A Xunta participará en novembro no primeiro encontro mundial de empresarios galegos no Uruguai na procura de reforzar a relación comercial entre as rexións

Mércores, 18 Outubro 2023 18:17
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na presentación deste evento, que se levará a cabo entre o 16 e o 18 do vindeiro mes en Montevideo e Punta del Este en colaboración coa Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai
  • Salienta a importancia da cooperación público-privado, chave no papel que xogan as asociacións galegas de empresarios no exterior na proxección internacional e na “consolidación da Marca Galicia” en todo o mundo
  • Resalta a relevancia da diversificación para crecer nos mercados exteriores, que no caso de Uruguai ten permitido incrementar as vendas en distintos sectores entre os que destacan o agroalimentario e a automoción
  • Subliña que as vendas ao exterior ao Uruguai seguen “unha liña claramente ascendente” incrementándose un 47,8% no último lustro ata acadar os 30M€

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2023.- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na presentación do Encontro Mundial de Empresarios Galegos no Uruguai, un evento que se celebrará o vindeiro mes de novembro no país suramericano e que permitirá reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións.

“Grazas á colaboración da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai (AEGU), podemos anunciar hoxe este encontro, que celebraremos, baixo o lema ‘Un camiño de integración e oportunidades’, entre o 16 e o 18 de novembro en Montevideo e en Punta del Este”, incidiu Toca Carús, que estivo acompañada polo cónsul xeral do Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero, e pola prosecretaria da Asociación, Beatriz Doldán Montes.

A directora do Igape agradeceu a AEGU, que suma máis de 200 empresarios, o seu traballo, e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos como este, que facilitará impulsar novos negocios e que contará coa presenza de delegacións de empresarios de Uruguai, Galicia, Cataluña, Estados Unidos, México, República Dominicana, Brasil e Arxentina.

“Vós sodes os nosos embaixadores no mundo; representades a imaxe dunha Galicia que grazas ao voso traballo reforzou a súa proxección internacional”, afondou Covadonga Toca, salientando a importancia que teñen as asociacións galegas de empresarios no exterior na proxección internacional e na “consolidación da Marca Galicia” en todo o mundo.

Neste marco, a directora do Igape destacou tamén a transcendencia da diversificación para crecer nos mercados exteriores, que no caso de Uruguai ten permitido incrementar as vendas en distintos sectores entre os que destacan o agroalimentario e a automoción. “Ambos os territorios diversificamos as nosas exportacións e importacións, creando oportunidades para o crecemento económico e a colaboración en diversas áreas”, expuxo.

Pola súa banda, o Cónsul de Uruguai, Ramiro Rodríguez, subliñou que “o noso país destaca pola posición estratéxica, con posibilidade de facer negocios con outros países da rexión como Brasil ou Paraguay. A nosa vocación é posicionarnos como Hub loxístico”. Neste sentido, o Cónsul puxo en valor o réxime de portos libres de Uruguai, a promoción do investimento estranxeiro e o seu sistema de zonas francas. Entre os sectores económicos con máis proxección, destacou a aposta polas enerxías renovables.

As vendas a Uruguai seguen unha liña claramente ascendente incrementándose un 47,8% no último lustro ata acadar os 30M€. Un crecemento parello ao que veñen reflexando as exportacións galegas, que acadaron no último ano unha cifra histórica ao sumar case 30.000M€.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis