Super User
A Xunta avalía co Observatorio da eólica mariña o Plan de Ordenación aprobado polo Goberno central
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago de Compostela na reunión do Observatorio da eólica mariña. No encontro, no que participaron representantes de diferentes departamentos da Administración autonómica, do sector pesqueiro e da industria vinculada a este sector de actividade, avaliouse o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) aprobado esta mesma semana polo Goberno.
Na xuntanza reiterouse a necesidade de que o Executivo central se reúna co Observatorio da eólica mariña para encontrar puntos de encontro, sempre baixo a premisa de garantir a compatibilidade entre as actividades tradicionais e o desenvolvemento da eólica mariña.
Rueda salienta que o proxecto do gran centro de datos de Galicia avanza na súa materialización coa selección do seu socio industrial
- O presidente da Xunta mantivo unha reunión coa Sociedade Impulsa Galicia e a empresa Ingenostrum.
- Anuncia o acordo entre a Sociedade Impulsa Galicia e a compañía Ingenostrum para analizar esta iniciativa que busca o liderado da Comunidade na dixitalización.
-
Subliña que o proxecto encaixa nos obxectivos do Plan Nacional de Recuperación, polo que agarda o compromiso do Goberno central para dotalo de financiamento europeo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salienta que o proxecto do gran centro de datos de Galicia avanza na súa materialización coa selección do seu socio industrial. O titular do Goberno galego participou hoxe nunha reunión coa Sociedade Impulsa Galicia e a compañía Ingenostrum para explorar vías para a posta en marcha desta iniciativa que busca o liderado de Galicia na súa dixitalización.
Como xa avanzara o presidente do Executivo galego, Galicia quere impulsar un gran centro de datos con participación pública a través da Sociedade Impulsa que daría servizo a grandes empresas, pemes e institucións públicas. No encontro de hoxe, no que Alfonso Rueda participou acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, sentáronse as bases para avanzar na viabilidade desta iniciativa estratéxica para a dixitalización do tecido empresarial galego.
A Sociedade Impulsa Galicia traballa para ofrecer unha solución de primeiro nivel que garanta o almacenamento de datos cada vez máis inxentes e que precisan dunha xestión eficiente para garantir o seu almacenamento e unha conectividade de alta velocidade poñendo a disposición das empresas servizos aos que lles resultaría difícil optar no mercado. O obxectivo é dotar ao tecido empresarial galego dunha ferramenta con capacidade suficiente para procesar toda a súa información, con niveis de seguridade elevados. O investimento estimado sería de 400 millóns de euros e permitiría crear un centenar de postos de traballo entre directos e indirectos.
O titular do Goberno galego indicou que o acordo coa compañía Ingenostrum supón un paso máis na materialización deste proxecto e, polo tanto, un avance para dotar a Galicia de soberanía no control da súa información. “Queremos contar en Galicia cun dos centros de datos máis grandes e máis importantes da Península Ibérica que ademais daría servizo case ao cen por cen das empresas galegas”, indicou.
Financiamento a través dos fondos europeos
Con todo, Alfonso Rueda recordou que para que proxectos como este sexan unha realidade é necesario que o Goberno central dea unha viraxe de 180 grados na xestión dos fondos europeos. Tendo en conta que se trata dunha iniciativa que encadra nos obxectivos do Plan Nacional de Recuperación, faise preciso axilidade, certezas e xustiza no seu reparto.
Impulsa Galicia suma con este catro proxectos maduros que avanzan cara á transformación da sociedade e do seu tecido económico. Ademais do gran centro de datos, a Sociedade está a desenvolver outras iniciativas pioneiras como a fábrica de fibras téxtiles, a produción de biogás e o centro de xeración de hidróxeno renovable.
A Xunta salienta a importancia da Estratexia de Internacionalización que suma outros 20 M€ este ano para consolidar o mellor ciclo exportador da historia de Galicia
- O director do Igape, Fernando Guldrís, destaca no Parlamento o papel da Estratrexia como “folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes galegas, concentrando os esforzos, un ano máis, no impulso da dixitalización e a diversificación de mercados”.
O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, onde puxo en valor tanto a boa marcha das exportacións galegas, que están a acadar “rexistros históricos”, como o traballo que vén impulsando a Xunta en materia de internacionalización. Un esforzo que, como explicou, se traduce na Estratexia de Internacionalización, que suma este ano outros 20 millóns de euros na procura de seguir contribuíndo “ao mellor ciclo exportador da historia de Galicia”.
“As exportacións galegas aumentaron nun 18,3 % no conxunto do 2022 ata rozar os 30.000 millóns, o que permite a Galicia contar cunha balanza comercial de 2.802 millóns de euros, mentres que en España o saldo continúa a ser deficitario”, afondou Guldrís, quen expuxo que, de cara a seguir contribuíndo a estas “cifras récord”, o Goberno galego está a reforzar a súa colaboración co tecido empresarial.
Unha aposta, proseguiu, que se enmarca na Estratexia de Internacionalización “como folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes galegas, concentrando os esforzos, un ano máis, no impulso da dixitalización e a diversificación de mercados”.
Neste senso, durante os próximos meses, detallou o director do Igape, activarase unha nova convocatoria das liñas do Galicia Exporta cun orzamento conxunto de máis de 10 M€. Así, darase cobertura ás empresas galegas que queren desenvolver un plan para crear e adaptar os seus catálogos online e para posicionarse en canles de venda e marketing online –Exporta Dixital-, e incentivarase á realización de accións de promoción exterior -Exporta Empresas e Organismos Intermedios-.
Un traballo que complementa á nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais que destina 2,3 millóns a accións de internacionalización do tecido produtivo da Comunidade na procura de impulsar, durante este exercicio, preto de 200 misións en máis de 30 países.
Así mesmo, porase en marcha outra edición do programa de xestores de internacionalización que, dotado con 1,5 M€, facilita a adquisición de competencias profesionais e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior; ou impulsarase unha segunda edición da Aceleradora Galicia Avanza, que dará continuidade a unha primeira edición na que participaron 30 empresas -vinculadas sobre todo a sectores como o tecnolóxico, o biotech, así como servizos, sanitario e automoción- que tiveron a oportunidade de acceder a itinerarios, formación e asesoramento.
Ademais, continuou Guldrís, a Xunta seguirá acompañando ás empresas galegas a través das Antenas Igape, situadas en Casabranca, Miami, Cidade de México e Shanghái, estando previsto tamén expandir o labor comercial a novos mercados co inicio da actividade das antenas comerciais de Tokio e de Dubai. Ademais, manterase o servizo de licitacións internacionais, que facilita ás compañías galegas unha plataforma con información de contratación pública internacional.
Balance internacional
“Os empresarios galegos demostran estar á altura e merecen o maior apoio e recoñecemento para un labor que comprende unha gran capacidade de perseveranza e de saber afrontar novos retos, o que se traduce ao final no éxito da empresa internacionalizada”, salientou o director.
Un éxito que, como expuxo, está a acompañar o Goberno galego a través desta Estratexia de Internacionalización, “un documento vivo” que, como lembrou, contaba xa cun plan de acción inicial para o trienio 21-23 “no que nos atopamos inmersos”, dando continuidade ao labor xa feito nos últimos anos.
Neste sentido, proseguiu Guldrís, o compromiso da Xunta coa internacionalización ten permitido ás distintas Antenas do Igape prestar, no seu conxunto, máis de 1400 servizos ás empresas galegas. Así mesmo, desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, apoiáronse preto de 1.000 plans de promoción internacional, con accións de difusión, asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, e cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total de 20,7 M€.
No tocante ao programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, impulsáronse preto de 150 iniciativas que se traducen en máis de 750 accións agrupadas -nas que participan varias empresas acompañadas por un organismo intermedio- entre as que destacan as misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro (46,7 %), e as participacións como expositores en feiras internacionais (24,5 %), a máis de 50 países, cun importe de axuda de 8 M€.
E na aposta pola dixitalización, o Galicia Exporta Dixital facilitou ata o de agora máis de 400 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, mobilizando un investimento de máis de 17 M€.
Ademais, durante estes anos destináronse máis de 12 millóns á organización de misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes; achegáronse, desde ano 2016, máis de 3,3 M€ para a contratación de 189 xestores de internacionalización; e dotouse ao programa ReAcciona de novas posibilidades, con dúas novas liñas de análise de mercados internacionais e elaboración de plans estratéxicos adaptados ao novo escenario.
“Á vista desas metas acadadas, a Estratexia de Internacionalización é hoxe un dos mellores exemplos da cooperación co noso tecido empresarial”, subliñou o director do Igape. Unha colaboración, lembrou, que “ten permitido a Galicia rexistrar un novo récord histórico nas exportacións” cun crecemento constante en todas as provincias, “fito que nos fala da fortaleza do noso tecido produtivo”, e un incremento do 3,5 % no número das empresas galegas exportadoras regulares -aquelas que exportaron nos últimos catro anos-, que son xa 2.653.
“A fortaleza das vendas ao exterior alcanza, pois, a toda a Comunidade, e se prolonga no tempo: se no ano 2020 as exportacións representaban o 35,5 % do PIB, hoxe as vendas ao exterior representa o 43,4 %”, concluíu Guldrís.
O presidente da Xunta demanda que no Perte do naval o Goberno central teña en conta o peso significativo de Galicia no sector
- Salienta que representa o 3,5% do PIB galego e que emprega a preto de 13.500 persoas, ademais de ser Galicia a CC. AA. con máis empresas no sector: “Levamos moito tempo facendo as cousas ben e merecemos recoller o froito dese esforzo”.
- Recorda o apoio do Goberno galego ao sector tanto para superar a crise como para presentar aos fondos europeos proxectos solventes e competitivos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demanda que no Perte do naval o Goberno central teña en conta o peso significativo de Galicia no sector. O mandatario galego reclamouno na reunión que mantivo hoxe co comité executivo de Navalia para a organización da feira do vindeiro ano, un encontro ao que acudiu acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde.
Perante a importancia e a transcendencia que ten para o sector este Perte, as empresas galegas uníronse para presentar unha candidatura única e potente que contou co asesoramento da Xunta. O prazo para a presentación de propostas remata o 13 de marzo, e Alfonso Rueda agarda que a convocatoria se resolva de xeito favorable para Galicia tendo en conta que o naval representa o 3,5% do PIB galego e emprega a preto de 13.500 persoas, ademais de ser Galicia a Comunidade autónoma con máis empresas do sector. “Levamos moito tempo facendo as cousas ben e merecemos recoller o froito dese esforzo”, dixo.
O Goberno galego si respondeu ás necesidades dun dos piares da economía galega, tanto con iniciativas para facer fronte á crise económica -con liñas de financiamento e con programas de formación- como con asesoramento para presentar aos fondos europeos proxectos solventes e competitivos a través da oficina Conecta Naval, na que a Xunta traballa da man de Pymar co tecido empresarial galego.
Un proveitoso balance
O comité executivo de Navalia reuniuse para preparar a vindeira feira dun encontro bianual que celebrará no 2024 a súa novena edición avalado polo proveitoso balance da feira do 2022, unha das mellores desde os seus inicios cun 20% máis de presenza estranxeira.
Navalia é a primeira feira naval do noroeste de España e a terceira de Europa, impulsada pola iniciativa privada como escaparate do sector e punto de encontro para o intercambio de coñecemento nun eido estratéxico para a economía de Galicia e que pende dos fondos europeos para a súa transformación a través da diversificación cara ás enerxías renovables mariñas, a dixitalización da cadea de valor, a sustentabilidade medioambiental e a capacitación do seu persoal.
O comercio de proximidade pode solicitar a partir de mañá as novas axudas da Xunta para a dixitalización dos seus establecementos e servizos
- Cun orzamento de 3 M€, estes apoios financian, entre outras actividades, márketing dixital, servizos de loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos.
- Conde apunta que seis dos concellos da comarca do Salnés son Concellos Emprendedores: Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou hoxe de que, desde mañá, o comercio de proximidade e obradoiros artesáns xa poden solicitar as novas axudas da Xunta de Galicia para incentivar a dixitalización dos seus establecementos e servizos.
Nun encontro dentro do ciclo Networking Galicia Empresa, organizado en colaboración coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, Conde explicou que o orzamento é de 3 millóns de euros para financiar, entre outras accións, márketing dixital, servizos de loxística, posicionamento a través de páxinas web, ou a xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos, para o cal as axudas poden ser de ata 5.600 euros.
Segundo dixo durante esta xuntanza co tecido empresarial en Vilagarcía de Arousa, trátase dunha liña de apoios para fomentar que o sector do comercio e da artesanía poidan aproveitar todas as vantaxes da tecnoloxía e a venda en liña para poder estar dispoñibles os 365 días do ano en calquera lugar do mundo.
Conde subliñou que a dixitalización e a sustentabilidade son dous retos que afronta o tecido empresarial galego e que a Xunta traballa para que as empresas e os autónomos atopen un camiño fácil para desenvolver os seus plans de negocio. Nese sentido, mencionou a Lei de simplificación administrativa e os servizos da Oficina Galicia Empresa como instrumentos de acompañamento aos sectores económicos en Galicia. Tamén apuntou que seis dos concellos da comarca son Concellos Emprendedores: Vilagarcía de Arousa, Cambados, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa.
O vicepresidente económico precisou que en xaneiro se crearon en Galicia un 6,49 % máis de empresas en comparación co mesmo mes de 2022, 22 máis. No que se refire á provincia de Pontevedra, a suba é case do 30 %, con 35 novas sociedades. E, en toda a comarca do Salnés foron 21, cun crecemento do 23,5 %.
Conde concluíu poñendo en valor o récord histórico que bateron as exportacións galegas en 2022, con case 30.000 millóns de euros, un 18,3 % máis que no ano anterior. Na provincia de Pontevedra a suba foi do 8,3 %, ata acadar os 13.073 millóns de euros, que representan o 3,4 % do total das exportacións do conxunto de España.
A Xunta destaca en Industrias Ferri o traballo do tecido empresarial galego que permite á comunidade acadar o mellor rexistro histórico en exportacións
O director do Igape, Fernando Guldrís, visita en Gondomar as instalacións desta empresa do sector naval que ten impulsado a súa internacionalización grazas ao programa Galicia Exporta Empresas
Salienta que “o esforzo das empresas galegas” permitiu un novo récord de máis de 30.000 millóns en 2022 en vendas ao exterior, un crecemento que na provincia de Pontevedra supuxo superar os 13.000 millóns
Pon en valor a colaboración público-privada a través de iniciativas como o Galicia Exporta Empresas, que leva impulsados na provincia, desde a súa posta en marcha, máis de 780 plans de internacionalización cunha achega superior aos 21 millóns de euros
Gondomar (Pontevedra), 24 de febreiro de 2023.- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de Industrias Ferri, no concello de Gondomar, empresa do sector naval diversificada e que está a apostar pola innovación e a internacionalización no ámbito da mecánica naval. Neste sentido, e grazas ao programa Galicia Exporta Empresas, a compañía vén de reforzar a súa presenza en novos mercados cun proxecto de promoción exterior que lle permitiu participar en feiras internacionais en países como Colombia e Turquía así como impulsar un servizo de consultoría para a obtención de contactos iniciais no mercado chileno.
“Industrias Ferri é unha mostra máis do bo facer das nosas empresas, que están a impulsar as súas vendas ao exterior ata o punto de que o último ano ten sido histórico para as exportacións galegas”, salientou Guldrís, que lembrou parte deses rexistros, tanto en Galicia como na provincia de Pontevedra.
Neste sentido, no 2022, as exportacións da Comunidade rozaron os 30.000 millóns de euros, o que supón un novo teito histórico e un incremento do 18,3% con respecto ao ano pasado. Un marco, expuxo, no que Pontevedra resulta clave ao superar os 13.000 millóns de euros exportados, un 8,3% máis. Así mesmo, apuntou, as empresas exportadoras regulares están a medrar tamén tanto na Comunidade como en Pontevedra, onde acadan as 1.558, un 4,2% más que no anterior exercicio.
Guldrís puxo en valor a cooperación público-privada, un esforzo conxunto que, segundo salientou, se enmarca na Estratexia de Internacionalización. Esta folla de ruta, afondou, busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, e ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
Para seguir contribuíndo a estas cifras, a Xunta destinará máis de 20 millóns de euros en 2023 a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.
“Programas como Galicia Exporta Empresas facilitan á consecución destes obxectivos”, incidiu Guldrís, resaltando que, desde a súa posta en marcha, só na provincia de Pontevedra impulsáronse xa máis de 780 de plans de internacionalización cunha achega superior aos 21 millóns.
Aposta pola innovación
O director do Igape fixo extensible a importancia desa colaboración público-privada a outros ámbitos como o da innovación, onde puxo tamén de exemplo a Industrias Ferri, que no marco das liñas relacionadas coa Industria 4.0 está a impulsar distintos proxectos, un relacionado coa implementación de sensores nos equipos para a súa automatización e control remoto, e outro centrado na dixitalización dos procesos produtivos da compañía.
“Industrias Ferri é unha boa mostra do que representa a colaboración co tecido empresarial, que permite ás empresas galegas mellorar a súa competitividade”, salientou Guldrís, quen resaltou que a liña de Dixitalización Industria 4.0 promoveu ata o de agora máis de 300 iniciativas en Pontevedra por un valor superior aos 15,5 millóns.
As vendas ao exterior acadan un novo récord en Pontevedra tras medrar un 8,3% e superar a barreira dos 13.000m€ en exportacións no 2022
- O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións de La Fábrica de Nikis, empresa especializada en merchandising e deseño gráfico que ten promovido diferentes accións encamiñadas á internacionalización grazas ao Galicia Exporta Dixital
- Destaca que este programa, que abrirá unha nova convocatoria en vindeiras datas, permitiu ata o de agora impulsar na provincia preto de 220 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos por importe de máis de 9M€
- Salienta que “o compromiso das pemes galegas na procura de novos mercados” permitiu a Galicia acadar un rexistro histórico nas súas exportacións con case 30.000 millóns no 2022, un 18,3% más que no 2021
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de La Fábrica de Nikis, no concello de O Grove, empresa especializada en merchandising e deseño gráfico que ten impulsado no último ano diferentes accións encamiñadas á internacionalización grazas ao programa Galicia Exporta Dixital.
“La Fábrica de Nikis é un bo exemplo da colaboración co tecido empresarial que permite ás empresas galegas reforzar a súa aposta pola internacionalización na procura de novos mercados”, salientou Guldrís, que puxo en valor as últimas cifras de exportacións, tanto no conxunto de Galicia como na provincia de Pontevedra.
Neste sentido, salientou, a boa marcha das ventas ao exterior do conxunto da Comunidade reflíctese na provincia de Pontevedra, cuxas exportacións medraron un 8,3% no último ano ata superar a barreira dos 13.000 millóns, o que fai dela a octava provincia máis exportadora no conxunto de España.
Guldris destacou que Pontevedra resulta clave na evolución das ventas ao exterior de Galicia, que acadaron o último ano un novo récord rozando os 30.000 millóns de euros, o que se supón un incremento do 18,3% con respecto ao 2021. Así mesmo, apuntou, as empresas exportadoras regulares están a medrar tamén tanto na Comunidade como en Pontevedra, onde acadan as 1.558, un 4,2% más que no anterior exercicio.
Neste marco, Guldrís puxo en valor “o compromiso das pemes galegas na procura de novos mercados” e a importancia da cooperación público-privada para seguir a mellorar estas cifras. Un esforzo conxunto que se materializa en iniciativas como o Galicia Exporta Dixital, que permitiu a La Fábrica de Nikis realizar un diagnóstico de internacionalización ou avanzar nun plan de mercado electrónico concreto, e que abrirá en próximas semanas unha nova convocatoria.
O obxectivo do Galicia Exporta Dixital, salientou Guldrís, é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización, e actívase para dar resposta á demanda crecente das empresas galegas para acometer os seus procesos de dixitalización internacional.
Este programa ten permitido ata o de agora impulsar preto de 420 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en mais de 90 países, por importe de máis de 17,5 M€. E só na provincia de Pontevedra, a liña ten promovido case 220 plans de internacionalización cunha mobilización superior as 9 millóns.
O programa, expuxo Guldrís, se complementa coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, e se enmarca na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, unha folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados.
Para seguir contribuíndo a estas cifras, a Xunta destinará máis de 20 millóns de euros en 2023 a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.
A Xunta inxecta 100.000 € en axudas para a transformación dixital do sector comercial e artesanal nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
- A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou un dos 20 negocios beneficiarios desta convocatoria da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación que mobilizou na zona investimentos por valor de 125.000 euros
- Os apoios autonómicos están orientados á implantación ou actualización de páxinas web con ou sen venda en liña, adquisición de sistemas TPV, tableta ou impresora de código de barras térmica, ferramentas de márketing dixitais, loxística e-commerce ou xestor de redes sociais, entre outros
A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, inxecta 100.000 euros en axudas a comercios e obradoiros artesáns das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para a súa transformación dixital e modernización. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou da resolución desta convocatoria durante unha visita a Centros Ferrol SL, un dos 20 negocios beneficiarios destes apoios autonómicos que mobilizaron na zona 125.000 euros en investimento.
En concreto, a empresa que posúe varios establecementos na cidade, recibiu unha axuda de 10.400 euros destinados ao mantemento da páxina web, melloras dos sistemas dixitais de stock integrado e das ferramentas de márketing dixital, loxística e-commerce, xestor de redes sociais e imaxe dixital.
“A modernizacion da actividade comercial e artesanal é fundamental para incrementar a competitividade do sector”, sinalou a delegada territorial que tamén apuntou a dixitalización como “reto ineludible para o sector comercial galego”. A este respecto, indicou que, a través de axudas como esta, o Goberno galego quere "amosar o seu apoio a un sector que se viu gravemente afectado pola crise da pandemia e que, como consecuencia das restricións da mobilidade, se viu obrigado a buscar outras canles de comercialización”.
Subvencionáronse os gastos en investimentos vinculados á implantación ou actualización de páxina web con ou sen venda en liña, adquisición de sistemas de TPV ou tableta e impresora de código de barras térmica; ferramentas de márketing dixital; sistemas dixitais de stock integrado; loxística e-commerce; xestor de redes sociais, sistemas de click and collect, imaxe dixital e sistemas dixitais de control de accesos.
Este ano este programa contará cun orzamento de 3 millóns de euros, e sumarase á axuda do fondo tecnolóxico, única dotada con fondos europeos Next Generation, e centrada en aspectos como a transformación dixital, a eficiencia enerxética e a mellora da experiencia de compra dos usuarios. No mes de decembro lanzouse unha primeira convocatoria do fondo tecnolóxico, con 2,7 millóns de euros de orzamento. En fase de resolución, o programa tivo unha grande acollida, con máis de 367 axudas solicitadas. A segunda convocatoria publicarase nesta primavera cun importe de 2,9 millóns de euros, alcanzando así os 5,6 millóns de euros.
En total, este ano destínanse 24 millóns de euros a impulsar a competitividade do sector comercial e artesanal; crear un hub de innovación comercial e artesanal para desenvolver novos modelos de negocio e mellorar a competitividade do sector; así como impulsar a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito, entre outros.
As medidas específicas para este ano da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que se suman aos apoios doutros departamentos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -como Inega e Igape-, así como da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, irán en liña co diagnóstico realizado co sector a partir de enquisas ás asociacións, estudos do sector e agrupacións sectoriais.
A Xunta apunta que Mindtech é o espazo idóneo para xerar sinerxías entre empresas tractoras e startups
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, interveu no acto de promoción internacional da feira, que se celebrará do 20 ao 23 de xuño en Vigo
-
Subliña que o encontro vai na liña da Axenda Startups, coa que se busca consolidar en Galicia un ecosistema de novas empresas tecnolóxicas ligadas aos retos da industria
-
Salienta que na terceira edición de Mindtech van estar moi presentes os retos da innovación, a dixitalización, a transición enerxética e a sustentabilidade
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe no acto de promoción internacional de Mindtech 2023 que este encontro, que se celebrará en Vigo do 20 ao 23 de xuño, é o espazo idóneo para xerar sinerxías entre empresas tractoras e startups da industria, sinalando así mesmo que vai na liña da Axenda Startups, coa que a Xunta busca consolidar en Galicia un ecosistema de novas empresas tecnolóxicas ligadas aos retos da industria. Precisamente este é un dos obxectivos que contan co apoio explícito da Xunta nesta feira a través do convenio asinado con Asime.
Durante a súa intervención, Conde reivindicou o xen industrial que Galicia leva no seu ADN, e salientou a importancia da colaboración público-privada como panca do tecido económico.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación destacou que o sector do metal representa o 20% do PIB de Galicia e que no 2022 supuxo o 35,4% do total das exportacións galegas. Francisco Conde subliñou que esta industria abarca un amplo número de actividades cun grao de interrelación e competitividade que o converten nun dos sectores con máis potencial para a innovación e para a diversificación de mercados e produtos, e lembrou o acompañamento que se está a facer desde a Xunta de Galicia ao naval, coa posta en marcha da oficina Conecta Naval; a automoción, con apoios por 100 millóns de euros en materia de innovación e coñecemento; e o aeroespacial e aeronáutico, co Polo Aeroespacial de Galicia, entre outros eidos de actividade.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación salientou que na terceira edición de Mindtech van estar moi presentes os retos da innovación, a dixitalización, a transición enerxética e a sustentabilidade, resaltando que neste encontro vai quedar de manifesto o esforzo e a capacidade coa que a industria galega, co apoio das Administracións, lles está dando resposta.
O presidente da Xunta resalta que Galicia bate o seu récord histórico de exportacións e alcanza por primeira vez os preto de 30.000 M€
- Destaca que as vendas ao exterior das empresas galegas en 2022 supoñen “un 18,3 % máis” que no anterior exercicio, que tiña o mellor rexistro ata o de agora.
- Resalta que Galicia pechou o ano “cunha balanza comercial positiva” de máis de 2.800 millóns de euros, fronte ao conxunto de España que finalizou en números vermellos.
- Para seguir contribuíndo a estes datos, o Consello da Xunta aprobou hoxe a nova convocatoria do Plan de Misións Comerciais, que suma 2,3 millóns para promover accións de internacionalización en ata 600 compañías.
- A iniciativa enmárcase na Estratexia de Internacionalización do Goberno galego, que destina máis de 20M € este ano a colaborar co tecido empresarial galego.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que Galicia logrou en 2022 un novo rexistro histórico en exportacións, achegándose por primeira vez aos 30.000 millóns de euros (en concreto, 29.886 millóns). “Isto supón 4.600 millóns de euros máis e un 18,3% máis de vendas ao exterior que no 2021”, que tiña o mellor rexitro ata o de agora, indicou.
Rueda subliñou ademais que Galicia pechou o ano pasado “cunha balanza comercial positiva”, algo que “non ocorreu no conxunto de España”. Nesta liña, lembrou que Galicia finalizou 2022 cun saldo favorable de 2.802 millóns de euros -na comparativa entre as vendas ao exterior e as importacións-, alcanzando así a terceira mellor balanza en termos absolutos. Esta tendencia positiva non se produce no conxunto do Estado, onde o saldo comercial pechou en números vermellos (-68.112M€). As exportacións galegas supoñen o 7,7% do total de España.
Por sectores destacan os incrementos en industrias clave para Galicia como o sector téxtil, cun +21,1% en vendas ao exterior que en 2021; a industria química, cun +47,3%; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +45,4%; ou a metalurxia, cun +16,5%.
Por países rexistráronse importantes subas nas vendas a Países Baixos: +86%; Alemaña (+30,9%); Portugal (+27,4%); ou Bélxica (+25,7%). Fóra de Europa destaca a suba en EEUU (+21,2%), México (+48,4%) ou Oriente Medio (+52,5%), contribuíndo así a impulsar a diversificación dos mercados.
O número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano foi de 8.496, mentres que o número de exportadoras regulares –as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, alcanzou as 2.653, un 3,5% máis que en 2021.
Para seguir contribuíndo a estes datos, o Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan de Misións Comerciais, ao que se destinarán 2,3 millóns de euros “co obxectivo de impulsar accións de internalización en pemes e grandes empresas galegas”, indicou Rueda, quen explicou que a previsión é promover “ata 200 iniciativas en 30 países”. Esta medida forma parte da Estratexia de Internacionalización da Xunta, que en total dedicará máis de 20 millóns de euros este ano a colaborar co tecido empresarial galego e tratar así de contribuír ao mantemento do mellor ciclo exportador da historia de Galicia.
O Plan de Misións Comerciais, que desenvolve a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, recolle dúas liñas. A primeira céntrase nas pequenas e medianas empresas e suma máis do 80 % do orzamento, mentres que a segunda está pensada para as grandes empresas, na procura de que estas poidan participar nas misións achegando a súa experiencia e volume como efecto tractor para a dinamización internacional do tecido empresarial.
O obxectivo é que arredor de 600 compañías tomen parte nas accións de promoción, favorecendo o seu posicionamento nos mercados exteriores. Para acadar esta meta, destínanse case dous millóns a pequenas e medianas empresas, contía que se complementa con 360.000 euros para grandes compañías na procura de que contribúan á expansión internacional das de menor tamaño.
O programa, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, prevé para esta convocatoria máis de 30 mercados prioritarios de acción comercial, entre os que se sitúan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Marrocos, Brasil, México, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a súa idoneidade para as empresas galegas.
As actuacións, consistentes en misións empresariais directas ao estranxeiro ou na participación en feiras e outros eventos expositivos, contan con apoios que alcanzan o 90 % no caso das pequenas e medianas empresas, porcentaxe que chega ata o 70 % para as grandes empresas.
Cómpre salientar que desde o ano 2014 o Goberno galego ten destinado máis de 12 millóns á organización destas misións internacionais, cunha participación media anual de máis de 170 pemes, o que ten permitido impulsar actuacións en 70 países diferentes.