Super User
A Xunta apela á cooperación público-privada para dar respostas aos novos retos económicos que afronta Galicia
- A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu esta mañá en Santiago de Compostela á clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), onde incidiu na importancia de seguir traballando en diálogo directo coas empresas
- Defendeu o efecto tractor do tecido produtivo para reforzar a competitividade e a aposta por unha transformación industrial baseada na innovación, a sustentabilidade e a dixitalización
A Xunta valora con Emobi os seus proxectos de implantación en Galicia
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co presidente e co CEO do grupo
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse co presidente do grupo Emobi, Miguel Ángel Díaz, e co seu CEO, Guillermo Bergareche, para coñecer os proxectos nos que está a traballar esta empresa con miras a implantarse en Galicia.
Deste xeito, segundo lle explicaron á titular de Industria no encontro, Emobi aspira a desenvolver un proxecto para a fabricación de armazóns metálicas para distintos sectores como a eólica mariña e a terrestre, eidos nos que Galicia ten a oportunidade de posicionarse.
O grupo conta con experiencia no sector, con instalacións como a de Ponferrada dedicada á construción de estruturas eólicas, pero tamén con centros para a fabricación de estruturas metálicas con proxectos para estadios de fútbol, hospitais ou espazos comerciais. De feito rexistrou un forte crecemento na súa capacidade produtiva e nos seus volumes de facturación.
Últimas horas para inscricións e solicitude de reunións na XIII Semana Internacional Contract Galicia
A conta atrás para a celebración da Semana Internacional Contract Galicia comeza agora.
As empresas e profesionais interesados en participar na XIII Semana Internacional Contract Galicia teñen as últimas horas para completar as súas inscricións e solicitar reunións B2B.
O evento, que se celebrará os días 4 e 5 de outubro no Boutique Hotel Noa, en Santa Cruz, Oleiros, está a piques de pechar as súas portas para novas inscricións.
Os participantes teñen a oportunidade única de conectar con prescritores internacionais e empresas de renome, descubrindo as últimas tendencias e oportunidades de negocio no ámbito global. A inscrición e a solicitude de reunións pódense realizar a través desta ligazón.
As empresas interesadas deben ter en conta que é un requisito indispensable asistir ao evento central o día 4 de outubro para poder solicitar reunións B2B con prescritores, e as solicitudes de reunións con empresas que non confirmen a súa asistencia á xornada central non serán procesadas.
O peche de inscricións para asistir ao evento central está programado para o día 29 de setembro de 2023.
Non perdas esta oportunidade excepcional de colaborar, aprender e crecer xunto a outros profesionais e empresas do sector. A XIII Semana Internacional Contract Galicia promete ser un evento inesquecible que marcará o camiño para o futuro do sector Contract en Galicia e máis alá.
A Xunta de Galicia avalía coa universidade da Coruña o avance da Cidade das TIC
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse esta mañá co reitor da UDC, Julio Abalde para explorar posibles vías de colaboración que faciliten a atracción de empresas tecnolóxicas cara a esta iniciativa
Lorenzana traslada ao embaixador de España en México o compromiso da Xunta coa internacionalización da economía galega
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pecha a súa axenda de viaxe en México cunha reunión co embaixador de España no país, Juan Duarte e unha visita á empresa Antea Group
- Asegura que México vai ser sempre un destino preferente para o tecido empresarial galego polos lazos comerciais xa consolidados
- O obxectivo, di, é “seguir detectando en que sectores industriais compartimos intereses para abrir novas oportunidades de negocio ás nosas empresas”
Cidade de México (México), 23 de setembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, pechou hoxe a súa axenda de viaxe en México cun encontro co embaixador de España no país, Juan Duarte, a quen lle trasladou o compromiso da Xunta de Galicia coa internacionalización da economía galega, con Latinoamérica como destino de referencia.
Na xuntanza, Lorenzana asegurou que México vai ser sempre un destino preferente para o tecido empresarial galego polos lazos comerciais xa consolidados. O obxectivo, polo tanto, engadiu, é “seguir detectando en que sectores industriais compartimos intereses para abrir novas oportunidades de negocio ás nosas empresas”.
A conselleira recoñeceu que misións comerciais como a que encabezou nesta viaxe acompañando a máis dunha vintena de pemes galegas é, xustamente, axudarlles desde o plano institucional a posicionar os seus produtos e servizos. E, ao respecto, agradeceu que o interese sexa mutuo.
Visita a Antea Group
Na última xornada de estadía en México, Lorenzana tamén visitou a empresa galega Antea Group, con sede central na Coruña. Especializada no desenvolvemento integral de proxectos de enxeñaría, infraestruturas e transporte, a conselleira destacou dela o seu compromiso co medio ambiente e a sustentabilidade. É unha empresa, dixo, que exemplifica a aposta que Galicia está facendo pola mobilidade e o urbanismo sustentable.
Lorenzana destaca o traballo de Albo por converterse en referente mundial coa aplicación de novas tecnoloxías no sector conserveiro
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse esta mañá con varios dos membros do comité de dirección da conserveira para avaliar os proxectos que se están a desenvolver
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou o traballo que Conservas Albo está realizando para converterse nun referente mundial a través da aplicación da innovación e das novas tecnoloxías no sector conserveiro.
Lorenzana mantivo unha reunión con varios dos membros do comité de dirección da conserveira para avaliar os proxectos que se están a desenvolver logo da inauguración, o pasado mes de abril, das novas instalacións da compañía na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra – As Neves (Plisan). Tal e como lembrou, o proxecto declarouse Iniciativa Empresarial Prioritaria pola Xunta, o que lle permitiu reducir os pazos de tramitación e que hoxe Galicia conte cunha das fábricas máis grandes e modernas do sector conserveiro.
Trátase dunha industria estratéxica da que a Comunidade é líder grazas a unhas exportacións que en 2022 ascenderon a 1.075 M€, un 6,4 % máis que no 2021, e que representan o 62 % das exportacións españolas neste eido.
Na reunión, a conselleira puido constatar os avances que desde Conservas Albo se están realizando tanto na mellora da competitividade internacional como no uso da tecnoloxía, grazas ao apoio da Axencia Galega de Innovación para impulsar a industria conserveira do futuro a través de novas solucións relacionadas coa Industria 4.0.
Lorenzana destaca o posicionamento da automoción galega en México pola súa capacidade tecnolóxica para ampliar a oferta de servizos
- Considera que a industria do automóbil é un dos ámbitos onde máis posibilidades existen para seguir ampliando as relacións comerciais con México
- No último lustro a tendencia das exportacións do sector galego da automoción cara ao país norteamericano foi crecente e o ano pasado situouse nos 102,5 M€
- Pon Aludec como exemplo da aposta que está facendo o sector para incrementar a fabricación de produtos de alto valor engadido innovando nos procesos industriais
Puebla, 22 de setembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o posicionamento que está logrando a automoción galega no mercado mexicano grazas á súa capacidade para ampliar a oferta de servizos da industria a partir da innovación tecnolóxica.
Seguindo coa súa rolda de visitas a empresas galegas afincadas no país, Lorenzana puxo como exemplo a Aludec, provedor internacional do sector da automoción, cuxas instalacións tivo a oportunidade de coñecer. Segundo dixo, trátase dunha compañía que leva décadas centrada en incrementar a fabricación de produtos de alto valor engadido incorporando novos procesos industriais para a produción e o deseño de compoñentes orixinais de decoración exterior e interior dos vehículos.
Lorenzana puxo en valor a súa capacidade para ofrecer unha ampla cobertura a todo o mercado norteamericano coas súas plantas en Puebla e EE.UU. E, nese sentido, remarcou que é un exemplo de como o sector galego da automoción se abre portas no mercado internacional co aval de innovación.
A industria do automóbil, tal e como lembrou a conselleira, é un dos ámbitos onde máis posibilidades existen para seguir ampliando as relacións comerciais con México. De feito, no último lustro a tendencia das exportacións do sector galego automoción cara ao país norteamericano foi crecente e o ano pasado situouse nos 102,5 M€.
Consello Consultivo para o Investimento do Estado de Puebla
A titular de Economía, Industria e Innovación participou, tamén, na reunión do Consello Consultivo para o Investimento do Estado de Puebla. Alí, Lorenzana puxo en común a política de atracción de investimentos que está seguindo Galicia e as oportunidades que vai xerar a transición enerxética para apostar por sectores de alta tecnoloxía e polas enerxías renovables.
Lorenzana avoga por seguir ampliando e fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e México para promover novos investimentos
- Con motivo da celebración deste certame, nas vindeiras semanas el Palacio de Hierro será o escaparate do produto galego e das empresas que operan no país
- A conselleira de Economía Industria e Innovación lembra que coincide, ademais, co 30 aniversario do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)
- Pon de manifesto a aposta que a Xunta de Galicia está facendo por dar seguridade e ofrecer simplicidade e axilización na tramitación de novos proxectos e, doutra banda, como México supón a porta de entrada ao mercado estadounidense
- Na xornada de hoxe, Lorenzana vai visitar en Cidade de México a empresa Optare Solutions, unha compañía galega con sede central en Vigo que este mes celebra os dez anos de actividade da súa filial en México
Puebla (México), 21 de setembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por seguir ampliando e fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e México para promover novos investimentos. Fíxoo durante a súa intervención no acto de conmemoración do 30 aniversario da Quincena de Galicia en México, no Palacio de Hierro.
Trátase dun evento promocional que se celebrou por primeira vez en 1992 organizado pola Xunta de Galicia e esta coñecida empresa mexicana da cadea retail, que contribuíu a ampliar a presenza no país de diferentes empresas galegas, fundamentalmente, do sector téxtil e agroalimentario. Desta volta, conmemorando o 30 aniversario deste certame, vólvese celebrar pero cun mes de duración, no cal, o Palacio de Hierro será o escaparate do produto galego e das empresas que operan no país.
A conselleira de Economía Industria e Innovación foi a encargada de inaugurar o certame, onde apuntou que coincide, ademais, coa celebración do 30 aniversario do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). “30 anos transformando Galicia e o desenvolvemento da economía galega”, dixo, para lembrar que son 30 anos, tamén, “desde que se abriron as portas de México a Galicia cun evento especial sobre as nosas empresas e os nosos produtos”.
Seguindo esta liña, Lorenzana apelou na súa intervención a seguir fortalecendo os lazos económicos entre Galicia e México e a explorar novas oportunidades de negocio. Nese sentido, puxo de manifesto a aposta que a Xunta de Galicia está facendo por dar seguridade e ofrecer simplicidade e axilización na tramitación de novos proxectos e, doutra banda, como México supón a porta de entrada ao mercado estadounidense. A conselleira tamén tivo palabras para as empresas galegas no país presentes no acto, ás que convidou a manter e fomentar a marca Galicia no seu papel de embaixadoras.
Na axenda do mércores, a titular de Economía, Industria e Innovación tamén tivo ocasión de participar na xuntanza da asociación galega Real Impact Women, un proxecto para impulsar o liderado feminino no mundo empresarial. A conselleira eloxiou a súa iniciativa e capacidade para darlle eco internacional.
Optare Solutions
Na xornada de hoxe, Lorenzana vai visitar en Cidade de México a empresa Optare Solutions, unha compañía galega con sede central en Vigo que este mes celebra os dez anos de actividade da súa filial en México, onde traballan unha vintena de persoas. É unha firma moi activa en proxectos de I+D que actualmente traballa en proxectos relacionados co 5G, o vehículo conectado e a fábrica intelixente. Segundo a conselleira, é un exemplo das perspectivas de crecemento e expansión que ten por diante o sector TIC galego e do talento dos seus profesionais.
Aberto o prazo de matriculación do curso Marketing dixital: Ferramentas para o crecemento internacional de Igape Fórmate Internacional
- Xa está aberto o prazo de matriculación no novo curso de Igape Fórmate Internacional denominado Marketing dixital: Ferramentas para o crecemento internacional.
- A formación está dirixida a responsables de desenvolvemento de negocio, márketing, comunicación e persoas emprendedoras de todos os sectores
O Igape, a través do campus Igape Fórmate Internacional, pon en marcha un novo curso de Marketing Dixital Internacional, Marketing dixital: Ferramentas para o crecemento internacional. Esta formación, completamente gratuíta, está deseñada para fortalecer as habilidades empresariais en Galicia.
En colaboración con expertos no campo do marketing dixital, esta formación desenvolverase en liña, o que brinda a flexibilidade necesaria para daptarse a aquelas axendas ocupadas polas persoas participantes.
Detalles do curso
- Formación gratuíta: Este curso ofrece unha valiosa formación de calidade sen custos para os participantes, grazas ao compromiso do Igape co desenvolvemento empresarial en Galicia.
- Prazo de Inscripción: O prazo de inscrición finaliza o 2 de outubro.
- Datas e Horario: A formación terá lugar do 5 de outubro ao 19 de decembro, en sesións os xoves de 18.30 a 20.00.
- Obxectivos:
- Coñecer os fundamentos de uso das principais ferramentas de analítica e xestión de campañas de márketing dixital.
- Capacitar ao departamento de márketing e comunicación da empresa cos coñecementos básicos para realizar análises de tráfico e conversión das súas canles en liña e aprender a deseñar e xestionar campañas
publicitarias neste medio. - Facilitar a integración das canles dixitais dentro do plan de márketing xeral da empresa e a súa aliñación cos obxectivos de expansión internacional.
Para máis información e inscricións, pódese consultar a seguinte ligazón: https://formateinternacional.igape.es/marketing-dixital-internacional/
Lorenzana pon en valor o nivel de implantación do tecido empresarial galego no mercado mexicano
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou dúas máis das 84 firmas galegas implantadas no país, o Grupo Ramón García e a luguesa A Vida Group
- Salienta que México é un mercado destacado na acción exterior do tecido empresarial galego cara a onde, en 2022, un total de 478 empresas galegas exportaron a súa produción ata acadar os 326M€
- Apunta que, ademais de sectores consolidados como a automoción, o téxtil e o agroalimentario, Galicia ten oportunidades de seguir afianzando lazos coa economía mexicana en ámbitos como as infraestruturas, o contract, as telecomunicacións, o sector aeroespacial ou o turístico
- Na segunda xornada de viaxe, Lorenzana tamén visitará a antena do Igape en México, unha oficina de apoio ás empresas galegas con intereses de negocio no país
Querétaro (México), 20 de setembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o nivel de implantación que leva conseguido o tecido empresarial galego no mercado mexicano, especialmente, no sector da automoción, o téxtil ou a industria agroalimentaria.
No seu primeiro día de estadía en México —logo de coñecer as instalacións de Carrocerías Halcón, do Grupo Marsan— Lorenzana visitou dúas empresas galegas máis implantadas no país: o Grupo Ramón García e a luguesa A Vida Group. Son dous exemplos das 84 firmas galegas que, actualmente, están presentes no país.
O Grupo Ramón García, especializada no sector contract, e con sede na Coruña, conta cunha instalación produtiva en México desde 2014 e é recoñecido internacionalmente polos seus proxectos para grandes multinacionais. Está presente en 70 países e, dela, a conselleira destacou a súa capacidade para dar “respostas á medida” dos seus clientes. No que respecta a A Vida Group, tamén vinculada a este mesmo sector, e en pleno proceso de expansión, Lorenzana salientou “o xeito en que mestura innovación e sustentabilidade para facer únicos e dar maior versatilidade aos seus acabados”.
México é un mercado destacado na acción exterior do tecido empresarial galego cara a onde un total de 478 empresas galegas exportaron a súa produción en 2022 ata acadar os 326M€. Por sectores, no último lustro a tendencia das exportacións da industria da automoción foi crecente e o ano pasado situouse nos 102,5M€. Tamén o sector téxtil acadou en 2022 o seu máximo dos últimos cinco anos, 96M€. E, no relativo ao sector agroalimentario, o incremento das exportacións a México está a ser constante, pasando de 21,3M€ en 2019 a case 42M€ o ano pasado.
Lorenzana recoñeceu que se trata de sectores xa consolidados nas relacións comerciais entre México e Galicia que, por outra banda, ten oportunidades de seguir afianzando lazos en ámbitos como as infraestruturas, o contract, as telecomunicacións, o sector aeroespacial ou o turístico, abondou.
Visita a antena do Igape en México
Nesta segunda xornada de viaxe, a conselleira de Economía, Industria e Innovación visitará a antena do Igape en México, unha oficina de apoio ás empresas galegas con intereses de negocio no país. A través desta antena, entre 2021 e 2022, o Igape, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña e dentro do programa de fomento das exportacións galegas (Foexga) leva organizado 5 misións comerciais a México, con 64 empresas participantes en total. A elas, súmanse as catro que se realizaron este ano.