O luns abre o prazo de solicitude da nova liña de axudas para pemes e autónomos dirixida a neutralizar a suba de tipos de xuro

Luns, 23 Outubro 2023 09:34
  • Destínanse preto de 2M € para a subvención de ata 3,5 puntos nos tipos de xuro das operacións
  • Desde o luns, 23 de outubro, ata o 30 de novembro pódense beneficiar da nova liña os titulares de operacións de préstamos directos concedidos polo Igape, cuxo tipo de referencia a aplicar para determinar o tipo de xuro sexa maior do 0% e que se atopen ao corrente dos pagamentos
  • O programa complementa aos programas de reavais e préstamos directos que desenvolve cada ano a Xunta de cara a facilitar o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2023
 

O Goberno galego, a través da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pon en marcha un programa que suma case 2 millóns de euros e que busca axudar a pemes e autónomos a facer fronte á suba de tipos de xuro que se veñen producindo durante o último ano.

Neste marco, a liña ten por obxectivo aliviar a carga financeira dos titulares de operacións de préstamos directos do Igape, favorecendo así a súa viabilidade económica e a capacidade de reembolso do principal das operacións.

Cómpre salientar que, nestes momentos, o Igape conta cunha ampla carteira de operacións de préstamo, moitos dos cales foron concedidos a tipos fixos moi baixos ou a tipo 0%, contemplando outros xuros variables en función do euríbor ou do tipo de referencia establecido.

Na actual conxuntura, coa suba dos tipos de referencia, prodúcese un aumento moi significativo das cotas a pagar polos titulares destes préstamos a tipo de xuro variable. Así mesmo, nas novas operacións a tipo fixo, o tipo de referencia determinado no momento da concesión resulta moi elevado.

Para aliviar esta situación marcada polo mercado financeiro, a nova liña de axuda subvencionará ata 3,5 puntos nos tipos de xuro das operacións. Unha porcentaxe que será aplicada sobre o capital vivo de cada unha das operacións de préstamo, en cada unha das liquidacións periódicas. Deste xeito, o programa favorece a viabilidade económica das empresas e facilita a capacidade de reembolso dos préstamos.

Todos aqueles interesados poderán solicitar a axuda desde o luns, 23 de outubro, ata o vindeiro 30 de novembro, resultando beneficiarios os titulares de operacións de préstamos directos concedidos polo Igape, cuxo tipo de referencia a aplicar para determinar o tipo de xuro sexa maior do 0%, e que se atopen ao corrente dos pagamentos.

Outras actuacións

Esta liña complementa os programas de reavais e préstamos directos que desenvolve cada ano a Xunta de cara a facilitar o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego. Neste sentido, e no marco da Axenda Financeira que está a desenvolver o Goberno galego, estanse a facilitar, un ano máis, operacións de investimento, circulante e garantías para pemes e autónomos galegos por importe de 60 millóns.

Así, ata o pasado 29 de setembro, artellouse un novo convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito con modalidades de apoio consistentes na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, na bonificación da comisión do aval, e no reaval do risco asumido polas SGR. E seguen en marcha, ata finais de ano, as liñas de préstamos directos para investimentos estratéxicos ou para infraestruturas de centros tecnolóxicos, as liñas para financiar a operativa da industria auxiliar naval ou os préstamos para o financiamento das empresas no actual contexto de incremento xeneralizado do custo das materias primas e da enerxía.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis