Rueda salienta a capacidade de Galicia para captar investimentos, grazas á estabilidade institucional, á boa marcha da economía e á posición xeográfica estratéxica

Martes, 07 Marzo 2023 21:35
  • O presidente da Xunta presentou en Madrid a sociedade público-privada Impulsa Galicia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que a estabilidade institucional, a boa marcha da economía e a posición xeográfica estratéxica son os piares que fan de Galicia unha terra atractiva para o investimento. “Por Galicia paga a pena apostar”, proclamou o xefe do Executivo autonómico. Fíxoo durante a presentación da sociedade público-privada Impulsa Galicia en Madrid, encargada de identificar as oportunidades do escenario económico actual e poñelas ao servizo do progreso da nosa comunidade.

Como mostra da confianza que inspira Galicia, Alfonso Rueda anunciou que se vén de culminar con éxito a emisión de 500 millóns de euros de débeda pública. A demanda triplicou o importe que se ofrecía e permitiu lograr unhas condicións financeiras moi favorables en comparación con outras comunidades. O presidente destacou que a xustificación disto se atopa na xestión responsable: somos o territorio que menos incrementou o volume de débeda desde o inicio da crise económica, a única autonomía de réxime común que non foi rescatada e unha das CC.AA. con maior esforzo inversor de toda España.
 
A sociedade público-privada Impulsa Galicia, creada en abril de 2021, está a promover proxectos estratéxicos para o futuro económico e social de Galicia, como son a planta de fibras téxtiles sostibles de orixe vexetal que permitirá concentrar o 3 % da produción mundial destes materiais; unha factoría de hidróxeno verde que poderá producir ata 14.400 toneladas e un ambicioso centro de datos con capacidade para xestionar a práctica totalidade do ecosistema empresarial de Galicia.
 

Ofrecer certezas respecto dos fondos europeos
Alfonso Rueda insistiu en que estes proxectos transformadores corren risco de non chegar a bo porto se o Goberno central non axiliza as axudas europeas que precisan facendo xa un reparto xusto, proporcionado e transparente dos Next Generation. Recordou, que no que respecta aos fondos que xestiona o Goberno galego, practicamente están mobilizados ao cen por cen, pero non así os que corresponden aos Perte. Dos 41.000 millóns asignados, hai máis de 28.600 que aínda non se convocaron e outros 7.000 que aínda non teñen un destinatario asignado. Polo tanto, apenas un de cada dez euros destas axudas chegaron ao tecido produtivo.

O presidente da Xunta asegurou que a Comunidade galega conta con todos os ingredientes para liderar ese cambio económico e social, gracias á seguridade xurídica, as figuras para axilizar e facilitar a implantación de novas empresas e á creación de emprego e de riqueza. Galicia ten xa máis postos de traballo a tempo completo que antes da pandemia, bateu o récord histórico de exportacións con 30.000 millóns de euros e está apostando polo seu capital humano, moi especialmente a través da Formación Profesional.

Fixo mención específica ao gran potencial enerxético de Galicia e exemplificouno coas plantas de hidróxeno verde que se están a proxectar para as zonas de transición de As Pontes e Meirama, a interconexión coa rede de gasodutos que acadou un fito a pasada semana coa alianza entre Reganosa e Enagás e a aposta por un desenvolvemento racional da enerxía eólica.


A carón das iniciativas emprendedoras
O mandatario galego confrontou o modelo da Xunta co de outras Administracións que cuestionan ao empresariado. Fronte a esa política, Alfonso Rueda quixo dar a benvida a todas as iniciativas emprendedoras que aposten por Galicia para implantarse no seu territorio e medrar da man da súa sociedade, xa que advertiu que un país non prospera sen empresarios. Neste senso, salientou as políticas ambiciosas da Xunta de solo empresarial e de darlle prioridade aos proxectos estratéxico, ademais de reivindicar infraestruturas claves para o progreso económico como o Corredor Atlántico Noroeste.

Rueda concluíu poñendo en valor as liñas de traballo do Goberno galego na aposta polo i+D+i, na captación de inversións produtivas e -a través da sociedade Impulsa- no pulo a proxectos con vocación transformadora co obxecto de situar no centro do mundo conectado a Galicia, da que defendeu as súas incalculables oportunidades.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis