A Xunta avanza unha nova convocatoria das axudas á dixitalización industria 4.0 para impulsar a competitividade do tecido empresarial galego

Luns, 29 Mai 2023 07:07

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nos obradoiros de dixitalización promovidos por Asime e que afondaron, desta volta, no sector naval e nas posibilidades que ofrece a enerxía eólica offshore. Durante a súa intervención, Guldrís puxo en valor a importancia que ten a dixitalización como “factor determinante para o crecemento e a competitividade dos sectores chave da nosa economía”, e avanzou a próxima convocatoria dunha nova edición das axudas á Dixitalización Industria 4.0.

Un programa, lembrou Guldrís, que permite impulsar a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, favorecendo modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía. O director do Igape destacou que estas axudas levan mobilizados máis de 50 millóns de euros desde a súa posta en marcha, sumando máis de 1.000 solicitudes.
 
Neste sentido, Guldrís sinalou que o Goberno galego traballa no “coñecemento e a conciencia sobre as vantaxes e oportunidades que ofrece a dixitalización nos distintos ámbitos da industria galega”. Un obxectivo para o que tamén se impulsan obradoiros dixitais como os celebrados hoxe, que buscan promover a adopción de tecnoloxías dixitais e boas prácticas para incrementar a competitividade e fortalecer a capacidade de resposta ante os desafíos do mercado. 
 
“É importante destacar que estes obradoiros, promovidos por organismos intermedios, como é o caso de Asime, fináncianse ao 100 %. E os datos avalan a boa acollida desta iniciativa xa que, desde o ano 2018, apoiáronse máis de 100 obradoiros, o que supuxo un volume de axudas de 1.858.000 euros”, resaltou o director do Igape.
 
Deste xeito, os obradoiros configúranse como espazos de encontro que permiten o intercambio de experiencias e o establecemento de redes de colaboración entre os participantes. A través de ferramentas como os talleres de design thinking e a presentación de casos de éxito, facilitánse alianzas empresariais que impulsen a innovación, a transferencia de coñecemento e a xeración de proxectos colectivos. 

Neste sentido, este ciclo de obradoiros permitiu explorar tanto a relación entre o sector naval e conceptos como o xemelgo dixital, ciberseguridade, visión artificial e realidade aumentada, como a intersección entre a enerxía offshore e conceptos como a economía circular, o Internet das cousas (IoT), o Big Data e o Cloud computing.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis