Super User
Reserva a túa praza na Formación en vendas SaaS B2B
Vendes produtos SaaS? Da man de Startup Galicia, achegámosche unha formación coa que coñecerás as técnicas e claves para impulsar os resultados do teu proxecto.
María Abad Baides, directora e socia en Winning by Design, será a encargada de impartir esta xornada formativa.
- Formación en vendas SaaS B2B
- Mércores 20 de setembro ás 16:00
- Bahia Software, en Ames (A Coruña)
Innovación, internacionalización e capacitación: obxectivos comúns da Xunta e o Clúster Saúde de Galicia
A innovación, a internacionalización e a capacitación do sector da saúde son os obxectivos que a Xunta de Galicia comparte co Clúster Saúde de Galicia.
Así quedou reflectido na xuntanza que a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, e a directora do Igape, Covadonga toca, mantiveron con representantes da entidade, encabezados pola súa presidenta, Rocío Mosquera.
Precisamente en novembro, o Clúster Saúde Galicia vai celebrar en Vigo o VIII Fórum RIES 23, un encontro no que se abordarán os retos internacionais dos ecosistemas de saúde.
A Xunta aborda vías de colaboración para impulsar a transformación dixital da industria galega
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse co presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez Del Corral. O encontro celebrouse co obxectivo de abordar vías de colaboración que axuden a impulsar a transformación dixital da industria galega.
Na reunión tamén participaron a directora do Igape, Covadonga Toca, e outros membros do Clúster. Actualmente, a Xunta de Galicia xa coopera con esta entidade noutros ámbitos, como a internacionalización ou a formación.
A Xunta e a Asociación de empresarios do Tambre cooperan para atraer novas iniciativas cara a este parque industrial
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse esta tarde co presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, e outros responsables da entidade.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo esta tarde un encontro co presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, e outros membros da directiva desta entidade para avaliar as diferentes iniciativas que se levan a cabo de xeito conxunto para atraer novas iniciativas e proxectos cara a este parque industrial de Santiago de Compostela, especialmente no eido biotecnolóxico.
Neste sentido, no encontro destacouse a boa marcha do polo biotecnolóxico de Galicia, Sionlla Biotech, que busca posicionar a cidade como un referente internacional neste sector.
Lorenzana, que tomou nota das diferentes propostas da asociación empresarial compostelana, en eidos como a mellora da seguridade ou a axilización dos trámites burocráticos, puxo de manifesto a aposta da Xunta por traballar man a man co tecido empresarial para impulsar o desenvolvemento económico de Galicia e a creación de emprego de calidade. Do mesmo xeito, subliñou o compromiso da Xunta coa simplificación administrativa para facilitar a atracción de investimentos.
A Xunta avalía con Cointega novas fórmulas para revitalizar a moda galega
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse coa directiva da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia para abordar a situación do sector e os seus retos máis inmediatos.
- Coinciden na importancia de seguir impulsando o téxtil co apoio aos talleres localizados en Galicia que forman parte da cadea industrial.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reuniuse co presidente da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), José Antonio Conde, e con parte da directiva da entidade co obxectivo de abordar a situación do sector en Galicia, así como os retos máis inmediatos para o téxtil.
No encontro, avaliouse a necesidade de buscar novas fórmulas para revitalizar a moda galega e visibilizar a calidade dos seus produtos así como o bo facer das empresas e traballadores vinculados a esta industria estratéxica para a Comunidade, pois en 2022 o téxtil representou a cuarta parte do total exportado por Galicia ao superar os 7.500 M€ en vendas ao exterior.
A conselleira e os representantes de Cointega coincidiron na importancia de seguir impulsando este sector ofrecendo apoio aos talleres da cadea industrial con actividade en Galicia para mellorar a súa competitividade.
Lorenzana tamén se comprometeu a estudar as necesidades que o sector ten para facer fronte aos futuros retos no eido da formación de directivos, retención de talento, modernización, dixitalización ou sustentabilidade.
XIII Semana Internacional CONTRACT GALICIA - 4 e 5 de outubro
Inscricións e solicitude de reunións para a XIII Semana Internacional Contract Galicia nesta ligazón. |
A XIII edición de la Semana Internacional Contract Galicia de este ao xa está chamando á porta. Nesta ocasión a cita é no Boutique Hotel Noa, Santa Cruz, Oleiros, edificio que representa un bo exemplo da colaboración industrial e de servizos de empresas e profesionais galegos vinculados ao Canal Contract.
Como ven sendo tradicional, a xornada central do día 4 de outubro 2023 actualizaranos sobre as tendencias e oportunidades de negocio mundiais da man de acreditados prescritores internacionais.
A continuación durante os días 4 e 5 de outubro as empresas participantes terán a oportunidade de manter entrevistas e reunións particulares con empresas, prescritores e poñentes, co obxecto de profundar nos aspectos de interese concretos.
Consulte aquí o avance de programa desta edición.
Inscricións e solicitudes de reunións.
NOTA IMPORTANTE: É condición indispensable asistir ao evento central o día 4 de outubro, para poder ter reunión B2B con algún prescritor. Non se organizarán reunións con empresas que non asistan á xornada.
Peche de inscricións asistencia evento central, día 29 de setembro 2023.
Non deixes de consultar o vídeo presentación do sector CONTRACT GALICIA.
Máis información de interese:
- Xornada inaugural XII Semana Internacional Contract Galicia. Muxía 2022.
- Xornada inaugural XI Semana Internacional Contract Galicia. Muxía 2021.
- A hotelaría de luxo. Situación actual e perspectivas. Unha visión compartida desde América e Europa. Encontro Internacional Contract en líña (26 a 28 de maio de 2021).
- Xornada inaugural X Semana Internacional Contract Galicia. (9 de decembro de 2020).
A Xunta avalía con ANFACO-CECOPESCA a situación actual do sector mar-industria e os seus principais retos
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes da entidade onde se abordaron asuntos como o Perte deste sector, a celebración da XI Anfaco Worl Tuna Conference ou a necesaria colaboración en materia de internacionalización e innovación.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión en Vigo con representantes de Anfaco-Cecopesca para avaliar a situación actual do sector mar-industria, así como os principais retos aos que se enfronta.
Na reunión, a conselleira trasladou o apoio da Xunta de Galicia ao sector para que poida acceder aos fondos Next Generation, logo de que as industrias alimentarias relacionadas co mar quedaran fóra das convocatorias do Perte agroalimentario e non se impulse un propio para a cadea mar-industria.
Por outra banda, tamén se abordou a próxima celebración, os días 14 e 15 de setembro, da XI World Tuna Conference #TUNAVIGO2023, que converterá a cidade olívica na capital atuneira mundial.
Finalmente, a conselleira e os representantes de Anfaco-Cecopesca coincidiron na necesidade de seguir traballando da man e a través da colaboración público-privada para seguir avanzando en asuntos como a internacionalización e a apertura de novos mercados ou a innovación e a transferencia de coñecemento e tecnoloxía ao tecido empresarial. Ademais, no eido do consumo analizouse o impacto que na dieta pode ter a substitución de peixe por produtos veganos de imitación.
Lorenzana mantén un encontro co Grupo Alvariño para coñecer os proxectos nos que traballa
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión esta mañá en Vigo con representantes do Grupo Alvariño para coñecer de primeira man os proxectos nos que está a traballar en eidos relacionados coas novas tecnoloxías, a mobilidade ou as enerxías renovables.
No encontro, a conselleira trasladou o labor que a Xunta está a facer para que Galicia conte cun tecido empresarial cada vez máis competitivo e a decidida aposta que se está realizando por ofrecer unha maior axilidade administrativa para que os proxectos empresariais saian adiante.
O Grupo Alvariño é unha empresa familiar de terceira xeración inicialmente dedicada ao sector da automoción que nos últimos anos está realizando un importante esforzo por diversificar a súa actividade cara a outros ámbitos como as TIC ou as enerxías renovables.
Marco de apoio ao acceso ao crédito das pemes: o 29 de setembro remata o prazo para solicitar a axuda
Necesitas financiamento para o teu negocio? Ata o 29 de setembro está aberto o prazo para solicitar as axudas do Igape que facilitan o acceso ao financiamento de empresas e persoas autónomas.
O convenio asinado con Afigal S.G.R., Sogarpo S.G.R. e Iberaval S.G.R. permite cubrir operacións de investimento, circulante e garantías por importe de 60 millóns de euros.
Consulta os detalles no apartado "IG535A - Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas (financiamento Igape-pemes)" na sección de Axudas.
As empresas están a tempo de solicitar as axudas que promoven o aforro e a eficiencia enerxética
As empresas están a tempo de solicitar as axudas que promoven o aforro e a eficiencia enerxética. O prazo está aberto ata o 15 de setembro.
A contía das axudas é do 35% do custe elixible para as grandes empresas. Nas compañías medianas do 45% e no caso das pequenas empresas o apoio ascende ao 55%.
Máis detalles, na sede electrónica da Xunta de Galicia.