A Xunta abre mañá o prazo para solicitar as axudas dos programas Galicia Exporta Empresas e Organismos Intermedios

Luns, 23 Outubro 2023 12:05
  • Son un total de 3 M€ destinados a pemes e autónomos galegos para incentivar a realización de accións de promoción exterior que xeren vantaxes competitivas na proxección e o posicionamento de empresas e organismos galegos nos mercados internacionais
  • Ambas liñas impulsan actividades de difusión e a participación en eventos expositivos no exterior, así como accións de prospección internacional para proxectos individuais -Exporta Empresas- ou coordinados por agrupacións empresariais -Exporta Organismos Intermedios-
  • Desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional, cunha axuda total ata a data de 30,5 M€, aos que se suman outros 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, dúas liñas de apoio que sumarán máis de 3 M€ no que queda de ano na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos. O prazo de solicitudes comeza mañá e estenderase ata o vindeiro 23 de novembro.

A través da liña específica para proxectos individuais Galicia Exporta Empresas e da destinada a apoiar proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais Galicia Exporta Organismos Intermedios, impúlsanse tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.

As axudas cobren as actuacións que se celebren desde o 1 de xaneiro de 2023 e ata o 15 de decembro de 2023. O apoio máximo por solicitude e beneficiario chega, no caso do Galicia Exporta Empresas, ata os 95.000 euros e no de Organismos Intermedios, aos 400.000.

O obxectivo destas liñas, impulsadas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape e no marco da Estratexia de Internacionalización, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.

Un marco no que tamén se activará proximamente unha nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital, pois o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais no actual contexto económico. O obxectivo é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores.

Neste sentido, cómpre destacar que desde a posta en marcha do Galicia Exporta Empresas, no ano 2016, téñense apoiado preto de 1.500 plans de promoción internacional, con accións de difusión, e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda total ata a data de 30,5 M€.

Cifras ás que se suman os máis de 8,7 M€ e 165 iniciativas promovidas a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios. Pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.

Todas estas accións englóbanse na Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis