A Xunta aposta por promover no tecido empresarial galego novos procesos produtivos e un consumo máis eficiente

Xoves, 18 Xullo 2024 15:14
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, acompañada da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou o Grupo Rilo, ao que puxo como exemplo de compromiso coa sustentabilidade tras a recente consecución dunha das súas compañías, Recinor, do Accésit de Empresa Sostible no Premio Peme do Ano da Coruña
  • Avoga pola colaboración público-privada neste eido e sinala que, grazas ao programa de economía circular da Xunta, Recinor adquiriu unha prensa continua automática e oito contedores de gran volume para diminuír o volume de residuos e optimizar o seu almacenamento
  • Destaca o lanzamento este ano dunha nova liña de axudas que conta cun orzamento de 1M€ para a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora dos factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes

 

Ferrol, 18 de xullo de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións da empresa Grupo Rilo en Ferrol onde puxo en valor a importancia de apostar pola sustentabilidade na procura de promover entre o tecido empresarial galego novos procesos produtivos e un consumo máis eficiente. 

“A sustentabilidade resulta xa unha gran protagonista dentro da estratexia de empresas e organizacións para adaptarse ás novas demandas do mercado dun modo máis competitivo”, subliñou Toca Carús, que estivo acompañada durante a visita da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Neste sentido, a directora do Igape puxo ao Grupo Rilo como exemplo desa aposta pola sustentabilidade do tecido empresarial galego. Un compromiso que vén de materializarse, de modo máis recente, coa consecución por unha das súas empresas, Recinor, do Accésit de Empresa Sostible no Premio Peme do Ano celebrado hai tres semanas.

Toca Carús destacou tamén a importancia da colaboración público-privada para avanzar neste eido; un traballo conxunto que, como expuxo, ten permitido impulsar liñas como a centrada na economía circular. Esta aposta, afondou, “non só representa unha oportunidade para reducir o impacto ambiental, senón que ao adoptar este modelo as empresas poden mellorar a súa eficiencia, innovar nos seus procesos e produtos, xerar emprego e abrir novas vías de crecemento sustentable”.

Neste contexto, a directora do Igape sinalou que, grazas a este programa de economía circular, Recinor adquiriu unha prensa continua automática e oito contedores de gran volume para diminuír o volume de residuos e optimizar o seu almacenamento. Deste xeito, a empresa reduce o seu consumo enerxético, mellora  a valorización de residuos e o seu almacenamento, promovendo a súa reciclaxe e reutilización.

Así mesmo, Toca Carús destacou tamén o lanzamento este ano dunha nova liña de axudas que conta cun orzamento de 1 M€ para a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora dos factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes.

As iniciativas promoverán proxectos de implantación de solucións avanzadas que acaden reducións e aforros de recursos e diminucións na xeración de refugallos, e tamén actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis