Super User
Conde destaca o papel clave de Reganosa no despregamento do hidróxeno verde en Galicia
- Lembra que a compañía promove dous proxectos estratéxicos en Galicia como son as dúas plantas de hidróxeno verde que vai desenvolver nas Pontes e en Cerceda; a primeira xunto con EDP e, a segunda, con Naturgy e Repsol.
- Agradece, tanto a Reganosa como á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a súa participación na Alianza industrial galega do hidróxeno verde.
- Reclama ao Goberno que Galicia poida formar parte da rede de hidrodutos que unirá España co resto de Europa mediante a conexión Guitiriz -Zamora.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe o papel clave que está a desempeñar Reganosa no despregamento en Galicia de novas fontes de enerxía como o hidróxeno verde.
O vicepresidente económico agradeceu, tanto a Reganosa como á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a súa participación na Alianza industrial galega do hidróxeno verde que a Xunta puxo en marcha xunto con todos os axentes do sector para impulsar a cadea do hidróxeno en Galicia. Nese sentido, lembrou que Reganosa promove dúas plantas de hidróxeno verde nas Pontes e en Cerceda. A primeira xunto con EDP declarada pola Xunta como Proxecto Industrial Estratéxico; e, a segunda, con Naturgy e Repsol, que conta coa declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria, no marco das medidas de axilización administrativa que está a desenvolver o Goberno galego.
Conde resalta o éxito do Bono Activa Comercio que xa mobilizou máis de 12 M€ en compras nos establecementos de proximidade de Galicia
- Anima a utilizar o bono na semana que queda de vixencia facendo as compras de Nadal no comercio local.
- Na cidade de Pontevedra participan un total de 234 comercios, nos que xa se mobilizaron vendas por preto de 570.000 euros.
- Avanza que nos orzamentos do vindeiro ano o Goberno galego destinará 24 M€ a medidas para impulsar a innovación e a dixitalización do sector.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, resaltou o éxito do Bono Activa Comercio que xa mobilizou este ano 12 millóns de euros en compras nos establecementos de proximidade de Galicia. Conde, nun percorrido que fixo por comercios adheridos a este programa na cidade de Pontevedra, animou a utilizar o bono na semana que queda de vixencia facendo as compras de Nadal no comercio local.
O responsable de Economía, Industria e Innovación recordou que o comercio local é sempre “unha aposta segura” porque ofrece como “marca da casa” calidade, orixinalidade e un trato máis personalizado e familiar. Por iso, no seu apoio aos establecementos de proximidade, o Goberno galego puxo en marcha o ano pasado o Bono Activa Comercio con descontos de 30 euros para os beneficiarios. E no 2022, coa finalidade de axudar os comerciantes a recuperar a normalidade tras a pandemia sanitaria, a Xunta lanzou unha nova edición que, como recordou Conde, “está a ser todo un éxito”.
A iniciativa tivo unha aceptación sen precedentes cando, nada máis saír a convocatoria no mes de outubro, esgotáronse en tres días os bonos dispoñibles. Desde a súa posta en marcha foron máis de 166.000 os galegos que os descargaron para facer as súas compras nos máis de 6300 comercios adheridos en toda Galicia, de tal maneira que o 60% dos concellos galegos contan con algún establecemento asociado. Na cidade de Pontevedra participan un total de 234 comercios, nos que xa se mobilizaron vendas por preto de 570.000 euros
O Goberno galego continuará na súa política de apoio ao comercio local porque, como indicou Conde, “é o que dá vida ás nosas rúas” e xera riqueza na contorna, e con esa intención, os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano destinarán 24 millóns de euros a medidas para impulsar a innovación e a dixitalización do sector.
No seu percorrido polos comercios da cidade de Pontevedra adheridos ao programa, no que visitou os establecementos Mission Surf Shop, a xoguetería Din & Don, Florentino e a librería Cronopios, o vicepresidente primeiro animou a aproveitar os días de Nadal para facer as compras típicas destas datas e mercar os agasallos nos comercios de proximidade apostando “polo noso” e polo produto diferenciado, de confianza e de calidade. Ademais, apuntou as vantaxes para os clientes que fan uso do bono, con importantes descontos nas súas compras ata finais de ano, cando remata a súa vixencia.
A Xunta e a Asociación Empresarial Seara colaboran para que As Pontes atope na transición enerxética un futuro de oportunidades para a industria
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde nun encontro na sede desta organización, no que destacou que os tres proxectos industriais estratéxicos declarados en Galicia ata este momento teñen todos a súa base na contorna.
- Trátase da planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables; a factoría de pneumáticos de Sentury e o proxecto Triskelion para a xeración de metanol, sumando máis de 860 millóns de euros.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou esta tarde a colaboración coa Asociación Empresarial Seara para que As Pontes atope na transición enerxética un futuro de oportunidades para a industria.
A Xunta destinará máis de 20 M€ o próximo ano a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Muxía na inauguración da XII Semana Internacional Contract Galicia, que reúne a empresas do ramo e prescritores para compartir as tendencias e oportunidades de negocio en torno a esta canle de distribución de produtos e servizos
- Máis de 100 empresas galegas forman parte do sector, cunha facturación conxunta de arredor de 1.000 millóns de euros, e avalado por máis de 10.000 proxectos en 600 cidades de todo o mundo
Sigue a xornada da XII Semana Internacional Contract Galicia neste enlace. |
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe en Muxía, na inauguración da XII Semana Internacional Contract, que a Xunta destinará máis de 20 millóns de euros en 2023 a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia.
Esta aposta enmárcase na Estratexia de Internacionalización de Galicia para o período 2021-2025, unha folla de ruta coa que facilitar a saída ao exterior das pemes da Comunidade apostando pola dixitalización e a diversificación de mercados, na que se inclúen iniciativas como Galicia Exporta, o Foexga, o programa de xestores de internacionalización, ou as antenas comerciais.
Tal e como apuntou o vicepresidente económico da Xunta, Galicia é un referente internacional no contract, unha canle de distribución de produtos e servizos que se basea na cooperación empresarial. Hoxe máis de 100 empresas galegas de eidos como a construción, a arquitectura, o interiorismo, a iluminación, a carpintería metálica, a madeira ou o audiovisual participan nesta canle, cunha facturación conxunta de arredor de 1.000 millóns de euros, con máis de 10.000 proxectos construtivos realizados en 600 cidades de todo o mundo. Entre os clientes que depositan a súa confianza no contract galego atópanse cadeas hoteleiras como Hilton, Four Seasons ou NH; Inditex, Hugo Boss, Carolina Herrera, Dior, Chanel ou Adidas, no eido do retail; ou grandes multinacionais como Banco Santander, Samsung ou KPMG.
Na súa intervención, Conde reiterou o compromiso da Xunta coa canle contract, que, tal e como subliñou, contribúe a expandir a Marca Galicia grazas ao traballo e ao talento de compañías que continúan buscando a fórmula para ofrecer cada vez unha maior calidade e fiabilidade aos clientes. O responsable de Economía, Industria e Innovación salientou que a Administración autonómica seguirá apoiando ao contract galego tanto desde o punto de vista das axudas para a internacionalización, como desde accións que melloren a visibilidade, formación e posicionamento. Neste sentido, avogou por afondar en novas oportunidades para favorecer a diversificación do sector, a través de mercados como pode ser o refit naval.
A Xunta achega aos empresarios do Porriño as distintas liñas activadas este ano para reforzar a competitividade do tecido produtivo
- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no Networking Galicia Empresa con empresarios no Polígono da Granxa onde salientou, entre outras, as posibilidades que ofrecen a convocatoria aberta dos IFI Innova, que facilitan proxectos innovadores de pemes
- Pon en valor os préstamos para investimentos estratéxicos que posibilitan a creación de novas instalacións e a mellora das existentes, así como o incremento de capacidade produtiva
- Lembra que está activa a liña de préstamos para financiar a operativa das pemes afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nun networking con empresarios do Porriño no que achegou as distintas liñas activadas este ano pola Xunta de Galicia na procura de reforzar a competitividad de pemes e autónomos no actual contexto económico.
Neste sentido, Guldrís lembrou que o Goberno galego ten activado este ano unha completa Axenda Financeira que suma máis de 135M€ para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial, reforzando o capital e os fondos propios, facilitando o acceso a instrumentos de débeda e ofertando garantías na obtención de crédito.
Este conxunto de apoios, expuxo o director do Igape, contempla distintas liñas de actuación, algunhas delas aínda activas como é o caso dos préstamos IFI Innova, que teñen aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 31 de outubro. Estes préstamos, aos que se destinaron máis de 5M€ en exercicios anteriores, facilitan proxectos innovadores de pemes.
Neste contexto, Guldrís salientou que a Axenda Financeira incorpora outros tipos de préstamos como os destinados a investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado, estes préstamos teñen unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír carencia.
Así mesmo, proseguiu o director do Igape, está tamén aberto o prazo de solicitudes dos préstamos para infraestruturas de centros tecnolóxicos e asociacións empresariais; dos centrados en financiar a operativa da industria auxiliar do naval; e daqueles que financian a operativa de industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia.
“Estas liñas de axuda, e outros programas xa levados a cabo ao longo deste ano, configuran unha completa Axenda Financeira que supón un decidido esforzo de adaptación ao escenario actual na nosa continua aposta por facilitar o financiamento do tecido empresarial galego”, subliñou Guldrís, quen sinalou que “a mellora competitiva do tecido produtivo galego é unha prioridade, máis, se cabe, na situación económica actual”.
Nesta liña, concluíu, no último lustro, entre outros actuacións neste ámbito, reavaláronse operacións por máis de 40M€, impulsouse unha liña específica de préstamos IFI Covid que sumou máis de 8M€, fomentáronse investimentos estratéxicos por valor de case 16M€; ou facilitáronse préstamos directos por outros 30M€.
Novo WEBINAR PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA: O Sector Agroalimentario en China
Un ano mais, a Xunta continúa ofrecendo actualizacións da situación económica EN distintos mercados a través do Ciclo WebinarPaís coas Antenas do Igape en cada país.
O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus productos, neste caso, a China. Neste webinar a información é específicamente para o sector agroalimentario.
Polo conseguinte, o martes, 25 de outubro, a Antena Igape en China, vai informar sobre as últimas novidades relativas a este sector:
- Datos actualizados do sector agroalimentario en China
- Exposición das feiras do sector que se executarán en China en novembro e decembro de 2022
- Listado de expositores e proceso para que a antena do IGAPE en China poida concertar reunións virtuais entre os expositores e empresas galegas tra-la feira.
Día: Martes, 25 de outubro de 2022
Hora: 09:30 horas ESP/ 16:30 horas CHINA
Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena Igape en destino, durante os días 25 e 26 de outubro.
Solicite a reunión ao realizar a súa inscripción.
A Xunta e a Confederación Empresarial de Ourense achegan ás empresas de Valdeorras as claves para competir e innovar no rural
- O director do Igape, Fernando Guldrís, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron esta mañá no I Foro Think Tank de Valdeorras: As empresas do rural ante os novos retos
- O responsable do Igape destacou as vantaxes da dixitalización e da economía circular para impulsar o desenvolvemento nas zonas non urbanas
- A directora da Axencia Galega de Innovación, pola súa banda, reivindicou o papel clave que xoga a innovación para competir e facer fronte aos retos globais
A Xunta de Galicia, en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense, celebrou esta mañá no Barco o I Foro Think Tank de Valdeorras: As empresas do rural ante os novos retos, no marco do programa Conecta Ourense, co obxectivo de amosar experiencias empresariais que abordan retos da economía rural como a economía circular, a dixitalización, a sustentabilidade e a innovación.
O director do Igape, Fernando Guldrís, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, moderaron mesas de debate ao redor de como competir e como impulsar a innovación no rural, respectivamente. Ambos destacaron a aposta de Xunta de Galicia polo rural, motor da economía galega, e coincidiron en que o papel da Administración autonómica debe ser acompañar ás empresas e emprendedores para evolucionar cara a unha economía máis dixital, verde e innovadora.
Esta aposta decidida polo rural materialízase en programas como o Galicia Emprende Rural, destinado a apoiar a creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación de actividades económicas non agrarias, así como o Programa de impulso á innovación nas pemes, que aspira a que a innovación sexa a esencia da competitividade das pemes galegas con independencia do seu tamaño, sector ou localización.
Por un lado, Fernando Guldrís apuntou que a dixitalización é unha grande oportunidade para o tecido empresarial rural, xa que permite emprender e mellorar a competitividade de sectores como a agricultura ou a gandería. Así mesmo, subliñou a necesidade do investimento público-privado, para impulsar a formación e atraer proxectos tractores que poñan en valor recursos locais, nichos de mercado e xeren alternativas para emprender, e do impulso ao desenvolvemento do mundo rural baseado na economía circular, para revalorizar e optimizar os abundantes recursos do mundo rural.
Argerey, pola súa banda, animou ás empresas asistentes a innovar para facer fronte aos retos globais e para gañar competitividade nun mundo globalizado como o actual. Insistiu en que a innovación está ao alcance de todos e que non está reservada ás grandes empresas nin a sectores determinados. De feito, apuntou que a innovación é clave para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar e que non está restrinxida á innovación tecnolóxica, senón a calquera cambio nos distintos ámbitos de actividade da empresa que xere ingresos.
A Xunta busca a través da Axenda Financeira acompañar o tecido empresarial galego para que impulse a súa competitividade
- O director do Igape, Fernando Guldrís, salienta no Parlamento que o Goberno galego destina máis de 135M€ a dar resposta ás necesidades financeiras de pemes e autónomos no “complexo escenario actual”, reforzando o capital e os fondos propios, facilitando acceso a instrumentos de débeda e ofertando garantías na obtención de crédito
- No eido do capital púxose en marcha a Liña de Transformación, que combina financiamento e consultoría estratéxica mobilizando 90M€, e artelláronse acordos con xestoras privadas de fondos de capital risco nacionais que permiten destinar 11M€ a startups innovadoras en fases iniciais e 30M€ a empresas industriais consolidadas
- Achéganse préstamos parcialmente reembolsables que combinan financiamento e axudas directas; préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes; e préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezos como consecuencia da invasión rusa de Ucraína
- Está en marcha unha nova convocatoria dos IFI Innova, préstamos dirixidos a proxectos innovadores de pemes
O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para informar sobre a Axenda Financeira 2022 que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación activou este ano na procura de dar resposta ás necesidades de financiamento do tecido empresarial galego. Unha Axenda, expuxo, que ofrece un “amplo abano” de posibilidades ao tecido empresarial na procura de reactivar a economía e mellorar a competitividade de pemes e autónomos galegos, e que está a mobilizar arredor de 400M€.
“Coa Axenda Financeira propiciamos investimentos directos para reforzar o ámbito financeiro das empresas galegas, e contribuímos á reactivación da nosa economía e á mellora da competitividade do tecido empresarial”, incidiu Guldrís. Neste marco, detallou as distintas medidas que comprende a Axenda, que se engloban en tres liñas de actuación: o reforzo do capital e os fondos propios das empresas; o acceso a instrumentos de débeda; e a oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito.
Así, no eido do capital, púxose en marcha o programa de Transformación Empresarial. Cun orzamento de 30 millóns, a liña combina financiamento e consultaría estratéxica incidindo no impulso de proxectos de internacionalización e no reforzo da competitividade a través da dixitalización e a innovación, o financiamento de proxectos de integración, a mellora de produtos e procesos, a profesionalización de equipos directivos e a reestruturación das sociedades.
Ademais, durante este ano téñense artellado diferentes acordos con xestoras privadas de fondos de capital risco nacionais que permitiron destinar 11M€ a startups innovadoras en fases iniciais e 30M€ a empresas industriais consolidadas.
Instrumentos de débeda
En segundo lugar, o director do Igape salientou que a Axenda Financeira incorpora distintos tipos de préstamos para afrontar as posibles débedas do tecido empresarial galego. Así, contémplanse préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado, estes préstamos teñen unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír un de carencia.
Así mesmo, incorporáronse préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións. E unano máis activáronse os IFI Innova, préstamos aos que se destinaron máis de 5M€ en exercicios anteriores desde a súa posta en marcha e que facilitan proxectos innovadores de pemes.
“E todo isto sen esquecer os préstamos parcialmente reembolsables que combinan endebedamento e axudas directas para acometer o investimento. Unha opción que, ademais, se conxuga coa simplificación administrativa, ao poder facerse todo nun único expediente”, detallou Guldrís.
Concesión de garantías
O director do Igape referiuse tamén á terceira liña de actuación da Axenda Financeira, orientada á concesión de garantías, onde destacan os programas de avais e de reavais do Igape. O primeiro conta con preto de 4 millóns para cubrir ata o 70% do risco da operación de financiamento á que se desexe acceder.
No caso dos reavais, en colaboración coas sociedades de garantía recíproca, destínanse máis de 10 millóns de euros a garantías para acceder a capital circulante, a investimentos empresariais ou a operacións de tráfico nacional ou internacional. Neste campo, cómpre salientar unha liña específica de avais activada para atender ás empresas afectadas pola invasión rusa de Ucraína.
O traballo xa feito
“A Axenda Financeira 2022 supón un decidido esforzo de adaptación ao escenario actual na nosa continua aposta por facilitar o financiamento do tecido empresarial galego”, proseguiu Guldrís, que durante a súa intervención puxo en valor o traballo levado a cabo estes anos polo Igape en materia de financiamento.
Así, resaltou, no último lustro reavaláronse operacións por máis de 40M€, impulsouse unha liña específica de préstamos IFI Covid que sumou máis de 8 millóns, fomentáronse investimentos estratéxicos por valor de case 16M€; ou facilitáronse préstamos directos por outros 30millóns
“E como indicador máis recente, poderíamos salientar o volume de operacións autorizadas nos primeiros tres trimestres do ano 2022 por parte de XesGalicia: máis de 3,4M€ comprometidos para o capital de empresas galegas cun compoñente altamente innovador; e máis de 11M€ para instrumentos de débeda, especialmente dirixida a empresas industriais con alto impacto en termos de emprego”, apuntou Guldrís.
XII Semana Internacional CONTRACT GALICIA - 17 e 18 outubro
Sigue a xornada da XII Semana Internacional Contract Galicia neste enlace. |
Con periodicidade anual e dende 2011 vense celebrando a Semana Internacional Contract Galicia co obxectivo de achegar as tendencias e oportunidades de negocio internacionais e promover a reunións e networking entre as empresas do sector e nomeados prescriptores internacionais, poñendo a Galicia no punto de encontro.
A XII edición da Semana Internacional Contract Galicia de este ano xa está chamando á porta, o evento como ven sendo habitual contará con duas partes:
- Xornada Inaugural o día 17 de Outubro 2022 no Parador Costa da Morte (Muxía), edificio arquitectónico de gran singularidade e bo exemplo da colaboración industrial e de servizos de empresas e profesionais galegos vinculados ao Canal Contract.
- Xornada de networking e reunións individuais entre empresas e cos prescriptores e relatores participantes, os días 17-18 de Outubro 2022 en Muxía e en Santiago de Compostela respectivamente.
Consulte aquí o programa completo da sesión inaugural.
Inscripcións e solicitude de reunións cos prescriptores participantes.
NOTA IMPORTANTE: É condición imprescindible asistir á inauguración do congreso o luns 17/10/2022 para ter unha reunión B2B cun prescriptor. Non se organizarán encontros con empresas que non acudan á xornada de inauguración.
Atención:
Peche de solicitudes de reunións con prescriptores, o día 10 de outubro de 2022. Só as empresas que acudan á xornada de apertura do 17.10.2022 no Parador de Muxía.
Peche de inscricións de asistencia xornada inaugural, 13 de outubro de 2022.
David Cámara Navarro. Director de UNEX Precursor da Canle Contract en España e Latinoamérica/Caribe. Con máis de 20 anos de experiencia, deseña, desenvolve e lidera programas de internacionalización, baixo unha visión transversal, que dinamizan a innovación, o coñecemento, cooperación empresarial e a xeración de novas oportunidades de negocio entre os diferentes integrantes da cadea de valor da Canle Contract (equipamento, deseño, arquitectura, project management, operación, desenvolvemento, etc.). É director de UNEX, Asociación Empresarial do Hábitat, a súa internacionalización e o Contract, que lidera a máis destacada rede internacional de coñecemento e colaboración na Canle Contract. |
|
Joan Maria Freixes. Xerente. PICHARCHITECTS / PICH-AGUILERA Somos un equipo de arquitectura referente no sector con 30 anos de traxectoria e expertos en tecnoloxía da construción, calidade, innovación e sustentabilidade. A nosa sede principal atópase en Barcelona. Ademais contamos cun despacho en México e outro en Madrid de recente abertura. O estudo céntrase principalmente en proxectos de arquitectura. O esforzo, neste sentido, conduciunos a desenvolver plan, impulsar proxectos de innovación, investigación e desenvolvemento e profundar en aspectos ligados á sustentabilidade dos nosos edificios, tanto na súa construción como no seu uso. |
|
Director de Estruturación de Proxectos de DRIM, desarrolladora inmobiliaria con foco en proxectos de uso mixto e hospitalidade boutique; empresa líder na construción de máis do 50% dos hoteis desenvolvidos en Medellín nos últimos 5 anos; e CEO de Stay, operadora hostaleira e turística responsable de operar proxectos íconos da cidade como Wake. |
|
Mauricio Rivera. Director de operaciones TRECEAVO PLANO, S.C Arquitecto con máis de 25 anos de experiencia profesional dirixindo equipos de talentosos arquitectos e deseñadores de interiores tanto no ramo do deseño como a construción. Con innata, estudada e desenvolvida capacidade para o Project Management, que puxo en práctica durante o últimos oito anos que ocupo a posición de director de operacións en Treceavo Plano, firma internacional de arquitectura e deseño de interior con oficinas en Monterrey, Novo León, en México e Dallas, Texas en Estados Unidos |
|
|
Alicia Pérez. Directora, Fundadora e Socia de Luna Design. Establecida e con sede en Doha Qatar 2013, Luna Design é unha firma boutique de deseño de interiores con paixón polo deseño creativo e está considerada como unha das empresas máis premiadas de Qatar. Somos altamente recoñecidos pola nosa impresionante carteira en deseño de interiores; abarcando os estilos de deseño español clásico, contemporáneo, moderno, neoclásico e andaluz. Luna é unha empresa de deseño innovadora e dinámica O noso deseño permítenos ofrecer aos nosos clientes espazos únicos e exclusivos de pura elegancia e calidade. Tomamos cada proxecto como un novo desafío, interpretando as necesidades e desexos do cliente. A experiencia de Luna é ampla en todas as áreas, como residencial, hospitalidade, espazo de traballo, comercio retallista, marca e mobles feitos a medida. Luna nace para crear unha nova forma de entender o mundo do deseño, o mobiliario, a decoración interior e exterior. |
Tomás Mier. DONVELA INVESTMENTS CEO con 44+ de experiencia profesional liderando y dirigiendo organizaciones y empresas con presencia local e internacional. Emprendedor, estratega y experto en finanzas corporativas con gran capacidad de análisis integral de las operaciones. Miembro activo en Juntas Directivas y consejos administrativos. Economista especializado en Finanzas y en Gestión Global de Empresas.. |
|
Roberto Velaso Fuente. KMD ARCHITECTS Como Director da oficina de México, e Principal de Latinoamérica, Roberto é responsable do deseño arquitectónico e plan de negocios da firma. El asegura a calidade de cada parte dos servizos e establece un criterio firme para os nosos clientes. A súa creatividade e experiencia agregan valor único á familia de KMD, expondo significado e eficiencia dentro de todas as fases dos proxectos. |
|
Eduardo Vives Isaza. Director de proxectos de MOCKUPROOM Director de proxectos en Mockuproom con 10 anos de experiencia en execución e especificación de proxectos de arquitectura interior. Líder na creación de novas oportunidades de negocio través de compañías aliadas, participando ademais na creación do clúster para exportación de servizos de deseño. Dirixe a execución de proxectos contract, buscando no mercado internacional, os produtos e provedores adecuados para cumprir coas necesidades de cada proxecto. |
|
Deseñador de Interiores Corporativos. Ocasionalmente docente, conferenciante e blogger. Recente Premio Nacional Hostelco Awards 2018 ao mellor proxecto de interiorismo hostaleiro e German Design Award 2020 en categoría Excellent Architecture. Á fronte do estudo de interiorismo Iván Cotado Deseño de Interiores desde 2005. |
|
Jacinto Arenas. ARES ARQUITECTOS Jacinto Arenas levou a cabo o seu desenvolvemento profesional en Ares Arquitectos,firma especializada no deseño arquitectónico e de interiores de xéneros como |
|
Ingrid Jonsson de LADO INVERSO ESTUDIO Ingrid Jonsson levou a cabo a maior parte do seu traballo como arquitecto en Italia, país no que viviu 18 anos. Durante este período, realizou dentro do estudo Valeria Girardi diferentes proxectos habitacionales, hospitality e retail tanto en Italia como no estranxeiro. A partir de 2010 xa residindo novamente en México, Ingrid colaborou co estudo Arquitectura, Do Muro Arquitectura e Ares Arquitectos, ata que de maneira independente crea Lado Inverso Estudo, taller de arquitectura que busca solucións desde un punto de vista holístico e alternativo, saíndo dos paradigmas establecidos. |
|
Gina Rosete. Fundadora y directora de Tropiqa Tropiqa conta cunha experiencia de máis de 15 anos en Interiorismo Comercial e Hostaleiro que logrou ser un estudo de deseño colaborativo, loxística e supervisión de obra. Temos un grao de expertise en deseño de hospitalidade, proxectamos ao redor de 15,000 habitacións de hotel para diferentes cadeas hostaleiras, en 5 países diferentes. Non seguir tendencias, escoitar a cada cliente de maneira personalizada e desenvolver conceptos que xeren espazos evocativos de acordo con a súa identidade e visión particular, foron o obxectivo de Tropiqa en cada un dos seus proxectos. Estratexicamente situados en Cancún, principal polo de desenvolvemento turístico do país e punto de conexión entre México e o Caribe, participamos en exitosos proxectos hostaleiros e residenciais en Cuba, República Dominicana, Francia e Xamaica. |
|
Juan Pemán. Administrador en Cidon Interior Design & Contract. Empresario, avogado de formación. Na súa mocidade tivo os bares máis de moda de Madrid. Despois traballou 3 anos no Comité Olímpico Internacional, chegando a ser o director do Pavillón do COI na Expo de Sevilla 92. Socio fundador de CIDON desde 1994, e CEO da empresa durante os 27 anos. Desde hai 25 anos, grazas á solidez dun equipo composto por arquitectos, arquitectos de interiores e especialistas en compras, loxística, arte, deseño, iluminación e xestión de proxectos, CIDON Interior Design & Contract trazou unha rica traxectoria profesional en grandes proxectos nacionais e internacionais en arquitectura de interiores e decoración, así como en xestión de equipamento de FF&E e VOS&E, sempre en constante evolución. |
|
Adriana Medrano. Directora xeral de CIDON INTERIOR DESIGN & CONTRACT Licenciada en Administración e Dirección de Empresas por CUNEF e MBA por IE Business. Adriana inicio a súa carreira profesional na área de control, empezando no departamento de administración de Edicións Conde Nast e máis tarde no Departamento Financeiro de Interbon. Pero a maior parte da súa carreira profesional desenvolveuna en IE Business School, onde traballou 18 anos xestionando con éxito proxectos de transformación cultural e de innovación organizativa buscando a excelencia operativa dos equipos para ofrecer unha experiencia premium ao cliente final. |
|
Rubén Reachi Lugo. Director xeral de CSK ESRATEGIA Rubén é licenciado en administración de empresas polo Instituto Tecnolóxico e de Estudos Superiores de Monterrey. Diplomado alta dirección de empresas (AD) Instituto Panamericano de Alta Dirección de Empresa (IPADE). Ex presidente do Consello Coordinador Empresarial dos Cabos, ex secretario de turismo de Baixa California Sur, con experiencia no sector bolsista, bancario, industria metalmecánica, inmobiliario comercial e turístico. CLK Estratexia empresa Inmobiliaria turística, desenvolve o hotel e residencias St Regis Os Cabos. |
|
Julia de la Cal. LA PARABÓLICA Formación de Ilustración na Coruña, en 2004 trasládase a Barcelona. Alí estuda deseño gráfico e industrial na Escola Massana e, traballa como deseñadora gráfica e ilustradora desenvolvendo proxectos de identidade corporativa, campañas de comunicación on/off, deseño editorial, retail e packaging para Estudi Marc Guitart e despois, con Pau Kokura crea Lle Commandant. |
|
Ricardo Tubio Pazos. CENLITROSMETROCADRADO Deseñador de produto pola Universidade da Coruña, socio fundador e director creativo de Cenlitrosmetrocadrado. Un estudio transversal que desenvolve proxectos que van dende o campo gráfico, o deseño de produto, hasta o deseño de espazos permanentes ou efémeros. Con máis de quince anos de traxectoria o estudio ten recibido recoñecementos como: Delta ADI-FAD, Laus ADG-FAD, BID, Bolia Design Awards, Stone and Wood, Clap, Anuaria ou o Premio Galicia Innovación e Deseño 2020. |
|
Enrique Villaverde – CEO Eurolaton Licenciado en CC. Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela. Máster en Administración Financeira e Tributaria pola Escola de Facenda Pública e Máster en Dirección Estratéxica e Internacionalización pola Escola de Negocios Caixavigo. Iniciou a súa actividade profesional en 1993 como director financeiro da empresa hispano/lusa Tupai España, S.A. dedicada á fabricación de ferraxes. No ano 1999 é socio cofundador e CEO de EUROLATON tras adquirir o 100% do capital social de Tupai España, S.A.; e ata a actualidade. Posicionando a firma como unha empresa global con presenza física propia nos grandes polos económicos mundiais ( Europa, América e Asia ). Recentemente colaborou en grandes proxectos contract como o Ritz Mandarín Madrid ou o Canalejas Madrid Centro co Four Seasons Hotel Madrid, primeiro desta cadea en España. |
|
Sergio Portela Campos - PHIArtquitectura Arquitecto e artista polifacético que practica a pintura, escultura, fotografía. No ano 2006 crea PHIArtquitectura para o desenvolvemento dunha arquitectura sensible aos parámetros ambientais, sociais, económicos e paisaxísticos. É fillo dos arquitectos Cesar Portela e Pascuala Campos de Michelena. En 1990 inicia Belas Artes, deixándoo ese mesmo ano por absoluta decepción coas clases. Por este motivo decide percorrer o mundo para coñecer as diferentes técnicas do proceso de creación e a arte "in situ". Esta experiencia e a súa investigación de 2 anos en técnicas antigas no Museo do Prado, en Madrid marcará a súa carreira e exportaraa a múltiples disciplinas. Entre 2015 e 2020 completa estudos de Arquitectura e Urbanismo, en Portugal, e é Doutorando en Arte e Patrimonio pola Universidade de Sevilla desde 2022. |
Non deixes de consultar o vídeo presentación do sector CONTRACT GALICIA.
Máis información de interese:
- Xornada inaugural. XI Semana Internacional Contract Galicia. Muxía 2021.
- A hotelaría de luxo. Situación actual e perspectivas. Unha visión compartida desde América e Europa. Encontro Internacional Contract en liña (26 ao 28 de maio de 2021).
- Xornada inaugural X Semana Internacional Contract Galicia. (9 de decembro de 2020).
Novo curso IGAPE Fórmate Internacional: Curso de Márketing Dixital Internacional
No marco do Programa Fórmate Internacional, a Xunta, a través do Igape, organiza un novo curso para impulsar la internacionalización das empresas galegas.
Tra-lo éxito acadado polo curso IGAPE FÓRMAT-e 2021-2022 sobre comercio electrónico para a internacionalización empresarial, este novo curso de Márketing Dixital Internacional 2022 ofrece unha segunda etapa de formación destinada a profundizar nunha das materias más particulares e distintivas do entorno dixital dos negocios internacionais.
Unha estratexia de competitividade internacional pasa por adquirir competencias dixitais en comercio online e Marketing dixital.
O curso que comeza o próximo 15 de setembro 2022, desenvolverase ata decembro a través de 14 sesións semanais eminentemente prácticas de 90 minutos de duración e un caso prático final que lle permitirá ao alumno aglutinar o coñecemento e uso das técnicas e ferramentas presentadas.
O itinerario de aprendizaxe personalizado permite a inscrición de varios profesionais por empresa.
O obxectivo é seguir ofrecendo unha formación especializada e práctica orientada a mellorar a estratexia internacional das empresas galegas, neste caso ofrecendo a capacitación para transitar do “saber” ao “saber facer” en materia de internacionalización dixital.
Programa e inscripcións (ata o 13/09/22)