Super User
Trinta pemes galegas van poder internacionalizar os seus produtos ou servizos innovadores a través do programa Galicia Avanza da Xunta e Tecnópole
- Nesta segunda edición do programa, aumentaron as solicitudes un 43 % e as empresas participantes proceden das catro provincias galegas e de sectores moi diversos.
- Galicia Avanza contribúe a reforzar a competitividade das pemes galegas nos mercados exteriores así como a impulsar a Marca Galicia a nivel internacional no eido da innovación.
- As empresas seleccionadas van desde unha firma que desenvolve robots limpacristais, ata unha compañía que elabora complementos alimenticios en formato gominola, unha plataforma que permite ás ONGs xestionar as súas doazóns de maneira dixital, ou unha peme dedicada ao deseño e fabricación de cociñas orgánicas e sostibles.
A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) no acto no que se deron a coñecer as empresas beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras Galicia Avanza. Unha iniciativa posta en marcha en 2022 froito da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).
Argerey destacou a alta participación nesta edición, que aumentou un 43 % respecto da primeira celebrada no ano 2022, un dato que constata o interese polo programa e a maior competencia entre as candidatas. Así mesmo, apuntou que as trinta pemes seleccionadas proceden das catro provincias galegas e de sectores moi diversos como a alimentación, a saúde, a enerxía, o téxtil ou as novas tecnoloxías, entre outros.
A directora de Gain explicou que estes datos son especialmente satisfactorios para o seu departamento na medida en que cumpren cun dos obxectivos do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que é aumentar a base de empresas innovadoras galegas, especialmente entre as pemes e microempresas, xa que “a innovación está ao alcance de todos, non é unha cuestión de tamaño, localización ou sector”.
Ademais, Argerey subliñou que apoiando a chegada ao mercado exterior de solucións innovadoras galegas contribúese ademais a impulsar a apertura e visibilidade internacional do ecosistema galego de innovación reforzando así o atractivo da Marca Galicia a nivel internacional no ámbito da innovación, en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) 2021-2027.
Ademais das empresas beneficiarias, acudiron ao evento as consultoras que as guiarán e asesorarán neste proceso ao longo dos vindeiros meses. Nesta edición, o período de implementación do programa prolóngase a 10 meses, o que permitirá afondar máis nas necesidades das empresas e intensificar a aceleración.
As pemes seleccionadas accederán a un programa integral de apoio á internacionalización entre abril deste ano e febreiro de 2024, con itinerarios personalizados. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, na innovación e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
Empresas de novas tecnoloxías, alimentación, saúde, enerxía ou téxtilAs pemes beneficiarias pertencen a sectores moi diversos e ofrecen produtos e servizos moi dispares. No eido das novas tecnoloxías seleccionouse una empresa que emprega a identificación por radiofrecuencia e visión artificial para a xestión de inventarios e a trazabilidade das cadeas de subministración; outra que persegue internacionalizar a súa plataforma destinada a optimizar a relación entre as entidades sanitarias e as aseguradoras do campo da saúde; unha plataforma baseada na tecnoloxía blockchain que permite ás organizacións sen ánimo de lucro xestionar as doazóns de maneira dixital; unha firma que desenvolve robots limpacristais, fregasolos e robots que limpan paneis fotovoltaicos; un sistema baseado na tecnoloxía IoT (Internet das Cousas) que permite a monitorización das cafeteiras e dos muíños de café da canle food service; un sistema robótico para a recollida e apilado de pezas a granel; xunto a unha plataforma web para apoiar o estudo e realización de instalacións medioambientais cun aforro de tempo e recursos.
No campo alimentario vaise impulsar a internacionalización dunha firma que fabrica estoxos para conxelados e embalaxe para conserva de peixe; outra que quere comercializar entre o sector industrial alimentario internacional o seu coñecemento na produción de ovos e produtos derivados do ovo; unha consultoría centrada no sector pesqueiro e agroalimentario; unha empresa que comercializa cocktails; unha firma familiar que vende polbo ultraconxelado; outra que elabora complementos alimenticios en formato gominola, sen azucre nin alérxenos, e gominolas sen azucre; ademais dunha fábrica de chocolate artesá.
No ámbito da saúde hai unha peme que desenvolve técnicas baseadas na fluorescencia para o descubrimento de novos fármacos; a primeira plataformAPP especializada de formación e teleformación para o sector sociosanitario; así como un acumulador de auga quente sanitaria.
Varias das propostas céntranse no eido enerxético, como unha firma referente a nivel mundial na formación eólica que busca a exportación directa dos seus cursos; outra que ofrece produtos e servizos relacionados co hidróxeno verde e a súa implantación en procesos industriais actuais ou para novas aplicacións como dispensadores de hidróxeno para vehículos industriais; e outra que quere reforzar a exportación dos seus produtos de caldereiría e frío industrial.
No campo da sostibilidade, seleccionouse unha firma especializada no deseño e fabricación de cociñas orgánicas e sostibles; unha empresa dedicada á fabricación artesanal de calzado infantil, con materiais reciclados, ecolóxicos e naturais; outra que desenvolve fertilizantes minerais innovadores e sostibles; e unha peme que busca internacionalizar a súa braga menstrual de baixo impacto ambiental.
Entre as beneficiarias, hai tamén unha empresa dedicada á xestión de riscos biolóxicos e á fabricación de embalaxes para o transporte de materias biolóxicas; unha tecnolóxica que busca expandir e implementar o seu sistema para a xestión da auga en Angola e Tanzania; unha empresa que deseña e elabora produtos para profesionais do viño e a restauración; unha peme que fabrica pixamas e roupa de casa; e unha consultoría que axuda ás empresas a resolver problemas ligados á perda de competitividade debida á mala saúde ou desmotivación dos seus traballadores.
Rueda anima ao tecido empresarial a aproveitar os novos retos e oportunidades que se lle presentan á industria galega para seguir prosperando
- Salienta o crecemento da riqueza industrial galega e anima ao “optimismo” perante o futuro da Comunidade a pesar das dificultades polas consecuencias da pandemia e polo contexto internacional.
- Destaca as posibilidades para Galicia en sectores como as enerxías renovables.
- Pon en valor a estabilidade que ofrece Galicia para xerar confianza aos inversores e a flexibilidade e axilidade da súa administración na tramitación dos proxectos.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou ao tecido empresarial a aproveitar os novos retos e oportunidades que se lle presentan á industria galega para seguir prosperando. O titular do Goberno galego resaltouno en Vigona súa intervención no xantar-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, no que invitou ao “optimismo” perante o futuro da Comunidade a pesar das dificultades polas consecuencias da pandemia e polo contexto internacional.
O mandatario galego incidiu en que todos as análises coinciden en que a riqueza industrial de Galicia non deixou de medrar nos últimos tempos como resultado dunha tradición e dunha experiencia enraizada na Comunidade da que convidou a botar man para saír con éxito tamén dos novos retos e oportunidades. En concreto, o presidente da Xunta destacou as posibilidades para Galicia en sectores como as enerxías renovables.
Alfonso Rueda indicou que as boas cifras en sectores como a automoción, o naval ou a cadea mar-industria, así como as cifras récord en exportación, o crecemento do emprego e os bos datos do turismo son unha proba do pulo de Galicia no seu tecido económico tradicional. Nese sentido, amosouse convencido de que hai “motivos para a esperanza”, sobre todo nunha cidade como Vigo que é “o corazón industrial de Galicia” e que ten capacidade para “bombear” sectores clave da economía.
Pero o titular do Goberno galego salientou que as expectativas tamén son moi boas en sectores emerxentes e nas novas oportunidades que ofrecen para Galicia as enerxías renovables. Máis polo miúdo, Rueda referiuse ás posibilidades do vehículo eléctrico, da eólica terrestre e a eólica mariña, das enerxías renovables e do hidróxeno verde. “Hai moito interese no que Galicia pode facer coas enerxías renovables”, asegurou. Nese sentido, o presidente da Xunta puxo en valor a estabilidade que ofrece Galicia para xerar confianza aos inversores e a flexibilidade e axilidade da súa administración para a tramitación dos proxectos.
Alfonso Rueda destacou que tamén no eido da investigación e da formación Galicia está preparada para asumir os novos retos da man da Universidade e da nova Formación Profesional. Subliñou, ademais, a oportunidade que supón o retorno dos galegos no exterior tanto para loitar contra a crise demográfica como para sumar persoal cualificado e novos emprendedores.
“Non podemos perder esta oportunidade”, indicou o presidente da Xunta, polo que animou a traballar unidos para acadar as infraestruturas que precisa a Comunidade tanto nas conexións coa Meseta como con Portugal e a esixir que os fondos europeos cheguen en igualdade de condicións ás empresas que os precisan en Galicia ou que queren investir en Galicia. “Se a vostedes lles vai ben -dixo aos empresarios reunidos no acto- a Galicia vaille ir ben”.
A Xunta explora en Miami o potencial loxístico de Galicia e Florida e avanza no establecemento dunha ruta directa de mercadorías entre ambas as dúas rexións
- O director do Igape, Fernando Guldrís, mantén un encontro con representantes do Porto de Miami e do Clúster Loxístico de Galicia no que afondan nun documento base para configurar unha ruta comercial directa entre Miami e Galicia.
- O encontro permite poñer en valor o potencial galego no tocante á loxística de frío e a sustentabilidade dos portos da Comunidade ao tempo que se resalta o papel de Miami como hub loxístico e portuario e como punto de conexión co resto de Norteamérica e de Latinoamérica.
- Salienta que un dos motivos para establecer estas liñas de mercadorías entre Galicia e EE.UU radica en que a maior parte da produción de pneumáticos que Sentury prevé fabricar na futura planta serán para exportar ao mercado estadounidense vía Miami.
O director do Igape, Fernando Guldrís, no marco da viaxe que está a levar a cabo estas datas, vén de manter un encontro no Porto de Miami con representantes da propia terminal marítima e do Clúster Loxístico de Galicia. Unha xuntanza que, segundo expuxo, permitiu poñer en valor o potencial loxístico de ambas as dúas rexións ao tempo que se avanzou nun documento marco para o establecemento dunha ruta directa de mercadorías entre Galicia e Miami.
O director do Igape lembrou que o Porto de Miami xa ten “unha relación importante” coas autoridades portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol, e incidiu tanto no potencial galego no tocante á loxística de frío e a sustentabibilidade dos portos da Comunidade como na importancia de Florida como hub loxístico. A rexión configúrase como o terceiro clúster loxístico e de distribución máis importante do país, enlace entre Latinoamérica e o Caribe ao ser o maior exportador cara a estes mercados.
A Xunta promove a presenza de startups galegas no evento tecnolóxico Emerge Americas en Miami
- O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu a este encontro co obxectivo de explorar novas oportunidades de negocio para o ecosistema galego de emprendemento innovador.
- As exportacións galegas a Estados Unidos medraron máis dun 21% durante o ano pasado ata acadar os 824M€, o que sitúa este mercado como o segundo con maior peso para Galicia fóra da Unión Europea.
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta semana en eMerge Americas, evento tecnolóxico que se celebrou no Centro de Convencións de Miami Beach, onde mantivo distintos encontros con representantes de startups e empresas galegas en desenvolvemento na procura de fortalecer a aposta pola internacionalización e a innovación do tecido empresarial galego.
Neste sentido, e como indicou Guldrís, a presenza galega no evento permite tanto reforzar o posicionamento do ecosistema de startups galego nun lugar de referencia como potenciar as boas relacións comerciais entre Galicia e Estados Unidos, explorando novas oportunidades de negocio, especialmente para empresas e startups galegas.
As exportacións galegas a Estados Unidos medraron máis dun 21% o ano pasado ata acadar os 824 millóns, o que sitúa este mercado como o segundo con maior peso para Galicia fóra da Unión Europea.
A Xunta de Galicia asina un convenio de colaboración coa cámara de comercio polaco-española para impulsar os investimentos e o intercambio comercial
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o presidente do Consello da Cámara de Comercio Polaco-Española, Stefan Bekir Assanowicz, asinaron esta semana o protocolo.
- En virtude deste acordo, Galicia e Polonia comprométense a organizar e promover visitas de delegacións empresariais e a intercambiar información sobre feiras internacionais.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o presidente do Consello da Cámara de Comercio Polaco-Española, Stefan Bekir Assanowicz, asinaron esta semana un convenio de colaboración para o desenvolvemento das relacións amistosas, os investimentos e o intercambio comercial entre o tecido empresarial galego e polaco.
En virtude deste acordo, Galicia e Polonia comprométense a intercambiar información sobre feiras internacionais, exhibicións e outras actividades de promoción comercial que teñan lugar nos seus respectivos ámbitos territoriais, así como a promover e organizar visitas de delegacións empresariais para impulsar a cooperación económico-comercial e o investimento.
