Super User
A Xunta aposta pola internacionalización e a captación de investimentos para impulsar o crecemento empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron en Santiago na xornada Investir en ciencia si é rendible: impacto e retorno
- A directora do Igape sitúa a busca de novos mercados como “parte do ciclo de vida dunha empresa” ao permitir consolidar o seu crecemento e aproveitar novas oportunidades e resalta que Galicia pechou 2023 cun novo récord exportador ao superar, por primeira vez, a barreira dos 30.000 millóns
- Destaca a importancia da Oficina Económica de Galicia na captación de investimentos, ao permitir facilitar información, asesoramento e acompañamento no impulso de novas iniciativas nunha única canle
- Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación subliñou a aposta do Goberno galego por fortalecer o ecosistema galego de I+D+i, focalizar os esforzos en tecnoloxías disruptivas (os vehículos aéreos non tripulados, as tecnoloxías cuánticas e a biotecnoloxía) e impulsar novos instrumentos de apoio
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participaron hoxe na xornada Investir en ciencia si é rendible: impacto e retorno. Na súa intervención, a directora do Igape puxo en valor a importancia da aposta pola internacionalización e a captación de investimentos para facilitar o crecemento empresarial. Neste sentido, Toca avogou pola cooperación público-privada para acompañar a emprendedores e empresarios no seu desenvolvemento. Un itinerario, expuxo, no que se debe apostar tamén pola saída ao exterior como “parte do ciclo de vida dunha empresa”, toda vez que a procura de novos mercados permite consolidar o seu crecemento e aproveitar novas oportunidades.
Para acadar estas metas, a directora do Igape lembrou que a Estratexia de Internacionalización da Xunta inclúe distintas ferramentas e liñas para colaborar co tecido empresarial neste eido. Un traballo conxunto, afondou, que ten permitido pechar o 2023 cun novo récord exportador ao superarse, por primeira vez na historia, a barreira dos 30.000 millóns en vendas ao exterior.
“Esta aposta pola internacionalización configúrase como unha vía de dobre sentido”, afondou Toca Carús, sinalando que “resulta imprescindible que esa apertura e as condicións do noso mercado atraian investimentos produtivos e sensibles aos principais vectores de crecemento futuro: a innovación e dixitalización e a sustentabilidade”.
Neste contexto, a directora do Igape resaltou a posta en marcha este ano da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Esta Oficina, explicou, é unha nova variante dentro da batería de medidas de apoio ás empresas, que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica, automatizando e axilizando os procesos internos e mellorando a competitividade empresarial no cambiante escenario actual.
Unha aposta, expuxo a directora do Igape, que se está a complementar con outras iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada ou a nova liña de Centros de Dixitais, que facilitan a creación de infraestruturas compartidas para as empresas galegas; ou como a aposta polas startups, coa activación da primeira liña específica de apoio a este tipo de compañías como da nova business factory ambiental (Clima – Tech).
“Dixitalización, internacionalización, apoio financeiro, transición ecolóxica ou a aposta polo talento son algunhas das bases do noso traballo. Un marco no que buscamos contribuír a impulsar un crecemento sólido e de longo alcance para crear cadeas de valor no tecido produtivo”, concluíu Toca.
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou na súa intervención que a Xunta de Galicia realizou un cambio na última década na política de I+D+i orientado a mudar as estruturas de gobernanza coa creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i, fortalecer o ecosistema galego de I+D+i, focalizar os esforzos en tecnoloxías disruptivas (os vehículos aéreos non tripulados, as tecnoloxías cuánticas e a biotecnoloxía) e impulsar novos instrumentos de apoio, como o programa de Misións ou a Compra Pública de Innovación. Este esforzo materializouse en resultados como un incremento do 80% no investimento en I+D+i da Xunta de Galicia desde 2019 ou o maior investimento de toda a serie histórica en I+D segundo datos do INE referidos a 2022.
Por último, a directora de Gain fixo mención a parte ao programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, pola súa contribución á transformación do modelo económico de Galicia, a través da creación de spin-offs e acordos coa industria, a captación de investimento público-privado dos proxectos impulsados e a creación de más de 100 empregos altamente cualificados.
A aceleradora Galicia Avanza mellora a presenza no exterior dos produtos e servizos de trinta empresas innovadoras galegas
- As directoras da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e do Igape, Covadonga Toca, participaron hoxe na presentación dos resultados da segunda edición desta iniciativa da Xunta e Tecnópole
- Son 12 pemes de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense que durante os dez meses de duración do programa contaron co apoio de expertos que deseñaron itinerarios personalizados para cada unha das firmas participantes
- Durante o evento anunciouse a posta en marcha da terceira edición do programa, na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras
San Cibrao das Viñas (Ourense), 21 de febreiro de 2024
As trinta pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica participantes na segunda edición da aceleradora para a internacionalización Galicia Avanza presentaron esta mañá en Tecnópole os logros acadados ao longo dos dez meses que durou o programa. Esta iniciativa púxose en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Desde entón, 60 pemes das catro provincias galegas participaron no programa.
A directora de Gain, Patricia Argerey, inaugurou o encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral do Igape, Covadonga Toca, e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Nóvoa. Na súa intervención, Patricia Argerey puxo de relevo o éxito do programa que “contribúe a facer máis rendible o investimento en innovación, apoiando ás nosas pemes a traspasar fronteiras e conquistar mercados internacionais” e apuntou que entronca cunha das prioridades da política de I+D+i da Xunta de Galicia que é a internacionalización do ecosistema galego de innovación e, por ende, o reforzo da Marca Galicia a nivel internacional no ámbito da innovación e a I+D.
Pola súa banda, Covadonga Toca destacou que a través desta aceleradora, así como do resto de ferramentas á disposición das empresas, “ofrecemos ao tecido empresarial galego as mellores condicións para que sigan a facer da internacionalización un dos grandes motores de crecemento económico”. A economía galega progresa no seu obxectivo de consolidación de mercados no exterior, apuntou a directora, o que está permitindo acadar rexistros históricos en exportacións. “As cifras falan moi ben do tecido empresarial galego e da estabilidade e a confianza que achegamos desde Galicia”, incidiu, destacando que Galicia ven de acadar un novo récord en vendas ao exterior no ano 2023, situándose por primeira vez por riba da fronteira dos 30.000 M€.
Un impulso á internacionalización da innovación en Galicia
No transcurso do acto, destinado a promover a internacionalización da innovación, déronse cita empresas de todos os sectores, con presenza en mercados exteriores ou con potencial de exportar os seus produtos e servizos. O director de Tecnópole, Javier Taibo, presentou os resultados desta segunda convocatoria, na que se impulsou a internacionalización de 30 pemes das catro provincias galegas: 12 de Pontevedra, 11 da Coruña, 4 de Lugo e 3 de Ourense. Pertencen a sectores produtivos diversos, dedicadas na súa maioría á enxeñaría e ás TIC, ademais do sector agroalimentario, consultoría, formación, venda ao por maior e ao por menor, retail, hixiene e acción social.
No marco desta convocatoria, detectáronse un total de 67 mercados de interese para as pemes participantes: o 55 % en Europa, principalmente en Alemaña, Francia e Portugal; o 21 % en Latinoamérica, sobre todo en México, Arxentina e Chile; e o 24 % restante nos Estados Unidos e en diversos países de África e Asia. Ademais, rexistráronse 18 marcas en diferentes países e unha patente.
O valor global das actuacións levadas a cabo ascendeu aos 575.447,71 euros, cun apoio medio por empresa de 19.181,59 euros. Durante os dez meses de duración desta segunda edición do programa Galicia Avanza realizouse unha prospección de mercados de interese para cada unha das pemes participantes, protección de patentes e marcas nos países de destino, elaboración e desenvolvemento de plans de márketing, análise de clientes potenciais e establecemento de axendas comerciais, adaptación das páxinas web das empresas ao mercado internacional de destino, ademais da realización ou adaptación de soportes comerciais. Así mesmo, nos casos nos que foi necesario, adaptáronse os produtos aos mercados de destino, elaboráronse contratos, creáronse ferramentas para facilitar as vendas…, entre outros servizos.
O evento incluíu tamén a presentación de casos de éxito en internacionalización de empresas de referencia; un espazo expositivo das 30 firmas participantes no Programa Galicia Avanza e reunións bilaterais. Durante o evento anunciouse a posta en marcha da terceira edición de Galicia Avanza, na que poderán participar outras 30 pemes galegas innovadoras. O prazo de solicitude abrirase ao longo deste mes e as empresas interesadas disporán dun prazo amplo para presentarse á nova convocatoria.
A Xunta pon en valor a importancia do talento e a innovación como eixos vertebradores da competitividade empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nunha xornada de formación e titorías da quinta edición da Business Factory do sector aeronáutico (BFAero) tras visitar as instalacións da empresa 3eData, cualificada pola Xunta como iniciativa de emprego de base tecnolóxica
- Destaca os proxectos que está a impulsar o Goberno galego grazas á rede de aceleradoras que inclúe, ademais da BFAero, as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) e farmacéutica (BFMedicines)
- Subliña que, ata o de agora, a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, a metade deles en fase de aceleración e outros seis na de consolidación, na procura de “alentar o talento innovador galego cara a súa chegada ao mercado”
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe nun encontro de traballo cos 12 promotores dos proxectos da 5ª edición da Business Factory Aero- BFAero, un marco no que puxo en valor a importancia do talento e a innovación como eixos vertebradores da competitividade empresarial.
Neste sentido, a xornada de traballo permitiu destacar a necesidade da cooperación na procura de configurar o mellor ecosistema empresarial posible sobre a base da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade, atraendo talento e capital internacional. “Impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”, subliñou Toca Carús.
A directora do Igape destacou que, ata o de agora, a BFAero suma 42 proxectos en cinco edicións, a metade deles en fase de aceleración e outros 6 na de consolidación, “alentando todo ese talento innovador galego” no ámbito da aeronáutica na procura de facilitar “a súa chegada ao mercado”.
Este campo compleméntase, expuxo, co resto de business factories que se veñen impulsado en alimentación (BFFood), automoción (BFAuto) ou farmacia (BFMedicines), e que medrará este ano coa nova business factory ambiental (Clima – Tech), que atenderá a sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo.
Visita ás instalacións da empresa 3eData
Antes desta xornada, Toca Carús tivo a ocasión de visitar as instalacións da empresa 3eData, cualificada pola Xunta como iniciativa de emprego de base tecnolóxica e que posúe o selo de PEME Innovadora do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Esta é una spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, que se constituíu en 2016 co apoio da Fundación CEL e co programa Galicia Emprende do Igape. Centrada na xestión de proxectos do sector agroforestal e ambiental, ten participado en varios proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia, contando co apoio do Igape tamén a través doutros programa como o ReAcciona.
Toca Carús puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas nese “camiño tan importante a percorrer desde a innovación ata o mercado, do que 3eData é un bo exemplo”.
A Xunta pon o Polo da Sionlla como exemplo do compromiso de Galicia co sector biotecnolóxico nun “espazo único” para a atracción do talento
-
A directora do Igape, Covadonga Toca, visita as instalacións do Biopolo resaltando a súa importancia para industrializar un sector en auxe, facilitar a investigación tecnolóxica e o asentamento de empresas, e dar resposta ás necesidades das compañías biotech
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2024
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións do Biopolo Sionlla– Polo Biotecnolóxico de Galicia, un proxecto ao que puxo como exemplo do compromiso de Galicia con esta industria e coa habilitación de “espazos únicos” tanto para a atracción de talento como para o crecemento e a consolidación empresarial.
Neste sentido, Toca Carús subliñou a importancia dun Polo que está a permitir industrializar un sector en auxe, facilitar a investigación tecnolóxica e o asentamento de empresas, e dar resposta ás necesidades das compañías biotech que xa están a traballar desde o mesmo: SunRock Biopharma, que desenvolve anticorpos oncolóxicos, e a multinacional Zinpro, centrada na investigación gandeira.
A directora do Igape subliñou que a Xunta busca aproveitar o potencial biotecnolóxico galego con actuacións como este Polo da Sionlla de Santiago, cidade que pode considerarse un dos principais nodos de coñecemento biotecnolóxico de Galicia.
O biopolo da Sionlla tense impulsado, lembrou Toca Carús, grazas á colaboración público-privada no marco do programa de axudas aos Centros de Fabricación Avanzada. A directora do Igape incidiu na importancia deste espazo para facilitar “o día a día” das empresas biotecnolóxicas, que contan na Sionlla cun lugar no que garantir a implantación dun proxecto integral, facilitando as súas sinerxías, e que está situado estratexicamente, ao carón do coñecido como enlace orbital que conecta coa AP9 e a autovía que conecta co aeroporto.
Lorenzana salienta o nivel de sustentabilidade, innovación e internacionalización que xa acada a industria galega
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a planta de madeira do Grupo Malasa
- Pon o Grupo Malasa como exemplo de que “desde Galicia se pode facer unha industria moderna, unha industria 4.0 e unha industria que xera economía e coñecemento”
- Remarca os datos de produción industrial na Comunidade porque “por primeira vez” Galicia “despunta” da media nacional
Cerceda (A Coruña), 14 de febreiro de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a planta de madeira do Grupo Malasa onde puxo de relevo o nivel de sustentabilidade, innovación e internacionalización que xa acada a industria galega.
Na visita, Lorenzana enxalzou as empresas que apostan por crecer en Galicia e por crear emprego e benestar para os galegos e galegas. Demostran, dixo, que “desde Galicia se pode facer unha industria moderna, unha industria 4.0 e unha industria que xera economía e coñecemento”.
A conselleira puxo de relevo os datos de produción industrial na Comunidade porque “por primeira vez” Galicia “despunta” da media nacional, abondou, ao crecer 2 puntos en 2023 mentres que no conxunto do Estado se rexistrou un descenso do 0,8%. Do mesmo xeito, tamén se referiu ao emprego industrial, que supera en dous puntos ao promedio estatal, lembrou.
Sobre o Grupo Malasa, eloxiou a aposta que está a facer para ser practicamente autosuficiente a partir da fotovoltaica e a biomasa. Tamén a súa diversificación de mercados e visión internacional, dixo, porque desde Galicia comercializa os seus produtos en Europa, Asia e, máis recentemente, no mercado americano coa súa filial en México. É unha empresa da que remarcou que, dos 1.000 postos de traballo que xera, 800 están en Galicia.
A Xunta convoca unha nova liña de axudas que apoia conxuntamente proxectos de I+D+i e investimento produtivo
- A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora do Igape, Covadonga Toca, informaron hoxe da convocatoria conxunta Misións RIS3, que busca mobilizar capacidades empresariais, de coñecemento e tecnolóxicas de diferentes ámbitos e sectores
- O obxectivo é dar resposta aos retos identificados na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 21-27
- Os proxectos de I+D, innovación e investimento produtivo deben contribuír ás Misións, metas concretas e acadables, identificadas a través dun proceso participativo no que se recibiron máis de 500 achegas
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2024
A Axencia Galega de Innovación acolleu esta mañá unha xornada de presentación da nova liña de axudas Misións RIS3, coincidindo coa publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG). Na xornada informativa, na que interviñeron a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e a directora do Igape, Covadonga Toca, presentáronse as características desta nova liña de apoios conxunta de Gain e Igape, resolvéronse as dúbidas, expuxéronse dous casos de éxito de innovación en colaboración e puxéronse a disposición dos asistentes varios espazos para favorecer o networking.
A directora da Axencia Galega de Innovación destacou que, a través desta convocatoria dotada con 15 millóns de euros, perséguese apoiar por primeira vez proxectos que xuntan I+D, innovación e investimento produtivo transformadores e de impacto que contribúan ás misións de especialización intelixente. Estas misións, que constitúen un elemento novidoso da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 21-27 (RIS3), son metas concretas e alcanzables nun prazo de tempo determinado. Para identificar as misións que se persegue acadar a través destes grandes proxectos realizouse un proceso participativo no que se recibiron máis de 500 achegas. Financiarase, polo menos, un proxecto por misión.
Pola súa banda, Covadonga Toca apuntou que desde o Igape se financiará o investimento produtivo destas misións, completando un “círculo virtuoso” que permitirá chegar da innovación ao mercado. Neste contexto, refórzase a política de fomento do financiamento da innovación pondo en relación o acceso aos recursos financeiros para innovar e a dimensión da empresa; facilitando o financiamento da innovación empresarial para as empresas galegas; e recollendo unhas medidas cuxa posta en marcha garante o éxito dos proxectos, consolidando as fortalezas do financiamento como elemento impulsor da innovación en Galicia.
Características dos proxectos
Os proxectos que se apoiarán teñen que ser en cooperación a través de consorcios formados por polo menos 3 empresas (1 tractora e 2 pemes) e calquera outro tipo de beneficiarios: centros tecnolóxicos e de apoio á innovación; universidades, organismos e centros públicos de investigación; institucións sanitarias que desenvolvan actividades de I+D+i; entidades sen ánimo de lucro relacionadas coa I+D+i e agrupacións ou asociacións empresariais que realicen actuacións de I+D+i.
O orzamento mínimo dos proxectos debe ser de 600.000 euros e o máximo de 5 millóns de euros, cunha intensidade da axuda que pode acadar o 60% en función do tamaño da empresa e do tipo de actividades a desenvolver (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación ou investimento produtivo). A duración dos proxectos debe ser de entre 2 e 3 anos e medio.
As tres misións identificadas, ás que deben responder estes proxectos, son: contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático do sector primario en Galicia a partir da redución da súa pegada nun 10% en 2030 mediante a circularidade e a simbiose entre actuacións, así como a rexeneración dos ecosistemas; contribuír á redución do 57% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto a 1990 para 2030 incrementando a reutilización das materias primas, produtos e materiais xa presentes no ciclo produtivo; e contribuír a incrementar os anos de vida saudable de 84 a 88 para 2030 mediante a redución de enfermidades ou problemas de enfermidades non transmisibles e a mellora da calidade de vida.
Lorenzana informa en Mos dos apoios da Xunta para mellorar a competitividade industrial
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou nun encontro con Aemos no que explicou as liñas abertas para a modernización dos polígonos industriais
- Refírese á Oficina Económica de Galicia e ao Plan de aceleración de proxectos industriais como principais medidas de acompañamento ao empresariado
Mos (Pontevedra), 9 de febreiro de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con membros da Asociación de empresarios de Mos (Aemos), para coñecer de primeira man as súas principais necesidades e informar dos apoios que a Xunta pon á súa disposición para mellorar a competitividade empresarial.
Neste sentido, Lorenzana informou das axudas que a Xunta ten abertas nestes momentos para mellorar a competitividade dos polígonos industriais. Trátase da orde para modernizar as súas infraestruturas, aberta ata o 19 de febreiro cun orzamento de 3,5 M€; a dirixida tanto á creación como mellora de equipamento dos viveiros industriais, dotada con 1,5 M€ e aberta ata o 26 de febreiro; así como a liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, para a que se poden solicitar solicitudes ata o 30 de abril e que conta cun crédito de 4,7 M€.
Lorenzana incidiu en que o papel da Administración autonómica debe ser o de acompañar ao empresario. Así, referiuse á nova Oficina Económica de Galicia para continuar facilitando os trámites aos proxectos que se queren implantar ou medrar en Galicia e avanzar na desburocratización.
A conselleira tamén subliñou a importancia de facilitar o financiamento e o acceso a solo industrial. Ao respecto, referiuse a o Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais posto en marcha pola Xunta para iniciativas a partir de 800.000 euros de investimento; ou á ampliación dos treitos para declarar un proxecto como estratéxico, agora desde 2 M€ e 25 empregos.
Lorenzana compromete o traballo da Xunta para seguir incrementando o peso da industria no PIB de Galicia
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia
- Valora moi positivamente os últimos datos do INE relativos ao Índice de Produción Industrial, que apuntan a un crecemento en Galicia de case o 2 por cento en 2023, mentres que no conxunto do Estado se rexistra unha caída media do 0,8 por cento
- Avoga por seguir insistindo na “esencial” tarefa da desburocratización administrativa para favorecer a implantación de novos proxectos
- Denuncia a “desconexión total” que existe entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos Perte
- Reclama a colaboración do Estado para reducir os prezos enerxéticos da industria
Vigo, 7 de febreiro de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que a Xunta vai seguir traballando na senda da estabilidade e do apoio ao tecido empresarial para incrementar o peso da industria no PIB de Galicia e consolidar o crecemento da economía galega.
Así o manifestou antes de participar na tribuna do Círculo de Empresarios de Vigo, onde fixo referencia aos últimos datos do INE relativos ao Índice de Produción Industrial, que apuntan a un crecemento en Galicia de case o 2 por cento en 2023, mentres que no conxunto do Estado se rexistra unha caída media do 0,8 por cento.
“Non nos podemos conformar pero si temos que seguir traballando nesta liña”, aseverou Lorenzana, quen apuntou que son datos coherentes coa última EPA, segundo a cal Galicia supera en dous puntos ao Estado en porcentaxe de persoas traballadoras ocupadas no sector industrial, cun ritmo de crecemento interanual do 7,31 por cento.
“Temos que seguir traballando cos empresarios no que poidamos, seguir acompañándoos”, dixo. Ao respecto, referiuse á nova Oficina Económica de Galicia para continuar coa “esencial” tarefa da desburocratización. E sinalou tamén a necesidade de dar acompañamento ao tecido empresarial a nivel de financiamento e de acceso a solo industrial para facilitar a implantación de novos proxectos. Mencionou, así, o Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais que puxo en marcha a Xunta para iniciativas a partir de 800.000 euros de investimento; ou o feito de que se teñan ampliado os treitos para declarar un proxecto como estratéxico, agora desde 2 M€ e 25 empregos.
Na súa intervención Lorenzana defendeu que o reto da electrificación e da descarbonización non será posible sen un prezo eléctrico xusto e competitivo e a dispoñibilidade de rede e enerxía renovable para evitar deslocalizacións. Nesta liña, reclamou a colaboración do Estado para reducir os prezos enerxéticos porque, segundo apuntou, en España son tres veces superiores con respecto a Alemaña ou Francia.
Neste punto, solicitou que se fagan as modificacións precisas na rede eléctrica para asegurar subministración á futura planta de Altri ou a Stellantis Vigo, entre outros. Tamén pediu medidas específicas para garantir a viabilidade da gran industria consumidora de enerxía, e que a Galicia se lle compensen os custos de compensación de CO² como merece, porque dos 860 M€ que lle corresponden só recibiu ata o de agora 300 M€.
Finalmente, quixo poñer de manifesto a importancia de ofrecer certezas para que o tecido empresarial poida desenvolver os seus plans de negocio. Denunciou, así, a “desconexión total” que existe entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos Perte, para incidir en que é indispensable que a asignación destas axudas vaia acompasada ás demandas das empresas -especialmente da industria, as pemes e os autónomos-, e aos tempos de execución dos proxectos.
Presentación no novo modelo aduaneiro en Reino Unido (Border Target Operating Model)
O 31 de xaneiro de 2024 entrou en vigor un novo modelo aduaneiro no Reino Unido.
Este modelo busca simplificar o comercio das empresas, polo tanto, redúcese a carga administrativa e os custos asociados á importación/exportación de produtos de/a este país.
Para iso, estipúlase o establecemento dunha categorización de produtos coa asignación dun tipo de risco específico e o establecemento dunha serie de sistemas de control nas operación de saída e entrada de produtos agroalimentarios, de orixe animal e vexetal, no devandito país.
A aplicación deste modelo realizarase en distintas fases; cada unha delas conleva simplicacións na documentación e nos sistemas de control que se van aplicar:
Primeira fase: 31 de xaneiro de 2024
Introdución de certificados sanitarios e fitosanitarios para distintos produtos en función da súa categorización de risco; tamén se eliminan outros requisitos previos esixidos na importación de terceiros países.
Segunda fase: 30 de abril de 2024
Introdución de controis físicos e da documentación requirida para diferentes tipos de produtos en función da categorización de risco
Terceira fase: 31 de outubro de 2024
Obriga de presentar declaracións sumarias pertinentes para as importación de Gran Bretaña procedentes da UE.
Ademais, o departamento británico do Cabinet Office do goberno británico abre un área de apoio para a resolución das consultas máis específicas co que se pode contactar directamente a través do correo: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Para a consulta da información relativa a este modelo, desde o Igape poñemos en marcha a sección Novo modelo aduaneiro no Reino Unido – BTOM (Border Target Operating Model) na súa web.
A Xunta informa das axudas a disposición das persoas autónomas e das pequenas e medianas empresas para seguir xerando riqueza en Galicia
- O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora do Igape, Covadonga Toca, participaron nunha xornada organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Galicia
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2024
O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron esta mañá na xornada Presentación do mapa de axudas da Xunta de Galicia para autónomos/as e pemes organizada pola Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) Galicia. Alí, o secretario xeral lembrou os apoios ás persoas traballadoras autónomas, facendo especial fincapé na cota cero para novas altas e sinalando que onte mesmo se engrosaron cunha nova convocatoria.
Así, segundo apuntou, desde o 5 de febreiro e ata o 30 de setembro pódense solicitar as achegas que -cun importe de 1,3 millóns de euros- buscan impulsar a contratación do primeiro, segundo e terceiro traballador e, como novidade este ano, cunha maior contía se contratan mulleres. Neste caso, inclúense dous tipos de axudas compatibles entre si: o bono de contratación e o bono de formación para impulsar a cualificación no posto de traballo das persoas traballadoras indefinidas empregadas.
Con todo, non son as únicas axudas a autónomos dispoñibles. Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude para financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia a través de dúas liñas que suman un orzamento de 28,9 millóns de euros. Neste total inclúese a partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.
A maiores, referiuse a dous programas de axudas ao emprego autónomo que suman 9,5 millóns de euros. Diríxense, por unha banda, aos traballadores autónomos que teñan unha antigüidade superior aos 42 meses para que poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva (Bono Autónomo) e, por outra, axudar aos profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade (Bono nova oportunidade).
Así mesmo, entre outros, o Goberno galego habilitou un investimento de 1 millón de euros para que as persoas traballadoras autónomas que teñan fillos ou persoas maiores ou dependentes ao seu cargo conten cos apoios necesarios para contratar a persoas que os substitúan no exercicio da súa actividade ou poidan recorrer a servizos de coidado.
Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, afondou nas liñas que o seu departamento ten a disposición do tecido empresarial galego, especialmente pemes e autónomos, entre as que destacou distintos programas activados xa desde comenzos de ano en internacionalización e financiamento.
No primeiro destes eidos puxo en valor programas como os Galicia Exporta Empresas, Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, tres liñas de apoio que suman máis de 9 millóns de euros na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos. Ademais, lembrou que está tamén activo o programa para a contratación de xestores de internacionalización, que permite ás pemes participantes contratar profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial.
Así mesmo, Toca Carús salientou que a Xunta ten en marcha, como cada ano, préstamos nas condicións máis vantaxosas para acceder ao financiamento. A través dun acordo coas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR), expuxo, destínanse este exercicio 12 M€, que porán en circulación 80 millóns, nun milleiro de operacións nas que pemes e autónomos financian investimento e circulante, ou refinancian préstamos anteriores que materializaron en condicións menos vantaxosas.
A este programa, afondou, súmaselle a nova convocatoria da liña de préstamos directos para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial, que conta cun orzamento de 30 millóns e dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.