Super User
O Igape convoca 50 prazas para formación e prácticas en internacionalización empresarial
Nova convocatoria das Bolsas Igape Internacional 2024. Tes de prazo ata o 22 de xullo de 2024 para solicitar a túa bolsa.
Este é un programa que busca formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial a través de formación práctica nas Oficinas Comerciais e Económicas, tanto no estranxeiro como en Galicia.
Os mozos e mozas realizarán labores de investigación de mercados, estudos de empresas e a súa planificación para internacionalización e investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras:
- Duración: 1 ou 2 anos
- Destinos en 25 países
- Alta empregabilidade
A convocatoria vai dirixida a persoas menores de 35 anos, con titulación universitaria superior, e achegará formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial.
Os países en que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur, Tokio, Varsovia ou Yakarta.
A iniciativa contribúe así á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos cales colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.
A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.
Máis información
- Información da axuda (Publicada 21/06/2024)
- Acta 1: Constitución do Comité de Selección (Publicada 24/06/2024)
- Acta 2: Convocatoria de probas de idioma (Publicada 24/06/2024)
- Acta 3: Acreditación do nivel de idiomas indicados na solicitude (Publicada 25/06/2024)
- Acta 4: Sobre a acreditación dos títulos de grao universitario obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois (art. 4.3) (Publicada 08/07/2024)
- Acta 5: Sobre os certificados de idiomas admitidos (Art. 4.4 e 5.2) e previsión de horarios da proba de idiomas do 24 de xullo (Publicada 18/07/2024)
- Acta 6: Previsión de datas para a entrevista persoal (Publicada 29/07/2024)
- Acta 7: Resultados das probas de idiomas e certificados de admitidos, quenda para entrevista persoal e listado de destinos provisionais (Publicada 08/08/2024)
- Anexo I Acta 7 (Publicada 08/08/2024)
- Lista destinos provisionais Acta 7 (Publicada 08/08/2024)
- Acta 8: Lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas e puntuación obtida no baremo (Publicada 16/09/2024)
- Acta 9: Lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas e puntuación obtida no baremo (corrección de erros) (Publicada 17/09/2024)
- Acta 10: Sobre certificados de idioma admitidos e baremación de graos (Publicada 30/09/2024)
- Información: Listaxe de candidatos admitidos con asignación de destinos e dotacións (Publicada 10/10/2024)
A Xunta destina 5 M€ ao impulso da transformación industrial e a dixitalización de pemes e autónomos galegos
- O Diario oficial de Galicia publica unha nova convocatoria de axudas paro o impulso da transformación industrial e para reforzar a aposta dixital de pemes e autónomos galegos
- Os apoios serán do 35% dos investimentos para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, mentres que para os gastos de consultaría, a intensidade de subvención será do 50%
- Como novidade, nesta convocatoria introdúcese por primeira vez unha liña específica que atende á dixitalización dos procesos loxísticos, e se favorece tamén a implantación de iniciativas que se leven a cabo nun concello emprendedor
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2024
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha nova convocatoria do programa de apoio á dixitalización, que este ano destina 5 millóns de euros ao impulso da transformación industrial e a reforzar a aposta dixital de pemes e autónomos galegos. Neste sentido, a liña potencia o compromiso do Goberno da Xunta neste eido, na procura de mellorar a competitividade do tecido produtivo e de promover unha transformación dixital cada vez máis necesaria no actual contexto económico.
Por este motivo, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, activa esta nova convocatoria que persegue apoiar a posta en marcha de sistemas cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor ou proxectos individuais cara á dixitalización ou conectividade da peme.
As axudas, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 27 de maio, serán do 35% dos investimentos para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas. Así mesmo, para os gastos de consultaría, a intensidade da axuda ascenderá ata o 50%. Como novidade, favorécese a implantación de iniciativas que se leven a cabo nun concello emprendedor.
Deste xeito, impulsaranse dous tipos de accións. Dun lado, proxectos colectivos nos que un grupo de empresas abordará, de forma conxunta, a implantación de sistemas dixitais, xa sexa nas súas interaccións ou nos procesos de xestión. Doutro, iniciativas individuais nas que unha peme ou un autónomo poderá promover interfaces dixitais, sistemas de intelixencia artificial, sistemas para a dixitalización, ou sistemas de mellora da función loxística da empresa, no que se configura como outra das principais novidades desta convocatoria.
De feito, este apartado loxístico cobre actuacións como a robotización dos procesos, a xeolocalización de cargas ou medios de transporte, a aplicación de vehículos autónomos, a reciclaxe de materiais de envasado, a aplicación da realidade virtual ou aumentada a estes procesos, ou a monitorización da pegada de carbono no transporte e a distribución de mercadorías de cara á súa redución.
Deste xeito, o Goberno galego mantén a súa aposta pola dixitalización do tecido empresarial da Comunidade como un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica, na procura de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico.
Lorenzana resalta o compromiso do sector dos áridos en Galicia coa sustentabilidade, a formación e a seguridade e saúde laboral
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abriu hoxe a Asemblea Xeral da Asociación Galega de Áridos (Arigal)
- Avanza que, no marco da Axenda de Impulso á Minaría Sostible de Galicia, a Xunta está pechando un convenio de colaboración con Arigal que recolle diferentes actuacións para dar a coñecer este sector e as súas potencialidades en diversos ámbitos; entre eles, o educativo
- Lembra o pacto pola industria que quere promover o Goberno galego e subliña que a Xunta “vai seguir defendendo de maneira intensa o feito de que o desenvolvemento industrial e enerxético da nosa comunidade autónoma é compatible co medio ambiente”
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abriu hoxe a Asemblea Xeral da Asociación Galega de Áridos (Arigal) onde resaltou o compromiso do sector en Galicia coa sustentabilidade, a capacitación técnica dos profesionais e a seguridade e saúde laboral.
Na súa intervención, Lorenzana puxo o acento na importancia da formación e avanzou que, no marco da Axenda de Impulso á Minaría Sostible de Galicia, a Xunta está pechando un convenio de colaboración con Arigal que recolle diferentes actuacións para dar a coñecer este sector e as súas potencialidades en diversos ámbitos; entre eles, o educativo.
A conselleira cualificou a minaría como un sector estratéxico para a economía galega porque proporciona materias primas a moitos dos sectores considerados fundamentais neste momento: as enerxías renovables, a automoción, a aeronáutica, o turismo, a construción ou a enxeñaría civil. Unha industria, indicou, que actúa como un dinamizador económico do rural galego e que tamén está facendo avances de cara á neutralidade climática.
Neste contexto, e lembrando o pacto pola industria que quere promover o Goberno galego, aludiu á Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia por ser unha norma que afonda na sustentabilidade e que, ao igual que fai a sociedade Recursos de Galicia, vela por que os beneficios dese aproveitamento “queden en Galicia”. “Desde a Xunta imos seguir defendendo de maneira intensa o feito de que o desenvolvemento industrial e enerxético da nosa comunidade autónoma é compatible co medio ambiente”, dixo, para subliñar: ”Somos rigorosos nas tramitacións medioambientais e podemos afirmar isto e dar tranquilidade”.
No plano da tramitación administrativa, Lorenzana referiuse, tamén, ao compromiso do Goberno galego coa desburocratización a través da Oficina Económica do Igape, á que “calquera empresa pode acceder e en sete días se lle fará unha planificación e se lle dará un acompañamento adecuado ás súas necesidades”. E tamén apuntou, entre as vantaxes do plan de aceleración de proxectos industriais da Administración autonómica, que para as iniciativas con interese en instalarse na Comunidade que superen os 800.000 euros de investimento e non obteñan en prazo a licenza do Concello correspondente, van obtela por parte da Xunta. Ao respecto, lembrou que agora que a Consellería de Economía e Industria dispón das competencias en materia de solo industrial, ese asesoramento ás empresas vai ser integral, dixo.
A conselleira finalizou apelando ao diálogo e á colaboración público-privada, e felicitando a Arigal polos seus 25 anos de traxectoria.
Xunta de Galicia e Fundación CEL amplian a súa colaboración para impulsar a aceleradora BFaero
- Avanzaron na sinatura dunha addenda ao convenio actual por importe dun millón de euros para atender novas necesidades e poñer en marcha unha análise Sandbox aproveitando as infraestruturas existentes en Rozas
- A Fundación CEL amosou o seu interese por traballar na creación dun Centro de Servicios de Fabricación Avanzada que permitiría a creación de equipamentos compartidos e de alto valor tecnolóxico para dar unha resposta máis flexible ás necesidades deste ecosistema.
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024
A Xunta de Galicia e a Fundación CEL Iniciativas por Lugo celebraron esta mañá o recoñecemento outorgado a pasada semana á Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, como a mellor aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos.
No encontro mantido no día de hoxe entre a directora do Igape, Covadonga Toca, e o presidente da Fundación CEL, Luís García Santalla, ambos coincidiron en que este recoñecemento pon en valor o labor desenvolvido por ambas institucións, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.
Así mesmo, Toca e García aproveitaron a reunión para abordar as liñas de traballo para os vindeiros meses. Concretamente, Toca avanzou que a Consellería de Economía e Industria asinará unha addenda no marco do convenio de colaboración entre Xunta e a Fundación para impulsar a aceleradora BFAero por importe dun millón de euros para atender novas necesidades, nomeadamente para contribuír ao apoio das probas experimentais; así como para a posta en marcha dunha análise Sandbox aproveitando os equipamentos existentes en Rozas. Esta iniciativa aproveitaría as sinerxías e complementariedades destas infraestruturas para crear un entorno controlado onde as empresas poidan probar novas tecnoloxías e solucións nun marco regulatorio flexible.
Pola súa banda, García Santalla trasladou á directora do Igape o interese da entidade que preside por traballar na creación dun Centro de Servizos de Fabricación Avanzada (CFSA) que permitiría a creación dunhas infraestruturas compartidas e de alto valor tecnolóxico para dar unha resposta máis flexible ás necesidades do dito ecosistema.
Cómpre lembrar que as os CSFA ofrecen unha serie de vantaxes como a redución de custos e o aumento da accesibilidade para as empresas; a flexibilidade para responder a necesidades específicas e a personalización de servizos e a adaptación a diferentes proxectos; así como o apoio na procura de novas solucións e produtos tecnolóxicos, entre outros.
A Xunta salienta en Ceuta a importancia da innovación e as novas tecnoloxías para seguir colaborando na mellora do tecido produtivo
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nun encontro organizado polo Foro ADR na procura de que as axencias de desenvolvemento rexional optimicen os servizos e apoios que prestan a empresas e emprendedores para impulsar a súa competitividade
Ceuta, 25 de abril de 2024
A directora de Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no XVIII Encontro de Direccións Xerais, celebrado en Ceuta no marco das actividades organizadas polo Foro ADR, e que permitiu poñer en valor a importancia da innovación e as novas tecnoloxías na mellora da competitividade do tecido produtivo.
Este tipo de encontros permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se atopa o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan ás empresas e aos emprendedores. Desta volta, as sesións de traballo centráronse en campos como a innovación, o emprendemento de base tecnolóxica, o impulso do talento ou o fomento das novas tecnoloxías na procura de contribuír a que as axencias de desenvolvemento presten un servizo público de calidade a empresas e persoas emprendedoras.
A asociación celebra dúas veces ao ano estes encontros de directores, que se configuran como un ámbito de reflexión no que analizar os principais programas de actuación, a contorna económica e empresarial ou o benchmarking entre axencias, e onde se expoñen posicións comúns da Asociación. Durante o encontro puxéronse en valor as principais actuacións e conclusións dos grupos de traballo nos que participan os membros das distintas axencias, tanto o grupo orientado cara aos temas de dixitalización e industria, como o grupo de traballo sobre Estratexias de Especialización Intelixente e o Grupo de Traballo de Emprendemento.
Por último, por parte de PROCESA, axencia de desenvolvemento de Ceuta, presentouse o proxecto “El Ángulo” un espazo de innovación aberta que ten como obxectivo impulsar o talento, a transformación dixital, apoiar o emprendemento e a formación tecnolóxica para a creación e o enriquecemento do tecido empresarial, e representantes da Fundación COTEC, presentaron o Informe sobre Soberanía Tecnolóxica. O papel estratéxico da Propiedade Industrial e Intelectual.
Lorenzana traslada aos traballadores de Madera Fiber o labor que está realizando a Xunta para buscarlle viabilidade á compañía
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada pola directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo hoxe unha reunión no Porriño con representantes do comité de empresa, o alcalde deste municipio pontevedrés e a administración concursal
O Porriño (Pontevedra), 23 de abril de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada pola directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, mantivo hoxe no Porriño unha reunión de seguimento co comité de empresa de Madera Fiber, o alcalde da localidade e a administración concursal, na que se lles trasladou aos traballadores e traballadoras o labor que está realizando a Xunta para buscarlle viabilidade á compañía.
Neste sentido, informóuselles de que, dentro do proceso de busca de empresas que poidan facerse cargo da actividade da fábrica, desde o Igape envióuselle documentación e propostas a un total de 13 compañías de ámbitos como a automoción, o contract, o sector funerario ou o naval. Ata a data a metade amosaron a súa negativa, mentres que o resto están valorando a proposta.
Na xuntanza o administrador concursal aproveitou para explicar os seguintes pasos que se van dar en caso de non atopar unha empresa que queira facilitar a continuidade da planta. Así, procederíase á liquidación, na que se podería activar a busca dun comprador industrial para os activos físicos, como son a nave e a maquinaria.
A Xunta avanza na elaboración do plan director do sector TIC
- Lorenzana convida a Ineo a facer as súas achegas a este plan, que estivo en fase de consulta pública ata o pasado 8 de abril
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Asociación de Empresas de Tecnoloxía (Ineo), con quen abordou os traballos que a Xunta vén realizando para elaborar o plan director do sector TIC.
Na xuntanza, Lorenzana informou de que este plan estivo en fase de consulta pública no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta desde o pasado 18 de marzo ata o 8 de abril para recoller as achegas da cidadanía e das organizacións e entidades vinculadas a este sector.
O sector TIC foi declarado estratéxico polo Consello da Xunta, xunto coa industria metalmecánica, a automoción, a construción naval, a loxística industrial e o sector forestal-madeira. Isto implica que van dispoñer de cadanseu plan director que recolla medidas e mecanismos para impulsar a súa competitividade e posicionamento no actual contexto de transformación dixital e enerxética.
Na elaboración de cada plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e o resto de axentes implicados, polo que Lorenzana convidou a Ineo a facer as súas achegas. Posteriormente, antes da aprobación de cada plan, será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.
Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta, aos que se suma a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, co seu servizo de asesoramento técnico e administrativo para empresas, do cal a conselleira tamén deu conta na reunión.
Lorenzana apela a aproveitar a boa marcha da economía galega para impulsar o desenvolvemento industrial e enerxético de Galicia
- Ratifica o compromiso da Xunta co acompañamento ao tecido empresarial, con instrumentos como a Oficina Económica de Galicia dependente do Igape ou os plans directores por sectores
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por aproveitar a boa marcha da economía galega para seguir incrementando o peso da industria no PIB autonómico e dar pulo ao desenvolvemento enerxético de Galicia.
Lorenzana interveu hoxe na presentación do Plan estratéxico 2024-2027 da Fundación Galicia Constrúe, Clúster da Construción. Alí, puxo de manifesto que Galicia está recuperando as cifras de crecemento anteriores á pandemia, tanto en termos de PIB -cunha suba de máis de catro puntos-, como de paro –que descende máis de nove puntos-, ou de emprego industrial, ao tempo que segue marcando récords en exportacións.
“Partimos dunha boa situación para facer moitas cousas a partir do momento en que estamos”, aseverou, aludindo aos retos económicos que hai aínda por diante, como conseguir que o peso da industria no PIB alcance o 20 por cento, ou estabilizar o binomio industria e enerxía, dados os recursos naturais dos que Galicia dispón. “Todo o desenvolvemento enerxético xera moito valor na industria”, dixo ao respecto.
Nesta liña, fixo referencia ás medidas que está a poñer en práctica a Xunta de Galicia entre as que destacou os plans directores para os sectores estratéxicos (automoción, metalmecánico, naval, forestal-madeira, TIC e loxística industrial). “É moi relevante coñecer onde estamos desde o punto de vista territorial, das infraestruturas que se van realizar, da loxística, do talento, da formación das persoas. Se non sabemos iso tampouco imos ser capaces de deseñar políticas públicas adecuadas ás necesidades dos sectores da economía galega”, abondou.
Referiuse, tamén, á Oficina Económica de Galicia como un “soporte personalizado” para as empresas desde o Igape, que se completa coa estratexia de aceleración industrial que a Xunta puxo en marcha e que garante para os proxectos estratéxicos con máis de 800.000 euros de investimento unha tramitación en menos dun ano.
Así mesmo, lembrou que, na nova estrutura da Xunta de Galicia, as competencias relativas a solo empresarial vaian estar concentradas a partir de agora na Consellería de Economía e Industria. “É importante que nesa visión global e nesa planificación industrial e enerxética de Galicia teñamos capacidade tamén para coñecer o solo que existe e desenvolvelo onde sexa necesario”, manifestou.
Con respecto ao sector da construción puxo de relevo o seu peso, que achega o 5,7 por cento do PIB autonómico. E salientou, tamén, que é unha industria extensa que en Galicia abrangue diversas actividades e que afronta retos como a sustentabilidade, a eficiencia enerxética, a economía circular, a dixitalización e a formación.
A conselleira de Economía e Industria concluíu destacando o traballo que está a realizar o Clúster da Construción para que todo o sector funcione como un ecosistema, e apelando á colaboración público-privada. “Nós non entendemos o mundo empresarial se non é falando coas empresas”, apostilou.
A Xunta mantén un encontro cunha delegación do Brasil para explorar vías de negocio e oportunidades de colaboración
- A directora do Igape, Covadonga Toca, encabeza a reunión de traballo con representantes do Sebrae (Serviço Brasileiro de Apoio às Micro e Pequenas Empresas) no que afondan sobre posibilidades de investimento e mecanismos de apoio a pemes
- Amosan o seu interese na aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización da comunidade, así como polas ferramentas de financiamento de proxectos e especialmente dos servizos que ofrece o Igape
- Nos últimos dous anos Galicia ten exportado ao Brasil preto de 170 millóns, facendo deste un dos principais mercados de América no que as vendas ao exterior da comunidade se refire
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024.- A directora do Igape, Covadonga Toca, vén de participar nun encontro de traballo con representantes do Sebrae -Serviço Brasileiro de Apoio às Micro e Pequenas Empresas- na procura de explorar vías de negocio e oportunidades de colaboración co país suramericano.
Neste sentido, a reunión permitiu afondar tanto nas posibilidades de investimento como nos mecanismos de apoio a pemes e autónomos que cada ano promove o Igape, amosando a delegación brasileira un especial interese na aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización de Galicia.
A directora do Igape agradeceu a Sebrae este mostra de interese e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos, tal e como está a facer Galicia nos mencionados ámbitos.
Neste sentido, Toca Carús detallou que o Igape conta con diferentes programas para pemes e autónomos entre os que destacou, no ámbito da internacionalización, as liñas Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios, para promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos; ou a liña de xestores de internacionalización, para facilitar a contratación profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior.
Salientou tamén o papel das antenas do Igape en México, EEUU (Miami), Marrocos, China e Emiratos Árabes, cuxo obxectivo, explicou Toca, é “potenciar as relacións comercias e incrementar as exportacións das empresas galegas a estes mercados, de cara a identificar oportunidades de negocio, atender a demanda de información e ofrecer servizos de apoio á internacionalización”.
Así mesmo, a directora do Igape lembrou tamén outras liñas de actuación, como a nova edición do programa ReAcciona, que permitirá apoiar a posta en marcha de proxectos centrados na mellora da competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos ou, no eido do emprendemento innovador, a primeira liña específica de apoio ás startups galegas e a rede de business factories, nos ámbitos da automoción, a alimentación ou o aeroespacial.
O encontro permitiu afondar neste tipo de ferramentas e reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións, que se materializa, nos dous últimos anos, en preto de 170 millóns exportados ao Brasil por parte das empresas galegas, facendo deste un dos principais mercados de América no que as vendas ao exterior da comunidade se refire.
Ao remate da xuntanza, acordouse continuar analizando os temas intercambiados de cara a poder establecer no curto prazo algún acordo de cooperación en asuntos de interese recíproco, que permita estreitar as relacións bilaterais e incrementar as oportunidades das empresas dos dous territorios na súa expansión internacional.
Lorenzana resalta a compañía Gabadi como exemplo da capacidade da industria auxiliar do naval galego
- A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destaca a aposta pola innovación e a internacionalización da empresa naronesa, que cumpre 35 anos de actividade
- Lembra que o Goberno galego está a elaborar o Plan director do sector naval, que vai ser imprescindible para coñecer a situación actual e os retos de futuro desta industria estratéxica para a economía galega
Narón (A Coruña), 5 de abril de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Narón as instalacións de Gabadi, sinalando que esta compañía é un exemplo da capacidade que está a demostrar a industria auxiliar do naval galego. Así, Lorenzana destacou a aposta desta compañía pola innovación, a internacionalización e os investimentos, apuntando que isto deixa de manifesto que “Galicia vai no bo camiño no sector naval, que xunto coa automoción suma o 20 % do emprego industrial na Comunidade”.
A conselleira subliñou que a reunión celebrada hoxe permitiu coñecer de preto os proxectos cos que conta a empresa e presentarlles os diferentes apoios que a Xunta pon a disposición do tecido empresarial, como a Oficina Económica de Galicia. Neste sentido, a conselleira lembrou que a que a Xunta de Galicia está a elaborar o Plan director do sector naval, dentro da nova estratexia industrial.
Lorenzana sinalou que esta ferramenta vai ser “imprescindible para coñecer a situación actual e os retos de futuro que ten este sector”, e para continuar acompañándoos a través de diferentes instrumentos no ámbito financeiro, na internacionalización ou na cualificación das persoas traballadoras.
O naval é unha das industrias declaradas estratéxicas polo Consello da Xunta, xunto coa metalmecánica, a automoción, o sector forestal-madeira, a industria das TIC e a loxística industrial, das que tamén se están a elaborar plans directores. Os distintos plans contarán con medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.