que representa o 2,7% do PIB autonómico, xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e roza xa os 23.000 empregos directos en Galicia.
Lorenzana subliña a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento económico e industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou un convenio de colaboración co concello de Ferrol e coa Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer)
- O convenio busca que Cofer, e tamén o Concello de Ferrol, sexan o enlace da Xunta á hora de identificar posibles proxectos que impulsar desde a Oficina Económica do Igape
- Enxalza o valor da colaboración público-privada e subliña o compromiso do Goberno galego coa reindustrialización destas comarcas da man do tecido empresarial
- Alcalde e conselleira abordaron nun encontro posterior á sinatura do convenio a posibilidade de converter Ferrol nun polo industrial vinculado ás novas tecnoloxías no ámbito das enerxías mariñas
Ferrol, 25 de maio de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta de Galicia polo desenvolvemento económico e industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así o trasladou hoxe tras a sinatura dun convenio de colaboración co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e co presidente da Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer), Cristobal Dobarro.
Segundo explicou, o que se busca é que Cofer, e tamén o Concello de Ferrol, sexan o enlace da Xunta á hora de identificar posibles proxectos que trasladar á Oficina Económica do Igape. É dicir, co apoio do Concello, a Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal pasa a ser unha entidade colaboradora da Oficina Económica para vehiculizar iniciativas empresariais susceptibles de implantarse en toda esta área. Neste senso, Lorenzana lembrou que a nova Oficina Económica de Galicia nace co obxectivo de desburocratizar as relacións coa Administración e en posibilitar unha tramitación áxil ao tecido empresarial.
Neste marco, a conselleira enxalzou o valor da colaboración público-privada cando se trata de impulsar o crecemento e a competitividade da economía e da industria galegas e, en concreto, subliñou o compromiso do Goberno galego coa reindustrialización destas comarcas.
O convenio asinado hoxe ten entre os seus obxectivos, mellorar a produtividade, a competitividade e a internacionalización das pemes locais; identificar as iniciativas empresariais que favorezan a promoción industrial, así como aquelas que poidan ser derivadas á Oficina Económica de Galicia e contribuír á súa posta en marcha. Tamén a realización de estudos relacionados co contexto económico e social das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e cos fondos europeos.
Tal e como explicou Lorenzana, trátase de que todas as Administracións vaian da man e traballen en colaboración co tecido empresarial para a reactivación económica destas comarcas nun contexto no que se están a abrir moitas oportunidades en material industrial da man da industria de compoñentes de enerxías renovables e o traballo conxunto coa Autoridade Portuaria.
Principais actuacións
Algunhas das actuacións recollidas neste convenio son as accións para a difusión e sensibilización sobre todo tipo de axudas e apoios para incentivar o desenvolvemento do tecido empresarial e industrial desta zona; a realización de xornadas e actividades sobre o novo marco de fondos europeos de apoio á recuperación para impulsar proxectos no territorio; ou as actuacións de promoción da actividade económica en Ferrol, Eume e Ortegal.
Ademais, tamén se elaborarán estudos relativos á estrutura empresarial por sectores, á dimensión das empresas asentadas nestas comarcas, as necesidades de relevo xeracional, a identificación de novos proxectos empresariais, eliminación de barreiras á competitividade económica, as posibilidades de negocio da industria eólica mariña ou o seguimento e propostas de actuación de impacto do Pacto de Estado por Ferrol.
Encontro co alcalde
Logo da sinatura deste convenio, Lorenzana mantivo un encontro co alcalde, José Manuel Rey Varela, con quen abordou a posibilidade de que Ferrol se especialice como un polo industrial vinculado ás novas tecnoloxías no ámbito das enerxías mariñas. Nesta liña, a titular de Economía e Industria subliñou a apostado Goberno da Xunta co desenvolvemento deste sector pero garantindo sempre a súa compatibilidade cos recursos pesqueiros, o medio mariño e o medio ambiente.
Lorenzana reúnese co alcalde de Lalín para abordar as necesidades de solo industrial do concello
Santiago, 24 de maio de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Lalín, Xosé Crespo, con quen abordou as necesidades de solo industrial e desenvolvemento urbanístico do concello.
Este encontro enmárcase na rolda de contactos que Lorenzana está a manter cos distintos rexedores locais toda vez que a Consellería acaba de asumir as competencias en materia de solo industrial, a través da Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial.
Na reunión tamén se avaliaron as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento.
Ademais dos servizos de atención personalizada ás empresas que ofrece a Oficina Económica de Galicia, Lorenzana tamén expuxo ante Crespo o programa de axudas da Xunta para polígonos industriais. Trátase dunha primeira liña para a mellora de infraestruturas, dotada de 3,5 M€; outra, en proceso de resolución, para a creación de viveiros industriais, con 1,5M€ de orzamento; e, en terceiro lugar, para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, que conta cun crédito de 4,7 M€.
A conselleira puxo en valor as funcións da nova Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, que inclúe na planificación industrial e enerxética a capacidade, tamén, para xestionar o solo empresarial que existe en Galicia e desenvolvelo onde sexa necesario.
Lorenzana apela a seguir traballando conxuntamente na mellora competitiva, a transformación tecnolóxica e a diversificación do sector naval en Galicia
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou nun encontro empresarial organizado pola Fundación e Centro Tecnolóxico Soermar, en Navalia
- Salienta que este sector, xunto co da automoción, van ser os dous que van contar cun plan director dentro dos primeiros cen días de Goberno
- “E moi importante que este ano teñamos un plan director do naval funcionando; é fundamental atopar esas vías de financiamento para toda a innovación que precisan os estaleiros de Galicia”, remarca
Vigo, 23 de maio de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ofreceu hoxe todo o apoio da Xunta para traballar conxuntamente fronte a tres retos fundamentais para o sector naval en Galicia, como son a mellora competitiva, a transformación tecnolóxica e a diversificación de mercados.
Así o trasladou hoxe durante a súa intervención nun encontro empresarial organizado en Navalia pola Fundación e Centro Tecnolóxico Soermar, onde salientou que o Goberno galego ten unha meta nesta lexislatura que é aumentar o peso da industria no PIB, para o cal o naval vai ter “moitísimo que achegar”, dixo.
Con este obxectivo, Lorenzana explicou que este sector, xunto co da automoción, van ser os dous que van contar cun plan director dentro dos primeiros cen días de Goberno. “E moi importante que este ano teñamos un plan director do naval funcionando; é fundamental atopar esas vías de financiamento para toda a innovación que precisan os estaleiros de Galicia e para que continuedes estando no primeiro nivel do mundo”, subliñou.
A conselleira puxo de manifesto a resistencia do sector naval en Galicia que “conseguiu sobrevivir a múltiples variacións do mercado, conseguiu diversificarse, seguir reinventándose, innovando e, actualmente, emprega entre empregos directos e indirectos máis de 20.000 persoas en Galicia, e isto ten que seguir crecendo”, apostilou.
Para concluír, a Lorenzana puxo de relevo as cifras récord acadadas nesta novena edición de Navalia, con 522 expositores, un 22 por cento máis que en 2022, e 75 países presentes.
Rueda destaca o papel das empresas familiares á hora de dinamizar a economía galega e facer medrar a comunidade
- O presidente da Xunta asiste á clausura da XXIV Asemblea xeral da Asociación Galega de Empresa Familiar
- Resalta a súa importancia “por volume, por calidade das actividades desenvolvidas e por tradición”
- Representan ao 92% do tecido empresarial asentado en Galicia e son responsables do 86% do emprego privado na comunidade
- Asegura que é obriga das administracións “coidar” deste tecido produtivo porque “se eles medran, medra Galicia”
- A Xunta facilita a implantación de novos investimentos reducindo a burocracia e poñendo a disposición dos empresarios solo industrial a prezos bonificados
- Galicia é a comunidade cun tratamento fiscal máis vantaxoso para a transmisión interxeracional de empresas
- O presidente demanda aos empresarios apoio a proxectos tractores e un “fronte común” na defensa das melloras de infraestruturas coma o Corredor Atlántico
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a contribución das empresas familiares á hora de “mover a economía galega” e facer avanzar a comunidade. “Sodes unha parte fundamental da economía por volume, por calidade das actividades que desenvolvedes, por tradición e pola estruturación de Galicia”, indicou durante a clausura da XXIV Asemblea xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar que se celebrou en Santiago.
Este tipo de compañías -unhas 80.000 en toda a comunidade- representan ao 92% do tecido empresarial asentado en Galicia e o 86% do emprego privado (447.000 persoas). “Seguide sendo grandes e medrando porque se medrades, medra Galicia”, indicou para asegurar que o obxectivo da administración é “apoiar e coidar” sempre este tipo de iniciativas empresariais.
Durante o acto, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o presidente lembrou que a Xunta leva anos traballando para atraer novos investimentos industriais á Comunidade e garantir que as empresas galegas aposten por medrar na súa terra. Entre elas está a redución ao máximo a burocracia para poñer en marcha un proxecto -coa nova Oficina Económica de Galicia; a posta a disposición dos empresarios de solo industrial a prezos bonificados -ademais do compromiso para os cen días de Goberno de habilitar solo industrial a coste cero durante os oito primeiros anos de actividade- ou que Galicia sexa a comunidade co tratamento fiscal máis vantaxoso, cunha redución do 99% de base impoñible para a transmisión interxeracional de empresas.
Nesta liña, Rueda salientou que a Xunta “é a primeira administración en asumir de oficio a responsabilidade patrimonial polos retrasos na tramitación” correspondente para desenvolver proxectos industriais.
Por último, o presidente pediu ao tecido empresarial o apoio e defensa da chegada de proxectos tractores “que van traer moita máis riqueza” a Galicia así como facer “un fronte común” á hora de reclamar melloras en infraestruturas claves para o tecido produtivo coma o Corredor Atlántico.
A Xunta salienta a importancia do talento como “gran activo” do tecido empresarial e como “motor que move a economía do futuro”
- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a xornada ‘20 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia’, onde destaca o papel das “persoas, clave e fundamento de todo”, para consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global a través de “liñas estratéxica que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”
- O encontro celébrase no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña
- Destaca que a Xunta promove, a través de distintos programas e actuacións, a innovación e a transformación dixital das pemes galegas e a procura de novos mercados, ao tempo que achega financiamento no actual contexto económico
- Pon en valor a aposta pola nova Oficina Económica de Galicia como canle única de entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento
Vigo, 22 de maio de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá en Vigo na xornada ‘20 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia’, onde destacou a importancia do talento como “gran activo” das empresas galegas e como “motor que move a economía do coñecemento, a economía verde e dixital, a economía do futuro”.
“As persoas son a clave e o fundamento de todo. A medida que a automatización, as novas tecnoloxías, a intelixencia artificial, continúan transformando a economía, o talento humano vólvese aínda máis esencial para desenvolver, implementar e xestionar estas tecnoloxías de maneira ética e efectiva”, afondou Toca Carús nunha xornada que se celebrou no marco do programa Capacita Directivos.
Esta iniciativa, lembrou a directora do Igape, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, permitiu ata o de agora realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes, en presencial e en liña.
Desta volta, os participantes afondaron, entre outras, nas industrias da moda, da biotecnoloxía, nas TIC, no sector alimentario, nas enerxías renovables, na industria aeronáutica e aeroespacial, na loxística, no turismo, na industria do envellecemento activo, ou na mobilidade avanzada e sostible.
“O talento, as persoas, en definitiva, son a clave para poder reflexionar sobre o presente mirando cara ao futuro, con dous obxectivos: axudar a consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global, e afondar en liñas estratéxicas que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”, afondou a directora do Igape.
Neste marco, lembrou que os distintos programas e actuacións que o goberno galego impulsa cada ano teñen como eixos de actuación a innovación e a transformación dixital das pemes galegas e a procura de novos mercados, ao tempo que achegan financiamento no actual contexto económico.
Sobre esta base, Toca Carús puxo en valor a importancia da nova Oficina Económica de Galicia como canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.
“A Oficina é unha nova variante dentro desa batería de medidas de apoio ás empresas, xa sexan startups ou pemes, que buscades dar un salto en innovación tecnolóxica: automatizando e axilizando os procesos internos; e mellorando a competitividade empresarial no cambiante escenario actual”, concluíu.
A Xunta e o Clúster Saúde de Galicia proseguen no labor de impulsar a transferencia entre as empresas do sector
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza con representantes do Clúster Saúde de Galicia
- Ambas entidades asinaron un convenio de colaboración a principios deste ano para impulsar a cadea de valor do sector biotecnolóxico sanitario
Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro coa directiva do Clúster Saúde de Galicia con quen abordou, entre outro asuntos, o labor conxunto que a Xunta vén realizando con esta entidade para impulsar a transferencia de coñecemento entre as empresas do sector.
Xunta e Clúster Saúde de Galicia asinaron un convenio a principios deste ano que contempla a realización de diversas actuacións para potenciar a innovación e a transferencia de coñecemento entre as empresas do ámbito biotecnolóxico sanitario e demais entidades vinculadas, como universidades, centros tecnolóxicos, startups, etc. O obxectivo é ampliar os servizos que o clúster presta ao conxunto do ecosistema biotech en Galicia en materia de innovación, para mellorar o posicionamento internacional da Comunidade como biorrexión.
O texto prevé, entre outros, a prestación de servizos innovadores para financiar actuacións de demostración, especialmente entre pemes e investigadores, e a validación de produtos nos living labs de Galicia. En definitiva, reforzar o papel do Clúster Saúde de Galicia na dinamización e seguimento do subsector biotecnolóxico aplicado á saúde, para o cal o convenio contempla a realización de diversas campañas de comunicación e difusión das capacidades do ecosistema, así como das oportunidades de transferencia e colaboración entre os seus axentes.
O martes, 4 de xuño, celebramos a a xornada presencial “Marrocos, economía e oportunidades de negocio en África”
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024.- O martes, 4 de xuño ás 9:30 horas, celebramos a xornada presencial Marrocos, economía e oportunidades de negocio en África.
O evento, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, vailles permitir ás empresas galegas coñecer a evolución e as perspectivas de crecemento do continente veciño.
Ademais, as compañías que o desexen van ter a oportunidade de programar unha reunión individual coa Antena da Xunta en Marrocos para presentarlle os seus produtos e servizos. Estas reunións serán os días 4 e 5 de xuño.
As empresas interesadas nestes encontros deben indicalo no formulario que aparece deseguido: