O presidente da Xunta demanda que no Perte do naval o Goberno central teña en conta o peso significativo de Galicia no sector

Mércores, 01 Marzo 2023 09:19
  • Salienta que representa o 3,5% do PIB galego e que emprega a preto de 13.500 persoas, ademais de ser Galicia a CC. AA. con máis empresas no sector: “Levamos moito tempo facendo as cousas ben e merecemos recoller o froito dese esforzo”.
  • Recorda o apoio do Goberno galego ao sector tanto para superar a crise como para presentar aos fondos europeos proxectos solventes e competitivos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demanda que no Perte do naval o Goberno central teña en conta o peso significativo de Galicia no sector. O mandatario galego reclamouno na reunión que mantivo hoxe co comité executivo de Navalia para a organización da feira do vindeiro ano, un encontro ao que acudiu acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde.

Perante a importancia e a transcendencia que ten para o sector este Perte, as empresas galegas uníronse para presentar unha candidatura única e potente que contou co asesoramento da Xunta. O prazo para a presentación de propostas remata o 13 de marzo, e Alfonso Rueda agarda que a convocatoria se resolva de xeito favorable para Galicia tendo en conta que o naval representa o 3,5% do PIB galego e emprega a preto de 13.500 persoas, ademais de ser Galicia a Comunidade autónoma con máis empresas do sector. “Levamos moito tempo facendo as cousas ben e merecemos recoller o froito dese esforzo”, dixo.
O Goberno galego si respondeu ás necesidades dun dos piares da economía galega, tanto con iniciativas para facer fronte á crise económica -con liñas de financiamento e con programas de formación- como con asesoramento para presentar aos fondos europeos proxectos solventes e competitivos a través da oficina Conecta Naval, na que a Xunta traballa da man de Pymar co tecido empresarial galego.

Un proveitoso balance
O comité executivo de Navalia reuniuse para preparar a vindeira feira dun encontro bianual que celebrará no 2024 a súa novena edición avalado polo proveitoso balance da feira do 2022, unha das mellores desde os seus inicios cun 20% máis de presenza estranxeira.
Navalia é a primeira feira naval do noroeste de España e a terceira de Europa, impulsada pola iniciativa privada como escaparate do sector e punto de encontro para o intercambio de coñecemento nun eido estratéxico para a economía de Galicia e que pende dos fondos europeos para a súa transformación a través da diversificación cara ás enerxías renovables mariñas, a dixitalización da cadea de valor, a sustentabilidade medioambiental e a capacitación do seu persoal.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis