Lorenzana salienta unha suba nos Orzamentos da Xunta para acelerar a tramitación administrativa dos proxectos industriais, reforzar o financiamento e impulsar a innovación

Xoves, 19 Outubro 2023 18:30
  • Adianta que os Orzamentos para o vindeiro ano da Consellería de Economía, Industria e Innovación soben por riba da media, ata acadar máis de 430 millóns de euros
  • En liña co que anunciou no Debate do Estado da Autonomía o presidente da Xunta, destaca que se porá en marcha un plan de aceleración de proxectos industriais e unha oficina económica para toda Galicia como interlocutor único coa Administración
  • Ademais de crear un fondo público-privado pioneiro entre as comunidades, adianta que se van investir case 100 millóns de euros tanto para facilitar liquidez ás empresas como para préstamos e créditos

Lalín (Pontevedra), 19 de outubro de 2023   A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que os Orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano soben por riba da media, ata acadar máis de 430M€, para acelerar a tramitación administrativa, reforzar o financiamento e impulsar a innovación.

Nunha xuntanza coa Asociación de Empresarios Deza, Lorenzana detallou as contas da Consellería de Economía, Industria e Innovación para o ano que vén. Unha contas, dixo, que se incrementan un 5 por cento e teñen como principal obxectivo “dar resposta ás necesidades que teñen as empresas de axilizar as tramitacións administrativas e de eliminar a burocracia”.

Para iso, en liña co que anunciou no Debate do Estado da Autonomía o presidente da Xunta, avanzou que se porá en marcha un plan de aceleración de proxectos industriais e unha oficina económica para toda Galicia como interlocutor único coa Administración que van abranguer un investimento de máis de 6M€. Un reforzo a nivel tecnolóxico e administrativo para garantir que os proxectos industriais en Galicia se van tramitar no prazo dun ano e que “é clave para dar seguridade ás decisión empresariais e tamén para atraer novo tecido produtivo a Galicia”, subliñou.

Outro dos puntos fortes dos Orzamentos da Consellería de Economía, Industria e Innovación, será ofrecer financiamento ás empresas, tanto para facilitarlles liquidez como para préstamos e créditos, para o cal se van investir case 100M€. Nesta liña, tamén mencionou o fondo público-privado que vai impulsar a Xunta de Galicia e destacou que vai ser a primeira vez que unha comunidade autónoma pon en marcha un instrumento desde tipo, pola súa composición e dimensións, que xa se está tramitando na Comisión Nacional do Mercado de Valores.

En terceiro lugar, Lorenzana tamén apuntou a aposta pola innovación que recollen as contas do vindeiro exercicio, tan importante para a competitividade do tecido empresarial, puntualizou. Tal e como avanzou, será a primeira vez que a Xunta de Galicia activa unha liña de axudas específica para startups, ademais proseguir co desenvolvemento dos polos de innovación como é o caso do Polo de Tecnoloxías Cuánticas, e de procurar o binomio coa enerxía para a rebaixa do prezo eléctrico.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis