Super User
A Xunta salienta que UARX Space exemplifica o coñecemento, talento e innovación da industria aeroespacial de Galicia
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Nigrán as intalacións desta compañía, que forma parte do ecosistema de I+D+i que hai arredor do Polo Aeroespacial de Galicia.
- A empresa foi seleccionada pola Axencia Espacial Europea para participar no primeiro lanzamento do seu foguete de nova xeración Ariane 6.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe que a compañía UARX Space exemplifica desde Nigrán o coñecemento, talento e innovación da industria aeroespacial de Galicia.
A compañía, unha startup fundada en 2020 e especializada no transporte de satélites a órbita, foi seleccionada pola Axencia Espacial Europea para participar no primeiro lanzamento do seu foguete de nova xeración Ariane 6 en decembro deste ano. Isto vaille permitir realizar o primeiro voo real dun dos seus dispositivos e suporá un salto cualitativo no seu desenvolvemento polo valor de demostración que terá no mercado.
UARX Space forma parte do ecosistema de I+D+i que hai arredor do Polo Aeroespacial de Galicia, e traballa establecendo colaboracións estratéxicas con empresas, centros de coñecemento e entidades de referencia no sector.
A aposta que Galicia está a facer polo Polo Aeroespacial abrangue a colaboración coas grandes empresas tractoras do sector, como os novos socios industriais da Xunta (Airbus, Avincis e Telespazio) e tamén á industria máis innovadora, ensanchando a base deste sector industrial e impulsando o seu liderado tecnolóxico.
Conde apela a aproveitar as oportunidades que se lle presentan a Galicia no sector da enerxía e a I+D+i
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, interveu no II Foro Económico de El Español, La Galicia que viene, onde apelou aproveitar as oportunidades que se presentan no ámbito da enerxía e a I+D+i a partir da colaboración público-privada.
Conde lembrou que, con infraestruturas tan necesarias como o Corredor Atlántico ou o hidroduto Guitiriz-Zamora que vai construír Enagás, Galicia quere conectarse aos grandes retos económicos e ter un papel relevante neles.
Rueda avoga pola colaboración entre a Administración e o tecido empresarial para poñer en marcha os grandes proxectos previstos para Galicia
- O presidente interveu, por videoconferencia, na apertura do II Foro Económico de El Español, que se celebra na Coruña e que leva por título La Galicia que viene.
- Destaca que a nosa Comunidade está vivindo o maior ciclo inversor en sectores tradicionais pero tamén nos relacionados co I+D+i.
- Defende ofrecerlle ás empresas un clima favorable para os investimentos, axilidade administrativa ou menos trabas fiscais e burocráticas.
A Xunta destaca en Lalín que pemes e microempresas teñen a oportunidade de crecer innovando
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, participou esta mañá en Lalín nun networking empresarial organizado pola Asociación de Empresarios do Deza. Destacou que, no actual contexto de transición ecolóxica e dixital, as pemes e microempresas teñen a oportunidade de crecer innovando a través da eficiencia enerxética, a descarbonización, a economía circular, a mobilidade sustentable ou a dixitalización.
Conde puxo en valor o esforzo e compromiso do tecido empresarial de Lalín, que é Concello Emprendedor, xa que no primeiro trimestre do ano rexistrou a creación de 17 empresas -o dobre que no mesmo período do ano pasado- e apelou ao traballo conxunto e á colaboración público-privada para seguir medrando.
A Xunta enxalza o papel da Feira do Viño de Quiroga como un dos reclamos turísticos da Ribeira Sacra
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o encontro, en cuxa 41ª edición participan 12 adegas.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, visitou hoxe a XLI Feira do Viño de Quiroga, que xunto coa de Amandi e Chantada é unha das máis antigas da contorna e que conta este ano coa participación de 12 adegas. Segundo subliñou o vicepresidente primeiro, encontros coma este forman parte dos mellores reclamos para atraer visitantes á Ribeira Sacra, recoñecida pola calidade e a excelencia dos seus viños con denominación de orixe.
O sector do viño en Galicia é unha industria estratéxica a nivel económico e laboral, e tamén é clave para o desenvolvemento turístico e a fixación de poboación no rural. Aglutina máis de 10.000 viticultores e case 300 adegas (81 da denominación de orixe Ribeira Sacra), cun valor económico superior aos 230 millóns de euros anuais.
A Xunta ofrece a súa colaboración para impulsar a competitividade industrial de Navantia na ría de Ferrol
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co comité de empresa de Navantia.
- Avoga por manter un diálogo aberto e construtivo entre todas as partes implicadas na busca de solucións que garantan o futuro do estaleiro e, por extensión, de toda a comarca de Ferrolterra.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ofreceu ao comité de empresa de Navantia a colaboración da Administración autonómica para impulsar a competitividade de Navantia na ría de Ferrol e o seu futuro industrial.
Así llo trasladou nunha xuntanza na que escoitou as propostas dos traballadores para que a Xunta de Galicia apoie as súas demandas en materia de investimentos e de carga de traballo para o estaleiro.
Conde, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, explicou a importancia de contar coas infraestruturas necesarias para a competitividade de Navantia Ferrol e de toda a industria auxiliar.
Nese sentido, avogou por manter un diálogo aberto e construtivo entre todas as partes implicadas na busca de solucións que garantan o futuro industrial do estaleiro e, por extensión, da comarca de Ferrolterra.
A Xunta destina 1,3 millóns de euros á contratación de xestores de internacionalización para impulsar as vendas no exterior das pemes galegas
- A Xunta activa unha nova convocatoria dunha liña que facilita a incorporación ao mercado laboral de profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior co obxectivo de apoiar ao tecido empresarial na busca de novos mercados.
- Desde o ano 2016 destináronse máis de 3,3 millóns de euros a un programa que ten permitido a contratación de preto de 200 xestores de internacionalización.
- As axudas poderán alcanzar ata o 90% do custo de contratación dos xestores, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50% dos apoios.
- A liña enmárcase na Estratexia de Internacionalización que impulsa o goberno galego co tecido empresarial da Comunidade, e que está a permitir acadar rexistros históricos nas vendas ao exterior, tendo en marcha nestes momentos outras accións como o Plan de Misións Comerciais.
O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova convocatoria do programa de xestores de internacionalización, que permite ás pemes participantes contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego. A convocatoria, que se publicará en vindeiras datas no DOG, busca así facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior.
Desta volta, a iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, destina 1,3 millóns de euros para fortalecer a especialización en comercio exterior e a contratación de preto de medio cento de xestores por un período de ata 18 meses.
Neste sentido, aquelas pemes que teñan o seu domicilio social e un centro de traballo en Galicia, e que acrediten ter en marcha un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior, poden presentar a súa solicitude na procura de obter tanto información sobre profesionais con formación especializada como apoio económico para para a súa contratación.
A iniciativa contribúe así á captación profesional de expertos en internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os xestores achegando os seus coñecementos e experiencia.
As axudas poderán alcanzar ata o 90% do custo de contratación dos xestores, podendo os beneficiarios solicitar anticipos de ata o 50% dos apoios. Así mesmo, os xestores, ademais de estar dados de alta como demandantes de emprego na data da contratación, deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou cun certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.
Este programa suma desde o ano 2016 máis de 3,3 millóns de euros destinados a contratación de preto de 200 xestores, con formación en comercio exterior, que colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia en mercados de todo o mundo.
A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que acadan rexistros históricos. En concreto, Galicia pechou o 2022 cun récord histórico en exportacións con case 30.000 millóns, o que supuxo un 18,3% máis que no anterior exercicio. Cifra consolidada no inicio deste 2023 ao rexistrar o mes de xaneiro un incremento do 3,8% en taxa interanual, sumando 2.127 millóns en vendas ao exterior.
Neste marco cabe destacar tamén a aposta das empresas galegas pola busca de novos mercados: en 2022, un total de 8.496 compañías realizaron vendas no exterior; e as empresas galegas exportadoras regulares -aquelas que exportaron nos últimos 4 anos-, acadaron as 2.653, récord histórico tamén que supón un incremento anual do 3,5%.
No marco desta Estratexia, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ten en marcha outras iniciativas, como o Plan de Misións Comerciais, que destina 2,3 millóns de euros a accións de internacionalización do tecido produtivo galego na procura de impulsar, durante este ano, preto de 100 misións en máis de 30 países.
Rueda reafirma o compromiso de Galicia para ser protagonista na produción e subministración de enerxía ao resto do mundo
- O presidente da Xunta participou na sinatura do Pacto pola Enerxía entre o Goberno galego e Enagás en Guitiriz (Lugo).
- Destaca a importancia do hidroduto que Enagás construirá entre Guitiriz e Zamora e que será unha infraestrutura enerxética vital para conectar a comunidade coa Península e con Europa.
- Garante a aposta do Executivo autonómico por “aproveitar unhas oportunidades” que Galicia non pode deixar pasar.
- A través do Pacto pola Enerxía, a operadora Enagás pasa a formar parte como empresa tractora na Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou esta mañá o compromiso de Galicia para ser un territorio protagonista na produción e subministración de enerxía ao resto do mundo.
Así o afirmou logo da sinatura en Guitiriz co conselleiro delegado de Enagás, Arturo Gonzalo, do denominado Pacto pola Enerxía. Este acordo compromete á operadora —líder en España na xestión e operación de infraestruturas de transporte de gas— a actuar como promotor do hidroduto entre Guitiriz e Zamora e a asegurar así a conexión enerxética da comunidade coa Península e Europa.
A empresa asume como obxectivo obter o recoñecemento deste nodo como Proxecto de Interese Común (PCI) para a Unión Europea e poder poñelo así en operación no 2030. Segundo explicou o presidente, trátase dun “paso máis” nun proceso de transición enerxética “que xa está en marcha e ao que Galicia aspira a estar na cabeceira”.
Neste sentido, Rueda destacou que a comunidade reúne “todas as condicións para incorporarse a unha enerxía do futuro que xa é tamén do presente” e que non pode perder “unhas oportunidades que outros van aproveitar se as deixamos pasar”. O titular do Executivo aproveitou o acto para agradecer “a firmeza do compromiso” da empresa con Galicia, que asume uns proxectos en cuxo éxito “tamén son eles os primeiros interesados”.
A sinatura do protocolo supón a incorporación de Enagás como empresa tractora na Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, o que permitirá ao sector dispoñer do seu coñecemento e experiencia, soporte técnico e accións de promocións. A Alianza xa conta con dez compañías e outros dez clústeres e asociacións que representan a máis de 700 entidades.
O titular da Xunta cualificou o Pacto pola Enerxía como un paso máis que se suma ao proxecto a curto, medio e longo prazo que xa ten en marcha a comunidade. Neste sentido, destacou o potencial de Galicia para liderar a transición enerxética polas súas características xeográficas, a dispoñibilidade de recursos hídricos, eólicos e o seu amplo ecosistema de innovación e investigación.
A receita industrial de Galicia, segundo o presidente, pasa por “combinar respecto medioambiental, planificación económica e enerxética”. “Quen estea traballando xa para prepararse para os retos do futuro terá moitas máis vantaxes, e iso é o que estamos facendo hoxe”, concluíu.
A Xunta impulsa a presenza das startups galegas na Feira Internacional Mindtech que se celebrará en Vigo en xuño
- A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 200.000 euros a un novo convenio con Asime que facilitará a promoción das iniciativas innovadoras galegas neste encontro.
- O director do Igape, Fernando Guldrís, salienta a importancia do acordo e da propia feira internacional para reforzar a aposta de Galicia pola innovación, a sustentabilidade e o talento.
- Destaca a celebración dunha rolda de reunións con investidores para impulsar o financiamento das iniciativas emprendedoras da Comunidade, así como o desenvolvemento de distintas misións comerciais inversas con diferentes países de América do Sur, África e Europa, ademais de con Corea do Sur, país que como invitado nesta edición contará cunha delegación propia.
O director do Igape, Fernando Guldrís, e o presidente de Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Justo Sierra, participaron hoxe nun encontro de traballo en relación coa Feira Internacional Mindtech, que permitiu avaliar o novo acordo de colaboración entre a Asociación e o Goberno galego para impulsar a presenza das startups da Comunidade neste evento que se celebrará en Vigo do 20 ao 22 de xuño.
Este convenio, explicou Guldrís, reforza a aposta pola innovación e a sustentabilidade do Goberno galego, permitindo habilitar espazos de traballo e expositivos na feira internacional da industria Mindtech para facilitar que as iniciativas innovadoras galegas se poidan dar a coñecer a nivel internacional.
A Xunta destina a este acordo 200.000 euros e o seu obxectivo último é seguir traballando de xeito conxunto no impulso da innovación, a sustentabilidade, a transformación tecnolóxica e a mellora competitiva do tecido produtivo galego, facilitando a achega de investimentos internacionais privados e a promoción das vendas no exterior das startups galegas con posibilidades significativas de crecemento.
Neste marco, habilitaranse dous espazos expositivos en Mindtech: o Mindtech Startup Arena, con capacidade para 42 stands e que permitirá promocionar startups galegas e captar iniciativas de interese; e outro que acollerá o pavillón da Xunta para dar a coñecer as iniciativas que está a promover o Goberno galego.
Neste sentido, o director do Igape lembrou que a Xunta ten en marcha a Axenda Startups Galicia 2022-2024, que se configura como un “motor de reforzo da modernización e diversificación da economía galega”. A Axenda, resaltou, suma neste período preto de 15 millóns aspirando a crear un centenar de novas empresas e a acelerar 200 startups, promovendo así a innovación con capacidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego.
Así mesmo, o convenio da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e Asime inclúe tamén a celebración dunha rolda de reunións entre investidores internacionais e as iniciativas participantes, ademais de contemplar a participación en formato dixital nos eventos que teñan lugar no foro.
Neste contexto, explicou Guldrís, desenvolveranse distintas misións comerciais inversas con diferentes países de América do Sur, África e Europa, ademais de con Corea do Sur, país que como invitado nesta edición contará cunha delegación propia.
“Mindtech é unha aposta pola tecnoloxía, a innovación, a sustentabilidade e o talento, ademais dunha oportunidade de cara a futuro para amosar os nosos avances en proxectos tecnolóxicos e de innovación”, subliñou o director do Igape, quen asegurou que Galicia está sabendo anticiparse á transformación dixital.
A feira internacional da industria Mindtech naceu en 2019 coa vocación de ser un referente internacional e a intención de atraer empresas e investidores estranxeiros. Impulsada por Asime, ten como principal obxectivo ser un escaparate da potencialidade da industria galega, especialmente do sector do metal, e unha oportunidade económica e comercial.
Rueda avalía coa Federación Galega de Comercio novas vías de colaboración para seguir reforzando este sector clave para a economía galega
- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, no que se abordaron aspectos clave como a transformación dixital, a formación ou a dinamización das vendas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e representantes desta entidade co obxectivo de avaliar novas medidas conxuntas para seguir reforzando este sector clave para a creación de riqueza e emprego na comunidade.
Durante o encontro, o presidente da Xunta, que escoitou as achegas e propostas dos representantes do sector, lembrou que a Administración autonómica traballa pola transformación dixital e a modernización do comercio galego, impulsando a súa competitividade; ademais de promover a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito e potenciar diferentes iniciativas de dinamización das vendas, sempre en colaboración coas asociacións e federacións.