Super User
A Xunta ve no talento que participa en Galicia Avanza a oportunidade para seguir afianzando o mellor ciclo exportador
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en San Cibrao das Viñas na xornada de presentación dos resultados do programa Galicia Avanza.
- A iniciativa, con sede na Tecnópole, naceu para que noutros países se vexa a Marca Galicia e o que se está facendo no eido da I+D+i e a tecnoloxía.
- O prazo para participar na segunda convocatoria estará aberto ata o 28 de febreiro.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en San Cibrao das Viñas na xornada de presentación dos resultados do programa Galicia Avanza, onde destacou que o talento que participa nesta iniciativa é unha oportunidade para seguir afianzando o mellor ciclo exportador da Comunidade
Tal e como explicou, Galicia Avanza -con sede na Tecnópole- naceu para que noutros países se vexa a Marca Galicia e o que se está facendo aquí no eido da I+D+i e a tecnoloxía.
Nesta primeira edición participaron 30 empresas -vinculadas sobre todo a sectores como o tecnolóxico, o biotech, así como servizos, sanitario e automoción- que tiveron como mercado de destino a Unión Europea (47%), Latinoamérica (23%), Asia (13%), Estados Unidos (12%) e Gran Bretaña (5%).
Conde destacou que o traballo desenvolvido por estas empresas é unha proba de como desde Galicia se está dando resposta aos retos do século XXI: a dixitalización, a economía verde e o coidado da saúde e benestar.
O vicepresidente económico lembrou que segue aberto o prazo -ata o 28 de febreiro- para todos aqueles proxectos que queiran participar na segunda edición e acceder a itinerarios, formación e asesoramento co que as empresas poidan aumentar o seu peso no mercado internacional, acceder a novos segmentos de clientes e atraer financiamento externo para amplificar a súa marca e proxectos de innovación.
Conde rematou poñendo en valor o labor da Tecnópole e a oferta de servizos que pon a disposición do tecido empresarial, incidindo en que proximamente incorporará tamén o Centro de excelencia en ciberseguridade de Galicia ou a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial.
Rueda anuncia que Galicia presentará un proxecto “forte, sólido e potente” ao Perte Agroalimentario enfocado a modernizar e dixitalizar a industria láctea
- En Smartz4milk participan 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Valencia.
- Defende a colaboración pública e privada que deu como resultado os proxectos Milktelligence e Smart4Cheese que xa contan co apoio dos fondos Next Generation.
- Reitera a súa preocupación pola “lentitude” da execución dos fondos europeos por parte do Goberno central e demanda “celeridade “ e “descentralización”.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia presentará un proxecto tractor “forte, sólido e potente” ao Perte Agroalimentario enfocado a modernizar e dixitalizar a industria láctea.
Así o deu a coñecer o titular do Goberno galego na participación no Foro Next Generation Galicia do Perte Agroalimentario, no que estiveron presentes tamén o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro do Medio Rural, José González; e tamén asistiu a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Precisamente, Rueda lamentou que o sector da conserveira quedase fóra destas convocatorias e garantiu que o Goberno galego seguirá reclamando que se lle dea cabida.
Rueda salientou outros proxectos tractores que xa contan co apoio dos fondos europeos Next Generation, como son Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías.
O mandatario galego advertiu que “non é ningunha casualidade” esta aposta da Administración galega por proxectos do sector lácteo galego para optar tanto ao Perte Agroalimentario como aos fondos Next Generation, xa que lembrou que Galicia lidera a produción de leite en España e sitúase entre as dez principais a nivel europeo.
A Xunta creará un consello empresarial para coordinar actuacións no sector aeroespacial a través da colaboración público-privada
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na inauguración da xornada monográfica do Polo Aeroespacial de Galicia organizada xunto co Consorcio Aeronáutico Galego no Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) de Rozas.
- Confía en que o sector privado galego sexa capaz, a través do Polo Aeroespacial, de incrementar a súa participación en convocatorias de I+D nacionais e internacionais, en programas aeroespaciais e na venda da súa tecnoloxía a outros mercados.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na inauguración da xornada monográfica do Polo Aeroespacial de Galicia organizada xunto co Consorcio Aeronáutico Galego no Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) de Rozas. Na súa intervención, Conde apuntou que o sector privado galego debe liderar os vehículos e sistemas non tripulados en España e fóra dela, aproveitando o apoio da Administración Autonómica para transformalo en contratos, en investimentos en innovación e industriais e en emprego.
Neste sentido, Conde adiantou que o Goberno galego creará un consello empresarial para coordinar actuacións pola vía da colaboración público-privada. Este consello, que contará con empresas galegas, reunirase periodicamente e revisará os avances, axudando á toma de decisións.
O responsable de Economía, Industria e Innovación subliñou que a Xunta confía en que o tecido empresarial, xunto cos centros tecnolóxicos e de investigación, sexa capaz, a través do Polo Aeroespacial de Galicia, de incrementar a súa participación en convocatorias de I+D nacionais e internacionais, en programas aeroespaciais e na venda da súa tecnoloxía noutros mercados, apuntando que a Administración autonómica traballará man a man coas empresas para lograr estes obxectivos.
Neste eido, o vicepresidente económico lembrou que o investimento público-privado arredor do Polo Aeroespacial ten sido moi superior ao inicialmente esperado, e así, os primeiros cinco anos pecharon cun investimento de máis de 164 millóns de euros, e nos dous anos do novo período de investimentos mobilizouse xa máis do dobre: 333,6 millóns de euros de fondos públicos e privados. O obxectivo é chegar aos 540 millóns de euros de investimento no período 2021-2025 se finalmente se logran fondos europeos procedentes do Perte aeroespacial.
Nestes resultados, Conde resaltou a contribución de instrumentos como a pública innovadora, que permitiu crear as bases para que a industria galega poida traballar directamente coas principais empresas do sector, como Airbus, Boeing e Telespazio, os novos socios industriais en Rozas, e con líderes nacionais como Indra, GMV, Babcock España ou Telefónica.
Tamén informou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación que ao longo de 2023 se porán en marcha dous novos instrumentos. Por un lado, axudas para a compra privada de innovación, que financiará con axudas públicas á I+D a aquelas empresas e centros galegos capaces de asinar acordos con grandes usuarios privados. E por outro lado, potenciarase a cooperación técnica, apoiando aos potenciais clientes das empresas galegas para que poidan abordar o proceso de licitación necesario para contratar tecnoloxías, produtos e servizos.
Galicia promove procesos produtivos e consumos máis eficientes entre pemes e autónomos a través do programa de economía circular
- Ata o 28 de febreiro poden presentarse solicitudes á convocatoria de axudas da Xunta por 1,5 millóns de euros para favorecer a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
- Os apoios alcanzan o 35 % dos investimentos para as pequenas empresas e o 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros en iniciativas individuais.
- Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe das axudas, centradas na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de maquinaria para reemprego ou reciclaxe de refugallos.
- Ao abeiro da nova Lei de implantación empresarial, outorgaráselles unha puntuación superior aos proxectos que se desenvolvan en Concellos Emprendedores.
A Xunta de Galicia activou unha nova convocatoria da liña de axudas para promover a economía circular entre o tecido produtivo galego, na procura de mellorar a competitividade das pemes e do colectivo autónomo impulsando novos procesos e un consumo máis eficiente.
O programa, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros, está impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Céntrase na implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, prevéndose que se poidan apoiar arredor de medio cento de proxectos, tanto individuais como colectivos. O obxectivo é promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
En réxime de concorrencia competitiva, os apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de febreiro ás 14 horas, cobren o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros nos individuais.
Os beneficiarios poden solicitar anticipos de ata o 50 % do importe dos apoios, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
Entre os criterios de valoración, cómpre destacar a maior puntuación daqueles proxectos que se leven a cabo en localidades que teñan sido declaradas como Concellos Emprendedores.
Os proxectos propostos deben cumprir distintos obxectivos, entre os que destacan a redución do consumo de recursos no proceso produtivo, a facilidade para o seu reemprego ou reciclaxe, a creación de cadeas de valor máis curtas, ou a implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reparación dos produtos.
Deste xeito, o Goberno galego dá un paso máis na Estratexia Galega de Economía Circular, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reemprego e reciclaxe e as estratexias de deseño sostible. Así, a través deste programa achéganse axudas directas para facilitar os investimentos das pemes e autónomos de cara á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular, o que se traducirá nun aforro de recursos e enerxía e favorecerá o reemprego dos refugallos.
Conde destaca nas Somozas que tres dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados en galicia ata este momento son de ferrolterra
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá nun networking.
- Solicita que se desbloqueen os Fondos de Transición Xusta para convocar as axudas.
- Lembra que desde hoxe se poden solicitar os apoios do programa Bonos de innovación.
- A provincia da Coruña, cun incremento do 55% nas exportacións, está contribuíndo a que Galicia poida pechar 2022 cun novo récord de vendas ao exterior.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá, durante un networking nas Somozas, que tres dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados en Galicia ata o momento son de Ferrolterra. Trátase da planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables e a factoría de pneumáticos de Sentury -os dous nas Pontes- así como o proxecto de Forestal del Atlántico en Mugardos para a xeración de metanol, que suman un investimento de 863,3M€.
O encontro enmarcouse nas xornadas que desde a Xunta se están realizando polos concellos galegos para presentar o mapa de axudas que a Administración galega ten á disposición do tecido empresarial, así como para escoitar de primeira man as súas necesidades. Neste caso, As Somozas é un concello emprendedor, o que supón prioridade de acceso ás axudas convocadas pola Xunta a cambio de que o concello ofreza bonificacións de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO aos proxectos empresariais de nova implantación ou ampliación, máis simplificación administrativa, así como máis facilidades de acceso ao solo industrial.
Conde puxo en valor que o esforzo conxunto entre as administracións e os empresarios ten permitido xerar oportunidades neste contexto de transformación industrial na comarca de Ferrolterra, onde viron a luz un 14% máis de empresas que no ano 2021. Tamén repasou algúns dos proxectos que buscan implantarse na zona como a planta de IFFE-Biotech para producir aceites omega-3, a bioplanta de Ence, a fábrica de compoñentes de eólica mariña de Nervión Naval Offshore, a planta de valorización de material de rexeitamento Valogreen Recinor ou a central hidroeléctrica reversible de Magtel, ademais dos tres proxectos industriais estratéxicos.
O vicepresidente económico explicou que desde a Xunta estase a traballar para que a iniciativa privada aposte por Galicia a través de medidas como a Lei de simplificación administrativa e, á vez, estanse buscando oportunidades a través da transición enerxética. Neste sentido, reclamou ao Goberno a revisión da planificación da rede eléctrica para incrementar os investimentos nas redes de distribución e transporte, así como o desbloqueo dos Fondos de Transición Xusta para poder convocar as axudas, das que se van beneficiar os principais proxectos previstos para a comarca de Ferrolterra.
Apoios para as pemes
No encontro, repasáronse os apoios que xa están abertos para impulsar a innovación e sustentabilidade entre o tecido empresarial. É o caso dos Bonos de innovación que xa se poden solicitar desde hoxe. Trátase dunha liña destinada a pemes para contratar servizos externos, de tramitación ou proxectos de deseño que lles permita avanzar na I+D+i. Prevese mobilizar 1M€. Por outra banda, destínase 1,5M€ á convocatoria de economía circular para promover entre pemes e autónomos procesos produtivos máis eficientes.
Conde finalizou referíndose á internacionalización e aos bos datos das exportacións galegas que en 2022 marcarán un novo récord, cifras ás que a provincia da Coruña contribuíu entre xaneiro e novembro con 11.130M€ en vendas ao exterior, mellorando as súas estatísticas nun 55% con respecto a 2021.
Conde destaca a oportunidade que ten Galicia de impulsar a tecnoloxía como aliada da sustentabilidade
- Salienta que o reto do tecido empresarial está en innovar en todo o que teña que ver coa eficiencia enerxética, a descarbonización, a economía circular e a optimización de procesos a través da dixitalización.
- Apunta que desde mañá xa se poden solicitar as axudas do Bono de Innovación, dirixidas a incentivar a I+D+i entre pemes e microempresas.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe que, no actual contexto de transición enerxética e dixital, a tecnoloxía é unha aliada da sustentabilidade, o que hai que avaliar como unha oportunidade para Galicia. Así o manifestou na presentación do plan de negocio de Coca-Cola Europacific Partners para o ano 2023 na rexión Noroeste.
Conde salientou a oportunidade para o tecido empresarial de innovar en todo o que teña que ver coa eficiencia enerxética; a descarbonización e a busca de procesos máis limpos e respectuosos co medio ambiente; a economía circular; a mobilidade sustentable e a optimización de sistemas a través da dixitalización.
O vicepresidente económico manifestou que o binomio indivisible que forman a innovación e a sustentabilidade é o que a Xunta de Galicia quere promover en todo o tecido empresarial galego con liñas de axuda como o Bono de Innovación que, a partir de mañá venres, xa se pode solicitar.
Segundo explicou, a previsión é mobilizar máis dun millón de euros na base do sistema, que son as pemes e microempresas, para que incentivar nelas a I+D+i con axudas máximas de ata 35.000 euros que cobren, entre outros, o custo de contratar servizo externos, de tramitación ou proxectos de deseño.
Conde apuntou que na edición do ano pasado se beneficiaron do Bono de Innovación 66 empresas galegas. E puxo de relevo que máis da metade, un 67 por cento, era a primeira vez que optaban a axudas da Axencia Galega de Innovación.
O vicepresidente primeiro da Xunta concluíu destacando os máis de 60 anos que Coca-Cola Europacific Partners leva operando na planta da Coruña e o seu compromiso medioambiental, económico e social con Galicia.
A Xunta promove o investimento empresarial para que pemes e autónomos impulsen novos proxectos, diversifiquen produtos e melloren liñas de produción
- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou Lau Creaciones, empresa de Santiago de Compostela dedicada á comunicación gráfica que, grazas ao programa Galicia Inviste, adquiriu unha nova prensa dixital que lle permite competir en prezo, calidade e capacidade produtiva no mercado actual.
- Salientou a importancia deste programa que, na liña destinada a equipamentos produtivos, permitiu pór en marcha nun só exercicio máis dunha ducia de proxectos que mobilizaron 4,6 M€ na provincia.
- Subliñou a importancia deste e outros programas que facilitan a mellora competitiva do tecido produtivo, como a liña de economía circular, que ten aberta unha nova convocatoria que suma 1,5 M€.
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións da empresa Lau Creaciones, onde puxo en valor a importancia que ten para a mellora competitiva das pemes locais programas como Galicia Inviste, que facilitan o investimento empresarial permitindo novos proxectos, a diversificación de produtos e a mellora das liñas de produción xa existentes.
Neste sentido, expuxo Guldrís, Lau Creaciones “é un bo exemplo” das posibilidades que ofrecen esta e outras liñas impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape. “Neste caso concreto, o programa contribuíu á adquisición dunha nova prensa dixital que lle permite á empresa competir en prezo, calidade e capacidade produtiva no mercado”, subliñou.
Neste contexto, o director do Igape lembrou outros programas xa en marcha e con períodos de solicitude abertos, como os obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, que promoven proxectos de colaboración máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía; ou a liña de Economía Circular, cuxa nova convocatoria suma 1,5M€ para apoiar modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
A Xunta destina 435.100 € a 18 pemes lucenses para implementar proxectos de dixitalización
- O delegado territorial, Javier Arias, visitou as instalacións de A Vida 013, que está a introducir un sistema integrado de xestión para o mellor control de todas as operacións de produción e administración.
A Xunta de Galicia destina 435.100 euros a 18 pemes lucenses para a incorporación de proxectos de dixitalización co apoio da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). O programa Dixitalización Industria 4.0 pretende impulsar a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, favorecendo modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe no polígono industrial do Ceao as instalacións da empresa A Vida 013, unha das beneficiarias, que se dedica á realización de todo tipo de revestimentos, deseño de interiores e decoración. Conta con varios centros de traballo en Lugo, que acollen a arredor de 150 traballadores e traballadoras.
A firma está a implementar un sistema integrado de xestión para dar soporte aos procesos de compra, fabricación, distribución, facturación, requirimentos legais ou xestión contable. Deste xeito, logran un mellor control de todas as operacións.
Arias destacou o crecemento experimentado por esta empresa nos últimos anos e o feito de que “se apoie na innovación para continuar ampliando os seus horizontes e xerando postos de traballo en Lugo”. Neste sentido, lembrou que estas axudas do Igape “tratan de estender o impacto positivo da innovación baseada na transformación dixital a todas as empresas galegas, en especial ás pemes”.
12 das empresas beneficiarias teñen a sede social no municipio da capital, e as demais están situadas en Sarria, Rábade, Portomarín, Chantada, Begonte e Alfoz. Entre todas suman un investimento apoiado de 1,2 millóns de euros.
O delegado territorial gabou o esforzo que realiza o tecido produtivo da provincia, e subliñou que a substitución de procesos manuais por procesos dixitais supón un aforro en tempo e produtividade e achega información máis fiable para a toma de decisións, co conseguinte incremento da competitividade.
A Xunta abre dúas liñas de axuda para apoiar o tecido empresarial en proxectos de economía circular e con préstamos directos
- Estas dúas liñas de apoios están abertas desde este mes e suman en total preto de 20M€.
- Conde avoga pola colaboración entre administracións e, á súa vez, co tecido produtivo para abrir novas oportunidades para a atracción de investimentos.
- Destaca os bos datos de exportacións acadados na provincia de Ourense de xaneiro a novembro, con 1333,2 millóns de euros, un 21,5% máis que no mesmo período de 2021.
- Refírese á comarca de Valdeorras como a capital do sector da lousa en Galicia, onde se concentra o 90 por cento da produción, con 2400 postos de traballo vinculados en toda a Comunidade.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou hoxe da convocatoria de dúas liñas de axudas para apoiar o tecido empresarial galego en proxectos de economía circular e con préstamos directos.
Durante a súa participación nunha xornada de networking en colaboración coa Asociación de Empresarios do Barco de Valdeorras, Conde explicou que a primeira destas liñas de apoios, para promover procesos e consumos máis eficientes entre pemes e autónomos, suma 1,5 millóns de euros e está aberta desde este mes. Achega axudas máximas de ata 200.000 euros para proxectos colectivos e de 75.000 euros para iniciativas individuais.
Por outra banda, a segunda liña son préstamos directos que suman 18M€ e que, desde este mes, a Xunta pon á disposición de pemes, autónomos, centros tecnolóxicos, fundacións e organizacións empresariais. Teñen como obxectivo financiar investimentos estratéxicos e tamén axudar á industria fronte ao incremento do custo das materias primas e a enerxía.
Na súa intervención, Conde, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, avogou pola colaboración entre administracións e, á súa vez, co tecido produtivo para abrir novas oportunidades para a atracción de investimentos. Ao respecto, referiuse á contribución que fan os Concellos Emprendedores —como O Barco de Valdeorras e Carballeda de Valdeorras— á hora facilitar a implantación de novos proxectos empresariais que veñan diversificar e complementar o tecido produtivo galego.
Conde salientou a importancia de “estar preto das empresas; sobre todo —puntualizou—, das máis pequenas” e, nese contexto, destacou os bos datos de exportacións acadados na provincia de Ourense de xaneiro a novembro, con 1333,2 millóns de euros, un 21,5% máis que no mesmo período de 2021. Neste contexto, recoñeceu que a comarca de Valdeorras é a capital do sector da lousa en Galicia, onde se concentra o 90 por cento da produción, con 2400 postos de traballo vinculados en toda a Comunidade.
Anuncio do Igape polo que se acorda o alleamento, polo procedemento de poxa pública, de diversos bens inmobles nos concellos de Vilagacía de Arousa e Lugo
Ás 10 horas do día 14 de marzo de 2023 terá lugar na sala de xuntas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), situado no Edificio Administrativo Igape no barrio de San Lázaro en Santiago de Compostela, ante a mesa presidida pola xerente, coa asistencia dun letrado da Asesoría Xurídica, un representante da Intervención Xeral, un representante da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública e un/a empregado/a público/a da Subdirección de RR.HH. e Xestión Administrativa do IGAPE, que actuará como secretario/a, a poxa pública dos bens inmobles patrimoniais do Instituto Galego de Promoción Económica que se describen a seguir e dos que foi acordado o seu alleamento mediante resolución do director xeral do 3 de xaneiro de 2023.