Conde destaca que a Asociación Galega do Hidróxeno vai ser un axente mobilizador do sector na candidatura de Galicia ao Perte de enerxías renovables O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe, na Cidade da Cultura, na xornada de presentación da Asociación Galega do Hidróxeno AGH2

Conde destaca que a Asociación Galega do Hidróxeno vai ser un axente mobilizador do sector na candidatura de Galicia ao Perte de enerxías renovables

Martes, 22 Marzo 2022 13:15
  • Subliña que esta organización xorde porque Galicia está sabendo interpretar este contexto de oportunidade, nun momento en que a aposta polas renovables é un elemento clave para reducir o prezo eléctrico e garantir a competitividade e sustentabilidade do tecido industrial.
  • Apunta que Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis enerxía renovable xerou durante 2021, e que a eólica e a hidráulica sumaron máis do 70 por cento da produción eléctrica autonómica.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, considerou hoxe que a Asociación Galega do Hidróxeno vai actuar como un axente mobilizador de toda a cadea de valor do sector na candidatura de Galicia ao Perte de enerxías renovables.

Conde interveu hoxe, na Cidade da Cultura, na primeira xornada de traballo desta organización que xorde, dixo, porque Galicia está sabendo interpretar este contexto de oportunidade, nun momento en que a aposta polas renovables é un elemento clave para reducir o prezo eléctrico e garantir a competitividade e sustentabilidade do tecido industrial.

O vicepresidente económico apuntou que Galicia é a segunda comunidade autónoma que máis enerxía renovable xerou durante 2021, e que a eólica e a hidráulica sumaron máis do 70 por cento da produción eléctrica autonómica. Segundo precisou, Galicia foi a terceira autonomía que máis enerxía eléctrica xerou o pasado ano grazas á forza do vento, e a cuarta en potencia eólica instalada. Ademais, xera un de cada catro GWh hidráulicos que se producen en España.

Dentro do novo mix enerxético que trae consigo a transición cara a un modelo máis sustentable, Conde indicou que os obxectivos cos que nace a Asociación Galega do Hidróxeno son, entre outros, converter Galicia nunha das rexións europeas líderes en xeración de enerxía renovable e hidróxeno verde, potenciar a I+D+i enerxética e propiciar un marco regulatorio de certificacións, normativas e formación.

O vicepresidente económico recoñeceu que Galicia xa ten preparada unha candidatura que recolle un conxunto de proxectos, maioritariamente, centrados na xeración e noutros usos do hidróxeno por un total de 3831M€. Unha candidatura que conta coa colaboración de empresas líderes do sector como Naturgy, Repsol, EDP Renovables e Reganosa, e con iniciativas como o Polo para a Transformación de Galicia.

Nesta liña, puxo á disposición da Asociación Galega do Hidróxeno a Oficina Informativa que a Xunta vén de poñer en marcha para traballar conxuntamente na candidatura galega e na incorporación de novas iniciativas que opten aos fondos europeos Next Generation no eido da enerxía.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis