Preto de 134.000 clientes beneficiáronse do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia

Domingo, 11 Xuño 2023 16:58
  • Na terceira edición do programa, ao que a Administración autonómica destinou 2,5 millóns de euros, participaron máis de 7000 establecementos de toda Galicia.
  • O sector máis beneficiado pola iniciativa foi o téxtil, onde se mobilizaron un 38,7% das vendas; seguido do calzado, cun 14,5%.

A terceira edición do Bono Activa Comercio, á que a Xunta de Galicia destinou 2,5 millóns de euros, beneficiou a un total de 133.945 clientes, conseguindo mobilizar vendas por preto de 12,5 millóns de euros en menos de tres semanas.

O número de comercios que se adheriron á iniciativa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación chegou aos 7.058, a cifra máis alta das tres edicións. Os sectores máis beneficiados foron en primeiro lugar o téxtil, cun 38,7 % das vendas mobilizadas; seguido do calzado, cun 14,5 %; dos xoguetes, cun 10,2 %; as ópticas, cun 7 %; e as perruquerías, cun 6,24 %.

As provincias galegas nas que este programa supuxo un maior impacto económico foron Pontevedra e A Coruña, cun 38% e un 34% das vendas mobilizadas respectivamente. Así, en Pontevedra o importe total das vendas con desconto foi de preto de 4,7 millóns de euros, e na Coruña de máis de 4,2 millóns de euros. Na provincia de Ourense o programa contribuíu a mobilizar máis de 2 millóns de euros, e en Lugo preto de 1,5 millóns.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitou o número de usuarios que podían descargarse os bonos —un por persoa—, senón que unha vez que o importe total dos descontos realizados alcanzou os 2,5 millóns de euros os bonos descargados xa non se poden utilizar.

O importe dos bonos reducíase en función do valor da compra, ata un máximo de 30 euros en desconto por persoa. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspondíalle un desconto de 5 euros. A rebaixa era de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzaba os 15 euros.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis