A Xunta destina 30 M€ a préstamos directos para facilitar o investimento das pemes galegas

Luns, 15 Xaneiro 2024 17:53
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria, que busca mellorar as condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo con condicións vantaxosas
  • Como novidade, incorpóranse préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, así como para a industria manufactureira
  • O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, e permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de novembro ou ata o esgotamento do orzamento previsto

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

A Xunta de Galicia vén de activar unha nova convocatoria da liña de préstamos directos do Igape para posibilitar o financiamento e os investimentos do tecido empresarial. O programa suma nesta ocasión 30 millóns de euros na procura de promover a competitividade de pemes e autónomos galegos, mellorando as condicións de acceso ao crédito.

Así, os xuros, que se determinarán en base ás características de cada operación, contarán cunha bonificación de ata 5 puntos porcentuais no tipo de xuro. Isto permitirá que o Igape poida conceder préstamos con tipos de xuro a partir do 2 %. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o vindeiro 29 de novembro ou ata o esgotamento do orzamento previsto.

A convocatoria presenta dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.

No tocante á liña de internacionalización, está previsto financiar a empresas con centros de traballo en Galicia que poñan en marcha novos establecementos, sucursais ou filiais en ata 60 países. O importe mínimo dos préstamos oscilará entre os 300.000 € e un máximo de 1 millón de euros, contribuíndo á expansión do tecido empresarial galego.

A segunda novidade céntrase nas empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura e na industria manufactureira, articulando os mecanismos necesarios para facilitar a concesión de préstamos na procura de acomodar a devolución dos mesmos ao diñeiro xerado polas operacións das empresas. O importe dos préstamos oscilará tamén entre 300.000 € e 1 millóns de euros, cunha duración de oito anos con dous de carencia.

Investimentos estratéxicos, centros tecnolóxicos e naval

Así mesmo, e como vén sendo habitual, o programa atende tamén aos investimentos estratéxicos de pemes e autónomos, promovendo a creación de novas instalacións e a mellora das existentes, ou o incremento da súa capacidade produtiva.  
Cubrindo ata o 50% do investimento a financiar, cun máximo de 5 millóns, neste caso os préstamos terán unha duración de ata doce anos, podendo chegar a quince en función das características do proxecto, coa posibilidade de incluír carencia na amortización do principal.

Ademais, os préstamos directos financiarán actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego. Nestes casos, o seu importe oscilará entre 75.000€ e 1,5 millóns, cubríndose ata un máximo do 75% do investimento financiable.
 
Así mesmo, atenderanse tamén as operacións levadas a cabo pola industria auxiliar naval, co obxectivo de apoiar a estas empresas facilitándolles o financiamento a longo prazo. O importe mínimo do préstamo será de 300.000 euros e o máximo dun millón de euros, resultando o prazo de devolución de ata seis anos, incluíndo dous de carencia.

 
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis