Super User
A Xunta subliña en Sevilla a aposta pola cooperación público-privada para a internacionalización do tecido produtivo
- O director do Igape, Fernando Guldrís, participa, no marco do XXIII Foro de Axencias de Desenvolvemento Rexional, nun panel sobre as posibilidades que ofrecen as ADR como instrumentos na cooperación iberoamericana.
- Destaca o traballo realizado polas Antenas do Igape, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización sumando máis de 1400 servizos nos últimos tres anos.
- Lembra que está en marcha una nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que desde a súa posta en marcha no 2014 permite impulsar misións empresariais directas e a participación das pemes galegas en feiras e eventos internacionais, con actuacións en ata 70 países.
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá nunha mesa de traballo no XXIII Foro de Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) na que se afondou nas posibilidades que ofrecen estes organismos como instrumentos estratéxicos na cooperación iberoamericana. Un marco no que salientou a importancia da cooperación público-privada para fortalecer a Marca Galicia e consolidar a internacionalización do tecido produtivo galego.
“O bo facer e o prestixio das nosas marcas líderes internacionais fortalece a Marca Galicia, do mesmo xeito que o prestixio da nosa terra potencia o posicionamento competitivo das empresas galegas nos mercados internacionais”, indicou Guldrís, quen salientou que “ao longo destes anos fomos creando comunidades moi sólidas en todo o mundo, tamén en Iberoamérica”.
Un traballo conxunto que, como explicou o director do Igape, se materializa en boas prácticas capaces de consolidar “lazos comerciais”. Neste sentido, resaltou, entre outros, os distintos acordos asinados co Estado de México, co Estado de Antioquia (Colombia), ou coa provincia de Tungurahua (Ecuador), que facilitan o diálogo e supoñen vantaxes directas para as empresas galegas promovendo os investimentos e o comercio bilateral coas rexións.
Así mesmo, Guldrís fixo fincapé no papel que están a desempeñar as Antenas do Igape, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización sumando máis de 1400 servizos nos últimos tres anos.
Neste mesmo marco de aposta pola internacionalización, lembrou Guldrís, activouse hai uns meses unha nova convocatoria da liña de bolseiros de internacionalización, que permite aos participantes adquirir competencias profesionais en mercados exteriores. A iniciativa suma, desde a súa posta en marcha, 400 novos titulados galegos especializados en comercio exterior, que colaboran coa internacionalización das empresas en mercados como Estados Unidos, Filipinas, Dubai, Arxentina, Xapón, Canadá, Tailandia, Brasil, Corea do Sur, México ou Emiratos Árabes.
Así mesmo, o director do Igape indicou que está en marcha unha nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que desde a súa posta en marcha no 2014 permite impulsar accións directas e a participación das pemes galegas en feiras e eventos internacionais, con presenza en ata 70 países.
“Todas estas prácticas e actuacións representan moi ben a Galicia na que estamos a traballar: unha Galicia moderna e de futuro, innovadora e aberta ao mundo. Unha Galicia que, como saben, alcanzou novos fitos en exportacións: falamos dun récord histórico con case 30.000M€ en exportacións e dun total de 8.496 compañías que realizaron vendas no exterior durante o ano pasado”, concluíu Guldrís.
Rueda destaca o bo comportamento do sector galego da automoción, que pechou 2022 coa cifra de negocios no seu nivel máis alto e con récord de exportacións
- O presidente da Xunta participou na clausura da asemblea do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).
- Reclama que Stellantis Vigo poida acceder á nova convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado, tras quedarse sen asignar máis de 2.000 M€ de fondos europeos na primeira edición.
- Solicita do Goberno central un trato xusto con Galicia, tendo en conta que a industria da automoción contribúe a que España sexa o segundo país produtor de Europa.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destaca o bo comportamento do sector galego da automoción, que pechou o 2022 coa cifra de negocios no seu nivel máis alto e con récord de exportacións. Na clausura da asemblea do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), o titular do Goberno autonómico solicitou do Goberno central un trato xusto con Galicia no reparto dos fondos europeos, tendo en conta que o este sector contribúe a que España sexa o segundo país produtor de Europa.
Alfonso Rueda, que asistiu acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, puxo en valor os bos resultados do sector nun ano difícil para a automoción galega polos problemas de aprovisionamento, a suba de prezos das materias primas, a crise enerxética e a inflación. Malia todo, resistiu e pechou o último exercicio contable coa cifra de negocios no seu nivel máis alto e con récord de exportacións. Destacou, ademais, que Galicia lidera o ránking nacional e que o sector galego da automoción representa o 13,8 % do emprego industrial na Comunidade. Galicia, co grupo Stellantis á cabeza e con toda a súa industria auxiliar, fabricou o 19 % dos vehículos producidos en España.
O presidente da Xunta pediu que, atendendo a estes datos, se actúe en consecuencia e que o Goberno central teña en conta o peso da automoción galega no reparto dos fondos Next Generation, “a maior oportunidade que ten ante si o sector”, subliñou. Nese sentido, aplaudiu que se anunciara unha segunda convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado, coa posibilidade de emendar os erros da primeira, pero pediu “resultados”. Alfonso Rueda, de feito, solicitou o apoio do sector para esixir ao Goberno que os máis de 2.000 millóns de euros que quedaron sen asignar no primeiro Perte Vec se repartan tendo en conta as necesidades e as oportunidades da automoción galega; especialmente, de Stellantis Vigo.
Rueda confiou en que se manteñan os prazos e que a convocatoria non se retrase máis alá do mes de maio para que a factoría de Balaídos poida planificar novos investimentos na Comunidade. “Galicia, como principal produtora, quere ser parte da solución”, indicou.
A Xunta impulsa a Axenda de startups co obxectivo de promover o seu crecemento e fomentar a captación de investimentos e novos socios
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela na xornada organizada por APD e Unirisco ‘Investir en ciencia si é rendible’.
- O Goberno galego tramita un decreto para garantir a estabilidade de máis de 500 investigadores e técnicos de investigación de centros públicos.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na xornada Investir en ciencia si é rendible, organizada por APD e Unirisco, na que explicou que a Xunta de Galicia impulsa a Axenda de startups co obxectivo de promover o seu crecemento e fomentar a captación de investimentos e novos socios.
Así, no eido do financiamento do emprendemento innovador, Galicia conta con este instrumento -cun orzamento de 14,7M€-, ademais da Axenda Financeira para 2023 na que se reservan 140M€ e que contempla apoios específicos para investimento en innovación. Así, a través de XesGalicia, destínanse por exemplo 10M€ a este ámbito a través dos fondos Galicia InnovaTech e Galicia Iniciativas Emprendedoras.
Conde defendeu que é rendible investir en ciencia tanto polo impacto na saúde e benestar, no medio ambiente, na medicina e na industria; como polo retorno que xera en termos de coñecemento, talento, competitividade e progreso social e económico.
Explicou que Galicia está investindo en ciencia, poñendo en marcha infraestruturas como o Polo biotecnolóxico da Sionlla ou o primeiro centro en Galicia para o desenvolvemento de terapias avanzadas contra o cancro; apoiando o emprendemento innovador a través das business factory (BioIncubaTech, BFAuto, BFFood ou BFMedicines); con iniciativas que contribuirán ao desenvolvemento das capacidades empresariais como os Hubs de Innovación Dixital. Pero tamén a través dun decreto para que a carreira investigadora se poida desenvolver en Galicia coas mellores condicións laborais, garantindo a súa estabilización e do que se poderían beneficiar máis de 500 profesionais entre investigadores e técnicos de investigación.
O vicepresidente económico destacou que Galicia, a través das empresas biotech e os centros de coñecemento, está xerando produtos e servizos innovadores que contribúen a captar e reter talento. É o caso de compañías apoiadas pola Xunta como Celtarys, Libera Bio ou BFlow; ou empresas tractoras que apostan pola Comunidade como Janssen y Lilly, Lonza ou Indukern. Neste sentido incidiu na necesidade de que a ciencia sexa respaldada con apoio tanto público como privado.
A Xunta e o concello de Beariz avalían novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde do municipio ourensán, Manuel Prado.
- Na xuntanza abordáronse diferentes medidas para potenciar o solo empresarial e atraer novas iniciativas cara á localidade.
-
Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Beariz, Manuel Prado, no que avaliaron novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio.
Na xuntanza abordáronse, entre outras cuestións, a adecuación dos accesos ao Parque Empresarial de Lebozán desde a OU-212, unha actuación que rematará nos próximos meses e á que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 450.000 euros. Ademais, o Concello solicitou unha axuda da Secretaría Xeral de Industria, que está nestes momentos en fase de estudo e valoración, para obras de pavimentación dun viario.
Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.
O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa impulsada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través de diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a dinamización económica.
Abertas as inscricións para participar no Plan de Misións Comerciais 2023
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nas primeiras accións do programa Misións Comerciais 2023, unha actividade que levamos adiante coa colaboración das Cámaras de Comercio.
Estas son as próximas citas:
Misión Comercial a Japón (centrada en sector saúde)
Datas: 8-15 outubro
Fin da inscrición: 04/09/2023
Misión Comercial a Portugal
Datas: 22-27 outubro
Fin da inscrición: 05/09/2023
Misión Comercial a República Checa e Hungría
Datas: 22-28 outubro
Fin da inscrición: 08/09/2023
Misión Comercial a Rumania, Bulgaria e Moldavia
Datas: 15-21 outubro
Fin da inscrición: 08/09/2023
Misión Comercial a Croacia, Serbia, Bosnia e Eslovenia
Datas: 22-28 outubro
Fin da inscrición: 12/09/2023
Misión Comercial a Azerbaiyán e Georgia
Datas: 15-21 outubro
Fin da inscrición: 12/09/2023
Visita Feira MOTEK, FAKUMA, AIRTEC
Datas: 9-28 outubro
Fin da inscrición: 15/09/2023
Visita Feira Kormarine, Bexco, Busan - Corea do Sur
Datas: 22-30 outubro
Fin da inscrición: 15/09/2023
Misión Comercial a Países Baixos e Bélxica
Datas: 15-21 outubro
Fin da inscrición: 15/09/2023
Misión Comercial a Polonia
Datas: 1-14 outubro
Fin da inscrición: 15/09/2023
Visita Feira China Fisheries & Seafood Expo
Datas: 23-29 outubro
Fin da inscrición: 21/09/2023
Misión Comercial a Reino Unido
Datas: 22-28 outubro
Fin da inscrición: 02/10/2023
Rueda resalta que as novas instalacións de Inleit en Curtis van situar Galicia á vangarda da industria láctea e contribúen a que o leite galego poida transformarse na comunidade
- O presidente da Xunta visitou a nova planta da empresa na comunidade.
- Destacou a “gran oportunidade” que supón este proxecto para xerar valor engadido ao leite galego a través da súa transformación sen saír de Galicia.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a nova planta de desenvolvemento de proteínas lácteas de Inleit en Curtis vai situar Galicia á vangarda da industria láctea e contribúe a impulsar a transformación do leite galego na propia comunidade. “Este é un gran proxecto e unha gran oportunidade. Temos unha materia prima de primeira calidade e o noso interese e que estas materias primas poidan transformarse aquí, con todo o valor engadido que isto supón”, indicou o presidente durante unha visita as novas instalacións.
Nesta liña, o presidente lembrou que Galicia xa é unha potencia na produción de leite –“é a principal produtora de España e está entre as dez primeiras de Europa”, indicou-, pero que o obxectivo da Xunta é facer de Galicia un referente en todas as fases vencelladas ao sector lácteo: desde a recollida ata a transformación do leite e a comercialización final dos produtos.
Para iso, Rueda resaltou a importancia de aumentar a porcentaxe de leite recollida en Galicia que se transforma tamén na comunidade -na actualidade xa se supera o 63% e o obxectivo é chegar ao 75 % no 2025- e de apostar pola innovación e a modernización do sector para situarse á vangarda da industria láctea.
O novo centro de fabricación avanzada de Inleit para desenvolver ingredientes lácteos de alto valor engadido en Curtis vai nesa dirección. Nesta planta vanse poder levar a cabo proxectos de I+D no eido lácteo desde a comunidade que, ata agora, había que encargar a empresas no estranxeiro, o que permitirá que Galicia se consolide coma un dos epicentros da innovación no sector.
Ademais, Rueda resaltou a importancia de que os promotores comprometéronse a seguir mercando gran parte do leite a gandeiros galegos -só no 2022 adquiriron máis de 200 millóns de litros a 278 explotacións galegas- e a contar tamén cos centros tecnolóxicos galegos para os seus proxectos de I+D.
Rueda lembrou que a Xunta outorgou 14 millóns en axudas para a ampliación e mellora das instalacións de Inleit desde que iniciou a súa actividade en Galicia. Ademais o Goberno galego leva anos traballando para impulsar a modernización e mellorar a competitividade do sector lácteo a través de medidas como a Estratexia de dinamización deste eido; a Lei de recuperación da terra agraria, axudas para impulsar centros de fabricación avanzada ou apoiando unha candidatura forte de Galicia aos fondos europeos a través do Perte agroalimentario. “Agardamos que non se repitan as malas experiencias noutros Perte”, indicou.
Bo momento do sector lácteo galego
Durante a súa intervención, Rueda subliñou ademais o bo momento que está a vivir o sector lácteo galego e que consolida a Galicia como unha potencia europea neste eido. O prezo que se lles paga aos gandeiros por litro incrementouse de forma constante nos últimos 19 meses -o que fai que a facturación por venda de leite alcanzase récords históricos con máis de 1.300 millóns de euros no 2022- e nos últimos oito anos, a produción media por explotación aumentou case un 74 %.
O programa Conecta Lugo está favorecendo que sexan máis as empresas da provincia que solicitan as axudas da Xunta
- Esta iniciativa ten como obxectivo achegar ás empresas luguesas información e asesoramento sobre o mapa de axudas da Xunta de Galicia, así como a organización de xornadas de divulgación e foros sectoriais.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou que a posta en marcha do programa Conecta Lugo, que a Xunta de Galicia desenvolve en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), está favorecendo que sexan máis as empresas da provincia que se presentan ás convocatorias de axudas da Administración autonómica.
Conde visitou en Chantada un obradoiro sobre innovación para pemes que se celebrou no marco desta iniciativa que ten como obxectivo achegar ás empresas luguesas información e asesoramento sobre o mapa de axudas da Xunta de Galicia, así como a organización de xornadas de divulgación e foros sectoriais. Para iso, lembrou que a Confederación de Empresarios de Lugo abriu dúas oficinas de información en Ribadeo e Monforte de Lemos para poder ter presenza física en varios puntos da provincia e facer efectivos os servizos do Conecta Lugo.
Como balance do primeiro ano deste programa, precisou que a provincia de Lugo acapara un 24,3 % do total das solicitudes recibidas na Administración autonómica (xestionadas pola Axencia Galega de Innovación e polo Igape) de empresas de toda Galicia; case dez puntos máis con respecto a 2021 e das que resultaron aprobadas ata case un 18 % máis.
En base a estes bos datos, o vicepresidente económico explicou que a Xunta de Galicia vén de renovar o convenio coa Confederación de Empresarios de Lugo para darlle continuidade a este programa cun orzamento de 160.000 euros. As novidades, ademais de que se manteñen as oficinas de Ribadeo e Monforte de Lemos, están, fundamentalmente, na axenda de actividades que se van realizar este ano, que fan máis fincapé no sector da innovación.
A Xunta avoga pola innovación e a internacionalización do tecido produtivo para seguir construíndo unha Galicia chea de certezas
- O director do Igape, Fernando Guldrís, clausura o IV Congreso Nacional Interim Management onde pon en valor a raíz innovadora e sustentable que está a potenciar o Goberno galego para mellorar a competitividade do tecido empresarial, con liñas como a de economía circular que promove novos modelos de negocio mediante a optimización de recursos.
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na clausura do IV Congreso Nacional Interim Management, celebrado no Pazo de Congresos de Santiago, onde resaltou a importancia da innovación e a internacionalización do tecido produtivo galego de cara a seguir construíndo unha Galicia chea de certezas. Guldrís apuntou que a economía está a potenciar unha “economía de oportunidades” capaz de situarse “á vangarda das innovacións para asegurar un futuro próspero”.
“As compañías están obrigadas a dispoñer de recursos que, quizais, eran impensables hai un tempo, e as administracións públicas temos a obriga de acompañar ao tecido empresarial, ofrecendo servizos e recursos para que logren solucións específicas e adaptadas á contorna”, afondou indicando que este é, precisamente, un dos fortes do Interim Management.
Neste contexto, o director do Igape puxo en valor a “raíz innovadora e sustentable” que está a potenciar o Goberno galego para mellorar a competitividade do tecido empresarial, con liñas como a de economía circular que promove novos modelos de negocio mediante a optimización de recursos.
A Xunta destaca a aposta de Metalúrgica BB pola diversificación
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Carballo as instalacións desta empresa familiar que está sabendo interpretar as necesidades que existen no mercado para darlle resposta.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou en Carballo as instalacións da empresa familiar Metalúrgica BB da que destacou a súa capacidade de diversificación, que lle está permitindo interpretar as necesidades do mercado para darlles resposta.
Metalúrgica BB, que leva 26 anos en activo, conta con máis de 40 traballadores e está especializada na reparación e mantemento de maquinaria de grandes compoñente. Actualmente, traballa para os sectores madeireiro, alimentario, enerxético e mineiro.
Tal e como explicou Conde, a empresa é unha das beneficiarias do programa Galicia Inviste, grazas ao que puido mobilizar 1,2 M€ a partir dunha axuda pública de 360.000 euros coa que acometeu investimentos en maquinaria -dous novos tornos e unha fresadora-.
Desde a súa posta en marcha en 2018, este programa xa destinou 33 M€ para apoiar 360 proxectos cunha mobilización de 144 M€ en toda Galicia. No caso da comarca de Bergantiños foron oito iniciativas cunha axuda de 1,2 M€ e unha mobilización de 6 M€.
O mapa de axudas á innovación da Xunta suma 38 instrumentos de apoio cos que se prevén mobilizar 400 M€
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Santiago nun encontro sobre o valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que participou hoxe nun Networking Galicia Empresa sobre O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial, apuntou queomapa de axudas que a Xunta de Galicia ten a disposición do tecido empresarial en materia de I+D+i suma 38 instrumentos de apoio cos que se prevé mobilizar 400 millóns de euros.
Este documento, que é resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i que agrupa a todas as consellerías do Goberno galego, estase dando a coñecer nun ciclo de encontros como o que hoxe se celebrou, para informar polo miúdo destas liñas de apoio que por primeira vez se presentan de forma conxunta. Tal e como subliñou o vicepresidente primeiro, este mapa está estruturado en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e cobre todas as etapas da I+D+i, desde a innovación empresarial ata a contratación de persoal, pasando pola proxección exterior e a internacionalización e abordando tamén a colaboración entre os axentes do ecosistema galego de I+D+i e o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de coñecemento.
No encontro, no que achegaron as súas experiencias representantes das empresas Idero Tech, do grupo Dimensiona; Errecé Láser; Intacta Gestión Ambiental e Syspro, o vicepresidente primeiro lembrou que entre as convocatorias abertas actualmente está o programa de Bonos de innovación, que busca mobilizar un millón de euros axudando a pemes e micropemes nos seus primeiros pasos de posta en marcha dun proxecto innovador.
A mellora da función loxística motiva unha gran parte do esforzo que o tecido empresarial está facendo pola dixitalización e a automatización de procesos pola innovación. Un dos asuntos que pon en primeiro plano a función loxística na xestión empresarial é o crecemento continuado do comercio electrónico, e aí é onde entran en xogo as TIC, asegurándose a optimización de custos e a eficiencia, a anticipación e sobre todo unha resposta áxil cara ao cliente.