Super User
Rueda aposta pola colaboración público-privada para sacar proveito das oportunidades que se lle presentan a Galicia
- Reclama “unidade” para saldar as “débedas” coa Comunidade e “apoio” ás empresas que crean riqueza.
- Pon a Delta Vigo como exemplo de emprendemento que contribuíu a facer cidade coa súa traxectoria en sectores fundamentais para Vigo e para Galicia como a conserva, o naval, a automoción e, nas últimas décadas, o aeroespacial.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aposta pola colaboración público-privada para sacar proveito das oportunidades que se lle presentan a Galicia. Fíxoo hoxe en Vigo, onde interveu nos actos de celebración do 75 aniversario do Grupo Delta Vigo, aos que acudiu acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.
Alfonso Rueda puxo a Delta Vigo como exemplo de emprendemento que contribuíu a facer cidade coa súa traxectoria en sectores fundamentais para Vigo e para Galicia, como a conserva, o naval, a automoción e, nas últimas décadas, o aeroespacial. Desde un pequeno taller en Teis na década dos 40, a firma foi medrando na fabricación de compoñentes para sectores industrias estratéxicos, e ademais de ser a primeira empresa da aeronáutica de capital cen por cen galego, apostou sempre polo I+D+i e pola internacionalización do seu produto. O presidente da Xunta subliñou que se trata dunha firma “punteira en sectores competitivos a nivel mundial”, unha empresa galega que segue en mans da familia que a fundou e que ofrece “riqueza, emprego e esperanza” a moitos galegos e galegas.
O mandatario galego subliñou que a Xunta estará sempre preto de quen axude a crear riqueza e a mellorar a calidade de vida da poboación, de aí que garantira o apoio do Goberno galego ao desenvolvemento dos sectores cos que traballa Delta Vigo, como fixo sempre que a empresa precisou da colaboración da Administración autonómica para a posta en marcha de diferentes proxectos. “Cando medran as empresas, medran os territorios”, apuntou.
Rueda reclamou “unidade” da sociedade para salvar a “débeda” coa Comunidade e “apoio” ás empresas que, como Delta Vigo, crean riqueza e contribúen no desenvolvemento dun territorio. Nese sentido, chamou a atención sobre as oportunidades que ofrecen os fondos europeos e puxo como exemplo o cumio celebrado a semana pasada para reclamar, xunto con Asturias e Castela e León, as infraestruturas que precisa o noroeste peninsular. Reiterou, por unha banda, a necesidade de que a automoción galega conte con ditos fondos, e que as achegas habilitadas para o Perte naval cheguen aos seus destinatarios.
Plan estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025
A Xunta avoga pola cooperación para impulsar un ecosistema que mesture talento e innovación para mellorar a competitividade do tecido empresarial
- Os directores do Igape, Fernando Guldrís, e de XesGalicia, Rubén Aguión, manteñen un encontro con membros do equipo directivo de Enisa (Empresa Nacional de Innovación).
- Destacan a nova Axenda Startups que busca crear un centenar de novas empresas e acelerar 200 startups entre este ano e o que vén.
- “Queremos alentar o talento innovador, dando continuidade a proxectos como as business factories, que sumarán novos campos”, salienta Guldrís.
O director do Igape, Fernando Guldrís, e o director de XesGalicia, Rubén Aguión, acompañados pola subdirectora de Investimentos e Startups do Igape, Fany Suárez, mantiveron hoxe un encontro con Jordi García, director de Fomento do Ecosistema Emprendedor de Enisa (Empresa Nacional de Innovación, S.A.), e Juan Manuel Garrido, director de Operacións, no que afondaron na importancia de impulsar un ecosistema que mesture talento e innovación para mellorar a competitividade do tecido empresarial.
A xuntanza permitiu poñer en valor a cooperación entre administracións na procura de configurar o mellor ecosistema posible sobre a base da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade, atraendo talento e capital internacional. Neste contexto, o director do Igape sinalou que “impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”, defendendo a importancia de “tomar a creatividade e o talento como punto de partida, e a tecnoloxía como ferramenta clave”.
Sobre estes eixos, expuxo, susténtase a Axenda Startups de Galicia, coa que o Goberno galego aspira a crear un centenar de novas empresas e acelerar 200 startups durante este ano e o que vén, promovendo desde xeito un ecosistema innovador con capacidade para mellorar a competitividade do tecido produtivo.
“Queremos alentar o talento innovador, dando continuidade a outros proxectos como as business factories, que sumarán novos campos como foodtech, biotech, healthtech, edtech, climatetech, loxística ou as cadeas de subministracións”, salientou Guldrís.
Deste xeito, complementarase a rede de aceleradoras actual, que inclúe as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutica (BFAero) ou novos fármacos (BFMedicine); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; ou a incubadora de alta tecnoloxía en biotecnoloxía (BioIncubaTech).
Rueda anuncia que a Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a planta de inxectables que Indukern poñerá en marcha en Monforte de Lemos
- Resaltou que este proxecto impulsará a consolidación de Galicia como “referente en materia de biotecnoloxía”.
- Explicou que, cun investimento de 33 M€ na fase inicial, as instalacións localizaranse no polígono industrial O Reboredo e terán como obxectivo a fabricación, produción, acondicionamento e a distribución loxística de produtos estériles farmacéuticos líquidos en diferentes formas de acondicionado.
- O proxecto complementa a cadea de valor do sector da biotecnoloxía, industria estratéxica na Comunidade Autónoma e está aliñado coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia.
- O acordo do Consello da Xunta enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, potenciando a captación de investimentos e a xeración de emprego de calidade, e mantendo todas as garantías xurídicas durante a tramitación do proxecto.
- Ata o de agora, son 18 iniciativas as que se adheriron a esta figura en Galicia, cunha mobilización global de 1275 M€.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello declarou como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Indukern para impulsar a instalación dunha planta de fabricación de inxectables en Monforte de Lemos. Deste xeito, dase un paso máis para “contribuír a consolidar Galicia como un referente en materia de biotecnoloxía”.
Rueda resaltou que nesta nova planta “fabricaranse medicamentos de uso humano” e albergará tamén un laboratorio de I+D+i para deseñar “futuros fármacos”. En concreto, cun investimento de 33 M€ na fase inicial e 59,4 M€ en total, o novo centro destinarase á fabricación, produción, acondicionamento e distribución loxística de produtos estériles farmacéuticos líquidos en diferentes formas de acondicionado como ampolas, viarias e xiringas precargadas dependendo do seu uso e tipoloxía de produto.
Elaboraranse medicamentos e realizaranse procesos de apoio como servizos asociados á produción, loxística e administración. O proxecto iniciarase cunha liña de produción de inxectables e coa posibilidade de expansión a catro liñas máis de produción. Tamén se incluirán oficinas para o control da propia planta e laboratorios de análise e desenvolvemento de I+D+i para futuros fármacos, polo que se aliña coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia complementando a cadea de valor do sector da biotecnoloxía, unha industria estratéxica na Comunidade Autónoma.
O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración, en concreto supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (serán 33 M€ na primeira fase e 59,4 en total); a creación de 62 empregos na primeira fase; así como complementar cadeas de valor ou pertencer a sectores estratéxicos como é, neste caso, a biotecnoloxía.
Esta declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.
Deste xeito xa son 18 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Naturgy Nuevas Energías (en Meirama, Cerceda) e Kern Pharma (Monforte de Lemos).
“Estas 18 iniciativas contan cuns investimentos previstos de 1.275 M€”, indicou Rueda. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.
A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.
A Xunta destaca en Ponte Caldelas a aposta por novos modelos produtivos baseados na economía circular
- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou as instalacións de Setga no polígono da Reigosa, nas que esta empresa especializada en iluminación está a instalar un novo sistema para a xestión de edificios co apoio da Administración autonómica.
- Subliña que este tipo de actuacións permiten avanzar en novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.
- O programa impulsou ata o de agora unha ducia de iniciativas centradas na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
- En próximas datas publicarase a segunda edición desta liña de axudas, cun importe de 1,5 millóns para 2023.
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as novas instalacións que a empresa Setga está a construír no polígono da Reigosa (Ponte Caldelas), onde destacou a aposta da Administración autonómica por novos modelos produtivos baseados na economía circular. “Estamos nunha época de cambios onde as empresas deben apostar por un novo paradigma sustentado na dixitalización e na sustentabilidade”, salientou Guldrís, poñendo en valor neste marco o papel que xogan a innovación, a loxística e a economía circular.
Neste sentido, a compañía, experta en solucións lumínicas, está a avanzar na nave onde vai instalar un novidoso sistema para xestión de edificios. A infraestrutura, en fase avanzada, permitirá achegar solucións innovadoras de economía circular.
Estes obradoiros, sinalou, acadan a súa quinta convocatoria e configúranse por primeira vez como espazos multidisciplinares de dixitalización, sostibilidade e loxística avanzada, reforzando deste xeito o compromiso da Xunta de Galicia coa transformación dixital e sostible dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo.
A Xunta impulsa a oficina conecta naval para posicionar Galicia e poñer de relevo o papel que merece a industria galega nos fondos europeos
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación en Ferrol desta iniciativa, que se desenvolve en colaboración con Pymar.
- Aposta por que o naval galego traballe conxuntamente desde o punto de vista industrial e tecnolóxico, e impulsando proxectos de innovación vinculados coa dixitalización e a sustentabilidade, ademais da diversificación.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe na presentación en Ferrol da oficina Conecta Naval que a Xunta impulsa esta iniciativa co obxectivo de posicionar Galicia e poñer de relevo o papel que merece a industria galega do naval no reparto dos fondos europeos Next Generation.
Conde destacou que se busca que toda a cadea de valor traballe de forma conectada, colaborando entre si e contando co apoio da Xunta e de Pymar para o desenvolvemento de proxectos que poidan optar aos fondos do Perte naval. Así, apostou por que o naval galego traballe conxuntamente desde o punto de vista industrial e tecnolóxico, e impulsando proxectos de innovación vinculados coa dixitalización e a sustentabilidade, ademais da diversificación en eidos como o da eólica mariña.
O vicepresidente económico lembrou que hai moito tempo que se está a traballar nestes ámbitos, a través por exemplo de Cesena e Navantia, e tamén no eido da formación e na captación e retención de talento cualificado co obxectivo de impulsar a competitividade do sector. Neste contexto, apuntou que agora existe a posibilidade de reforzar e consolidar ese liderado a través dos investimentos que se poidan vincular ao Perte do naval.
Ata o vindeiro 28 de febreiro está aberto o prazo para presentar candidaturas a esta convocatoria. O obxectivo é que Galicia como comunidade autonómica con máis empresas do sector (preto de 300 en todos os segmentos de actividade) teña un papel significativo.
Tal e como subliñou Conde na reunión, á que asistiron entre outras entidades Aclunaga e Asime, a través de Conecta Naval búscase que as empresas independentemente do seu tamaño teñan a oportunidade de incorporarse a algún dos proxectos primarios que se están traballando por parte de Pymar e a partir de aí que teñan ese soporte tamén da Xunta de Galicia.
Rueda resalta o potencial da Galicia que bate récords históricos en exportacións para reforzar os lazos comerciais con América Latina
- Salienta que as políticas da Xunta ofrecen “estabilidade e seguridade” ao sector, o que permiten impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego.
- Destaca que máis de 2.000 firmas galegas xa exportan os seus produtos a América Latina e anima a seguir este camiño de colaboración: “Isto sen dúbida, débese ao bo traballo dos empresarios”, salientou.
- A Xunta conta con diferentes iniciativas para impulsar a presenza das empresas no exterior como a Estratexia de Internacionalización 2021-2025 que contempla diferentes liñas de axudas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou esta mañá que os bos indicadores económicos de Galicia, como o novo récord histórico de exportacións en 2022 ou a previsión de crecemento dun 3,6 %, acreditan o potencial da Comunidade para reforzar os lazos comerciais con Iberoamérica. Ademais, destacou que o Goberno galego aposta por políticas que dean “estabilidade e seguridade” ao tecido empresarial, o que redunda nunha maior internacionalización do sector.
Durante un almorzo organizado polo Consello Empresarial Alianza por Iberoamérica (CEAPI) e o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, Rueda subliñou que, desde a pandemia, a economía galega está a presentar un mellor comportamento que a española no seu conxunto. Nesta liña, destacou a suba dun 2,5 % do PIB durante o último trimestre do 2022; os máis de 27.400 millóns de euros acadados en exportacións ata novembro -e que xa superan o total de 2021-; ou que Galicia sexa a terceira Comunidade con menor ratio de débeda por habitante e a segunda que paga con máis axilidade as súas facturas.
Rueda subliñou que xa hai máis de 2.000 empresas galegas que exportan os seus produtos a Iberoamérica e agradeceu o papel crucial que as asociacións de empresarios de orixe galega ou o propio CEAPI desempeñan no impulso e mellora das relacións comerciais coa Comunidade. “Isto, sen dúbida, débese ao bo traballo dos empresarios”, asegurou.
Neste senso, animou a seguir polo camiño da colaboración, que facilitou que América Latina destaque como un mercado fundamental para Galicia, sobre todo en sectores estratéxicos como o da automoción, o téxtil, ou o da maquinaria e aparatos mecánicos, sen esquecer outros nos que Galicia é líder e nos que as relacións comerciais cos países iberoamericanos son estreitas e estables no tempo, como son os combustibles, a pesca e a conserva.
De feito, as relacións con América Latina son claves para a reactivación da economía galega. Tal e como recolle o Instituto Galego de Estatística, as exportacións aos países iberoamericanos suman nos primeiros once meses do 2022 un total de 1.011 millóns de euros, un 17,8% máis que no mesmo período do 2021.
A Xunta puxo en marcha hai dous anos a Estratexia de Internacionalización 2021-2025 para impulsar a presenza das empresas galegas no exterior, con especial atención a América Latina. Neste contexto, a Administración autonómica conta coas oficinas do Igape no exterior para facilitar consultas ou organizar feiras e misións comerciais e diferentes liñas de axudas á exportación mediante Galicia Exporta e Galicia Exporta Organismos Intermedios.
Cumio polas infraestruturas
O presidente aproveitou este encontro con empresarios para recordar o cumio que se vai celebrar este venres en Santiago de Compostela para reivindicar as infraestruturas que o noroeste peninsular precisa para ser competitivo, e no que Alfonso Rueda recibirá o presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, e o de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco. O mandatario galego agradeceulles aos seus homólogos o seu talante negociador á marxe de cores políticas e remarcou a mensaxe que se quere transmitir desde a Xunta: “Que poñemos os intereses de Galicia por riba de calquera interese político”, subliñou.
A Xunta destaca que o convenio entre Telespazio e a Universidade de Vigo é un exemplo das simbioses que xera o Polo Aeroespacial de Galicia
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación do acordo mediante o cal a multinacional colaborará, entre outros aspectos, na posta en marcha dun máster dual en Información Geoespacial.
- O Polo Aeroespacial de Galicia, no que colaboran 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo, supón unha mobilización de case 330M€, cifra á que hai que sumar os 164 millóns de euros mobilizados desde 2015.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe que o convenio entre Telespazio e a Universidade de Vigo é un exemplo das simbioses que xera o Polo Aeroespacial entre as empresas tractoras da industria aeronáutica e toda a cadea de valor do sector en Galicia.
Conde asistiu en Vigo á presentación desta colaboración, mediante a cal a multinacional, que xunto con Airbus e Babcock é socio tecnolóxico da Xunta na Civil UAVs Initiative, colaborará coa Universidade no desenvolvemento de proxectos de investigación, dará apoio a investigadores e estudantes, e participará na posta en marcha dun máster dual en Información Geoespacial, que vai ser un título propio da Universidade de Vigo.
O vicepresidente económico da Xunta de Galicia agradeceu a aposta de Telespazio polo ecosistema galego de I+D+i, e en concreto pola Universidade de Vigo, que lidera en Galicia a investigación no campo da industria aeroespacial, subliñando que este acordo pon unha semente para o futuro desenvolvemento do sector en Galicia e a súa consolidación.
O Polo Aeroespacial de Galicia, no que colaboran 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo, supón neste momento unha mobilización de case 330 millóns de euros, que poderían alcanzar os 540 millóns de euros coas achegas que puidesen chegar dos fondos europeos e o Perte do sector. É unha cifra á que hai que sumar os 164 millóns de euros mobilizados desde 2015.
Na súa intervención, Conde subliñou a gran aposta que está facendo Galicia pola industria aeroespacial. Segundo os datos do Consorcio Aeronáutico Galego, o sector, que vén mantendo unha liña de crecemento ininterrompido, conta con máis de 1.500 empregos vinculados entre directos e indirectos.
A Xunta destaca en Ames a importancia da diversificación para impulsar a mellora competitiva do tecido empresarial
- O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou Alfonsín Digital, empresa de Bertamiráns especializada no sector audiovisual que, grazas ao programa Galicia Inviste, implementou a tecnoloxía HDR Dolby Vision.
- Salienta que este programa ten permitido ata o de agora mobilizar máis de 42M€ na provincia da Coruña impulsando proxectos como a implantación de novos establecementos ou os cambios nos procesos de produción.
- Lembra que está aberto o prazo de presentación de solicitudes das axudas para impulsar obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada.
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Bertamiráns (Ames) as instalacións da empresa Alfonsín Digital, onde puxo en valor a importancia que ten para a mellora competitiva das pemes locais programas como Galicia Inviste, que permiten afondar tanto na diversificación de proxectos como na aposta pola innovación de cara a mellorar a competitividade empresarial.
Neste sentido, expuxo Guldrís, Alfonsín Dixital “é un bo exemplo” das posibilidades que ofrecen esta e outras liñas impulsada pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape. “Neste caso concreto, o programa permitiu a implementación da tecnoloxía HDR Dolby Vision, o que fai desta empresa especializada no sector audiovisual unhas das poucas que ofrece este sistema en España, e a única en Galicia”, subliñou.
Ata o de agora, segundo informou o director do Igape, este programa ten permitido mobilizar máis de 42M€ na provincia da Coruña, impulsando proxectos de mellora como a implantación de novos establecementos, a diversificación ou os cambios nos procesos de produción. Así, nesta provincia aprobáronse desde o 2018 e ata o de agora máis de 115 proxectos no marco do Galicia Inviste, que suman un importe conxunto superior aos 10,5M€.
Abre o prazo para participar na segunda edición da aceleradora de internacionalización de pemes Galicia Avanza
- A Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) danlle continuidade a este programa, do que se beneficiaron xa 30 empresas no 2022.
- O obxectivo deste programa é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor prazo posible.
- As pemes seleccionadas accederán a un programa integral de apoio á internacionalización de oito meses de duración.
A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) convocan a segunda edición de Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 28 de febreiro a través da páxina web https://www.tecnopole.es/galiciaavanza/
O obxectivo do programa de aceleración, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de abrirse a novos mercados ou acceder a novos segmentos de clientes. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como en avanzar na senda da innovación ou incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Criterios de selección
Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior. Ademais, como novidade nesta edición incentivarase a participación de empresas que non teñan axudas previas da Axencia Galega de Innovación (Gain) e de Tecnópole e a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal.
Itinerarios personalizados para cada empresa
Galicia Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de aceleración entre abril de 2023 e xaneiro de 2024 con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización, asesoramento e capacitación e formación comercial e técnica ao longo do programa.
Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento deles. Estes servizos teñen a consideración de subvencións en especie, suxeita a mínimis. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores expertos en diferentes materias e recibirán formación transversal en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.
Na primeira edición deste programa, recibíronse 42 solicitudes de participación das que foron seleccionadas 30 de sectores moi diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a enerxía, o TIC, a automoción ou o aeroespacial.
A Xunta avalía con Sogarpo a Axenda Financeira que en 2023 contará con 140 M€ para o tecido produtivo galego
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde destacou o papel que as sociedades de garantía recíproca desempeñan na xestión de solicitudes da liña de reavais do Goberno galego.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana unha reunión coa directiva de Sogarpo na sede que esta sociedade de garantía recíproca ten en Vigo.
O obxectivo do encontro era presentalles, de primeira man, a Axenda financeira da Xunta de Galicia, que este ano porá un total de 140M€ a disposición do tecido produtivo galego.
Deste xeito, a Axenda contará con instrumentos para o reforzo do capital e fondos propios da empresa, a través de XesGalicia; incluirá varias liñas de préstamos a través tanto de XesGalicia como de Igape; así como os programas de avais directos e reavais en colaboración coas SGRs e as entidades financeiras, con especial atención aos que garanten operacións a pemes afectadas polas consecuencias económicas da invasión a Ucraína.
Neste sentido, Conde puxo en valor o traballo realizado polas SGRs, como é o caso de Sogarpo, na xestión deste tipo de solicitudes e explicou que durante o ano 2020, esta sociedade recibiu o 40% de reavais Covid que se pediron en Galicia. Ademais, nos dez primeiros meses de 2022 outorgou avais a preto de 400 empresas por 33,3M€, un importe comparable a exercicios completos tanto previos como posteriores á pandemia. Isto permitiu consolidar 5249 postos de traballo, segundo as cifras da propia Sogarpo.