Super User
A Xunta destaca o compromiso de Magnesitas de Rubián coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou no Incio as instalacións da compañía, da que dependen 60 empregos directos e indirectos.
- A empresa conta xa con 1 MW de enerxía solar fotovoltaica que permite substituír o 25 % do consumo da planta por autoconsumo, e está a instalar 1 MW máis na mina.
- Fai fincapé en que a industria invista en eficiencia enerxética para reducir custos e para avanzar na descarbonización dos seus procesos.
- Subliña que a Axenda da Minería Sustentable “vai na dirección que están marcando empresas como Magnesitas de Rubián”.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá o compromiso de Magnesitas de Rubián coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade. Conde, que visitou as instalacións desta compañía no Incio (Lugo), apuntou ademais que a empresa, da que dependen 60 empregos directos e indirectos, “é un exemplo claro de fixación de poboación no rural”.
Tal e como sinalou o vicepresidente primeiro, a compañía vén de instalar 1 MW de enerxía solar fotovoltaica que permite substituír por autoconsumo arredor do 25 % do consumo enerxético da planta. Ademais, están a instalar outro megawatt tamén de enerxía fotovoltaica na mina. En total, estas actuacións supoñen un investimento de 1,4 millóns de euros, dos cales máis de 442.000 euros proceden de axudas da Xunta de Galicia.
A compañía extrae neste xacemento 70.000 toneladas de magnesita ao ano con aplicacións diversas: un 80 % da produción vai dirixido á industria alimentaria, como ingrediente para pensos de gando bovino. Tamén se usa en fertilizantes, tratamento de augas residuais, corrección do PH de solos agrícolas, na industria do papel ou no refinado de azucre.
Durante a súa visita, Conde fixo fincapé en que “é fundamental que toda a industria poida investir en eficiencia enerxética e polo tanto reducir os seus custos directos e ao mesmo tempo avanzar na sustentabilidade e na descarbonización dos seus procesos”.
Neste sentido, Conde apuntou que Magnesitas de Rubián non é só un referente no eido da eficiencia enerxética, investindo tamén noutras melloras no ciclo de produción, senón tamén desde o punto de vista ambiental, subliña que a Axenda da Minería Sustentable “vai na dirección que están marcando empresas como Magnesitas de Rubián”.
A través desta folla de ruta, que é froito dun traballo consensuado co sector, Galicia impulsa a modernización e o crecemento axeitado da minaría, que vai ter que actuar como provedor de minerais estratéxicos para a dixitalización.
A Xunta agradece o traballo dos promotores da planta de hidróxeno verde das Pontes para que o proxecto estea máis preto de ser unha realidade para Ferrolterra
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión en Ferrol con representantes do proxecto para avaliar o seu avance.
- O seguinte paso é lograr un compromiso do Goberno central para que a iniciativa conte coas infraestruturas eléctricas necesarias que garantan a súa viabilidade e posta en marcha.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión cos promotores do proxecto H2Pole nas Pontes para avaliar os últimos avances da futura planta de hidróxeno verde, declarada proxecto industrial estratéxico, e cuxa solicitude de autorización ambiental integrada, estudo de impacto ambiental, declaración de utilidade pública e proxecto se atopan sometidos a información pública.
Durante o encontro, o vicepresidente económico quixo agradecerlles o seu traballo para que este proxecto estea máis preto de ser unha realidade para Ferrolterra. Conde asegurou que esta planta será unha peza fundamental para a descarbonización do sector enerxético galego, contribuíndo a facer de Galicia unha rexión referente nesta enerxía. Do mesmo xeito, favorecerá a reindustrialización da comarca.
Segundo os datos dos seus promotores, o proxecto -que conseguiu 15 M€ a través do Perte de enerxías renovables, hidróxeno renovable e almacenamento- contará cun investimento de 156 millóns de euros, xerará máis de 60 empregos e terá unha capacidade inicial de 20 MW, ampliable ata os 100, co obxectivo de que poida estar operando antes de 2026. Para iso precisará as infraestruturas eléctricas necesarias que garantan a súa viabilidade e posta en marcha, polo que é preciso a confirmación por parte do Goberno central da posibilidade de que os proxectos que se vaian implantar nas Pontes poidan acceder á rede de 400 kV no nó existente e determinar que potencia terán dispoñible.
Conde agradeceu a aposta que Reganosa está facendo por Galicia a través non só desta planta de hidróxeno, senón tamén do centro de produción de fertilizantes e biometano e a planta de hidróxeno, ambos os dous en Meirama (Cerceda), ou o acordo con Enagás, estratéxico para conseguir investimentos para a Comunidade como o hidroduto Guitiriz (Lugo)-Zamora que unirá Galicia co resto da Península Ibérica e con Europa.
Rueda anuncia que a Xunta activa apoios por 3,8 M€ para continuar avanzando na transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego
- Resalta que nas próximas semanas vaise lanzar un programa de axudas para “impulsar proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable”.
- Subliña que as axudas alcanzan o 90 % do investimento subvencionable e poden chegar ata 180.000 euros no caso de pemes comerciais e autónomos, e a 72.000 euros no caso das federacións de comerciantes.
- Financiaranse aplicacións de big data e análise de datos para mellorar a experiencia da clientela; probadores interactivos; asistentes virtuais (chatbots) ou aplicacións de realidade virtual e aumentada.
- Tamén se apoiarán, entre outras actuacións, sensores de presenza para a regulación automática de luces e sistemas de climatización.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai activar apoios por 3,8 millóns de euros para continuar avanzando na transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego. “Trátase dun novo programa para impulsar proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable entre pemes e autónomos”, indicou. Para iso, nas vindeiras semanas publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o programa de axudas do Fondo tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.
Rueda subliñou que as axudas, que alcanzan o 90 % do investimento subvencionable, poden chegar “aos 180.000 euros no caso das pemes comerciais”, en función do número de traballadores. Os apoios poden chegar “aos 54.000 euros no caso das asociacións de comerciantes” con maior número de asociados, e chegar “aos 72.000 euros” no caso de federacións de ámbito provincial ou autonómico. Concederanse por orde de solicitude e abranguerán actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 29 de setembro deste ano.
No caso dos comercios, entre outras actuacións, o presidente indicou que vanse financiar “aplicacións de big data que son imprescindibles para facer estudos de mercado e coñecer os intereses da clientela; a instalación de probadores interactivos, asistentes virtuais e sistemas de realidade aumentada ou a instalación de sistemas de climatización enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces”.
No que respecta ás asociacións de comerciantes, poderán destinar as axudas á instalación de mupis dixitais, redes wifi nas áreas comerciais, procesos ecoeficientes para a correcta separación de residuos ou proxectos para mellorar a eficiencia enerxética, entre outros.
Rueda traslada ao sector que a Xunta poñerá en marcha axudas para impulsar a fabricación de compoñentes para enerxías renovables
-
O presidente da Xunta reuniuse en Ferrol coas xuntas directivas de Aclunaga e Cluergal e representantes de Iberdrola e Windar.
-
Salienta o potencial inmenso de Galicia na eólica mariña, enxalza o papel de Ferrol para liderala e garante ao sector que terá un “apoio decidido, absoluto e claro” do Goberno galego.
-
Enmarca as axudas na planificación que fai a Xunta para un aproveitamento das enerxías renovables ordenado, sustentable e respectuoso cos recursos naturais e pesqueiros.
As pemes galegas poden solicitar ata o 5 de xuño os apoios da Xunta para contratar xestores de internacionalización
- A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,3 millóns de euros a este programa co que se facilita a incorporación ao mercado laboral de profesionais con formación ou experiencia en comercio internacional co obxectivo de apoiar ao tecido empresarial na busca de novos mercados.
- As axudas alcanzan ata o 90 % do custo da contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50 % dos apoios.
As pequenas e medianas empresas galegas poden solicitar ata o 5 de xuño as axudas para a contratación de xestores de internacionalización, ás que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 1,3 millóns de euros, co obxectivo de facilitar a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais ou adquirir experiencia en comercio internacional ao tempo que se contribúe a mellorar as vendas no exterior do tecido empresarial galego.
Aquelas pemes que teñan o seu domicilio social e un centro de traballo en Galicia e que acrediten ter en marcha un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior poden presentar a súa solicitude na procura de obter tanto información sobre profesionais con formación especializada como apoio económico para a súa contratación.
A iniciativa contribúe así á captación profesional de expertos en internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os xestores achegando os seus coñecementos e experiencia.
As axudas poderán alcanzar ata o 90 % do custo de contratación, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50 % dos apoios. Así mesmo, os xestores, ademais de estar dados de alta como demandantes de emprego na data da contratación, deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou cun certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.
Este programa enmárcanse na Estratexia de Internacionalización da Xunta de Galicia, unha de folla de ruta que busca facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados.
O Bono Activa Comercio da Xunta mobiliza un millón de euros en vendas en día e medio de funcionamento
- A iniciativa que botou a andar este luns suma xa preto de 6.000 comercios participantes, nos que se realizaron xa descontos por máis de 200.000 euros.
- Os bonos, en formato QR, son de 30 euros por persoa e poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos utilizados alcance os 2,5 millóns de euros que a Administración autonómica destina ao programa nesta convocatoria.
O programa do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia, que botou a andar, onte, 15 de maio, mobiliza xa preto dun millón de euros en vendas en día e medio de funcionamento. Así, na xornada do luns e na mañá do martes realizáronse descontos por máis de 200.000 euros, mentres que o número de comercios adheridos á iniciativa é de 5.972. Destes, 2138 son da provincia da Coruña, 854 de Lugo, 914 de Ourense e 2066 de Pontevedra.
As persoas consumidoras poden descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que poden continuar sumándose á iniciativa ata o 1 de setembro. A terceira edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo así a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso ao comercio de proximidade.
Os bonos teñen formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Ata o de agora, os descontos realizados superan os 200.000 euros.
A Xunta colabora co concello do Pereiro de Aguiar na mellora dos viais de acceso ao polígono empresarial
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión co alcalde, Luis Menor.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión co alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, para informar de que se acaba de aprobar -a través dunha ampliación de crédito da orde de mellora de infraestruturas dos parques empresariais- unha axuda para mellorar o vial de acceso noroeste ao polígono. A actuación contará cun apoio de 38.587,14 euros para un investimento total de 48.233,93 euros.
Conde agradeceu a colaboración e implicación deste municipio, que é Concello Emprendedor, para seguir aumentando a súa competitividade empresarial. Esta colaboración administrativa permite mellorar a oferta de solo para captar investimentos e para que as empresas xa instaladas poidan desenvolver a súa actividade con acceso a servizos e infraestruturas de calidade.
Máis de 4.000 establecementos sumáronse xa ao Bono Activa Comercio da Xunta, que os clientes poderán utilizar a partir do luns
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Boqueixón (A Coruña) unha librería participante nesta iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas.
- A provincia da Coruña conta xa con 1479 negocios adheridos, mentres que en Lugo hai 608, en Ourense 679 e en Pontevedra 1402.
- Os bonos, en formato QR, son de 30 euros por persoa e poderán utilizarse ata que o importe total dos descontos utilizados alcance os 2,5 millóns de euros que a Administración autonómica destina ao programa nesta convocatoria.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Lestedo (Boqueixón, A Coruña) a Librería Lino, un dos máis de 4000 establecementos galegos (en concreto, 4168) que se adheriron desde o pasado martes ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia.
Mediante esta iniciativa, a partir do próximo luns, 15 de maio, as persoas consumidoras poderán descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que poden continuar sumándose ata o 1 de setembro. Ata a data, participan no Bono Activa Comercio 1479 negocios da provincia da Coruña, mentres que en Lugo son 608, en Ourense 679 e en Pontevedra 1402 establecementos.
A terceira edición deste programa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, contribuíndo así a dinamizar o sector e a implicar á cidadanía no impulso ao comercio de proximidade, que tal e como subliñou Conde é clave para a economía das vilas e cidades, e permite tamén fixar poboación no rural.
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
A Xunta destaca a importancia de contar con empresas comprometidas e con capacidade de adaptación como Astilleros Placeres
- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou a empresa que, tras o incendio sufrido en 2019, ampliou as instalacións apostando pola sustentabilidade e as enerxías renovables.
- A Estratexia naval galega 2022-2026 acompañará ao sector na súa transformación dixital e sustentable, apoiando tamén o talento, a formación e a diversificación.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou a importancia de contar con empresas comprometidas e con capacidade de adaptación como Astilleros Placeres.
O vicepresidente económico visitou eesta empresa familiar especializada en reparación e mantemento naval que, tras o incendio sufrido en 2019, recuperouse ampliando as instalacións e avanzando na súa transición enerxética e sustentable a través de apoios da Xunta de Galicia para proxectos de investimento empresarial, ReAcciona e a instalación de placas fotovoltaicas.
Conde referiuse aos retos que afronta a industria naval e a novidade que supoñen os fondos europeos no eido do investimento ofrecendo “oportunidades reais para que o sector se poida fortalecer e avanzar na súa diversificación”. Neste sentido, a Estratexia naval galega 2022-2026 acompañará ao sector na súa transformación dixital e sustentable, apoiando tamén o talento, a formación e a diversificación.
Por outra banda, a Administración galega ofrece desde esta semana dúas liñas dirixidas ás empresas galegas. Por unha banda, a convocatoria para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética e, por outra, a liña de préstamos e avais para autónomos e pemes co obxectivo de ofrecer liquidez e circulante para as súas operacións.
A Xunta agradece a Gradiant a súa colaboración no Polo Aeroespacial e na nova estratexia RIS3 e anima a que participe na elaboración da futura Lei de ciencia e innovación
- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu en Vigo ao Consello Consultivo de Gradiant.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu ao Consello Consultivo de Gradiant, onde agradeceu a súa colaboración no Polo Aeroespacial e na nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e animou á entidade a que participe na elaboración da futura Lei de ciencia e innovación.
Conde destacou que Gradiant cumpre 15 anos con enerxía, vitalidade e ilusión. Segundo os datos do centro tecnolóxico, 2022 pechou con récord de ingresos -8,66M€, un 44% máis que no ano anterior-, de proxectos europeos activos -cun total de 20- e de cadro de persoal, con 142 profesionais de alta cualificación traballando na nova sede. Ademais, segundo explicaron desde Gradiant, a previsión de crecemento en 2023 é do 22%.
Neste contexto, Conde considerou que é unha boa noticia que Gradiant siga involucrándose en novos proxectos e referiuse á aposta do centro por desenvolver novas liñas de I+D vinculadas ás tecnoloxías cuánticas, tendo en conta que Vigo será sede do Vigo Quantum Communication Center, que está comunicado con Santiago a través dunha ligazón de comunicación cuántica de longa distancia baseado en fibra óptica.
O vicepresidente económico destacou a contribución de Gradiant para consolidar en Galicia un ecosistema de I+D+i forte, conectado e competitivo.