A Xunta destaca a aposta das pemes por implantar procesos de loxística avanzada para gañar competitividade

Domingo, 07 Mai 2023 13:43
  • O Igape resolve axudas para cinco empresas da provincia que incorporan medidas para axilizar procedementos de produción, almacenamento ou distribución

A Xunta de Galicia vén de resolver as axudas para a implantación de loxística avanzada e sustentable nas pemes galegas, que beneficiaron a cinco firmas lucenses con achegas que suman 97.900 euros para un investimento mobilizado de 244.000 euros.

O delegado territorial, Javier Arias, puxo en valor a aposta das empresas pola modernización de procesos e a transformación dixital como factores estratéxicos para gañar competitividade. Así, o obxectivo deste programa é facilitar a incorporación de solucións avanzadas para o transporte, almacenamento e posta á disposición de materias primas, compoñentes, semielaborados ou produtos finais, co fin reducir custos, prazos de entrega ou o impacto ambiental mellorando a calidade do servizo.

A empresa Hortícolas Javier Miranda, en Riotorto, obtivo apoios para automatizar o proceso de manipulación e envasado dos produtos cara á súa distribución en comercios ou establecementos de hostalería; deste xeito, axilízase o proceso para acurtar tanto o tempo de almacenamento como o prazo de entrega.

Tamén resultaron beneficiadas a empresa de pinturas Carlos Varela e Cegoagro, ambas en Begonte, para melloras no almacén e para a instalación de sensores de medición en silos, respectivamente. Completan a relación dúas empresas con sede na capital: Comenza recibiu apoios para deseñar fluxos loxísticos e Agroamb para implementar sensores en contedores de residuos no marco dun proxecto que se realiza en Santiago de Compostela.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis