Super User
A Xunta resalta o nivel tecnolóxico dos vinte proxectos que van participar na oitava edición da BFAuto
- En total foron 130 candidaturas as que se presentaron a esta convocatoria, das que oito son proxectos que proceden de fóra de Galicia
- Esta é unha das tres novas convocatorias comprometidas ata 2026, coas que se prevé dar apoio a 60 iniciativas
- A rede de aceleradoras da Xunta (Business Factories) é unha aposta da Administración autonómica por impulsar as startups, con actuacións que abranguen todo tipo de sectores e localizacións territoriais
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024
A Xunta de Galicia, membro do comité executivo da aceleradora Business Factory Auto (BFAuto) a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), resalta o nivel tecnolóxico dos vinte proxectos que van participar na oitava edición deste programa de aceleración.
En total foron 130 candidaturas as que se presentaron a esta convocatoria, das que oito son proxectos que proceden de fóra de Galicia: dous internacionais, de Holanda e Francia; e seis nacionais, de Santander, Barcelona, Madrid, Sevilla, Navarra e Lleida. Esta é unha das tres novas convocatorias comprometidas ata 2026, coas que se prevé dar apoio a 60 iniciativas.
Os 20 proxectos seleccionados responden aos retos tecnolóxicos propostos por compañías como Akwel Vigo Spain, Denso Sistemas Térmicos España, Lear, Magna Seating Vigo, Maier Ferroplast, SMRC, Snop Estampación, Stellantis o Plastic Omnium. En concreto, as liñas de investigación están vinculadas coa sustentabilidade, a electrificación e as novas formas de mobilidade.
Entre os proxectos figuran propostas como plataformas modulares baseadas en intelixencia artificial; robots móbiles autónomos para optimizar a loxística; estacións modulares para o intercambio e carga de baterías; sistemas de carga solar ou de refrixeración líquida de compoñentes; xemelgos dixitais; unha motocicleta adaptada eléctrica de tres rodas; equipos especializados para talleres, entre outras.
O obxectivo desta aceleradora é ensanchar a base do sector en Galicia atraendo novas empresas de carácter tecnolóxico. Ofrece, polo tanto, o acompañamento necesario nos primeiros pasos de todo proxecto innovador que xurda no eido da mobilidade. Os participantes contarán con titorizacións e recursos para dar forma ás súas ideas e convertelas en conceptos empresariais, con formación específica adaptada ás necesidades de cada un; ou con talleres grupais impartidos por expertos de prestixio no ámbito nacional e internacional.
O compromiso da Xunta é que Galicia siga sendo un referente para o conxunto do sector en España e para iso a aposta seguirá sendo a vía da colaboración e o diálogo co resto de integrantes do comité executivo da BFAuto: o Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), Stellantis, o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e Vigo Activo Sociedade de Capital Risco.
A rede de Business Factories é unha aposta da Administración autonómica por impulsar aceleradoras de empresas, con actuacións que abranguen todo tipo de proxectos e localizacións territoriais. Unha ampla rede que conta co apoio e a colaboración dos axentes e as empresas tractoras dos diferentes sectores, e na que destacan as aceleradoras do sector da automoción (BFAuto), aeroespacial (BFAero), no sector da alimentación (BFFood) ou a nova aceleradora no ámbito da economía circular e as solución ambientais (BFClima Tech). Tamén VíaGalicia, sobre emprendemento innovador, multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimentario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo.
Rueda destaca a relevancia do sector téxtil no tecido produtivo galego e compromete o apoio da Xunta para seguir impulsándoo
- O presidente participou na clausura da asemblea xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega)
- Asegura que se trata dunha industria “fundamental” que fai “marca país” e que permite levar o nome de Galicia por todo o mundo
- O Goberno galego está poñendo en marcha programas específicos para axudar ás empresas a afrontar novos retos como a dixitalización, innovación ou internacionalización
- O téxtil lidera as exportacións na comunidade galega e representa o 37% do total do sector en toda España
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o peso do sector téxtil no tecido económico e produtivo galego e comprometeu o apoio da Administración autonómica para seguir impulsándoo e consolidando o seu liderado. “É un sector fundamental que fai marca país”, indicou para asegurar que hai tempo que “a moda galega” serviu para poñer á comunidade “no mapa”.
Así o sinalou hoxe durante a clausura da asemblea xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (Cointega), na que resultou elixida a súa nova xunta directiva.
O titular do Executivo galego destacou que a moda é un elemento que “sempre vai estar presente” na vida dos cidadáns e resaltou o compromiso da Xunta en apoiar a toda a cadea de valor do téxtil galego nos retos que ten por diante. Nesta liña, falou de “formación, contar con profesionais cualificados, a internacionalización” ou adaptar as estruturas de distribución as necesidades “tanto das grandes cadeas coma do pequeno comercio”.
Para apoiar ás empresas do sector, e a todo o tecido produtivo galego, o Goberno autonómico está poñendo en marcha un amplo abano de medidas para facilitar o investimento, como a redución da burocracia, os plans de aceleración ou a Oficina Económica de Galicia; ademais de programas específicos para axudalas a afrontar novos retos como a dixitalización, a innovación, a internacionalización e a sustentabilidade.
Peso do sector téxtil
Este eido, segundo os datos de 2023, foi o principal sector exportador en Galicia, por diante de automoción e alimentación; e representou o 37% das exportacións téxtiles de todo o país.
A Xunta amplía o crédito destinado a pemes e autónomos galegos logo da boa acollida amosada polo tecido empresarial
- A Consellería de Economía e Industria amplía en preto de 6M€ a liña que favorece o financiamento, tanto coa bonificación dos tipos de xuro dos préstamos de xeito moi favorable, como coa obtención de avais sen custo algún
- A convocatoria abriuse en xaneiro coa previsión de poñer en circulación ata 80M€ recibíndose xa solicitudes por importe superior a esa cifra, motivo polo que se prevé este incremento orzamentario que permitirá chegar ata os 120M€ en operacións
- A través deste programa, desde o 2020 aprobáronse preto de 3.500 solicitudes, moitas delas vencelladas ao Reaval Covid posto en marcha no contexto da pandemia, e se formalizaron operacións por valor de máis de 227M€
- A liña complementa ao programa de préstamos directos, que mellora tamén as condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, e que ven de ampliar ata os 50M€ o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2024
O Goberno galego, a través da Consellería de Economía e Industria, segue a traballar na mellora da competitividade do tecido empresarial galego, facilitando, entre outras accións, o acceso a financiamento de pemes e autónomos galegos nun escenario como o actual marcado por tipos de xuro máis elevados.
Neste marco, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación da liña de acceso ao crédito que, a través dun convenio coas entidades de crédito e as Sociedades de Garantía Recíproca (SGR), pon a disposición de pemes e autónomos préstamos nas condicións máis vantaxosas. En concreto, achéganse 5,8M€ máis, que se suman aos preto de 12M€ previstos inicialmente, na procura de que os beneficiarios soliciten tanto a bonificación do tipo de xuro dun préstamo como a obtención do aval sen custo algún.
A ampliación da resposta así a boa acollida empresarial da liña. No en van, a convocatoria, aberta no mes de xaneiro, prevía poñer en circulación ata 80M€, recibíndose xa solicitudes por importe superior a esa cifra. Agora, e con este incremento, se prevé chegar ata aos 120M€ en operacións nas que pemes e autónomos poden financiar investimentos e circulante, ou refinanciar préstamos anteriores que se materializasen en condicións menos vantaxosas.
O obxectivo é posibilitar ao tecido empresarial galego o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e circulante estrutural, pagamentos e reestruturación de débedas e tamén para favorecer a capacidade das empresas para outorgar garantías fronte a terceiros.
A modalidade de apoio poderá consistir na bonificación do tipo de xuro dos préstamos, na bonificación da comisión do aval, e no reaval do risco asumido polas SGR que faciliten o acceso ao crédito.
A concesión das axudas, dispoñibles ata o 30 de setembro, é por concorrencia non competitiva, sendo subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras ata o esgotamento do crédito.
A Consellería de Economía e Industria segue así a facilitar o acceso a préstamos ao tecido empresarial galego, principalmente a pemes e autónomos ao ser estes os que sofren maiores dificultades para acadar o financiamento adecuado ás súas necesidades, dando continuidade a unha liña moi ben acollida.
Neste sentido, desde o 2020 aprobáronse xa, no marco deste programa, preto de 3.500 solicitudes, moitas delas vencelladas ao programa Reaval Covid posto en marcha no contexto da pandemia, formalizándose operacións por valor de máis de 227 millóns.
Así mesmo, esta liña complementa ao programa de préstamos directos, cuxo obxectivo vencéllase tamén á mellora das condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda, e que ven de ampliar ata os 50M€ o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial galego.
Rueda pon en valor as medidas da Xunta para consolidar Galicia como o mellor lugar para vivir e investir
- O presidente participou na 19ª edición da cena de gala da Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT)
- Destaca iniciativas como a Oficina Económica de Galicia ou o plan de aceleración e impulso de proxectos empresariais
Barcelona, 5 de xullo de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor as medidas que está tomando o Executivo autonómico para consolidar Galicia como o mellor lugar do mundo para vivir e para investir.
Así o explicou durante a 19a edición da cea de gala organizada pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT), na que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
Alí, trasladoulles as iniciativas que está impulsando Galicia para favorecer o investimento, como a Oficina Económica de Galicia, que funciona como unha canle única onde se centralizan todos os trámites entre a Administración autonómica e os empresarios; ou o plan de aceleración e impulso de proxectos empresariais. “Esa Galicia que algúns situaban hai anos no vagón de cola é agora unha locomotora, unha Galicia potente”, sinalou Rueda.
O presidente tamén puxo en valor outros avances sociais, como a gratuidade das escolas infantís 0-3 anos, que a partir de setembro se estenderá ás matrículas universitarias; ou o calendario de vacinas máis completo do mundo.
Valorou que todas estas medidas, xunto coas políticas de retorno, teñen contribuído a que Galicia deixase de ser unha terra de despedida para selo de benvidas. Neste sentido, destacou que a Estratexia Retorna ten como obxectivo fomentar a volta de 30.000 galegos ata 2026.
Títulos de Excelencia Galega 2024
No acto, a AEGA-CAT fixo entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2024, que recoñecen o talento de profesionais de distintos sectores. Nesta edición os galardoados foron a doutora en astrofísica Begoña Vila; o futbolista Francisco González Pérez “Fran”; o deseñador de moda Roberto Verino; o xornalista Jenaro Castro; o doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, Xosé Luis Barreiro Rivas; a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence; e a presidenta do grupo AMA, Ana Pastor.
A Xunta salienta a importancia dunha industria apoiada na innovación, na sustentabilidade e no talento
- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura o II Foro de Sustentabilidade onde avoga por impulsar o binomio dixitalización – sustentabilidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial
- Lembra que o Goberno galego activou este ano unha nova liña de axudas para desenvolver proxectos centrados nos factores ASG nas pemes, outra convocatoria do programa de apoio á transformación dixital de empresas e autónomos, ou ten en marcha unha ampla rede de aceleradoras en “ámbitos clave” da economía galega
- Destaca o compromiso da Xunta co talento e a formación, materializado en programas como o Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolve esta xornada e que ata o de agora ten permitido realizar máis de 80 actividades formativas nas que participaron máis de 18.000 asistentes
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou esta mañá o II Foro de Sustentabilidade organizado por APD en Santiago, un escenario no que destacou a importancia de seguir a traballar nunha industria que se sustente na propia sustentabilidade, na innovación e no talento para garantir o futuro.
“Non temos dúbida de que o esforzo que vimos realizando no impulso á transformación dixital, agora ten que ser un binomio dixitalización – sustentabilidade”, incidiu Toca Carús, que puxo de manifesto que, deste xeito, o tecido empresarial galego mellorará a súa competitividade de cara a afrontar os “retos decisivos” que ten por diante.
Entre estes a directora do Igape apuntou á propia aceleración da dixitalización, a promoción dun modelo enerxético sustentable, a potenciación do talento e da innovación, o impulso da economía circular ou o reforzo da internacionalización. Aspectos, afondou, nos que a Xunta vén traballando desde a cooperación público-privada promovendo distintas iniciativas.
Entre elas, Toca Carús destacou unha nova liña de axudas para desenvolver proxectos para a mellora dos factores ASG nas pemes, que conta cun orzamento dun millón de euros; outra convocatoria do programa de apoio á transformación dixital de empresas e autónomos, á que se destinaron este ano 5 millóns; ou a rede de aceleradoras en “ámbitos clave” da economía galega como a automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood), a aeronáutica (BFAero), destacando a nova aceleradora BFClimaTech que atende á sustentabilidade ambiental como forma de garantir un crecemento sustentable a longo prazo.
A Xunta avoga por unha innovación inclusiva e sostible capaz de reducir fendas e mellorar a calidade de vida
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou nun evento no marco das actuacións do programa ONCE INNOVA, onde puxo en valor a importancia de impulsar iniciativas innovadoras que sexan quen de “construír un futuro máis sostible e equitativo”
- Subliña a aposta do Goberno galego por unha innovación que actúa como motor de reforzo da modernización e diversificación da economía e polo fortalecemento dos ecosistemas de innovación en Galicia, para asegurar que sexan inclusivos e sostibles
- Destaca a nova área de innovación empresarial do Igape, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu hoxe a un evento centrado na innovación inclusiva levado a cabo en Santiago no marco das actuación do programa ONCE INNOVA, un escenario no que avogou por unha “innovación inclusiva e sostible” capaz de “reducir fendas e mellorar a calidade de vida das persoas”.
“A innovación ten o poder de transformar a vida das persoas. Ao aproveitar o seu potencial podemos construír un futuro máis sostible e equitativo para todos”, incidiu Toca Carús, resaltando as posibilidades que as novas tecnoloxías e a aposta pola vangarda ofrece de cara a “mellorar os servizos para a poboación e garantir que ninguén se quede atrás”.
A directora do Igape resaltou o “papel crucial” que a administración pública xoga no desenvolvemento desta innovación inclusiva, deseñando e implementando políticas públicas que promovan prácticas innovadoras e sostibles, financiando con liñas de apoio e incentivos fiscais este tipo de innovación, apostando pola formación e capacitación e regulando a participación de diferentes actores no ecosistema de innovación.
“Este é o compromiso da Xunta, que traballa nestes retos desde hai anos, apostando por un ecosistema concreto, capaz de conxugar a posta en marcha de novas iniciativas coa innovación para actuar como motor de reforzo da modernización e diversificación da economía de Galicia”, afondou Toca Carús.
Neste sentido, a directora do Igape destacou a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes; ViaGalicia, aceleradora de proxectos innovadores que acolle propostas de todos os sectores produtivo; ou a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech).
Por último, a directora do Igape resaltou tamén a nova área de innovación empresarial do Instituto, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación. “Esta área responde á aposta decidida pola innovación e o talento, entendidos como elementos fundamentais para impulsar unha verdadeira transformación social, capaz de mellorar as nosas condicións de vida”, sinalou.
A Xunta anima ao tecido empresarial galego a seguir apostando pola innovación e internacionalización para “adaptarse ás exixencias dos novos tempos”
- A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu á entrega do premio Peme do ano 2024 onde salientou a importancia de recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas e a súa capacidade para promover o desenvolvemento empresarial en Galicia
- Animou ás pemes a traballar na procura de novos mercados e lembrou que nestes momentos está aberta a liña para a contratación de xestores de internacionalización, o programa de bolseiros ou o plan de misión comerciais Foexga
- Destacou a posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento
A Coruña, 26 de xuño de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu esta mañá na Coruña á entrega do premio Peme do ano 2024, un acto no que animou ao tecido empresarial galego a seguir apostando pola innovación e a internacionalización na procura de “adaptarse ás exixencias dos novos tempos e aos retos asociados co contexto que nos toca vivir”.
“Xa sexa en termos de internacionalización, de innovación e transformación dixital, de formación e emprego, ou de sustentabilidade, hai un tema común que vos une a todos, un eixo transversal que define e orienta a vosa actuación: a vontade por mellorar e crecer”, salientou Toca Carús, quen puxo en valor o papel fundamental que xogan as pemes, que representan máis do 99% do tecido empresarial.
Neste sentido, a directora do Igape salientou a importancia de recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas e a súa capacidade para promover o desenvolvemento empresarial en Galicia. Un traballo, resaltou, no que contan co apoio da Xunta na aposta pola “innovación e as novas tecnoloxías, pola dobre transformación dixital e sostible, pola internacionalización e, como non, polo talento”.
“O noso traballo pasa por acompañarvos no voso camiñar diario”, proseguiu a directora do Igape, quen resaltou os programas que promove o Instituto para facilitar a internacionalización e a innovación das pemes.
Así, no primeiro eido, Toca Carús lembrou que nestes momentos está aberta a liña para a contratación de xestores de internacionalización, o programa de bolseiros ou o plan de misión comerciais Foexga. Estes programas, salientou, teñen contribuído aos rexistros históricos que están a acadar as exportacións galegas, que o ano pasado superaron por primeira vez a barreira dos 30.000 millóns.
Así mesmo, Toca Carus referiuse tamén á posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.
“As pemes galegas sodes un exemplo de como a dedicación e o esforzo poden transformar unha rexión, impulsando non só a economía local, senón tamén mellorando a calidade de vida de todos os seus habitantes. Estou convencida de que a través dun maior esforzo en innovación, competitividade e internacionalización, e cos apoios necesarios, lograredes chegar onde vos propoñades”, concluíu.
A nova convocatoria do programa de bolseiros especializa en comercio exterior a mozas e mozos facilitando ás pemes galegas a busca de novos mercados internacionais
- O Diario Oficial de Galicia publica as bases dunha iniciativa dirixida a estudantes con titulacións universitarias de grao superior, que poderán formarse en diferentes destinos mundiais mellorando a súa empregabilidade e potenciando a competitividade do tecido produtivo galego
- Desde a súa posta en marcha, o programa da Consellería de Economía e Industria beneficiou xa a 400 profesionais, que colaboraron na promoción exterior das empresas galegas desde mercados, entre outros, como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes
- Cun orzamento de 3 millóns de euros, o programa formará a medio cento de titulados universitarios, reforzando a capacitación para a internacionalización e a promoción e contratación de recursos humanos altamente especializados por parte do tecido empresarial galego
Santiago, 21 de xuño de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, que permite aos participantes adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego. Desta volta, a iniciativa, impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, destina máis de 3 millóns de euros para fortalecer a especialización en comercio exterior de 50 mozas e mozos galegos.
A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes iníciase mañá permanecendo aberto ata o 22 de xullo, vai dirixida a persoas menores de 35 anos, con titulación universitaria superior. O obxectivo é achegar formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial.
Os países nos que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur, Tokio, Varsovia ou Yakarta.
Deste xeito, a iniciativa contribúe á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.
A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.
Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 400 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabe, entre outros.
A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2021 - 2025 que está a promover a Xunta para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que durante o ano pasado acadaron rexistros históricos en exportacións, ao superar a barreira dos 30.000 millóns, e que este ano se manteñen en números similares durante o primeiro trimestre.
Lorenzana destaca os apoios da Xunta para a instalación de equipamentos enerxéticos eficientes en empresas e vivendas
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a I edición da Feira Ferrexpo, organizada por Ferrecal
- Apunta que neste momento están en proceso de resolución as dúas liñas convocadas este ano para particulares (3,5M€): para a instalación de equipamentos de xeotermia, aerotermia e solar térmica, e para placas de enerxía fotovoltaica
- Resalta os datos deste sector que en Galicia lidera Ferrecal: a subministración ao por maior de materiais para fontanería, calefacción e climatización
Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a primeira edición da feira Ferrexpo, organizada por Ferrecal, onde puxo de relevo os apoios que a Xunta destina a empresas e particulares para a instalación de equipamentos enerxéticos máis eficientes.
Segundo precisou, neste momento están en proceso de resolución as dúas liñas convocadas este ano para particulares (3,5M€). Por un lado, para a instalación de equipamentos de xeotermia, aerotermia e solar térmica (2M€), con axudas máximas de ata 10.000 euros para vivendas unifamiliares e de 40.000 para comunidades de propietarios. E, por outro, para placas de enerxía fotovoltaica (1,5M€), con ata 6.000 euros de subvención se se instalan baterías.
“Queremos continuar apoiando as empresas neste reto que teñen de transformarse, pero tamén aos fogares, para que cada vez sexa máis doado e economicamente máis barato poder acceder a estas novas tecnoloxías”, dixo Lorenzana, quen resaltou os datos do sector que en Galicia lidera Ferrecal: a subministración ao por maior de materiais para fontanería, calefacción e climatización.
Un sector de actividade, dixo, que ten moitos retos por diante derivados da transición enerxética e a sustentabilidade. E no cal Galicia está entre as seis comunidades autónomas en número de empresas (126); a maior parte, na provincia de Pontevedra (54); e ocupa o oitavo lugar en facturación (337M€), coa provincia da Coruña á cabeza.
Lorenzana concluíu eloxiando a iniciativa, que considerou aliñada co compromiso da Xunta por atraer empresas e facilitar as relacións comerciais a través da Oficina Económica de Galicia. Ademais, puxo de manifesto que participan 83 provedores do sector e se espera a visita de máis de 1.200 persoas, entre instaladores, especialistas, técnicos e responsables de produto.
A Xunta pon en valor a aposta da X ‘Maker Faire Galicia’ polo emprendemento e pola innovación
- O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron hoxe na presentación do evento en Santiago de Compostela
- O Goberno galego apoia o evento que neste 2024 se distribuirá en distintas xornadas ao longo do ano: unha sobre emprendemento e innovación social, outra sobre oficios na que se porá de relevo a artesanía e unha terceira sobre industria
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2024
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participaron hoxe en Santiago de Compostela na presentación da X Maker Faire Galicia, poñendo de relevo que este ano a cita se vai a desenvolver en tres xornadas diferentes ao longo do ano onde se porá de relevo a importancia da innovación dentro do emprendemento.
Así, o secretario xeral referiuse en especial á xornada que terá lugar o próximo 29 de xuño, centrada na innovación social e no emprendemento, con relatorios, obradoiros e presentacións de case medio cento de proxectos. Tamén á que se celebrará o 8 de novembro coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia para abordar a innovación na artesanía e nos oficios, promovendo a aprendizaxe interxeracional e destacando a importancia de preservar o coñecemento.
Na súa intervención, Pablo Fernandez destacou apoios da Xunta como a Rede de polos de emprendemento que conta con 13 centros activos na actualidade e que presta asesoramento continuado e gratuíto ás persoas emprendedoras en calquera fase na que se atope o seu proxecto, de principio a fin. Así, o persoal técnico desa Rede, segundo sinalou, encárgase de orientar á hora de emprender ou de afrontar cambios nos negocios, apostando pola innovación para asegurar o éxito das iniciativas.
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais aludiu, dentro desa Rede de polos, ao Plan remuda que busca garantir a continuidade das empresas no seo do tecido produtivo galego, e no marco do que se vén de habilitar unha orde de axudas que persegue impulsar os procesos de remuda xeracional. Así, ata o 30 de outubro poden solicitarse achegas por un orzamento total de 1,5 millóns de euros destinadas a financiar parte dos gastos aboados en concepto de traspaso polas persoas que se fagan cargo dos negocios, facilitando a actividade.
Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, destacou a importancia de potenciar as condicións axeitadas para que o tecido produtivo galego poida e saiba combinar talento e emprendemento con innovación aberta, así como facer da creatividade e o talento pancas do desenvolvemento industrial e económico de Galicia.
Na súa intervención, a directora sinalou que na xornada da industria, prevista para finais de ano, unha vez máis, arredor dun espazo de relatorios e doutro de exposición de proxectos, “achegarémonos ao principal obxectivo desta feira que é visibilizar ata onde nos pode levar a innovación e o talento”.
Por último, a directora tamén destacou a posta en marcha este ano da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Esta Oficina, explicou, é unha nova variante dentro da batería de medidas de apoio ás empresas e emprendedores, que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica e mellorar a competitividade empresarial no cambiante escenario actual.