Super User
Lorenzana cualifica Syngenta como unha empresa motor e referente da biotecnoloxía galega
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da compañía no Porriño
- Sinala que en Galicia dá emprego a un total de 120 persoas, un 50 por cento mulleres
- Destaca que o seu traballo está aliñado coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía Galega 2021-2025
O Porriño (Pontevedra), 13 de marzo de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o labor que, durante décadas, leva desenvolvendo en Galicia a compañía Syngenta, unha empresa “motor e referente da biotecnoloxía galega”, dixo.
Nunha visita ás súas instalacións no Porriño, onde leva implantada máis de 80 anos, Lorenzana puxo en valor o alto nivel de internacionalización da compañía. Con sede en Suíza e presenza en máis de 100 países, indicou que en Galicia dá emprego a un total de 120 persoas, dun plantel que rolda os 53.000 empregados. Ademais, puxo en valor a súa sustentabilidade, posto que emprega practicamente un 50 por cento de mulleres cun alto índice de seguridade e saúde laboral, apuntou.
Syngenta é líder mundial en investigación e desenvolvemento de solucións de sanidade vexetal, para transformar a forma en que se sementan, se protexen e se melloran os cultivos. Ao respecto, Lorenzana destacou que o seu traballo está aliñado coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía Galega 2021-2025. Unha planificación, engadiu, que contempla unha mobilización público-privada de 660 M€ neste período e que ten como principal obxectivo incrementar o número de empresas, facturación e empregos do sector traballando de forma colaborativa co ecosistema galego de I+D+i.
Tamén mencionou os investimentos que a Xunta, a través do Igape e Xesgalicia está destinando en materia de innovación, sendo Galicia a comunidade autónoma que rexistra a segunda taxa máis alta de bioemprendemento. “Temos máis de 10 M€ en fondos para investir neste tipo de empresas e axudas a fondo perdido con tickets de 20.000 euros para as empresas, nun orzamento total de 1,5 M€ para startups neste ano 2024”, concluíu.
A Xunta avoga pola cooperación para impulsar a dobre transformación dixital e sustentable do tecido empresarial galego
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na xornada de clausura dos ‘Obradoiros de Dixitalización: Aforro enerxético e dixitalización’, onde pon en valor estes talleres que permiten “promover a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos que aposten pola dixitalización, a sustentabilidade e a loxísitica avanzada”
- Salienta que o Goberno galego leva promovidos ata o de agora 125 obradoiros con máis de 1.250 asistentes, con axudas por máis de 2,1 millóns de euros
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2024.- A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na xornada de clausura dos ‘Obradoiros de Dixitalización: Aforro enerxético e dixitalización’, organizada por Cluergal, onde puxo en valor a importancia da cooperación para afrontar a “dobre transformación dixital e sustentable” na procura de mellorar a competitividade empresarial.
“A nova industria susténtase sobre unha innovación colaborativa, na que os medios de produción están conectados, as cadeas de valor están integradas e as canles de distribución e a relación co cliente establécense de forma dixital”, afondou Toca.
Neste marco, a directora do Igape destacou o papel dos Obradoiros de dixitalización, que nas súas últimas edicións téñense convertido en talleres multidisciplinares que permiten “promover a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos que aposten pola dixitalización, a sustentabilidade e a loxísitica avanzada”.
O Goberno galego impulsou ata o de agora 125 obradoiros con máis de 1.250 asistentes, e cun importe total de axuda de máis de 2,1 millóns de euros. “Este programa supón unha aposta decidida por esa dixitalización do tecido produtivo”, incidiu a directora, quen apuntou que o obxectivo é que os talleres funcionen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas.
Así mesmo, Toca Carús afondou tamén na importancia da cooperación público-privada, especialmente a través dos clústeres galegos, “imprescindibles na mobilización de recursos” e no impulso de diferentes proxectos.
“Por parte da Xunta de Galicia sempre nos ides atopar na tarefa de acompañar ás nosas empresas e de promocionar a colaboración público-privada, porque é o noso papel e cremos nos beneficios dese traballo en equipo”, proseguiu a directora do Igape, facendo especial fincapé na posta en marcha da nova Oficina Económica de Galicia como canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.
Neste escenario, Toca Carús avanzou tamén dúas novas convocatorias de axudas das que se poderán beneficiar “algunha das propostas que xurdiran destes obradoiros”: unha nova liña de axudas para a posta en marcha nas pemes de proxectos de mellora de factores ASG -Ambientais, Sociais e de Gobernanza-; e unha nova convocatoria dos apoios á transformación dixital das pemes que, por primeira vez, fai especial énfase na dixitalización dos procesos loxísticos.
“Confiamos en que xuntos lograremos abrir novas oportunidades para o crecemento e a mellora da competitividade do noso tecido produtivo e para seguir apostando por unha transformación dixital e sostible, que garanta a competitividade, a presenza internacional e a creación de emprego”, concluíu.
Lorenzana avanza que a Xunta prepara un plan estratéxico para o sector da automoción que se presentará nos cen primeiros días da lexislatura
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na inauguración da XXXIII edición do Salón do Automóbil e Motocicleta Vigo 2024
- Lembra que a automoción abrangue o 15 por cento do emprego industrial na Comunidade e representa máis do 16 por cento do PIB
- Avoga polo traballo conxunto de todas as administracións para que motores industriais como é o caso de Stellantis teñan os fondos europeos precisos para continuar avanzando co seu crecemento
Vigo, 6 de marzo de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia está elaborando un plan estratéxico para o sector da automoción que se presentará nos primeiros cen días da lexislatura.
Lorenzana participou hoxe na inauguración da XXXIII edición do Salón do Automóbil e Motocicleta Vigo 2024, que considerou un “éxito absoluto” e de gran importancia para toda a cadea do sector en Galicia. Un sector, lembrou, que abrangue o 15 por cento do emprego industrial na Comunidade e representa máis do 16 por cento do PIB.
Na súa intervención, a conselleira avogou polo traballo conxunto de todas as administracións para facer fronte aos retos que ten por diante esta industria, que pasan, dixo, pola electrificación e a descarbonización pero, tamén, “por que esa outra pata da cadea de valor que é a distribución e a comercialización funcione con normalidade”, abondou.
“Temos que traballar xuntos para apoiar esa transformación progresiva, esa transición cara á electrificación e o automóbil de baixas emisións. Polo tanto, o noso papel ten que ser, por unha banda, traballar para que motores industriais como pode ser Stellantis teñan os fondos europeos precisos para continuar avanzando co seu crecemento e no seu asentamento na comunidade autónoma; e para que a industria auxiliar aquí na provincia de Pontevedra e en Galicia continúe desenvolvéndose”.
Ao respecto, puxo de manifesto as medidas de apoio ao sector adoptadas pola Xunta, tanto no ámbito industrial como comercial. Apuntou, así, que acaba de ser declarado sector estratéxico, o que permitirá potenciar o seu desenvolvemento e competitividade a través dun plan director propio. E tamén citou as axudas para a compra de vehículos de baixas emisións, para apoiar economicamente ás familias e darlle seguridade xurídica á hora de mercar un automóbil novo.
A Xunta reforza a aposta pola internacionalización cunha nova antena do Igape en Emiratos Árabes
- Permitirá identificar oportunidades de negocio, atender a demanda de información e ofrecer servizos de apoio nun mercado en auxe que inclúe outros países do golfo Pérsico como Arabia Saudita, Irán, Kuwait, Omán ou Qatar e que suma 147 millóns de habitantes
- O obxectivo é potenciar as relacións comerciais e incrementar as exportacións das empresas galegas cara a rexión, que nos últimos catro anos xa medraron un 40 %
- Só no ano 2023, este mercado xeográfico supuxo un volume de exportacións de 265 millóns para máis dun centenar de empresas galegas que venderon a algún destes países
Lorenzana reitera o compromiso da Xunta por seguir traballando coordinadamente co tecido empresarial
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na entrega do XVII Premio Victoriano Reinoso, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama)
- Asegura que o Goberno galego vai seguir ofrecendo estabilidade e apoio ás empresas galegas
- Avanza que unha das principais liñas da política económica seguirá sendo a colaboración público-privada
- Do premiado, o empresario Francisco Vale, conselleiro delegado de Unilusión, destaca a súa traxectoria e compromiso social co emprego inclusivo
Madrid, 29 de febreiro de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reiterou hoxe o compromiso da Xunta por seguir traballando a vindeira lexislatura de xeito coordinado co tecido empresarial galego para situar Galicia á vangarda económica de España.
Así o manifestou durante a súa intervención no acto de entrega do XVII Premio Victoriano Reinoso, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), que lle foi concedido ao empresario Francisco Vale, conselleiro delegado de Unilusión, de quen Lorenzana destacou a súa traxectoria e compromiso social co emprego inclusivo.
A conselleira asegurou que o Goberno vai seguir ofrecendo estabilidade e apoio ás empresas galegas, e que unha das principais liñas da política económica seguirá sendo a colaboración público-privada.
Será a folla de ruta do Goberno galego os vindeiros catro anos, dixo, porque o obxectivo é xerar certezas e estar ao lado de quen emprende e crea riqueza.
Referiuse, así, ao papel que vai desempeñar a Oficina Económica de Galicia, como órgano de asesoramento técnico e personalizado para as empresas con proxectos de investimento. E, tamén, incidiu no proceso de desburocratización que está levando adiante a Administración autonómica para reducir os prazos administrativos, ou na mellora das condicións de acceso a solo empresarial.
Lorenzana puxo en valor o traballo que está a facer o tecido empresarial galego e a súa capacidade de adaptación ás exixencias do contexto actual. E concluíu comprometendo o apoio da Xunta para xerarlle oportunidades para o investimento, o crecemento e a internacionalización.
Aberto o prazo de inscrición para a 8ª edición de Business Factory Auto (BFAuto)
- Unha oportunidade única para proxectos innovadores no sector da automoción e a mobilidade
Santiago de Compostela. 29 de febreiro de 2024
A oitava edición de Business Factory Auto (BFAuto) abre as súas portas a emprendedores e empresas con proxectos innovadores. Este programa, recoñecido polo seu compromiso coa transformación dixital e a mobilidade sostible, convida a participar a aqueles que buscan deixar unha pegada na industria automotriz.
Cun enfoque na Industria 4.0, o BFAuto preséntase como unha plataforma para o desenvolvemento de proxectos que abarcan desde a intelixencia artificial e a ciberseguridade ata a robótica e os novos materiais. A iniciativa non só busca proxectos en etapas iniciais senón tamén aqueles en fase de consolidación, ofrecendo un camiño para cada grao de madurez empresarial.
Coa apertura de inscricións, o BFAuto posiciónase unha vez máis no foco da innovación, ofrecendo a emprendedores e empresas a oportunidade de contribuír ao futuro da mobilidade. A oitava edición promete ser un punto de inflexión para a industria, marcando o camiño cara a unha nova era de solucións automotrices innovadoras e sostibles.
Recibiranse candidaturas ata o vindeiro día 30 de abril.
Para máis información sobre o proceso de inscrición e os requisitos do programa, pódense consultar aquí as bases do programa.
As inscricións realízanse a través da seguinte ligazón: https://bfauto.eu/BFA/login.asp
Lorenzana aposta por seguir impulsando a modernización e a diversificación no sector naval
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes de Aclunaga para avaliar conxuntamente os retos e necesidades desta industria
- Sinala que o papel do clúster vai ser indispensable na redacción do Plan director do sector naval que vai elaborar a Xunta de Galicia
- Reclama ao Goberno central que saque unha nova convocatoria do Perte para este sector
A Xunta avoga pola cooperación público-privada para aproveitar ao máximo as oportunidades do ecosistema innovador galego
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde subliñou a importancia de acompañar aos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, aposta polo talento e fomento da cultura da internacionalización
- Resalta a posta en marcha este ano da primeira liña específica de apoio ás startups galegas así como outras opcións de apoio habilitadas a través de Xesgalicia
- Pon en valor os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que é exemplo a Cidade das TIC
- Destaca a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento
A Coruña, 27 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración do evento Node Experience, na Cidade das TIC, onde avogou por potenciar a cooperación público-privada na procura de seguir a aproveitar ao máximo todas as oportunidades que ofrece o ecosistema innovador galego.
“Debemos acompañar aos nosos emprendedores e empresarios nun itinerario que inclúe acceso ao financiamento, asesoramento, apostar polo talento e fomentar a cultura da internacionalización”, afondou Toca, quen neste último campo lembrou que as exportacións galegas están acadando “datos históricos e configurando o mellor ciclo exportador da nosa terra”.
Nesta tarefa conxunta, proseguiu a directora, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, habilita un ano máis distintas ferramentas e programas de apoio entre os que destacou a “continua aposta” polas startups. Un compromiso que este exercicio inclúe a primeira liña específica de apoio ás startups galegas.
A directora detallou que a nova liña cobre o 100% dos gastos, entre 10.000 e 20.000 euros, nos que incorran os emprendedores innovadores no lanzamento e consolidación temperá dos seus proxectos.
E todo isto, afondou a directora do Igape, sen esquecer “as últimas apostas que temos en marcha desde a Xunta” como son os centros dixitais e os centros de fabricación avanzada, que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores e do que temos “un exemplo inmellorable nesta Cidade das TIC que hoxe nos acolle”.
“Por parte da Xunta de Galicia sempre nos van a atopar na tarefa de acompañar ás nosas empresas e de promocionar a colaboración público-privada, porque é o noso papel e cremos nos beneficios dese traballo en equipo”, sinalou Toca, quen, neste escenario, puxo en valor a posta en marcha este ano da nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.
Unha oficina que se complementa con apoios como a nova liña de incentivos para á atracción e de empresas, que suma 30 millóns en tres anos, os préstamos directos do Igape, con outros 30 millóns para achegar financiamento, ou unha ampla batería de liñas e axudas para promover a internacionalización.
“As nosas empresas, teñen a importante responsabilidade de dar resposta ás necesidades e demandas do noso tecido produtivo e da cidadanía. E entre todos, desde a colaboración público-privada, temos a obriga de proporcionarlles o apoio e os recursos necesarios para que os seus proxectos teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu a directora do Igape.
A Xunta salienta a importancia da colaboración coas entidades de crédito para achegar financiamento a pemes e autónomos nas condicións máis vantaxosas
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa, na inauguración da nova oficina de Afigal en Carballo, “exemplo de proximidade, de saber estar sobre o terreo, atendendo as necesidades dunha parte fundamental do noso tecido produtivo”
- Destaca que a cooperación con esta Sociedade de Garantía Recíproca ten permitido, nos últimos 5 anos, canalizar máis de 125 M€ en préstamos que chegaron a 2.100 empresas, o 17% delas da Costa da Morte
- Resalta o esforzo da Xunta por facilitar o acceso ao crédito, con máis de 111 millóns este ano que inclúen unha nova convocatoria dos préstamos directos
Carballo (A Coruña), 23 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da nova sede de Afigal SGR, en Carballo, onde salientou a importancia da colaboración coas entidades de crédito de cara a achegar financiamento a pemes e autónomos nas condicións máis vantaxosas.
“Esta nova oficina na Costa da Morte, en Carballo, é un exemplo más de proximidade, de saber estar sobre o terreo, atendendo as necesidades desa parte fundamental do noso tecido produtivo”, aseverou Toca Carús, quen subliñou que a posibilidade de acceder a financiamento permite “mellorar as condicións e as oportunidades de futuro” do tecido empresarial e “reforzar o seu bo facer e a súa responsabilidade”.
Neste contexto, a directora do Igape puxo en valor a importancia da cooperación con Afigal, instrumentada a través dun convenio anual que, nos últimos 5 anos, ten permitido canalizar máis de 125 millóns de euros en préstamos que chegaron a 2.100 empresas, o 17% delas da Costa da Morte.
Só este ano, afondou Toca Carús, xa están en curso 142 operacións con Afigal, que buscan seguir apoiando o acceso ao financiamento das pemes, con axudas en forma de garantía e subvención de gastos financeiros.
Un esforzo conxunto que, segundo detallou a directora do Igape, enmárcase nunha liña máis ampla que inclúe ao resto de Sociedades de Garantía Recíproca e que este ano suma preto de 12 millóns de euros que porán en circulación 80 M€ nun milleiro de operación de pemes e autónomos.
Esta liña, proseguiu Toca Carús, é parte do paquete de actuacións que, en materia de financiamento dispón este 2024 o Igape. “Estamos a falar de máis de 111 millóns de euros para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, serven para mobilizar o gasto empresarial”, detallou antes de destacar a nova convocatoria de préstamos directos do Igape, con 30 millóns de euros destinados a investimentos estratéxicos, actuacións de asociacións e centros tecnolóxicos ou mesmo ao financiamento de proxectos de implantación empresarial no exterior.
“Desde a Xunta temos diferentes instrumentos axeitados para atender as necesidades de financiamento e investimento das nosas pemes e autónomos. Temos que estar preto das nosas empresas e desde a colaboración, proporcionarlles os apoios e recursos necesarios para que teñan a capacidade de crecer e ter éxito”, concluíu.
Rueda destaca que a Xunta apoia cinco novos proxectos de infraestruturas compartidas e centros dixitais que suman máis de 10 M€
- Resalta que se trata de instalacións “con aparellos e tecnoloxía complexa” que estarán á disposición das pequenas empresas e autónomos de toda Galicia
- Isto permitiralles acceder a produtos e servizos avanzados a prezos competitivos
- Salienta que os novos centros estarán centrados na produción audiovisual, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade ou a produción, monitorización e análise de vídeo
- Na actualidade estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en sectores tan diversos como as TIC, o biotecnolóxico, a loxística, o turismo, o agroalimentario ou a saúde e deporte cun investimento total de 26,6 M€
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai apoiar o desenvolvemento de cinco novos proxectos de infraestruturas de uso aberto e compartido ao abeiro das liñas de axudas para Centros de Fabricación Avanzada e de Centros Dixitais. A previsión é investir 10 millóns de euros nestas instalacións que estarán a disposición do tecido produtivo, dos que a Xunta achega máis de 8 millóns. O obxectivo é seguir impulsando a modernización e dixitalización da industria galega.
Tal e como explicou Rueda, trátase de instalacións con “aparellos e tecnoloxía complexa” que estarán instaladas nunha “empresa principal” pero a disposición dos pequenos e medianos empresarios de toda a comunidade. O obxectivo é achegar estes servizos e produtos aos autónomos e pemes a prezos competitivos. Servizos que, doutro xeito, “non poderían permitirse” polo investimento que supón contar con eles na súa propia empresa de forma continuada.
Así, e a través de ambos programas, promoveranse actuacións en eidos diferentes como a produción audiovisual avanzada, as tecnoloxías satelitais, os servizos avanzados de datos, a mellora da conectividade ou a produción, monitorización e análise de vídeo.
No caso dos centros de fabricación avanzada, realizaranse tres novas iniciativas. A primeira deles céntrase na posta en marcha dun centro de produción audiovisual avanzada na Cidade das TIC da Coruña. “Un espazo que contará con dous novidosos estudos de rodaxe e servizos de última xeración”, á disposición da industria audiovisual galega, indicou Rueda.
O segundo dos proxectos propón a creación dun centro na área de Vigo en que se “realizarán probas de certificación e desenvolvemento de compoñentes de satélites nunha contorna similar á do espazo”, e con todas as medidas de seguridade necesarias. Deste xeito, ofreceranse dous servizos: a certificación de tecnoloxías satelitais e probas para o desenvolvemento de tecnoloxías de propulsión eléctricas.
A terceira iniciativa configúrase como unha instalación complementaria ao Laboratorio de Intelixencia Artificial da Cidade das TIC, ofrecendo servizos de demostración, prototipado e lanzamento de proxectos para a implantación de produtos e servizos relacionados coa propia intelixencia artificial.
Centros dixitais
Estas actuacións compleméntase cos proxectos da liña de centros dixitais, no marco do programa do Fondo de Transición Xusta, e que presta especial atención á mellora da dixitalización do tecido empresarial e á modernización da industria galega a través da creación deste tipo de infraestruturas nos lugares identificados como zonas de transición xusta que, no caso de Galicia, se corresponde coa provincia da Coruña.
Neste eido, tal e como explicou o presidente, os novos proxectos permitirán, dun lado, a posta en marcha do primeiro punto neutro de conectividade en Galicia, que se localizará en Santiago, que mellorará a experiencia dixital en todo o territorio, impulsando a transformación da Comunidade con especial atención a tres ámbitos: mundo rural, sectores emerxentes e pemes; e doutro, a posta en marcha, na Cidade das TIC, dun centro dixital de monitorización, produción remota e análise de vídeo.
A finalidade destas dúas liñas é o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, a modernización e desenvolvemento da base industrial, e a mellora da dixitalización dos procesos empresariais. En definitiva, perséguese a promoción das infraestruturas axeitadas como factor determinante para mellorar a competitividade das pemes galegas, apostando por un modelo de crecemento intelixente, sustentable e innovador.
Neste sentido, cómpre lembrar que na actualidade estanse a impulsar en Galicia sete centros de fabricación avanzada en sectores tan diversos como as TIC, o turismo, a saúde, a loxística, o biotecnolóxico, a loxística, o agroalimentario ou o deporte. En total, suman investimentos por máis de 26,6 M€ cunha axuda de 18,6 M€.