De igual xeito, tanto a Xunta de Galicia, a través do Igape, como a Cámara de Comercio Polaco-Española, amosan a súa disposición a intercambiar publicacións e outros materiais sobre a economía e a política local e sobre as súas experiencias na promoción de investimentos estranxeiros.
Para o desenvolvemento destas actividades establecerase unha comisión mixta, de composición paritaria, que estará integrada por representantes de cada unha das institucións ás que corresponderá a concreción, o seguimento, a interpretación e a avaliación das accións derivadas do protocolo.
Polonia é o sétimo destino das exportacións galegas, que medraron o ano pasado un 21% con respecto ao 2021 e un 85% en relación a 2019. Durante 2022, foron 355 empresas galegas as que realizaron vendas a este destino, 12 con implantación comercial e tres con implantación produtiva.
A Xunta avoga por promover unha cadea de valor dixital, verde e resiliente para impulsar a transformación da automoción galega
- O Igape participa en Bruxelas na xornada ‘Co-creation roundtable on regional issues Mobility transition pathway’, onde salienta a importancia de avanzar cara a unha mobilidade con máis infraestruturas; na que se impulsen os vehículos non contaminantes; máis intelixente, cunha modernización da xestión do transporte público; e máis eficiente e segura.
- Durante a mesa redonda afondouse tamén na importancia que neste proceso teñen os fondos Next Generation co obxectivo de levar a cabo os investimentos necesarios para a adaptación do sector a esta nova mobilidade eléctrica.
O Igape participou na xornada Co-creation roundtable on regional issues - Mobility transition pathway levada a cabo en Bruxelas, na que as rexións participantes, con ecosistemas destacados en automoción e mobilidade, están a avaliar as posibilidades que ofrece o proceso de transición da industria na procura de adaptarse á nova mobilidade sostible. Un escenario no que os representantes do Instituto adscrito a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación avogaron por impulsar a transformación da automoción galega a través dunha cadea de valor dixital, verde e resiliente.
Así, Norberto Penedo, director da Área de Competitividade, sinalou que o sector está a sufrir unha das transformacións máis grandes da súa historia nas que a transición xusta ou a electrificación son puntos centrais do cambio de paradigma actual. Un escenario no que a Unión Europea estase a mover rápido poñendo o 2035 como data marco para que os novos turismos e furgonetas no mercado da UE sexan de cero emisións.
Sobre esta base, expuxo a importancia de avanzar cara a unha mobilidade con máis infraestruturas; na que se impulsen os vehículos non contaminantes; máis intelixente, cunha modernización da xestión do transporte público; máis eficiente e segura; e máis competitiva, capaz de aproveitar ao máximo o potencial dos portos e as plataformas loxísticas.
Neste marco, os participantes na mesa redonda avanzaron cara un documento común que levará por título Final mobility transition pathway policy report, no que a Xunta incorpora tamén as achegas do propio sector da automoción galega a través do Ceaga.
Durante a xornada afondouse na importancia que, neste proceso, teñen os fondos Next Generation co obxectivo de levar a cabo os investimentos necesarios para a adaptación do sector a esta nova mobilidade eléctrica. Neste sentido, o Goberno galego reitera a necesidade de que o novo Perte do Vehículo Eléctrico ofreza certezas a un sector que, en Galicia, supón preto do 14 % do emprego industrial.
A Xunta destaca o traballo co tecido produtivo na busca de novas oportunidades de negocio en México
- O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións da antena comercial no país, que supón o primeiro destino das exportacións galegas a Latinoamérica.
- Ao longo do ano pasado, as vendas galegas a México medraron en máis dun 48 %, acadando os 326 M€, o que fai deste país o terceiro socio comercial de Galicia fóra de Europa.
O director do Igape, Fernando Guldrís, vén de visitar a Antena coa que contan en Cidade de México e que, como o resto destas oficinas, ten por obxectivo facilitar o camiño das empresas galegas no país de destino, procurando achegar información e acompañar ás pemes nos seus proxectos de internacionalización.
“A Antena do Igape en México colabora con numerosas compañías galegas na consolidación dos seus proxectos neste mercado, que supón o primeiro destino das exportacións galegas a Latinoamérica”, salientou Guldrís, que acompañou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa recente visita a este país. Non en van, ao longo de 2022, as exportacións galegas a México medraron en máis dun 48 %, acadando os 326 M€, o que fai deste país o terceiro socio comercial de Galicia fóra de Europa.
Neste marco, a Antena de México, desde a súa posta en marcha en 2018, ademais das empresas atendidas, coopera tamén con clientes e institucións, facilitándolles a todos eles servizos personalizados como axendas de negocio, apoio en accións de promoción, prospeccións de mercado ou axuda para a implantación en destino. Así mesmo, organiza misións comerciais apoiando, de modo directo, a implantación de distintas empresas.
Neste momento, a Antena está a desenvolver un plan de actuación para o presente ano que se centra na internacionalización dixital e no enfoque cara ao cliente, na procura de incrementar as relacións económicas entre Galicia e México, que se atopa xa entre as 16 economías máis grandes do mundo e a segunda de América Latina.
Galicia busca abrir o camiño a novas pemes da cadea mar-industria para que fagan da innovación o seu sinal de identidade
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe nunha xornada do foro de innovación Conecta Mar.
- Na iniciativa participaron Iberconsa, Anfaco-Cecopesca e 10 pequenas e medianas empresas do sector que traballaron en conxunto na identificación de retos do sector e plans de actuación para dar resposta aos mesmos a través da innovación.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou esta mañá en Vigo que Galicia busca abrir o camiño a novas pemes da cadea mar-industria para que fagan da innovación o seu sinal de identidade.
Conde interveu nunha xornada do foro de innovación Conecta Mar, no que participaron Iberconsa como empresa tractora, Anfaco-Cecopesca como centro tecnolóxico de apoio e axente coñecedor do sector e da tecnoloxía que o rodea, e 10 pemes deste ámbito Esencia Atlántica, Ángel Diz Lorenzo, Eiga (Estándar Gestión Alimentaria), Eurored, Syntelix Avances Tecnológicos, Alfogar, Userrob, Cofrico, Asociación Afripez e Muutech.
Coa xornada celebrada hoxe conclúe o primero dos foros de innovación por sectores e cadeas de valor prioritarias na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que se prevé celebrar dentro do Programa de impulso á innovación nas pemes. Previamente, os participantes traballaron en conxunto na identificación de retos do sector e plans de actuación para dar resposta aos mesmos a través da innovación.
Segundo salientou o vicepresidente primeiro, a iniciativa permite ás pemes iniciarse na innovación de forma guiada, cun plan estruturado e uns obxectivos focalizados, mentres que a empresa tractora ten a oportunidade de fortalecer o seu ecosistema local. Conde, que avogou por universalizar esta forma de traballar na cadea mar-industria, apuntou que non só as grandes compañías exercen como tractoras, senón que precisan das pemes para dar resposta aos seus retos tecnolóxicos. Entre os retos identificados nas fases de traballo previo desta iniciativa, atópanse, tal e como lembrou o conselleiro, a sustentabilidade, a eficiencia ou a mellora dos procesos e os produtos.
Conde reivindica a Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto como punto de encontro do oficio
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu á 14ª edición deste evento.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, enxalzou o papel da Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto como punto de encontro para o sector, unha cita única en Galicia na que hoxe haberá unha vintena de profesionais de todo o país e que servirá para concienciar á sociedade da importancia dos oficios tradicionais.
O programa contará con demostracións artesanais, obradoiros infantís, música e animación, nunha xornada que pretende visibilizar este oficio, fomentar o relevo xeracional e actuar como dinamizador turístico, económico e cultural da zona.
Artesanía de Galicia conta cun total de 13 obradoiros rexistrados na actividade de forxa e ferrería dos que tres pertencen a este municipio. Conde destacou o esforzo que se está a facer no eido da artesanía do ferro por abrise a novos mercados e participar en feiras e eventos tanto nacionais como internacionais.
A Xunta destaca o labor de BNI Terramar para que o tecido empresarial da comarca do Barbanza aposte por ser máis dixital e sustentable
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Ribeira na celebración do sétimo aniversario deste grupo de networking.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Ribeira na celebración do sétimo aniversario do grupo de networking empresarial BNI Terramar.
Na súa intervención, Conde destacou o labor desta entidade para que o tecido empresarial da comarca do Barbanza aposte por ser máis dixital e sustentable. O vicepresidente primeiro remarcou que esta asociación está fomentando a solidariedade e a cohesión entre os seus membros, apuntando que para a Xunta de Galicia sempre é un motivo de satisfacción constatar que o tecido empresarial traballa unido, buscando sinerxías e compartindo inquedanzas e obxectivos.