Super User
A Xunta destina máis de 9 M€ á internacionalización de pemes e autónomos galegos contribuíndo á diversificación de novos mercados
- O Goberno galego abre unha nova convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas, Organismos Intermedios e Dixital na procura de incentivar a realización de accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas na proxección e o posicionamento do tecido produtivo galego nos mercados internacionais
- Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios suman 5 M€ para actividades de difusión e a participación en eventos expositivos no exterior, así como accións de prospección internacional para proxectos individuais ou coordinados por agrupacións empresariais
- A nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital contará con 4,2 M€ para mellorar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras
Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as novas convocatorias dos programas Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, tres liñas de apoio que suman máis de 9 M€ na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos.
O obxectivo destes programas, impulsados pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.
Neste marco, cun importe de 4,2 M€, actívase unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital. O obxectivo desta liña é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización, e actívase para dar resposta á demanda crecente das empresas galegas para acometer os seus procesos de dixitalización internacional.
Cun gasto subvencionable por empresa que oscilará entre os 12.000 e os 100.000 euros, o programa cobre ata o 60% do custo dos proxectos, podendo solicitarse os apoios ata o 4 de marzo.
Esta liña compleméntase coas de Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que contan cun orzamento de máis de 5 M€ para o ano 2024 na procura de incentivar á realización de accións de promoción exterior que permitan xerar vantaxes competitivas na proxección e o posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais, tanto entre pemes e autónomos -Galicia Exporta Empresas-, como en asociacións empresariais, consellos reguladores, clústeres empresariais e centros tecnolóxicos -Galicia Exporta Organismos Intermedios-. Para acadar esta meta apóianse actuacións de difusión, de promoción e de prospección en mercados internacionais.
As axudas, que se poden solicitar ata o 5 de febreiro, cobren ata o 70% dos gastos subvencionables aprobados tanto ao abeiro do Galicia Exporta Organismos Intermedios, que apoia proxectos colectivos, como no caso dos proxectos individuais acollidos á liña Galicia Exporta Empresas.
A Xunta pon ao grupo Ramón García como exemplo da capacidade de internacionalización e liderado do sector contract galego
- A directora do Igape, Covadonga Toca, visita as instalacións da compañía en Ordes, onde pon en valor a experiencia e habilidades dunha industria que “ofrece os seus servizos a todo o mundo, convertendo Galicia nun referente internacional”
Ordes (A Coruña), 4 de xaneiro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, puxo ao grupo de empresas Ramón García como exemplo da capacidade de internacionalización e liderado do sector contract galego, tras coñecer as súas instalacións. Esta industria, apuntou Toca, está presente hoxe en día en máis dun centenar de países nos que as empresas galegas teñen impulsado distintos proxectos construtivos.
“As compañías galegas que traballan na canle contract, como é o caso do Grupo Ramón García, teñen adquirido experiencia e habilidades, ofrecendo os seus servizos a todo o mundo, e convertendo Galicia nun referente internacional”, afondou a directora. Neste sentido, lembrou Toca Carús, o propio Grupo Ramón García é un exemplo desa aposta pola internacionalización, contando cunha instalación produtiva en México desde 2014, e estando presente en 70 países nos que ofrece “respostas á medida” aos seus clientes.
Para acadar estas cifras, o Grupo conta tamén coa colaboración do Goberno galego, a través de programas como o Plan de Misións Comercias, que facilita o impulso de accións de internacionalización do tecido produtivo galego.
A través desta liña, explicou a directora, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, en colaboración coas cámaras de comercio, promove misións comerciais na procura de aumentar a base de empresas exportadoras, fomentar e consolidar a presenza de compañías galegas nos mercados internacionais, e conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións galegas.
Aberta a convocatoria da Xunta para impulsar proxectos centrados na dixitalización, a sustentabilidade e a loxística avanzada
- Os obradoiros do Igape contan con 650.000 euros para promover espazos de colaboración co obxectivo de capacitar ás empresas na preparación de iniciativas que respondan aos principais retos da economía
- Os apoios cobren o 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto, cun límite máximo de 75.000 euros por entidade beneficiaria
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2024
A Consellería de Economía, Industria e Innovación informa da apertura da nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada que teñen como obxectivo crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía. Estes obradoiros, que acadan a súa sétima convocatoria, configúranse como espazos multidisciplinares que reforzan o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sustentable dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.
Cun orzamento de 650.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.
O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.
Os apoios concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 75.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 2 de febreiro.
A Xunta abre mañá o prazo de solicitudes da primeira liña específica de apoio ás startups galegas
- A Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,5 M€ a este programa que cobre a totalidade dos gastos de lanzamento e consolidación de proxectos de emprendedores innovadores, ata un máximo de 20.000 euros
- O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro e a adxudicación será por concorrencia non competitiva
Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2024
A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, abre mañá martes, 2 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes do primeiro programa específico de apoio a startups galegas, ao que se destina 1,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar proxectos de emprendedores innovadores.
Para isto, os beneficiarios obterán o 100% dos gastos que xustifiquen para a posta en marcha ou o afianzamento das startups, cun máximo de 20.000 euros por iniciativa. Serán subvencionables os gastos ou investimentos nos que incorra a startup desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data da solicitude de axuda.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro de 2024 ás 14 horas, agás que antes desa data se esgote o orzamento dispoñible. A adxudicación será por concorrencia non competitiva, polo que as axudas se resolverán por orde de rexistro de entrada da solicitude. A orde publicouse no DOG o pasado 1 de decembro, para así facilitar aos beneficiarios a preparación dos proxectos ao tratarse dun programa novo.
As startups galegas teñen tamén á súa disposición as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), ou aeronáutica (BFAero); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; e outras iniciativas como ViaGalicia.
Lorenzana traslada a Ageinco o esforzo da Xunta por ser unha administración facilitadora da actividade empresarial
A Xunta pon aos empresarios do polígono do Tambre como exemplo do espírito da industria galega
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou no acto homenaxe ás empresas que cumpren 25 anos na Asociación, onde destacou a importancia de apostar pola cooperación público-privada para impulsar o desenvolvemento industrial e económico de Galicia
- Lembra que o Goberno galego ultima a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, unha canle que servirá de punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais
- Subliña a importancia do Polo Biotecnolóxico de Galicia, que está a permitir industrializar un sector en auxe na Comunidade a través da investigación e o asentamento e nacemento de novas empresas
Lorenzana aborda cos empresarios galegos en Madrid as oportunidades que achega Galicia para atraer investimentos
Madrid, 12 de decembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Madrid no encontro Los almuerzos de Aegama, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid.
Durante a súa intervención, Lorenzana destacou que a Xunta traballa para converter Galicia nun polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación. Neste eido, destacou a próxima posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, que funcionará como única canle de interlocución coa empresa, e lembrou tamén que se vai acometer un plan de aceleración de proxectos industriais, de tal xeito que se rebaixan as condicións para seren declarados estratéxicos.
A Xunta promove a colaboración entre empresas para desenvolver proxectos centrados na dixitalización, a sustentabilidade e a loxística avanzada
- A convocatoria de obradoiros do Igape conta con 650.000 euros para promover espazos de colaboración co obxectivo de capacitar ás empresas na preparación de iniciativas que respondan aos principais retos da economía
- Os apoios cobren o 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por proxecto, cun límite máximo de 75.000 euros por entidade beneficiaria
- O Goberno galego promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización cun importe total de axuda de máis de 2,1 millóns de euros, contando con máis de 1.250 asistentes
Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2023
A Consellería de Economía, Industria e Innovación, vén de activar a través do Igape unha nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada co obxectivo de crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía. Estes obradoiros, que acadan a súa sétima convocatoria, configúranse como espazos multidisciplinares que reforzan o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sustentable dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.
Cun orzamento de 650.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.
O obxectivo é que os obradoiros actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas exploran solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada, así como oportunidades de hibridación intersectorial.
Os apoios concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 75.000 euros. De cara a facilitar a planificación e preparación dos proxectos por parte dos organismos intermedios, o prazo de presentación de solicitudes abrirá o próximo 2 de xaneiro de 2024 e será dun mes, ata o 2 de febreiro.
Esta é a sétima convocatoria dun programa que promoveu ata o de agora 125 obradoiros de dixitalización, cun importe total de axuda de máis de 2,1 millóns de euros e contando con máis de 1.250 asistentes, contribuíndo así a impulsar a reactivación do tecido empresarial de Galicia a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.
A Xunta promove novas oportunidades de investimento entre Galicia e China
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co socio fundador da empresa Hermanos Huang, Chenglong Huang
- Na xuntanza, Lorenzana puxo de manifesto o compromiso da Administración autonómica coa axilidade administrativa e coa redución de prazos e trámites burocráticos para facilitar a actividade empresarial e a implantación de novos proxectos
A Xunta avoga por reducir a burocracia administrativa na procura de atraer novos investimentos a Galicia
- A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participaron na mesa redonda ‘Instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial’, onde destacou que a nova Oficina Económica de Galicia permitirá reducir ata nun 50% os tempos de tramitación dos expedientes administrativos
- Lembra que o próximo ano o Igape destinará 111M€ para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, permitirán mobilizar o gasto empresarial
- Subliña o compromiso coa internacionalización, cunha nova liña para impulsar a promoción no exterior e a exportación de produtos e servizos así como a implantación noutros mercados
Ourense, 1 de decembro de 2023
A directora do Igape, Covadonga Toca, acompañada da directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participou esta mañá na mesa redonda Instrumentos públicos como impulso para o desenvolvemento empresarial, desenvolvida en Ourense no marco de Futurgal 2023. Un escenario no que Toca Carús puxo en valor algunha das liñas principais de actuación do Instituto de cara ao ano que vén, entre as que destacou a nova Oficina Económica de Galicia, que permitirá reducir a burocracia administrativa na procura de atraer novos investimentos cara a Comunidade.
Esta Oficina, expuxo a directora, configúrase como unha canle única que actuará como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento, acompañamento, apoio e acceso a financiamento, con persoal especializado. O obxectivo é reducir ata nun 50% os tempos de tramitación tanto dos expedientes administrativos como dos pagos.
Esta aposta compleméntase con varios programas encamiñados á mellora da competitividade do tecido productivo. Un eido no que, como incidiu, se centrarán gran parte das liñas de actuación do próximo exercicio e que sumará preto de 80 M€ do total do orzamento do Igape. Para iso, habilitaranse distintas ferramentas, entre as que destaca a nova liña de incentivos e apoios para á atracción e implementación de empresas, con 30 M€ en tres anos en proxectos significativos, tanto por volume de investimento como por creación neta de emprego.
Acceso ao financiamento
Así mesmo, as contas prevén tamén máis de 111 M€ para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por Xesgalicia, permitirán mobilizar o gasto empresarial.
Neste sentido, a directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, destacou a aposta do organismo por financiar o emprendemento. “O financiamento ás novas iniciativas empresariais de recente creación volve ser, no curto prazo, un dos nosos grandes obxectivos, para o que ampliamos a nosa colaboración en novos programas de impulso ao emprendedor. Ademais, seguimos poñendo ao dispor das empresas galegas, ou daquelas que desexen desenvolver unha actividade económica en Galicia, fondos especialmente orientados ao apoio á modernización do tecido produtivo”, afondou.
Un traballo que se complementa, desde o Igape, con outras actuacións entre as que destacan máis de 34 M€ en préstamos para investimentos estratéxicos, que por primeira vez terán en conta tamén ás grandes empresas e do que se espera alcanzar un forte efecto multiplicador na economía galega e a modernización tecnolóxica do tecido produtivo.
Covadonga Toca resaltou, tamén, que o orzamento do Igape manterá o compromiso coa internacionalización, na procura de seguir contribuíndo ao “mellor ciclo exportador da historia de Galicia”. Entre as actuacións, destaca unha nova liña de apoio á internacionalización de empresas para impulsar a promoción no exterior e a exportación de produtos e servizos así como a implantación noutros mercados.
Unha novidade que se complementa con outras liñas que xa veñen desenvolvendo, como o Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, que sumarán preto de 5 M€ para seguir promovendo plans de promoción internacional e accións de internacionalización dixital.