Super User
Rueda aposta por simplificar trámites, asesorar e apoiar con financiamento ás empresas para consolidar Galicia á vangarda económica de España
- Pon en valor medidas como a nova Oficina Económica de Galicia, que será unha canle única de interlocución coas empresas para prestarlles asesoramento técnico e personalizado
- Destaca o labor das empresas familiares que apostan por “reinventarse sen renunciar a súa esencia”
- Agradece a contribución do tecido produtivo a facer de Galicia “unha marca de prestixio” a través dos produtos que exportan por todo o mundo
A Xunta avalía co tecido empresarial as novas oportunidades e vías de negocio que ofrece o mercado da República Dominicana
- A directora do Igape, Covadonga Toca, mantén un encontro co embaixador da República Dominicana antes de inaugurar, na sede da Confederación de Empresarios da Coruña, a xornada ‘República Dominicana: Un mercado de oportunidade’, onde pon en valor o crecemento das exportacións nun país no que venden máis 250 empresas galegas
- Subliña a importancia da colaboración público-privada para seguir medrando a través de actuacións como as misións comerciais impulsadas polo Igape no país no 2022 e neste 2023, nas que participaron un total de 11 empresas galegas
- Resalta a aposta da Xunta pola internacionalización, que está a contribuír a que Galicia acade cifras históricas nas vendas ao exterior e que se materializa en accións como as antenas do Igape ou os programas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios
Lorenzana recibe ao comité de empresa de Einsa Print
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión co comité de empresa da compañía Einsa Print para escoitar as demandas dos traballadores da planta das Pontes.
Lorenzana comprometeuse á realización dunha análise da situación que está atravesando a compañía para, tal e como lle trasladou ao Comité, posteriormente convocar á empresa para coñecer os seus plans de futuro.
O orzamento do Igape chega no 2024 aos 213 M€ na procura de atraer investimentos e consolidar a aposta pola internacionalización e o financiamento
- A directora do Instituto Galego de Promoción Económica presenta no Parlamento as contas do seu departamento para o vindeiro exercicio, que aspiran a “seguir construíndo, xuntos, esa Galicia máis sustentable, máis verde, máis preparada, con máis e mellor talento e máis competitiva”
- Pon en valor a nova Oficina Económica de Galicia, unha canle única para “todos aqueles interesados en investir na nosa terra” que busca reducir a burocracia administrativa ao máximo
- Subliña a “ampla batería de medidas de apoio” impulsadas para mellorar a produtividade, entre as que destacan preto de 80 millóns destinados a ferramentas que permitirán ao tecido empresarial mellorar as súas capacidades competitivas
- Avanza unha nova liña de incentivos e apoios para á atracción e implementación de empresas, con 30 M€ en tres anos en proxectos significativos por volume de investimentos e por creación neta de emprego
- Sinala que as contas destinan 111 millóns para atender as necesidades de financiamento do tecido empresarial galego, incluíndo máis de 34 M€ en préstamos para investimentos estratéxicos
- Salienta a “decidida aposta pola internacionalización” na procura de manter e mellorar “o mellor ciclo exportador da historia de Galicia”
“Os orzamentos do Igape medran na procura de seguir construíndo, xuntos, esa Galicia máis sustentable, máis verde, máis preparada, con máis e mellor talento e máis competitiva”, apuntou Toca Carús, quen subliñou que as todas as actuacións se sustentan na colaboración público-privada co obxectivo de promover a transformación dixital, apostar polo talento, facilitar o financiamento, impulsar a busca de novos mercados e reducir a burocracia.
Precisamente neste eido, a directora do Igape apuntou unha das grandes novidades do próximo exercicio, a creación da Oficina Económica de Galicia. Esta Oficina, adscrita ao Instituto e dotada con 5,7 M€, explicou, constituirase como canle única para empresa e industria, sendo o punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento, acompañamento, apoio e acceso a financiamento. Algo para o que contará, tamén, con persoal especializado de todas as áreas, entre outras a industrial.
“O Igape reactívase, así, sumando un papel decisivo á batería de medidas de apoio ás empresas, que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica, automatizando e axilizando os procesos internos e facilitando un entorno intuitivo e amigable; que buscan, en definitiva, mellorar a competitividade empresarial no cambiante escenario do noso tempo”, apostilou Toca.
A mellora da competitividade empresarial
Esta aposta pola competitividade, aclarou, centrará gran parte dos programas do vindeiro exercicio, sumando preto de 80 M€ do total do orzamento do Igape. Deste xeito, afondou a directora, habilitaranse distintas ferramentas, entre as que destacou a nova liña de incentivos e apoios para á atracción e implementación de empresas, con 30 millóns en tres anos en proxectos significativos, tanto por volume de investimento -entre 800.000 e 10 M€ en activos fixos tanxibles e intanxibles- como por creación neta de emprego -máis de 25 novos postos de traballo-.
Unha liña, continuou Toca Carús, que se complementa con outra das novidades para o 2024, o programa de apoio a sustentabilidade e competitividade das empresas galegas, para o que se destinarán 1,3M€ en dous anos promovendo investimentos específicos para os proxectos de todo o campo ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza).
Así mesmo, a directora do Igape avanzou tamén o mantemento doutras actuacións como os Centros de Fabricación Avanzada, que sumarán 7,2 millóns para seguir a promover espazos colaborativos e infraestruturas locais que permiten o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores; e os obradoiros e os programas para a dixitalización, con case 8 millóns para facilitar proxectos neste eido.
Acceso ao financiamento
“E máis alá do compromiso inalterable polo crecemento continuo do tecido produtivo galego, os orzamentos do Igape atenden, como cada ano, ás necesidades de financiamento de empresas, pemes e autónomos”, proseguiu a directora do Igape, que indicou que as contas prevén máis de 111 millóns para a posta en marcha de instrumentos financeiros que, conxuntamente e en coordinación cos fondos xestionados por XesGalicia, serviran para mobilizar o gasto empresarial.
Neste campo están previstos máis de 34 millóns en préstamos para investimentos estratéxicos, que por primeira vez terán en conta tamén ás grandes empresas e do que, como sinalou a directora, se espera “acadar un forte efecto multiplicador na economía galega e a modernización tecnolóxica do tecido produtivo”.
Así mesmo, activaranse outros instrumentos como os préstamos parcialmente reembolsables, que, cun orzamento de máis de 7,2 millóns, permiten financiar proxectos de investimentos como a compra de maquinaria e renovación dos equipos nas empresas; ou os convenios con entidades bancarias e sociedades de garantía recíproca (SGR), que facilitan o acceso ao financiamento das empresas para circulante, e para os que haberá un investimento de máis de 7 millóns que permitirán mobilizar 80 millóns nas empresas.
O mellor ciclo exportador da historia de Galicia
A directora do Igape destacou, tamén, o reforzo da aposta pola internacionalización que supoñen as contas de 2024. Un compromiso, afondou, que busca seguir contribuíndo “ao mellor ciclo exportador da historia de Galicia”, que permitiu rozar os 30.000 millóns de euros en vendas ao exterior o ano pasado, e levar, no acumulado ata agosto deste exercicio, máis de 19.500 millóns exportados, un 1,6% por riba con respecto ao mesmo período de 2022.
“Queremos seguir acompañando ao tecido empresarial na busca de novos mercados para manter o impulso das exportacións apoiados na marca Galicia”, afondou Toca Carús, quen destacou unha nova liña de apoio á internacionalización de empresas para impulsar a promoción no exterior e a exportación de produtos e servizos así como a implantación noutros mercados. Unha novidade que se complementa con outras liñas que xa se veñen desenvolvendo, como os bolseiros e xestores de internacionalización, para os que se destinan 1,6 millóns; as liñas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, que sumarán preto de 5 millóns para seguir promovendo plans de promoción internacional e accións de internacionalización dixital; ou a apertura de dúas novas antenas do Igape.
“Estes orzamentos do Igape están pensados para poñer a Galicia no mapa de atracción industrial, para fortalecer o tecido empresarial e para mellorar a vida das familias e das galegas e dos galegos”, concluíu a directora.
Lorenzana pon en valor o esforzo do tecido empresarial por comercializar produtos e servizos no mercado internacional
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións de D-Due
- Apunta que un dos obxectivos da Xunta de Galicia é impulsar a internacionalización da economía galega e que pemes, autónomos e establecementos comerciais teñan acceso a novas canles e destinos de comercialización
- Informa de que, desde o pasado 23 de outubro e ata o vindeiro 23 de novembro, está aberta a convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que suman máis de 3 M€
Rianxo (A Coruña), 28 de outubro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da firma D-Due, onde puxo hoxe en valor o esforzo que o tecido empresarial galego está facendo por diversificar mercados e comercializar os seus produtos e servizos noutros países.
Lorenzana apuntou que un dos obxectivos da Xunta de Galicia é impulsar a internacionalización da economía galega e que pemes, autónomos e establecementos comerciais teñan acceso a novas canles e destinos de comercialización.
Ao respecto, informou de que, desde o pasado 23 de outubro e ata o vindeiro 23 de novembro, está aberta a convocatoria das dúas liñas de axuda neste sentido, que son o Galicia Exporta Empresas e o programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que suman máis de 3 M€, con axudas máximas que roldan os 95.000 euros e os 400.000 euros, respectivamente.
D-Due é una das 240 empresas que se teñen beneficiados destas ordes de axuda nos últimos anos, que lle serviron de apoio na súa estratexia de expansión internacional, especialmente, cara a países como Xapón, onde dispón de tenda propia.
A Xunta destaca na Coruña as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para mellorar a competitividade empresarial a través da innovación e as novas tecnoloxías
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na xornada ‘Benvido, futuro: proxectando Galicia’, onde avoga pola colaboración público-privada para avaliar e avanzar nas posibilidades que ofrece a intelixencia artificial para optimizar procesos e mellorar procedementos
- Salienta a recente posta en marcha do Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC que, coas máquinas de intelixencia artificial más avanzadas, permitirá ás empresas galegas dispor do mellor entorno de traballo posible
- O encontro celebrouse no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu, nas seis primeiras edicións, realizar preto de 80 actividades formativas nas que participaron arredor de 17.000 asistentes, en presencial e en liña
A Coruña, 26 de outubro de 2023
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na Coruña na inauguración da xornada ‘Benvido, futuro: proxectando Galicia’, que tivo lugar na sede de Nordés Club Empresarial, e onde puxo en valor as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial de cara a mellorar a competitividade do tecido produtivo reforzando a aposta pola innovación e as novas tecnoloxías.
“A intelixencia artificial xa está a transformar a nosa forma de vivir e traballar, abríndose paso na maioría das esferas da actividade humana”, salientou Toca, quen avogou pola colaboración público-privada neste campo para seguir avanzando e permitir ao tecido empresarial “solucionar problemas, novos niveis de velocidade e precisión ou unha maior eficacia e novas formas de traballar”.
Un esforzo conxunto que, como indicou a directora do Igape, debe atender tamén a aqueles aspectos máis delicados, como as preocupacións sobre a privacidade das persoas, os ciberataques ou a xestión do cambio e a formación. Factores para os que, precisou, resulta fundamental a aposta polo talento como “motor da economía do coñecemento”.
Covadonga Toca resaltou a importancia dese talento nas organización de cara a “desenvolver, implementar e xestionar tecnoloxías de maneira ética e efectiva”. “A medida que a automatización e a intelixencia artificial continúan transformando a economía, o talento humano vólvese aínda máis esencial”, apuntou.
Neste contexto, a directora do Igape salientou que Xunta ten clara a necesidade de adoptar as tecnoloxías emerxentes, xa que as empresas poden obter vantaxes competitivas e oportunidades de crecemento. Por este motivo, lembrou, vense de inaugurar, o pasado día 20, o Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC.
Este espazo, explicou, está chamado a ser “un núcleo tractor, aberto e colaborativo, coas máquinas de intelixencia artificial máis avanzadas”, o que permitirá ás empresas galegas, especialmente ás do sector TIC, dispoñer dunha “contorna de traballo inigualable e de altas capacidades”. “O progreso da Cidade dás TIC vai ser crucial, e por este motivo desde a Xunta apoiaremos aos proxectos que dentro desta singular contorna váianse xerando”, incidiu.
Xornada Capacita Directivos
O acto de hoxe tivo lugar no marco do programa Capacita Directivos, que inclúe a organización de encontros como o desta mañá, que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento.
Este programa do Igape, xa consolidado, ten permitido nas súas seis primeiras edicións realizar preto de 80 actividades formativas nas que participaron arredor de 17.000 asistentes, xa fose en presencial ou en liña, que puideron afondar en eidos como a mobilidade sustentable, as fontes renovables, a aeronáutica ou a loxística do futuro.
A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas dos programas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios
- Son un total de 3 M€ destinados a pemes e autónomos galegos para incentivar a realización de accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas na proxección e o posicionamento de empresas e organismos galegos nos mercados internacionais
- Ambas liñas impulsan actividades de difusión e a participación en eventos expositivos no exterior, así como accións de prospección internacional para proxectos individuais -Exporta Empresas- ou coordinados por agrupacións empresariais -Exporta Organismos Intermedios-
- Desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional, cunha axuda total ata a data de 30,5 M€, aos que se suman outros 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, dúas liñas de apoio que sumarán máis de 3 M€ no que queda de ano na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos. O prazo de solicitudes comeza mañá e estenderase ata o vindeiro 23 de novembro.
A través da liña específica para proxectos individuais Galicia Exporta Empresas e da destinada a apoiar proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais Galicia Exporta Organismos Intermedios, impúlsanse tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.
As axudas cobren as actuacións que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2023 e ata o 15 de decembro de 2023. O apoio máximo por solicitude e beneficiario chega, no caso do Galicia Exporta Empresas, ata os 95.000 euros e no de Organismos Intermedios, aos 400.000.
O obxectivo destas liñas, impulsadas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e no marco da Estratexia de Internacionalización, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.
Un marco no que tamén se activará proximamente unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, pois o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais no actual contexto económico. O obxectivo é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores.
Neste sentido, cómpre destacar que desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional, con accións de difusión, e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total ata a data de 30,5 M€.
Cifras ás que se suman os máis de 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios. Pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.
Todas estas accións englóbanse na Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
O luns abre o prazo de solicitude da nova liña de axudas para pemes e autónomos dirixida a neutralizar a suba de tipos de xuro
- Destínanse preto de 2M € para a subvención de ata 3,5 puntos nos tipos de xuro das operacións
- Desde o luns, 23 de outubro, ata o 30 de novembro pódense beneficiar da nova liña os titulares de operacións de préstamos directos concedidos polo Igape, cuxo tipo de referencia a aplicar para determinar o tipo de xuro sexa maior do 0% e que se atopen ao corrente dos pagamentos
- O programa complementa aos programas de reavais e préstamos directos que desenvolve cada ano a Xunta de cara a facilitar o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego
Lorenzana salienta unha suba nos Orzamentos da Xunta para acelerar a tramitación administrativa dos proxectos industriais, reforzar o financiamento e impulsar a innovación
- Adianta que os Orzamentos para o vindeiro ano da Consellería de Economía, Industria e Innovación soben por riba da media, ata acadar máis de 430 millóns de euros
- En liña co que anunciou no Debate do Estado da Autonomía o presidente da Xunta, destaca que se porá en marcha un plan de aceleración de proxectos industriais e unha oficina económica para toda Galicia como interlocutor único coa Administración
- Ademais de crear un fondo público-privado pioneiro entre as comunidades, adianta que se van investir case 100 millóns de euros tanto para facilitar liquidez ás empresas como para préstamos e créditos
Lalín (Pontevedra), 19 de outubro de 2023 A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que os Orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano soben por riba da media, ata acadar máis de 430M€, para acelerar a tramitación administrativa, reforzar o financiamento e impulsar a innovación.
Nunha xuntanza coa Asociación de Empresarios Deza, Lorenzana detallou as contas da Consellería de Economía, Industria e Innovación para o ano que vén. Unha contas, dixo, que se incrementan un 5 por cento e teñen como principal obxectivo “dar resposta ás necesidades que teñen as empresas de axilizar as tramitacións administrativas e de eliminar a burocracia”.
Para iso, en liña co que anunciou no Debate do Estado da Autonomía o presidente da Xunta, avanzou que se porá en marcha un plan de aceleración de proxectos industriais e unha oficina económica para toda Galicia como interlocutor único coa Administración que van abranguer un investimento de máis de 6M€. Un reforzo a nivel tecnolóxico e administrativo para garantir que os proxectos industriais en Galicia se van tramitar no prazo dun ano e que “é clave para dar seguridade ás decisión empresariais e tamén para atraer novo tecido produtivo a Galicia”, subliñou.
Outro dos puntos fortes dos Orzamentos da Consellería de Economía, Industria e Innovación, será ofrecer financiamento ás empresas, tanto para facilitarlles liquidez como para préstamos e créditos, para o cal se van investir case 100M€. Nesta liña, tamén mencionou o fondo público-privado que vai impulsar a Xunta de Galicia e destacou que vai ser a primeira vez que unha comunidade autónoma pon en marcha un instrumento desde tipo, pola súa composición e dimensións, que xa se está tramitando na Comisión Nacional do Mercado de Valores.
En terceiro lugar, Lorenzana tamén apuntou a aposta pola innovación que recollen as contas do vindeiro exercicio, tan importante para a competitividade do tecido empresarial, puntualizou. Tal e como avanzou, será a primeira vez que a Xunta de Galicia activa unha liña de axudas específica para startups, ademais proseguir co desenvolvemento dos polos de innovación como é o caso do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, e de procurar o binomio coa enerxía para a rebaixa do prezo eléctrico.
A Xunta participará en novembro no primeiro encontro mundial de empresarios galegos no Uruguai na procura de reforzar a relación comercial entre as rexións
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na presentación deste evento, que se levará a cabo entre o 16 e o 18 do vindeiro mes en Montevideo e Punta del Este en colaboración coa Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai
- Salienta a importancia da cooperación público-privado, chave no papel que xogan as asociacións galegas de empresarios no exterior na proxección internacional e na “consolidación da Marca Galicia” en todo o mundo
- Resalta a relevancia da diversificación para crecer nos mercados exteriores, que no caso de Uruguai ten permitido incrementar as vendas en distintos sectores entre os que destacan o agroalimentario e a automoción
- Subliña que as vendas ao exterior ao Uruguai seguen “unha liña claramente ascendente” incrementándose un 47,8% no último lustro ata acadar os 30M€
Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023.- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na presentación do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai, un evento que se celebrará o vindeiro mes de novembro no país suramericano e que permitirá reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións.
“Grazas á colaboración da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU), podemos anunciar hoxe este encontro, que celebraremos, baixo o lema ‘Un camiño de integración e oportunidades’, entre o 16 e o 18 de novembro en Montevideo e en Punta del Este”, incidiu Toca Carús, que estivo acompañada polo cónsul xeral do Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, e pola prosecretaria da Asociación, Beatriz Doldán Montes.
A directora do Igape agradeceu a AEGU, que suma máis de 200 empresarios, o seu traballo, e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos como este, que facilitará impulsar novos negocios e que contará coa presenza de delegacións de empresarios de Uruguai, Galicia, Cataluña, Estados Unidos, México, República Dominicana, Brasil e Arxentina.
“Vós sodes os nosos embaixadores no mundo; representades a imaxe dunha Galicia que grazas ao voso traballo reforzou a súa proxección internacional”, afondou Covadonga Toca, salientando a importancia que teñen as asociacións galegas de empresarios no exterior na proxección internacional e na “consolidación da Marca Galicia” en todo o mundo.
Neste marco, a directora do Igape destacou tamén a transcendencia da diversificación para crecer nos mercados exteriores, que no caso de Uruguai ten permitido incrementar as vendas en distintos sectores entre os que destacan o agroalimentario e a automoción. “Ambos os territorios diversificamos as nosas exportacións e importacións, creando oportunidades para o crecemento económico e a colaboración en diversas áreas”, expuxo.
Pola súa banda, o Cónsul de Uruguai, Ramiro Rodríguez, subliñou que “o noso país destaca pola posición estratéxica, con posibilidade de facer negocios con outros países da rexión como Brasil ou Paraguay. A nosa vocación é posicionarnos como Hub loxístico”. Neste sentido, o Cónsul puxo en valor o réxime de portos libres de Uruguai, a promoción do investimento estranxeiro e o seu sistema de zonas francas. Entre os sectores económicos con máis proxección, destacou a aposta polas enerxías renovables.
As vendas a Uruguai seguen unha liña claramente ascendente incrementándose un 47,8% no último lustro ata acadar os 30M€. Un crecemento parello ao que veñen reflexando as exportacións galegas, que acadaron no último ano unha cifra histórica ao sumar case 30.000M€.