Super User
A Xunta salienta a importancia da cultura da innovación como unha “oportunidade para liderar mercados e xerar valor engadido”
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da Xornada da Industria, no marco da X Edición da Maker Faire Galicia, onde pon en valor a nova área de innovación do Instituto para modernizar e desenvolver tecnolóxicamente ás pemes galegas e impulsar a transferencia de tecnoloxía entre centros de investigación e empresas
- Destaca o Biopolo da Sionlla, espazo no que se celebrou o acto, como “manifestación do compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas que fomenten a innovación e o desenvolvemento empresarial”
- Felicita á Maker Faire Galicia no décimo aniversario por converterse nun “referente internacional da creatividade e da tecnoloxía, posicionando a nosa comunidade como un faro de innovación no ámbito global”
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou esta mañá durante a inauguración da Xornada da Industria, celebrada no marco da X Edición da Maker Faire Galicia, o papel esencial da innovación como ferramenta para impulsar a competitividade das empresas galegas e xerar valor engadido no tecido produtivo. O evento tivo lugar no Biopolo da Sionlla.
Durante a súa intervención, Toca Carús subliñou o traballo realizado desde o Igape coa creación da nova área de innovación empresarial, que busca “modernizar e desenvolver tecnolóxicamente ás pemes galegas, promover a creación de empresas innovadoras en sectores estratéxicos e impulsar a transferencia de tecnoloxía entre centros de investigación e empresas”.
Neste marco, a directora do Igape animou ás empresas galegas a asumir a innovación como un enfoque estratéxico para o seu crecemento. “A innovación non é só unha ferramenta; é unha mentalidade que impregna toda a estrutura dunha organización”, explicou, antes de sinalar que a Xunta de Galicia seguirá apostando pola cultura da innovación, promovendo iniciativas que permitan ás empresas incorporar tecnoloxías avanzadas, dixitalizar procesos e mellorar a súa competitividade.
Así mesmo, Toca Carús aproveitou a ocasión para felicitar ao equipo organizador da Maker Faire Galicia polo seu décimo aniversario. “Grazas ao seu esforzo, a Maker Faire Galicia converteuse nun referente internacional da creatividade e da tecnoloxía, posicionando a nosa comunidade como un faro de innovación no ámbito global”, afirmou.
O papel do Biopolo da Sionlla como motor de transformación
A Xornada da Industria celebrouse no Biopolo da Sionlla, un espazo clave para o desenvolvemento da biotecnoloxía en Galicia. Segundo a directora do Igape, “o Biopolo da Sionlla é moito máis ca un espazo físico; é unha manifestación do compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas que fomenten a innovación e o desenvolvemento empresarial”.
Nesta xornada participaron representantes de empresas punteiras, centros de investigación e emprendedores que están a liderar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas. O espazo, segundo Toca, simboliza o compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas innovadores capaces de atraer e reter talento, industrializar sectores emerxentes como a biotecnoloxía e potenciar a sustentabilidade como eixo central do crecemento económico.
A Xunta pon en valor a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves do éxito empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no acto homenaxe ás empresas que compren 25 anos na Asociación Área Empresarial do Tambre, á que sitúa como “exemplo” de como a colaboración entre empresas, asociacións e administracións pode transformar un territorio
- Subliña a relevancia da colaboración público-privada para fomentar a innovación e fortalecer o talento, impulsar a internacionalización, e facilitar o acceso ao financiamento
- A directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López García, que interveu en nome dos galardoados, destaca a solidariedade e o traballo conxunto como unha das fortalezas do tecido empresarial, comercial e social galego
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López García, participaron hoxe no acto organizado pola Asociación Área Empresarial do Tambre para homenaxear a nove compañías que celebran 25 anos de actividade no Polígono do Tambre, entre as que está a propia axencia de doazón. Durante a súa intervención, Toca destacou a importancia de valores como “a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves para o éxito empresarial e o desenvolvemento económico sustentable en Galicia”.
Covadonga Toca definiu o Polígono do Tambre como un exemplo de como a colaboración entre empresas, asociacións e administracións pode transformar un territorio, creando emprego e riqueza. “As case 600 empresas que operan aquí, xerando máis de 7.000 postos de traballo directos, son unha proba de que a unión de esforzos e visión pode facer realidade proxectos que fortalecen o tecido económico e social”, sinalou.
Neste marco, durante a súa intervención, a directora do Igape subliñou a importancia da cooperación público-privada como ferramenta para fomentar a innovación, fortalecer o talento e impulsar a internacionalización das empresas galegas.
Toca resaltou o traballo desenvolvido desde a Xunta de Galicia para facilitar o acceso ao financiamento e acompañar as empresas no camiño cara á modernización tecnolóxica e a competitividade global. Ademais, fixo referencia á creación da Oficina Económica de Galicia, un punto de contacto único que ofrece unha “nova maneira de relacionarse coas empresas de forma máis próxima, áxil e eficiente”.
A directora do Igape tamén destacou o papel do Biopolo da Sionlla, como un dos principais nodos de coñecemento biotecnolóxico de Galicia. Este espazo, froito da colaboración público-privada, ofrece infraestruturas avanzadas para o desenvolvemento de proxectos innovadores, consolidando Santiago como un referente no sector biotecnolóxico.
Toca eloxiou o compromiso das empresas homenaxeadas, que, segundo ela, representan os mellores valores do tecido empresarial galego. “Hoxe recoñecemos o labor de compañías que apostaron pola innovación e a excelencia durante 25 anos, xerando emprego e riqueza para Galicia. Son un exemplo para as novas xeracións e un motivo de orgullo para todos nós”, declarou.
Un galardón para ADOS
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS,) Marisa López García, foi a encargada de pronunciar unhas palabras en representación dos galardoados e salientou que o establecemento de sinerxías, o compromiso solidario e o desenvolvemento de liñas de traballo conxunto son unha das fortalezas do noso tecido empresarial, comercial e social.
Este compromiso solidario tense traducido, no caso da Axencia, nunhas cifras de doazón especialmente salientables no caso da cidade de Santiago de Compostela que, no pasado 2023, acadou un índice de 88 doazóns por cada 1.000 habitantes, a cifra máis elevada de entre as sete cidades galegas, con 8.686 doazóns de sangue.
Marisa López animou a todos os colectivos a continuar artellando unha rede de solidariedade e colaboración que redunde na consolidación dunha conciencia social favorable aos distintos xeitos de doazón"
Lorenzana avoga por seguir impulsando a internacionalización da economía galega, tanto en exportacións como en captación de investimentos
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, clausurou hoxe un encontro de despedida dos bolseiros que participan no programa de internacionalización do Igape
- En total son 47 os beneficiarios na última convocatoria deste programa, que conta cun investimento de 3M€
- Os participantes van ter a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Igape e as sedes do ICEX no estranxeiro, e tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia
- “A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas, investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, di Lorenzana
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou a vontade da Xunta de seguir impulsando a internacionalización da economía, tanto para aumentar a presenza de empresas galegas no mercado exterior como para incentivar a captación de investimentos cara a Galicia.
Lorenzana interveu hoxe nun encontro de despedida aos mozos e mozas que participan no programa de bolsas de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), ao que nesta convocatoria se lle asignou a contía máis alta de orzamento, 3 M€, con 91 solicitudes e un total de 47 beneficiarios.
Esa iniciativa ofrécelles a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Instituto Económico de Galicia (Igape) e as sedes do ICEX no estranxeiro, e tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia.
Concretamente, 18 dos 47 bolseiros desta edición irán a Aclunaga, Anfaco, Asime, Bioga, CITIC (Centro de Investigación en TIC), Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Clusaga, Cluster da Loxística, Clúster TIC, Clúster de Turismo, Clúster Saúde de Galicia, Gradiant, e ás Cámaras de Comercio de Santiago, Vigo e A Coruña.
Outros 29, irán ao estranxeiro: sete, ás antenas do Igape en México (2 persoas), Miami, Dubai, Tokio e Casablanca (2 persoas); un á Cámara de Comercio de España en Santiago de Chile; e 21 ás oficinas do ICEX en todo o mundo que supoñen un récord de presenza de bolseiros Igape na Rede de Oficinas Económicas e Comerciais no Exterior do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, “o cal fala moi ben do recoñecemento que ten este programa despois de 30 anos de convocatorias”, dixo a conselleira.
“A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas, investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, remarcou.
A conselleira asegurou que ese é un dos obxectivos nos que está traballando o Goberno galego, conscientes, dixo de que “o que precisa unha empresa cando vén investir a un territorio é un Goberno que facilite esa instalación”. Avogou, así, por avanzar na desregulación, na desburocratización e en facilitar ao máximo a actividade do tecido empresarial. Nesta liña, destacou o esforzo da Xunta por ofrecer solo industrial gratuíto e de forma rápida e tamén por avanzar na autonomía estratéxica vinculando todo o desenvolvemento enerxético da Comunidade co da industria.
A Oficina Económica de Galicia recibe a visita dos alumnos de deseño, moble e carpintería do IES de Melide
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024
O Instituto Económico de Galicia (Igape) recibiu esta mañá a visita dunha vintena de estudantes e profesores dos ciclos medio de carpintería e moble e superior dual de deseño e amoblamento do IES de Melide, no marco das actividades que este centro educativo está a desenvolver na Aula de Emprendemento da Formación Profesional.
Durante a visita, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer as actividades que o Igape realiza no apoio ao tecido produtivo de Galicia, ao tempo que descubriron o funcionamento e as instalacións da Oficina Económica de Galicia, onde os seu responsables lles explicaron que “é unha nova vía para conectar coas empresas e as persoas emprendedoras, facilitando a implantación e desenvolvemento das súas iniciativas empresariais, promovendo a desburocratización e o acompañamento para lograr unha administración máis accesible”.
Este tipo de iniciativas, impulsadas polo Goberno galego, teñen como obxectivo fundamental achegar os estudantes ás diferentes institucións da administración pública para que coñezan de primeira man o seu funcionamento e o papel que xogan no desenvolvemento económico e social da comunidade. A través destas visitas, os mozos e mozas non só acceden a un mellor entendemento das funcións que desempeñan as institucións, senón que tamén se familiarizan coas políticas e os recursos que se dispoñen para apoiar a innovación, o emprendemento e a actividade empresarial na súa contorna.
Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
- Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
- Subliña que nun mercado global é imprescindible que unha empresa ofreza valor engadido
- Salienta que por primeira vez o Igape disporá dunha área específica de innovación empresarial na que se van investir 60 M€
Pontevedra, 4 de decembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por mesturar a innovación e a sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial.
Así o manifestou na súa intervención na inauguración das novas instalacións da empresa Birdmind no polígono do Campiño, en Pontevedra, especializada na fabricación de mobiliario elaborado con residuos agrícolas para o sector retail, que patenta un tipo de taboleiro feito con cáscaras de arroz. “Unha empresa -dixo Lorenzana- que soubo ver as posibilidades infinitas da economía circular e fixo diso o seu modelo de negocio”.
Durante a visita, na que estivo acompañada polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a conselleira fixo fincapé en que “nun mercado global coma o que estamos, é imprescindible que unha empresa ofreza un valor engadido” que a diferencie do resto de produtos que hai no mercado.
Neste sentido, sinalou que a competitividade do tecido produtivo se basea en dous piares fundamentais, como son “o traballo conxunto do sector privado, -neste caso do contract- e a colaboración público-privada”, e “o valor innovador, pois é a base de todo no mercado global”, apuntou.
Ademais, Lorenzana destacou o apoio da Xunta de Galicia con case 1 millón de euros para programas de impulso á sustentabilidade e sinalou que “isto é unha mostra do que deben de facer as administracións, ofrecer ás empresas unha solución alternativa ao que fan as entidades financeiras e complementarnos”.
Así, lembrou que o Igape contará por “primeira vez na historia” cunha área específica de innovación dotada con 60 millóns de euros ligada ás pequenas e medianas empresas, e ademais, “continuaremos traballando coa rede de aceleradoras como ata o de agora”, subliñou.
Finalmente, María Jesús Lorenzana, mostrou o orgullo do Goberno galego por formar parte de proxectos como o de Birmind, “que se poden facer realidade con fondos públicos” e destacou que “o crecemento de Galicia pasa en definitiva, polo crecemento das empresas”.
Lorenzana avoga pola colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial para dar valor engadido nun mercado global
- Explica que a política económica e industria da Xunta se basea na desburocratización, na aceleración industrial, e no aproveitamento dos recursos naturais propios para abaratar a enerxía
- Subliña que o informe vai na liña do traballo que está a desenvolver a Xunta e chama a atención sobre necesidade de atraer investimentos, o crecemento da economía verde e circular e o impulso da tecnoloxía e a innovación
- Subliña que o informe vai na liña do traballo que está a desenvolver a Xunta e chama a atención sobre necesidade de atraer investimentos, o crecemento da economía verde e circular e o impulso da tecnoloxía e a innovación
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe pola importancia da colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial “neste momento de extraordinarios desafíos e oportunidades e para ser capaces de dar valor engadido nun mercado que é global”.
Lorenzana participou na presentación do Informe de Conxuntura Económica 2023 da provincia da Coruña, onde destacou que o Goberno galego “cre firmemente que temos que traballar coa empresa, e se congratulou de “ver que no que estamos traballando na Xunta de Galicia coincide substancialmente coas cuestións que están analizadas neste informe”, subliñou.
Durante a súa intervención, a conselleira explicou os tres piares fundamentais nas que se basea a política económica e industrial que se está a desenvolver en Galicia baseada en “desburocratizar e non estorbar á empresa”, a aceleración industrial para facilitar solo empresarial, e o aproveitamento dos nosos recursos naturais para abaratar a enerxía e avanzar na autosuficiencia e autoprovisión dos territorios”, apuntou.
Así mesmo, puxo en valor que o informe presentado hoxe chama a atención sobre a necesidade de fomentar a atracción de investimentos en enerxías renovables; apostar polo crecemento da economía verde e circular, e impulsar a tecnoloxía e a innovación na industria.
Máis polo miúdo, a titular de Economía e Industria, explicou que en canto á desburocratización, a Xunta buscar ser unha administración amigable, e neste sentido, destacou a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, que naceu coa finalidade de que “o empresariado teña unha porta de entrada única na Administración e que desde abril atendeu xa case 12.000 consultas, co cal cremos que era unha necesidade que tiñan os empresarios.
E de feito, remarcou, que “acabamos de anunciar que imos comezar os traballos para abrir unha sede da oficina en Madrid porque queremos asesorar ás nosas empresas pero tamén atraer investimentos, que as empresas do exterior coñezan as posibilidade do noso territorio”.
Segundo expuxo, esa política de desburocratización leva consigo a aceleración industrial “porque é fundamental para acadar un grao de seguridade no crecemento económico, crecer no desenvolvemento e no emprego industrial”, subliñou.
Neste sentido, fixo fincapé na necesidade de facilitar solo industrial e na posta en marcha de figuras de aceleración como as Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes) ou as Zonas Industriais Rurais (ZIR) que teñen o obxectivo de “facilitar rapidamente solo empresarial e as tramitacións para poñer en marcha de xeito inmediato os proxectos”.
Finalmente, María Jesús Lorenzana, apuntou que nesta estratexia do Goberno galego “pensada por e para a empresa”, o Igape contará por primeira vez na historia cunha área de innovación que contará con máis de 60 millóns ligada especialmente á mediana e pequena empresa para que poidan aumentar a súa produtividade e competitividade.
A Xunta abrirá en Madrid unha sede da Oficina Económica de Galicia para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos
- Estará emprazada nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid e a previsión é que entre en funcionamento a mediados de 2025
- Lorenzana subliña que o Goberno galego dá un paso máis abrindo a primeira oficina fóra de Galicia para continuar simplificando o camiño ás empresas que queiran implantarse na Comunidade
- Resalta a desburocratización como estratexia-chave da política económica do Goberno galego: a Xunta busca converterse nunha Administración amigable para o tecido produtivo e dar unha resposta áxil, rápida e útil
Madrid, 30 de novembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta vai iniciar os trámites para abrir nas instalacións da Casa de Galicia en Madrid unha nova sede da Oficina Económica de Galicia coa previsión de que estea en funcionamento a mediados de 2025. O obxectivo, dixo, é “reforzar a implantación de empresarial e a captación de investimentos” para contribuír a implantación de empresas en Galicia.
Lorenzana, que mantivo un encontro co representantes da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), subliñou que con isto, o Goberno galego da un paso máis abrindo a primeira oficina fóra de Galicia que permitirá continuar coa desburocratización como estratexia-chave da política económica do Goberno galego. “A Xunta busca converterse nunha Administración amigable para o tecido produtivo e dar unha resposta áxil, rápida e útil”, dixo.
Durante a súa intervención, a conselleira avanzou que desde a súa entrada en funcionamento o pasado mes de abril, a Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, leva atendidas 11.898 consultas, e máis dun 80 % resoltas no acto. Ademais, xa se levan concertado 517 reunións de asesoramento empresarial, para entre outros asuntos, abordar 179 proxectos de especial relevancia.
“Estamos falando xa de case 12.000 consultas atendidas en apenas sete meses, unha mostra clara do éxito que está a ter esta iniciativa e mostra tamén do necesario que era dotar á Administración autonómica dun servizo de atención especializada a empresas e próxima a empresas”, subliñou.
A Oficina Económica de Galicia funciona coma unha canle única para a empresa e a industria e como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais. É dicir, “un punto de atención personalizado onde encontrar o que as empresas precisan, asesoramento e acompañamento para a posta en marcha dos seus proxectos”, destacou.
Neste sentido, María Jesús Lorenzana, apuntou que para o crecemento de Galicia, da súa economía e da súa industria, “son vitais as empresas e é responsabilidade das Administracións facilitarlles as condicións apropiadas para o seu asentamento.”
Así mesmo, no marco da política económica e industrial que está a levar a cabo a Xunta, explicou que para o 2025, se incremta o orzamento do Igape un 20% (ata os 278 millóns de euros) para seguir traballando en áreas fundamentais para o crecemento e a consolidación do tecido produtivo a través da competitividade, a innovación, a internacionalización e o financiamento.
Finalmente, a titular de Economía e Industria, subliñou que o obxectivo do Goberno galego é posicionar a Galicia como destino atractivo e diferenciado para o investimento, atraer e facilitar a implantación de novos investimentos da Comunidade, seleccionar e captar os investimentos que complementen as cadeas de valor, e favorecer o mantemento e ampliación dos investimentos xa existentes.
A Xunta reforza a súa aposta polo impulso dun ecosistema que fomente o emprendemento innovador e a transferencia de coñecemento
- A directora do Igape, Covadonga Toca, destaca no Demo Day da Business Factory Food (BFFood) a importancia do sector agroalimentario galego, que conta con máis de 2.600 empresas e representa o 7% do PIB da comunidade
- Sitúa a BFFood como “exemplo de como o apoio institucional pode transformar sectores estratéxicos” e subliña que desde a súa creación a aceleradora impulsou 62 proxectos emprendedores, xerando máis de 200 empregos cualificados e mobilizando máis de 5,6 millóns
- Resalta que a Xunta mantén no 2025 o seu compromiso co emprendemento, con máis de 7 millóns para fortalecer ás actuais aceleradoras sectoriais (BFFood, BFAuto, BFAero e BFClimaTech) e para a creación de tres novas centradas na saúde e benestar, a industria do deporte e as enerxías renovables
Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe no Demo Day da Business Factory Food (BFFood) o firme compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento dun ecosistema innovador que combine tradición e modernidade. Durante o evento, celebrado no Edificio CINC da Cidade da Cultura, subliñou a relevancia do emprendemento e da transferencia de coñecemento como motores fundamentais na mellora competitiva do tecido produtivo galego.
No marco do acto de clausura das edicións V e VI de BFFood, Toca resaltou que Galicia é un exemplo na aposta pola innovación. “Galicia lidera a innovación en sectores clave como o agroalimentario, adaptándose aos tempos e facendo fronte a retos globais como a sustentabilidade, o cambio climático e a seguridade alimentaria”, afirmou.
Segundo a directora do Igape, o sector agroalimentario galego é estratéxico para a economía, con máis de 2.600 empresas, con máis de 103.000 empregagos e representando o 7 % do PIB da comunidade. Ademais, destacou que Galicia é líder na transformación e comercialización de produtos do mar, con presenza en máis de 140 países. Este éxito, afirmou, reflicte a calidade e o compromiso do sector coa sustentabilidade.
A Business Factory Food foi sinalada por Toca Carús como un exemplo de como o apoio institucional pode transformar sectores estratéxicos. Desde a súa creación, a aceleradora impulsou 62 proxectos emprendedores, xerando máis de 200 empregos cualificados e mobilizando máis de 5,6 millóns de euros en investimentos.
Toca Carús aproveitou a ocasión para anunciar novas medidas da Xunta no ámbito do emprendemento, como o impulso ás actuais aceleradoras sectoriais (BFFood, BFAuto, BFAero e BFClimaTech) e a creación de tres novas centradas na saúde e benestar, a industria do deporte e as enerxías renovables. Con este compromiso, a Xunta destinará máis de 7 millóns de euros en 2025 ao fortalecemento deste ecosistema.
Na súa intervención final, a directora do Igape destacou que “seguiremos traballando para consolidar Galicia como un referente de innovación e emprendemento, apoiando tanto a startups como a grandes empresas”. Rematou agradecendo o esforzo de todas as persoas e entidades involucradas na creación de oportunidades que proxectan Galicia cara ao futuro.
Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
- O presidente participa nun almorzo empresarial a cargo da Associaçao Brasileira de Empresarios Galegos (Abegal)
- Asina un convenio de colaboración con Abegal para fomentar as relacións comerciais, profesionais e de investimento, así como apoiar a captación de novos asociados para a entidade Abegal, fortalecendo a súa presenza no mercado brasileiro
- Destaca o potencial exportador da comunidade galega nos sectores agroalimentario e vitivinícola, onde Galicia lidera en tradición e calidade
- Tamén visitará hoxe a Casa de Espanha en Río de Xaneiro, á cal entregará unha placa conmemorativa como á Asociación Recreo dos Anciáns de Río de Xaneiro, en recoñecemento ao seu incansable labor
Río de Xaneiro (Brasil), 22 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión con membros da Associaçao Brasileira de Empresarios Galegos (Abegal) en Río de Xaneiro, onde destacou a importancia de reforzar os vínculos económicos e culturais entre Galicia e Brasil, así como fomentar a cooperación entre ambos países.
Neste sentido e no marco desta visita, o titular do Goberno galego –en nome do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)– e o presidente de Abegal, José Manuel Caamaño, asinaron un convenio de colaboración, aprobado esta mesma semana no Consello da Xunta, co obxectivo de fomentar as relacións comerciais entre ambos territorios, profesionais e de investimento, así como apoiar a captación de novos asociados para Abegal, fortalecendo a súa presenza no mercado brasileiro.
“A contribución de Abegal é clave para consolidar a Marca Galicia, representando a calidade e o saber facer que nos define tanto en Galicia como no exterior,” afirmou Rueda, que acudiu ao encontro acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.
Durante a súa intervención, destacou tamén o potencial exportador da comunidade galega nos sectores agroalimentario e vitivinícola, onde Galicia lidera en tradición e calidade.
Así mesmo, o presidente puxo en valor programas autonómicos como a Estratexia Galicia Retorna, coa que se pretende facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior entre 2023 e 2026. Ao mesmo tempo, valorou a “estabilidade e oportunidades” que ofrece Galicia e que fan da comunidade un “socio ideal” para os empresarios brasileiros á hora de afrontar os retos do futuro, especialmente en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, as TIC e as enerxías renovables.
Visita á Casa de Espanha
Durante a súa xira por Brasil, o presidente da Xunta tamén visitará hoxe a emblemática Casa de Espanha en Río de Xaneiro, unha institución que representa un nexo entre pobos irmáns e un exemplo do compromiso da diáspora galega coa preservación das súas raíces culturais e sociais unindo xeracións.
Durante a visita, Alfonso Rueda fará entrega de sendas placas conmemorativas tanto á Casa de Espanha como á Asociación Recreo dos Anciáns de Río de Xaneiro, en recoñecemento ao seu incansable labor.
Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
- “Tócanos competir e debemos facelo coas ferramentas axeitadas”, di
- Pon en valor a estratexia económica do Goberno galego “pensada por e para a empresa” e baseada na desburocratización e na aceleración de proxectos industriais e do acceso ao solo
A Coruña, 21 de novembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que o talento xoga un papel fundamental na competitividade e no desenvolvemento das empresas galegas.
Lorenzana clausurou hoxe a Feira pola empresa e o emprego onde destacou que nunha economía cada vez máis internacionalizada “tócanos saber competir e debemos facelo coas ferramentas axeitadas para gañar en competitividade”, dixo.
Durante a súa intervención puxo en valor que a estratexia e a política económica da Xunta está pensada por e para as empresas e apuntou que “o benestar do noso territorio pasa polo desenvolvemento económico e a mellora das nosas empresas, o seu crecemento e a atracción doutras novas”.
Neste sentido, destacou que o Goberno galego ten unha estratexia a nivel industrial baseada na aceleración da dispoñibilidade de solo industrial para as empresas e no abaratamento do solo “coa que poñemos a disposición das empresas o noso solo público de maneira gratuíta durante oito anos”, e tamén na axilización na tramitación dos proxectos industriais para o que “regulamos figuras de aceleración industrial que permiten crear pequenos polígonos nunha media de ano e medio”, explicou.
A titular de Economía e Industria subliñou que as empresas son fundamentais para o crecemento da economía e da industria e sinalou que “é responsabilidade nosa, das Administracións, facilitarlles as condicións axeitadas”.
Nesta liña, aludiu á posta en marcha da Oficina Económica de Galicia que depende do Igape co obxectivo de avanzar na desburocratización, dinamizar a actividade empresarial na Comunidade e promover o investimento. Desde a súa posta en marcha no mes de abril xa atendeu unhas 10.500 consultas e unhas 500 reunións de asesoramento. “Temos un punto de asesoramento e acompañamento para a posta en marcha dos vosos proxectos”, dixo.
Finalmente a conselleira apuntou que o obxectivo do Goberno galego é que Galicia e a súa economía sigan medrando, que as empresas galegas continúen expandíndose en novos mercados que a Comunidade funcione como “un foco de atracción para novos proxectos”.