A Xunta impulsa a oficina conecta naval para posicionar Galicia e poñer de relevo o papel que merece a industria galega nos fondos europeos

Martes, 24 Xaneiro 2023 18:15
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación en Ferrol desta iniciativa, que se desenvolve en colaboración con Pymar.
  • Aposta por que o naval galego traballe conxuntamente desde o punto de vista industrial e tecnolóxico, e impulsando proxectos de innovación vinculados coa dixitalización e a sustentabilidade, ademais da diversificación.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe na presentación en Ferrol da oficina Conecta Naval que a Xunta impulsa esta iniciativa co obxectivo de posicionar Galicia e poñer de relevo o papel que merece a industria galega do naval no reparto dos fondos europeos Next Generation.

Conde destacou que se busca que toda a cadea de valor traballe de forma conectada, colaborando entre si e contando co apoio da Xunta e de Pymar para o desenvolvemento de proxectos que poidan optar aos fondos do Perte naval. Así, apostou por que o naval galego traballe conxuntamente desde o punto de vista industrial e tecnolóxico, e impulsando proxectos de innovación vinculados coa dixitalización e a sustentabilidade, ademais da diversificación en eidos como o da eólica mariña.

O vicepresidente económico lembrou que hai moito tempo que se está a traballar nestes ámbitos, a través por exemplo de Cesena e Navantia, e tamén no eido da formación e na captación e retención de talento cualificado co obxectivo de impulsar a competitividade do sector. Neste contexto, apuntou que agora existe a posibilidade de reforzar e consolidar ese liderado a través dos investimentos que se poidan vincular ao Perte do naval.

Ata o vindeiro 28 de febreiro está aberto o prazo para presentar candidaturas a esta convocatoria. O obxectivo é que Galicia como comunidade autonómica con máis empresas do sector (preto de 300 en todos os segmentos de actividade) teña un papel significativo.

Tal e como subliñou Conde na reunión, á que asistiron entre outras entidades Aclunaga e Asime, a través de Conecta Naval búscase que as empresas independentemente do seu tamaño teñan a oportunidade de incorporarse a algún dos proxectos primarios que se están traballando por parte de Pymar e a partir de aí que teñan ese soporte tamén da Xunta de Galicia.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis