Trinta pemes galegas van poder internacionalizar os seus produtos ou servizos innovadores a través do programa Galicia Avanza da Xunta e Tecnópole

Xoves, 27 Abril 2023 09:13
  • Nesta segunda edición do programa, aumentaron as solicitudes un 43 % e as empresas participantes proceden das catro provincias galegas e de sectores moi diversos.
  • Galicia Avanza contribúe a reforzar a competitividade das pemes galegas nos mercados exteriores así como a impulsar a Marca Galicia a nivel internacional no eido da innovación.
  • As empresas seleccionadas van desde unha firma que desenvolve robots limpacristais, ata unha compañía que elabora complementos alimenticios en formato gominola, unha plataforma que permite ás ONGs xestionar as súas doazóns de maneira dixital, ou unha peme dedicada ao deseño e fabricación de cociñas orgánicas e sostibles.

A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) no acto no que se deron a coñecer as empresas beneficiarias da segunda edición do programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras Galicia Avanza. Unha iniciativa posta en marcha en 2022 froito da colaboración entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).

Argerey destacou a alta participación nesta edición, que aumentou un 43 % respecto da primeira celebrada no ano 2022, un dato que constata o interese polo programa e a maior competencia entre as candidatas. Así mesmo, apuntou que as trinta pemes seleccionadas proceden das catro provincias galegas e de sectores moi diversos como a alimentación, a saúde, a enerxía, o téxtil ou as novas tecnoloxías, entre outros.

A directora de Gain explicou que estes datos son especialmente satisfactorios para o seu departamento na medida en que cumpren cun dos obxectivos do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que é aumentar a base de empresas innovadoras galegas, especialmente entre as pemes e microempresas, xa que “a innovación está ao alcance de todos, non é unha cuestión de tamaño, localización ou sector”.

Ademais, Argerey subliñou que apoiando a chegada ao mercado exterior de solucións innovadoras galegas contribúese ademais a impulsar a apertura e visibilidade internacional do ecosistema galego de innovación reforzando así o atractivo da Marca Galicia a nivel internacional no ámbito da innovación, en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) 2021-2027.

Ademais das empresas beneficiarias, acudiron ao evento as consultoras que as guiarán e asesorarán neste proceso ao longo dos vindeiros meses. Nesta edición, o período de implementación do programa prolóngase a 10 meses, o que permitirá afondar máis nas necesidades das empresas e intensificar a aceleración.

As pemes seleccionadas accederán a un programa integral de apoio á internacionalización entre abril deste ano e febreiro de 2024, con itinerarios personalizados. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, na innovación e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.

Empresas de novas tecnoloxías, alimentación, saúde, enerxía ou téxtil

As pemes beneficiarias pertencen a sectores moi diversos e ofrecen produtos e servizos moi dispares. No eido das novas tecnoloxías seleccionouse una empresa que emprega a identificación por radiofrecuencia e visión artificial para a xestión de inventarios e a trazabilidade das cadeas de subministración; outra que persegue internacionalizar a súa plataforma destinada a optimizar a relación entre as entidades sanitarias e as aseguradoras do campo da saúde; unha plataforma baseada na tecnoloxía blockchain que permite ás organizacións sen ánimo de lucro xestionar as doazóns de maneira dixital; unha firma que desenvolve robots limpacristais, fregasolos e robots que limpan paneis fotovoltaicos; un sistema baseado na tecnoloxía IoT (Internet das Cousas) que permite a monitorización das cafeteiras e dos muíños de café da canle food service; un sistema robótico para a recollida e apilado de pezas a granel; xunto a unha plataforma web para apoiar o estudo e realización de instalacións medioambientais cun aforro de tempo e recursos.

No campo alimentario vaise impulsar a internacionalización dunha firma que fabrica estoxos para conxelados e embalaxe para conserva de peixe; outra que quere comercializar entre o sector industrial alimentario internacional o seu coñecemento na produción de ovos e produtos derivados do ovo; unha consultoría centrada no sector pesqueiro e agroalimentario; unha empresa que comercializa cocktails; unha firma familiar que vende polbo ultraconxelado; outra que elabora complementos alimenticios en formato gominola, sen azucre nin alérxenos, e gominolas sen azucre; ademais dunha fábrica de chocolate artesá.

No ámbito da saúde hai unha peme que desenvolve técnicas baseadas na fluorescencia para o descubrimento de novos fármacos; a primeira plataformAPP especializada de formación e teleformación para o sector sociosanitario; así como un acumulador de auga quente sanitaria.

Varias das propostas céntranse no eido enerxético, como unha firma referente a nivel mundial na formación eólica que busca a exportación directa dos seus cursos; outra que ofrece produtos e servizos relacionados co hidróxeno verde e a súa implantación en procesos industriais actuais ou para novas aplicacións como dispensadores de hidróxeno para vehículos industriais; e outra que quere reforzar a exportación dos seus produtos de caldereiría e frío industrial.

No campo da sostibilidade, seleccionouse unha firma especializada no deseño e fabricación de cociñas orgánicas e sostibles; unha empresa dedicada á fabricación artesanal de calzado infantil, con materiais reciclados, ecolóxicos e naturais; outra que desenvolve fertilizantes minerais innovadores e sostibles; e unha peme que busca internacionalizar a súa braga menstrual de baixo impacto ambiental.

Entre as beneficiarias, hai tamén unha empresa dedicada á xestión de riscos biolóxicos e á fabricación de embalaxes para o transporte de materias biolóxicas; unha tecnolóxica que busca expandir e implementar o seu sistema para a xestión da auga en Angola e Tanzania; unha empresa que deseña e elabora produtos para profesionais do viño e a restauración; unha peme que fabrica pixamas e roupa de casa; e unha consultoría que axuda ás empresas a resolver problemas ligados á perda de competitividade debida á mala saúde ou desmotivación dos seus traballadores.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis