Super User
Galicia presenta na Alemaña o seu potencial como nodo loxístico internacional
- O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participa en Múnic no encontro Transport Logistic, a maior feira loxística de Europa.
- Pon en valor fortalezas de Galicia como a experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, a existencia de portos áxiles ou a dispoñibilidade de chan empresarial adecuado para calquera tipo de empresa.
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participa hoxe en Múnic na feira Transport Logistic, encontro internacional de loxística, mobilidade, e xestión da cadea de subministración, onde puxo en valor o potencial de Galicia como nodo loxístico internacional.
Neste sentido, Guldrís resaltou o papel que a Comunidade aspira a ter no sector a nivel internacional, reivindicando Galicia como un “enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico”. Un obxectivo para o que, segundo detallou, a rexión participa por primeira vez “na maior feira de loxística de Europa” cunha representación que, da man do Clúster da función loxística de Galicia, suma unha decena de empresas galegas de loxística e transporte.
Sobre esta base, o director do Igape indicou que o encontro ten permitido manter máis dun centenar de reunións para traballar no posicionamento de Galicia como nodo loxístico internacional. “A Xunta ten claro que, no ámbito internacional, a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, apuntou.
O obxectivo é trasladar á comunidade loxística fortalezas de Galicia tales como a experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, sendo un dos principais exportadores de Europa; portos áxiles e seguros, dotados da protección natural das rías; e a dispoñibilidade de chan empresarial adecuado para novas implantacións empresariais.
Rueda reclama medidas que acheguen viabilidade e competitividade á industria galega vinculada á coxeración, da que dependen máis de 20.000 empregos
- Asegura que está en xogo o futuro de máis 80 empresas estratéxicas para a Comunidade que representan o 25 % do PIB industrial.
- Demanda ao Goberno central que apoie a industria do mar rebaixando o IVE dos seus produtos e autorizando a entrada da conserva no Perte Agroalimentario.
- Garante que a Lei de ordenación do litoral vai permitir a actividade económica na costa outorgando seguridade xurídica e respectando o medio ambiente.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclama ao Goberno central medidas que acheguen viabilidade e competitividade á industria galega vinculada á coxeración, da que dependen máis de 20.000 empregos. O titular do Goberno galego fixo esta demanda nunha visita hoxe as instalacións do Grupo Jealsa en Boiro, unha das empresas afectadas pola suba dos custos enerxéticos.
No encontro que mantivo o ano pasado co presidente do Goberno central, o presidente da Xunta xa tivo que insistir na necesidade de incluír a coxeración nos sistemas de produción enerxéticos da excepción ibérica. Pero agora, as empresas que empregan este sistema -que produce conxuntamente electricidade e calor- teñen que facer fronte tanto á suba do prezo do gas como á volatilidade do mercado de CO2, ás paradas e caídas de produción das plantas e ás incertezas no eido da regulación, tal e como teñen denunciado nas reunións que os afectados mantiveron cos representantes do Goberno galego.
O problema afecta a máis de 80 empresas de sectores estratéxicos para Galicia do eido da madeira, alimentación, papel, refino ou biocombustibles, que representan o 25% do PIB industrial. Segundo denuncian, a baixada da produción con coxeración no que vai de ano é de media un 40 % fronte ao 2022. De feito, prevén que, sen un novo marco retributivo estable para operar, nun par de meses, todas as plantas de coxeración en Galicia verán seriamente comprometido o seu futuro.
O que estas firmas demandan é que o Estado adopte medidas que acheguen viabilidade e competitividade ao sector da coxeración e que promova esta tecnoloxía, como fan países como Alemaña ou Italia, a través dunha nova metodoloxía para a actualización da retribución e a convocatoria das poxas para adxudicar 1.200 MW de coxeración. Alfonso Rueda subliñou que este sistema ten que seguir sendo competitivo “para garantir o futuro e a viabilidade de empresas que supoñen miles de postos de traballo, directos e indirectos”.
Alfonso Rueda resaltou que a industria do mar está chea de oportunidades, pero tamén de ameazas e, nese sentido, recordou a necesidade de que se rebaixe o IVE dos seus produtos: “Algo tan básico como a conserva ten que ter o mesmo tratamento fiscal que outros alimentos”, indicou. O presidente da Xunta recordou tamén que é necesario que o sector entre no Perte Agroalimentario para que se poida beneficiar das vantaxes que conleva, e advertiu sobre os riscos do tratado de libre comercio que a Unión Europea negocia con Tailandia. Ao seu entender, Bruxelas “debe ter en conta a diferenza de calidade que hai entre o que se fai aquí, que é excelente, e o que se fai noutras partes”, polo que pediu que se asine un acordo comercial que protexa á conserva galega para que poida operar nos mercados internacionais “en igualdade de condicións”.
Seguridade ás empresas que traballan na costaComo exemplo do apoio que as Administracións teñen que dar ás industrias que son fundamentais para o desenvolvemento do seu territorio, o presidente da Xunta referiuse á Lei de ordenación do litoral de Galicia, coa que se busca, entre outros obxectivos, ofrecer seguridade ás empresas que precisan estar preto da costa e que son estratéxicas para o desenvolvemento da Comunidade. Deste xeito, a protección do medio ambiente faise compatible coa vida dos mariñeiros, das empresas e da sociedade galega en xeral, que non pode permanecer de costas ao mar. Alfonso Rueda subliñou que estas medidas son as que garanten que o sector da conserva “siga a ser marca Galicia por todo o mundo”.
O titular do Goberno galego puxo o exemplo dunha firma como Jealsa que, malia a súa expansión internacional, non esquece a súa orixe galega e que segue mirando polo porvir da súa terra. Cun importante investimento en I+D+i, a compañía traballa agora na posta en marcha dunha nova nave no lugar de Bodión (Boiro) e no desenvolvemento dun proxecto de economía circular coa creación dunha biorrefinería mariña que agarda conseguir fondos do Perte de descarbonización industrial.
Mañá abre a convocatoria para solicitar as axudas da Xunta de ata 1 M€ por proxecto para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética nas empresas galegas
- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, estivo esta mañá no Porriño nas instalacións da empresa Grupimar, un exemplo de aposta pola redución do consumo enerxético.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou esta mañá no Porriño da apertura de prazo de solicitude, a partir de mañá, da convocatoria para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética nas empresas galegas.
Cun orzamento de 7,5M€, o programa de apoios prevé axudas de ata 1M€ por proxecto con intensidades de entre o 35 e o 55% segundo o tamaño da empresa beneficiaria, correspondendo a máxima ás pequenas empresas. A principal novidade é que incorpora unha liña específica para iniciativas que reduzan as emisións de gases nun 30%. A convocatoria ten carácter bianual e as axudas concederanse por concorrencia non competitiva.
O conselleiro explicou esta liña de axudas nas instalacións de Grupimar, á que puxo como exemplo de empresa comprometida coa eficiencia enerxética pois, tal e como indicaron os seus responsables, utilizaron estas axudas para renovar a súa maquinaria e, por outra parte, benefícianse das enerxías renovables grazas á instalación de placas fotovoltaicas.
Conde destacou a traxectoria de Grupimar, que leva máis de tres décadas exportando o granito galego a todo o mundo con obras en Francia, Irlanda, Turquía ou Estados Unidos e contribuíndo ao liderado de Galicia neste sector.
A Xunta destaca a aposta das pemes por implantar procesos de loxística avanzada para gañar competitividade
- O Igape resolve axudas para cinco empresas da provincia que incorporan medidas para axilizar procedementos de produción, almacenamento ou distribución
Tamén resultaron beneficiadas a empresa de pinturas Carlos Varela e Cegoagro, ambas en Begonte, para melloras no almacén e para a instalación de sensores de medición en silos, respectivamente. Completan a relación dúas empresas con sede na capital: Comenza recibiu apoios para deseñar fluxos loxísticos e Agroamb para implementar sensores en contedores de residuos no marco dun proxecto que se realiza en Santiago de Compostela.
A Xunta promove o financiamento de pemes e autónomos galegos facilitando o acceso ao crédito de operacións por valor de 60 M€
- O director do Igape, Fernando Guldrís, asina un convenio con representantes das sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal, Sogarpo e Iberaval na procura de dotar ao tecido empresarial galego das ferramentas necesarias para reforzar a súa solvencia e que poidan “gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica”.
- A liña, impulsada no marco da Axenda Financeira, abrirase o vindeiro 12 de maio e busca dar resposta ás necesidades das pequenas e medianas empresas no actual contexto económico, financiando investimentos produtivos e circulante estrutural, pagamentos e reestruturación de débedas, e favorecendo a capacidade do tecido empresarial galego para outorgar garantías fronte a terceiros.
- A modalidade de apoio poderá consistir na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, na bonificación da comisión do aval, así como no reaval do risco asumido polas SGR.
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, asinou esta mañá un convenio con representantes das sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal, Sogarpo e Iberaval, na procura de facilitar, un ano máis, o acceso ao financiamento de pemes e autónomos galegos. Neste sentido, e como destacou Guldrís, o acordo permite cubrir operacións de investimento, circulante e garantías de pequenas e medianas empresas por importe de 60 millóns de euros.
O convenio, afondou o director do Igape, sitúase no marco da Axenda Financeira que promove o Goberno galego para axudar a pemes e autónomos a reforzar a súa solvencia e darlle acceso a crédito para que poidan “gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica e a competitividade dos sectores estratéxicos galegos”.
Así, o obxectivo do acordo asinado hoxe é facilitar, dun lado, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar tanto investimentos produtivos como circulante estrutural, dando a posibilidade tamén de aplicar os fondos ao pagamento ou á reestruturación de débedas con entidades financeiras; e, por outra parte, favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros.
Neste marco, explicou Guldrís, a modalidade de apoio consistirá tanto na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, como na bonificación da comisión do aval, e no reaval do risco asumido polas SGR que faciliten o acceso ao crédito.
A concesión das axudas, cuxo período de solicitude estará aberto desde o 12 de maio e ata o 29 de setembro, será por concorrencia non competitiva, deste xeito son subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras ata o esgotamento do crédito. Deste xeito, apuntou Guldrís, axilízase a execución desta liña de financiamento para pequenas e medianas empresas e autónomos que teñen o seu domicilio social e desenvolven a súa actividade económica en Galicia.
“En definitiva, trátase de ofrecer ao tecido empresarial galego as mellores condicións de financiamento para fortalecer a súa solvencia. Por este motivo, mantemos intactas as capacidades de investimento tradicionais de fondo perdido e préstamos e avais, e reforzamos os fondos de apoio necesarios para unha adaptación ao complexo escenario actual”, informou o director do Igape, quen lembrou que, tamén no marco da Axenda Financeira, está en marcha a liña de préstamos directos para investimentos estratéxicos ou para infraestruturas de centros tecnolóxicos.
A Xunta avalía co empresariado galego as oportunidades que achega a transición ecolóxica para a implantación dun novo modelo industrial
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión con representantes da comisión de enerxía da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión coa comisión de enerxía da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na que fixo fincapé nas oportunidades que achega a transición ecolóxica para a implantación dun novo modelo industrial.
O responsable de Economía, Industria e Innovación resaltou que, a través da Axenda Enerxética de Galicia, a comunidade busca avanzar cara a un modelo sustentable e un novo mix enerxético con novas tecnoloxías -como poden ser o hidróxeno verde, os gases renovables e a economía circular, os biocombustibles, o almacenamento enerxético ou a eólica mariña.
Do mesmo xeito, Conde apuntou que a Xunta aposta por un modelo de transición enerxética ordenada, garantista, sustentable e respectuoso co medio ambiente, que permita achegar a familias, pemes e industria un prezo competitivo.
A Xunta de Galicia aborda cos axentes económicos e sociais as necesidades enerxéticas dos novos proxectos industriais
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UGT e CCOO.
- Lembra que Galicia precisa 1200MW adicionais na planificación da rede eléctrica para que se poidan desenvolver iniciativas empresariais como as de Stellantis, Altri, Resonac ou as dúas plantas de hidróxeno planificadas nas Pontes e Meirama.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UGT FICA Galicia e CCOO Industria para abordar as necesidades enerxéticas dos novos proxectos industriais galegos.
Na xuntanza, Conde sinalou que estes proxectos dependen directamente da planificación eléctrica, e polo tanto precisan que o Goberno central garanta que a Comunidade vai contar coas infraestruturas necesarias para que as empresas se poidan conectar á rede. Segundo salientou o vicepresidente económico, Galicia precisa 1200MW para proxectos como Stellantis, Altri, Resonac ou as dúas plantas de hidróxeno que están planificadas nas Pontes e Meirama, entre outras iniciativas empresariais.
No caso de Stellantis, Conde lembrou que o Goberno se comprometeu a poñer en marcha unha nova subestación e a iniciar a correspondente modificación na planificación eléctrica non máis tarde do 30 de marzo.
A Xunta destaca que a aposta polas enerxías verdes vai permitir que empresas como Invenergy Services viva un momento de grandes oportunidades
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, estivo hoxe nas instalacións desta empresa nas Somozas, onde explicou que a prioridade do Goberno galego no sector eólico é favorecer un desenvolvemento ordenado e compatible co medio ambiente.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe nas Somozas que a aposta de Galicia polas enerxías verdes vai permitir que empresas como Invenergy Services viva un momento de grandes oportunidades.
O vicepresidente económico achegouse esta mañá ás instalacións desta empresa con case 20 anos de traxectoria, referente na Comunidade na instalación, xestión e mantemento de parques eólicos e que é a responsable dos aeroxeradores que Endesa ten nos parques eólicos galegos.
O sector da enerxía vai ser un vector de crecemento e innovación en Galicia e a comarca de Ferrolterra ten potencial para converterse no epicentro da transición enerxética pola capacidade instalada e tamén desde o punto de vista loxístico e industrial a través do desenvolvemento, tamén, da eólica mariña e o hidróxeno verde.
Así, esta zona conta con tres dos catro Proxectos Industriais Estratéxicos declarados pola Xunta: a planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP e a factoría de pneumáticos de Sentury, ambas as dúas nas Pontes e o proxecto de Forestal del Atlántico para a produción de metanol en Mugardos. Súmanse outras iniciativas como a planta de
Iffe-Biotech para producir aceites omega-3 nas Somozas ou as fábricas de compoñentes para eólica mariña de Nervión Naval Offshore no porto exterior de Ferrol e nas antigas instalacións da planta Siemens Gamesa nas Somozas.
A prioridade do Goberno galego no referente ao sector eólico é favorecer un desenvolvemento ordenado e compatible co medio ambiente. Neste sentido, a futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia busca ser garantista desde o punto de vista ambiental e administrativo, xerar beneficio económico onde se asenten os proxectos, así como un impacto positivo na industria.
Rueda salienta o bo clima de diálogo social en Galicia que permite axilizar e activar inversións industriais
- O presidente da Xunta asistiu á clausura das xornadas A enerxía factor determinante na competitividade industrial, organizadas pola Fundación Anastasio de Gracia e a Federación de Industria, Construción e Agro de UGT.
- Agradece a colaboración de patronal e sindicatos na reclamación de financiamento europeo para proxectos estratéxicos para a comunidade e tamén na demanda do impulso de “infraestruturas xustas”, como o Corredor Atlántico do Noroeste.
- Defende a “enorme oportunidade” de apostar polo desenvolvemento das enerxías renovables porque considera que redundará nunha mellora da competitividade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou o “bo clima” de diálogo social que existe en Galicia que permite axilizar e activar inversións de carácter industrial. Así o valorou durante a súa intervención na clausura da xornada A enerxía factor determinante na competitividade industrial, organizadas en Vigo pola Fundación Anastasio de Gracia e a Federación de Industria, Construción e Agro de UGT.
Rueda puxo en valor os 57 encontros nos que teñen participado Xunta, patronal e sindicatos nos últimos tres anos con carácter construtivo e das que se amosou satisfeito polo que supón de avance do diálogo social na comunidade. Neste senso, agradeceu a colaboración que recibiu o Goberno galego para reclamar a chegada de financiación europea a través dos Fondos Next Generation a proxectos estratéxicos, en referencia aos de Stellantis, Altri ou de Reganosa, Repsol e Naturgy, e tamén para a demanda do impulso de “infraestruturas xustas” para Galicia, como o Corredor Atlántico do Noroeste.
Custo enerxético e aposta polas renovables
Na súa intervención o presidente da Xunta tamén se referiu ao factor determinante do custo enerxético na competitividade industrial. Neste senso, apuntou á “enorme oportunidade” que ofrece Galicia en materia de enerxías renovables, en referencia á eólica mariña, da que defendeu o seu máximo aproveitamento. “É o momento”, aseverou, ao tempo que considerou que isto redundará na mellora da competitividade.
Galicia avoga por seguir tendendo a man aos axentes sociais e económicos para ser competitivos a nivel enerxético
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avogou por seguir tendendo a man aos axentes sociais e económicos para seguir sendo competitivos a nivel enerxético. Conde participou na apertura do encontro A enerxía, factor determinante na competitividade industrial, organizado por UGT FICA Galicia e a Fundación Anastasio de Gracia.
Na súa intervención o vicepresidente económico asegurou que Galicia estase preparando -no eido do diálogo social e co fomento da colaboración público-privada- para os desafíos da transición enerxética co obxectivo de aproveitar esta oportunidade. Así, informou dos proxectos que se están desenvolvendo no eido do hidróxeno verde, da mobilidade sustentable, a economía circular ou a eólica. Destacou tamén a futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia como garante do impacto positivo destes proxectos na sociedade.