- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou as instalacións de Setga no polígono da Reigosa, nas que esta empresa especializada en iluminación está a instalar un novo sistema para a xestión de edificios co apoio da Administración autonómica.
- Subliña que este tipo de actuacións permiten avanzar en novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
- O programa impulsou ata o de agora unha ducia de iniciativas centradas na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
- En próximas datas publicarase a segunda edición desta liña de axudas, cun importe de 1,5 millóns para 2023.
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as novas instalacións que a empresa Setga está a construír no polígono da Reigosa (Ponte Caldelas), onde destacou a aposta da Administración autonómica por novos modelos produtivos baseados na economía circular. “Estamos nunha época de cambios onde as empresas deben apostar por un novo paradigma sustentado na dixitalización e na sustentabilidade”, salientou Guldrís, poñendo en valor neste marco o papel que xogan a innovación, a loxística e a economía circular.
Neste sentido, a compañía, experta en solucións lumínicas, está a avanzar na nave onde vai instalar un novidoso sistema para xestión de edificios. A infraestrutura, en fase avanzada, permitirá achegar solucións innovadoras de economía circular.
Estes obradoiros, sinalou, acadan a súa quinta convocatoria e configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada, reforzando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sostible dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.