A Xunta explora en Miami o potencial loxístico de Galicia e Florida e avanza no establecemento dunha ruta directa de mercadorías entre ambas as dúas rexións

Luns, 24 Abril 2023 12:29
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, mantén un encontro con representantes do Porto de Miami e do Clúster Loxístico de Galicia no que afondan nun documento base para configurar unha ruta comercial directa entre Miami e Galicia.
  • O encontro permite poñer en valor o potencial galego no tocante á loxística de frío e a sustentabilidade dos portos da Comunidade ao tempo que se resalta o papel de Miami como hub loxístico e portuario e como punto de conexión co resto de Norteamérica e de Latinoamérica.
  • Salienta que un dos motivos para establecer estas liñas de mercadorías entre Galicia e EE.UU radica en que a maior parte da produción de pneumáticos que Sentury prevé fabricar na futura planta serán para exportar ao mercado estadounidense vía Miami.

O director do Igape, Fernando Guldrís, no marco da viaxe que está a levar a cabo estas datas, vén de manter un encontro no Porto de Miami con representantes da propia terminal marítima e do Clúster Loxístico de Galicia­­­­­­. Unha xuntanza que, segundo expuxo, permitiu poñer en valor o potencial loxístico de ambas as dúas rexións ao tempo que se avanzou nun documento marco para o establecemento dunha ruta directa de mercadorías entre Galicia e Miami.

Este obxectivo, lembrou Guldrís, estableceuse xa hai uns meses na viaxe oficial que fixo a finais do ano pasado o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, á rexión, durante o que foi recibido polo director de operacións do Porto de Miami, Andrew C. Hecker.
 

O director do Igape lembrou que o Porto de Miami xa ten “unha relación importante” coas autoridades portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol, e incidiu tanto no potencial galego no tocante á loxística de frío e a sustentabibilidade dos portos da Comunidade como na importancia de Florida como hub loxístico. A rexión configúrase como o terceiro clúster loxístico e de distribución máis importante do país, enlace entre Latinoamérica e o Caribe ao ser o maior exportador cara a estes mercados.

Neste marco, Guldrís lembrou que o proxecto de Sentury na comarca de Ferrol configúrase como unha infraestrutura vital para dinamizar a economía local. É un dos catro proxectos industriais estratéxicos declarados polo Goberno galego e permitirá a implantación dunha planta de pneumáticos no concello das Pontes. Neste marco, Guldrís salientou que un dos motivos para establecer estas liñas de mercadorías entre Galicia e EE.UU radica, precisamente, en que a maior parte desa produción de pneumáticos que Sentury prevé fabricar na futura planta serán para exportar ao mercado estadounidense vía Miami.
  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis