Super User

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou na xornada ‘Tomando o pulso ao mercado de traballo’, celebrada en Santiago de Compostela
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no evento InnoBar, encontro entre startups e investidores que busca identificar necesidades e inquietudes dos emprendedores galegos potenciando o ecosistema da innovación en Galicia.
  • Lembra que o Goberno galego ten en marcha unha completa Axenda Startups con diferentes liñas e actuacións na procura de fomentar un emprendemento innovador capaz de seguir reactivando a economía, xerar emprego e mellorar a competitividade.

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en InnoBar, un encontro celebrado en Santiago e centrado na innovación, no que tomaron parte representantes de Startups e investidores e no que puxo en valor a importancia do emprendemento innovador como chave do futuro económico de Galicia.

O evento, organizado en colaboración coa Fundación Madri+D, impulsou a súa primeira xuntanza na capital o pasado mes de novembro, tomando parte no mesmo diversas startups e emprendedores galegos. Esta tarde abordouse en Galicia unha segunda xornada que reuniu arredor de cen persoas e que contou coa presenza, entre outros, de Eduardo Díaz, jefe del área de emprendedores de la Fundación Madri+D.

Neste marco, a directora do Igape puxo en valor a importancia deste tipo de encontros, que permiten, nun  espazo distendido, potenciar o ecosistema innovador galego promovendo a colaboración entre emprendedores e posibles investidores. “InnoBar é unha boa experiencia innovadora, que permite recibir charlas inspiradoras, compartir coñecemento e facer networking”, expuxo Toca.

Sobre esta base, a directora do Igape lembrou que o Goberno galego ten en marcha unha completa Axenda Startups con diferentes liñas e actuacións na procura de fomentar un emprendemento innovador capaz de seguir reactivando a economía, xerar emprego e mellorar a competitividade.

  • Destaca que a tarefa da Administración autonómica vai seguir sendo ofrecer certezas, estabilidade e confianza.
  • Avoga por dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos que conforman a Axenda Industrial de Galicia.
  • Apunta que, ata maio, se crearon en Galicia máis de 1.800 empresas, 773 na provincia da Coruña.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, comprometeu hoxe todo o apoio da Xunta para seguir impulsando en Galicia a competitividade de pemes, micropemes e autónomos, ao tempo que se asentan no territorio os grandes proxectos de investimento previstos no marco dos fondos Next Generation.

Así o manifestou hoxe durante a clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios da Coruña, onde avogou por dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos que conforman a Axenda Industrial de Galicia, relacionados coa economía circular, a xeración de hidróxeno verde e os biocombustibles ou coa mobilidade sustentable, e lideradas por empresas como Sentury, Resonac, Reganosa, EDP, Repsol ou Naturgy, entre outras.

Durante a súa intervención, Lorenzana salientou que “en Galicia cremos que hai outra forma de facer as cousas”, sinalando que “as empresas sodes parte da solución”. Neste sentido, avogou pola colaboración público-privada, lembrando que “a economía, a industria, os proxectos, o emprego, os fan as empresas”, avogando pola colaboración público-privada”.

 

Lorenzana apuntou que a tarefa da Administración autonómica vai seguir sendo ofrecer certezas, estabilidade e confianza ao tecido empresarial. E, ao respecto, puxo de relevo que Galicia xa recuperou o PIB prepandemia antes que a media de España. Que vén de rexistrar o mellor cuadrimestre da historia en exportacións (con máis de 9.676 millóns de euros, que é un 6,4% máis que entre xaneiro e abril do ano pasado). Tamén a mellor cifra nun mes de maio nos últimos 14 anos en número de afiliados á Seguridade Social (1.059.085 persoas). E que ata maio, se crearon en Galicia máis de 1.800 empresas, 773 na provincia da Coruña.

A conselleira concluíu recoñecendo que o que contribúe a estes datos é o talento e a capacidade de adaptación das empresas galegas nun contexto tan complexo como o actual.

  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe nun coloquio organizado por APD en Vigo que a Administración autonómica vai seguir traballando para eliminar trabas burocráticas e achegar un clima favorable en termos de fiscalidade, enerxía e tamén no plano laboral.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Vigo nun coloquio organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), no cal destacou a aposta da Xunta de Galicia por ofrecer a máxima axilidade administrativa para captar novos investimentos empresariais. Así, sinalou que a Administración autonómica vai seguir traballando para eliminar trabas burocráticas e achegar un clima favorable en termos de fiscalidade, enerxía, e tamén no plano laboral.

Lorenzana recoñeceu que as administracións “non poden ser un estorbo” para o tecido empresarial e iso, dixo “implica axilidade administrativa desde todos os puntos de vista e coñecer cales son as súas necesidades e como se pode traballar de xeito coordinado para que os proxectos saian adiante. “Estamos dando ritmo a un traballo xa iniciado para converter Galicia nun foco de atracción de investimentos, vinculando, tamén, a enerxía á industria”, tal e como recolle a futura Lei de de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

“Temos que trasladar unha mensaxe á sociedade de que podemos traballar coa enerxía que temos en Galicia, que iso vai repercutir no benestar de todos”, dixo, e mentres tanto, engadiu, conseguir que iso teña impacto no prezo enerxético que afronta a industria e contribúa a captar investimento exterior. Ao mesmo tempo, Lorenzana avogou por “dar coherencia” ao traballo que fai o Igape e a Sociedade Impulsa, xunto coa Secretaría Xeral de Industria, “que naceu coa finalidade de ser quen de coordinar todos os proxectos industrias e empresarias e ser o nexo de unión”.

A conselleira tamén considerou clave o talento, “atraer e reter ás persoas”, dixo. E, con respecto aos fondos Next Generation, recoñeceu que “sería unha auténtica traxedia” que non chegasen a Galicia, polo que, concluíu: “imos ser incansables en reclamalo”.

  • Garante o compromiso da Xunta para “pór os medios” para acompañar as empresas no seu desenvolvemento e creación de postos de traballo dun xeito sustentable.
  • Salienta a “enorme oportunidade” que ten Galicia nas enerxías renovables ao contar cunha “situación punteira” con respecto a outras moitas zonas de Europa.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, erixiu hoxe o tecido empresarial galego como exemplo de xeración de riqueza mantendo intacto o compromiso co respecto ambiental, tal e como considerou que queda acreditado en casos como o de Genesal Energy, que acaba de poñer en marcha a primeira fachada fotovoltaica integral de Galicia nas súas instalacións no concello coruñés de Bergondo, evitando así a emisión de 20 toneladas de dióxido de carbono.

“É un signo de compromiso medioambiental” gabou Rueda sobre estas instalacións, ao tempo que salientou “o talento, a perseveranza, a investigación e os investimentos en i+D+i” desta empresa, á que cualificou de “punteira e forte”. Ademais, tamén puxo en valor que, a través da súa actividade económica, non só exporta produtos galegos a todo mundo, senón tamén talento sen esquecer a preservación e protección da contorna.

Ante esta implicación do tecido empresarial galego na xeración de riqueza e no respecto ambiental, o mandatario galego defendeu que as Administracións “deben preguntarse que deben facer para botar unha man”. Por este motivo, garantiu o compromiso da Xunta en “pór os medios” para acompañar as empresas no seu desenvolvemento e creación de postos de traballo dun xeito sustentable.

A enorme oportunidade de Galicia nas enerxías renovables

Neste senso, fixo fincapé en que as enerxías renovables “chegan para quedarse” e advertiu que Galicia ten “unha enorme oportunidade” neste sector, xa que apuntou que a comunidade galega conta con elementos que a colocan “nunha situación punteira” con respecto a outras moitas zonas de Europa.

Fronte a esta situación de desenvolvemento das enerxías renovables, defendeu que as Administracións teñen que estar “convencidas” en apoiar e darlle pulo a iniciativas empresarias neste eido, “e a de Galicia o está”, aseverou para concluír a súa intervención.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada informativa do Foro Empresa Pontevedra onde informou de que a convocatoria actual do programa de Dixitalización Industria 4.0 conta con 5M€ para apoiar a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor.
  • Apunta que, no marco da Axenda Financeira 2023, está aberta, un ano máis, a liña de préstamos directos, que suma 18 millóns de euros na procura de facilitar o financiamento e promover a competitividade de pemes e autónomos galegos.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada informativa do Foro Empresa Pontevedra onde achegou ao tecido empresarial da provincia as distintas liñas de apoio que está a promover a Xunta para impulsar a competitividade do tecido empresarial galego. Neste marco, Guldrís lembrou que ata o vindeiro 5 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de solicitudes do programa de Dixitalización Industria 4.0 que, un ano máis, aspira a facilitar a transformación industrial das pemes galegas a través de proxectos de dixitalización. 

A liña conta cun orzamento de 5 millóns de euros para promover a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais para a dixitalización e conectividade da peme. Este programa cobre o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, así como o 50 % dos gastos en colaboracións externas en ambos os casos.  

Así mesmo, o director do Igape lembrou que, no marco da Axenda Financeira 2023, está aberta, un ano máis, a liña de préstamos directos, que suma 18 millóns de euros na procura de facilitar o financiamento e promover a competitividade de pemes e autónomos galegos.

 

  • Na súa primeira intervención tras o seu nomeamento como conselleira de Economía, Industria e Innovación, na inauguración da feira Mindtech, Lorenzana avanzou que estas van ser as liñas mestras da consellería.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por proseguir cunha política económica que priorice a axilidade administrativa, a convivencia en harmonía da industria e o territorio, o apoio a pemes e autónomos, e a formación e o benestar laboral.

Na súa primeira intervención tras o seu nomeamento como conselleira de Economía, Industria e Innovación, na inauguración da feira Mindtech, Lorenzana avanzou que estas van ser as liñas mestras da consellería.

Segundo dixo, ten que haber axilidade administrativa a todos os niveis para atraer e desenvolver iniciativas empresariais. Tamén apoio económico no marco dos fondos Next Generation, tendo en conta que “é o momento histórico en que máis proxectos hai para instalarse na Comunidade”. E unha aposta clara polo talento e a formación flexible.

Lorenzana subliñou que Galicia ten que conseguir transmitir ao exterior a seguridade xurídica que precisa calquera territorio atractivo para os investidores, cun marco regulatorio estable a nivel laboral, enerxético e fiscal.

A conselleira puxo de relevo a aposta que os sectores estratéxicos da economía galega están facendo pola innovación e o talento, pola sustentabilidade e pola formación. E, ao respecto, asegurou que Mindtech é un fiel reflexo de toda esa capacidade instalada e un foco de tracción de novos investimentos.

  • A iniciativa, promovida por Clusaga e a Administración galega, a través da Oficina Next Gen Food Galicia, conta cun orzamento de case 26M€ na procura de transformar o sector lácteo a través da I+D+i e o investimento en activos de protección ao medio ambiente e aforro enerxético.
  • Trátase dun proxecto vertical no que participan 14 empresas e centros tecnolóxicos e que aborda tres grandes bloques -competitividade, sustentabilidade e trazabilidade- a través de 24 actuacións diferentes.
  • De saír adiante, sumaríase a outras iniciativas da industria que xa contan co apoio dos fondos europeos, como son Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías.

O proxecto Smartz4milk Cadea de Valor Láctea Intelixente, Trazable, Sostible e Conectada, presentouse esta mañá nas instalacións do Grupo Leche Río en Lugo. Trátase dunha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e Clusaga a través da oficina Next Gen Food Galicia que busca avanzar na modernización do sector lácteo acadando fondos europeos no marco do Perte Agroalimentario.  

Smartz4milk é un proxecto tractor liderado por empresas galegas e para o que a Xunta agarda que se obteña financiamento no marco deste Perte, que conta cunha partida de preto de 1.500 millóns. Suma 14 empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos -xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana-, e aposta pola innovación e a mellora competitiva dunha industria que supón o 1,5% do PIB galego e da que a comunidade é líder nacional de produción.

Para o seu desenvolvemento, o proxecto conta cun orzamento de case 26M€, centrándose en tres grandes bloques de competitividade, sustentabilidade e rastrexabilidade a través de 24 actuacións distintas encamiñadas a transformar o sector lácteo grazas á I+D+i e o investimento en activos de protección ao medio ambiente e aforro enerxético. 

Oficina Next Generation Galicia Food

Cómpre lembrar que Galicia ten posto en marcha distintas oficinas para facilitar ao tecido empresarial a concorrencia aos fondos europeos. Así, a Xunta, a través do Igape, e Clusaga, activaron no seu momento a oficina Next Generation Galicia Food coa finalidade de aproveitar a oportunidade dos fondos europeos para impulsar a transformación económica e social do sector agroalimentario en Galicia.  

Esta Oficina está a acompañar ás empresas, brindando un apoio integral que vai desde a difusión, seguimento e análise de convocatorias ata a asistencia na elaboración e presentación de propostas ás convocatorias de Next Generation e, en particular, ao Perte da cadea agroalimentaria.  

Este labor de acompañamento e mobilización, baseado na colaboración público-privada, permitiu desenvolver con éxito un proxecto tractor como o de Smartz4milk, que constitúe unha oportunidade para mellorar a competitividade da industria láctea galega.

De saír adiante, o proxecto sumaríase a outras iniciativas da industria que xa contan co apoio dos fondos europeos, como son Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías.

 

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participaron no Comité de Política Industrial que avalía, entre outras cuestións, a situación deste Fondo que suma 111 millóns de euros en Galicia e que ten previsto, nos vindeiros meses, a activación de distintas liñas.
  • Tamén se afondou no estado actual da coxeración, tendo en conta a incerteza regulatoria.
  • O encontro permitiu tamén avaliar o desenvolvemento da Axenda Industrial de Galicia 2025, que está a activar o Goberno galego na procura de impulsar a dobre transición dixital e sostible no tecido empresarial galego, con especial atención ás pequenas e medianas empresas.

O director do Igape, Fernando Guldrís, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, dependentes ambos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, participaron hoxe na reunión do Comité de Política Industrial -formado por representantes da Xunta, sindicatos, a Confederación de Empresarios de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras de Comercio e o Colexio de Enxeñeiros Industriais- onde se avaliou, entre outras cuestións, a situación do Fondo de Transición Xusta que está a promover o Goberno galego na procura de impulsar proxectos tractores nos que participen as pemes galegas.

O Fondo, dotado con 111 millóns de euros, busca xerar un impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición climática, que se corresponde coa provincia da Coruña, en concreto coas centrais de Meirama e das Pontes, prestando apoio aos territorios e aos traballadores afectados e promovendo unha transición socioeconómica equilibrada.

As pemes son as principais destinatarias, sendo o obxectivo identificar grandes proxectos que impulsen as iniciativas desas pequenas e medianas empresas para, de modo conxunto, conformar un plan de desenvolvemento territorial sostible.

Para acadar estes obxectivos, durante os próximos meses está prevista a posta en marcha de distintas liñas. Así, os representantes autonómicos subliñaron que Galicia é a comunidade que máis avanzada está nos trámites de desenvolvemento do Fondo.

Neste sentido, Paula Uría afondou tamén na situación actual da coxeración en Galicia, reiterando a necesidade de que o Goberno central estableza un novo marco regulatorio que garanta o futuro das plantas. Así, incidiu, un dos principais problemas que vive este sector é o da incerteza regulatoria, posto que moitas plantas están preto do final da súa vida útil e aínda non saben se o Goberno decretará unha extensión que lles permita recibir retribución á operación durante máis tempo.

A Axenda Industrial 2025

Durante a celebración do Comité, Fernando Guldrís expuxo tamén o estado de desenvolvemento da Axenda Industrial de Galicia 2025, que está a activar o Goberno galego na procura de impulsar a dobre transición dixital e sostible no tecido empresarial, con especial atención ás pequenas e medianas empresas.

A estratexia, detallou o director do Igape, supón un novo paso na adaptación da Axenda Industria 4.0, activada xa en 2015 na busca de impulsar a automatización da industria e a dixitalización, que tomou no 2019 o camiño do impulso a estratexias de negocio novas mediante a transformación dixital, e que agora céntrase en concretar a transición cara unha economía sostible.

Con estas metas, a nova Axenda Industrial estrutura as súas actuacións en catro eixos principais: a dobre transformación dixital e sostible, os axentes habilitadores, a aposta polo talento e liderado, e a industrialización sostible.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións de Lacados Digoín, empresa especializada en lacados e recubrimentos especiais que ten impulsado un sistema modulable de tratamento e pintura co apoio do programa de dixitalización Industria 4.0 promovido pola Administración autonómica.
  • Lembra que está aberta unha nova convocatoria desta liña, que suma 5 M€ para a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas da súa cadea de valor.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe no polígono de San Cibrao das Viñas as instalacións de Lacados Digoín, empresa especializada en lacados e recubrimentos especiais que ten impulsado un sistema modulable de tratamento e pintura co apoio do programa de dixitalización Industria 4.0 promovido pola Administración autonómica. Unha liña, afondou, que busca promover a transformación industrial das pemes galegas a través de proxectos de dixitalización.

Neste contexto, Guldrís lembrou que está aberto o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria deste programa, que suma 5 M€ de orzamento, aspirando a apoiar este ano arredor de 200 novas iniciativas. Así, afondou o director do Igape, a liña facilita a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme.
 

Esta é a oitava convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018, mobilizándose ata o de agora preto de 3 M€ na provincia de Ourense, impulsando a reactivación do tecido produtivo local a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

O programa de dixitalización Industria 4.0 cobre o 35 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25 % para as medianas, así como o 50 % dos gastos en colaboracións externas en ambos os casos.