Super User

  • A 8ª edición da aceleradora de empresas ViaGalicia preséntase en Lugo o vindeiro 23 de outubro, 
  • Presenta o teu proxecto ata o 8 de novembro de 2024 ás 13:00 horas.


A aceleradora de empresas e emprendedores promovida pola Xunta de Galicia e Zona Franca de Vigo preséntase en Lugo o vindeiro día 23 de outubro, no Edificio Cactus, no Campus Terra, ás 11:30 horas. Para asistir a esta presentación, haberá que confirmar asistencia por medio do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
 
Se tes un proxecto ou idea de negocio e queres desenvolvelo, ou se tes unha startup e queres impulsar o seu crecemento e mellorar as súas métricas, participa en ViaGalicia.   

Queres coñecer máis detalles? En breve presentarase o Programa en Pontevedra, Nigrán, Santiago, Lugo, A Coruña e Vigo. 
 
BASES + INSCRIPCIONES en > www.viagalicia.gal 

Santiago, 17 de outubro de 2024

Un grupo duns 30 estudantes de 2º de Bacharelato do Colexio Maristas Cristo-Rey da Coruña, da rama de Ciencias Sociais con Economía, visitaron hoxe as instalacións do Igape co obxectivo de coñecer esta institución e as actividades que leva a cabo no seu papel de apoio ao tecido produtivo de Galicia.

No marco da visita, os alumnos tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento e as instalacións da Oficina Económica de Galicia, na que os responsables do Igape puxeron de relevo que “se trata dunha nova forma de conectar coas empresas e as persoas emprendedoras para facilitar a implantación e o desenvolvemento das súas iniciativas empresariais, fomentando a desburocratización e o acompañamento na procura de facilitar unha administración amigable”.

A través deste tipo de iniciativas, o Goberno galego promove o achegamento da comunidade educativa ás diferentes institucións da administración. De feito, o grupo de escolares visitou tamén esta mañá o Parlamento de Galicia.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa en Gijón no XXIV Foro ADR onde pon en valor a aposta do Goberno galego por facilitar a innovación e a modernización a través de iniciativas como os Centros de Fabricación Avanzada, os Centros Dixitais ou a rede galega de business factories
  • Destaca a posta en marcha, este ano, da nova Oficina Económica de Galicia, que nos seus primeiros seis meses está a impulsar unha nova forma de conectar co tecido empresarial galego sumando xa máis de 8.000 consultas atendidas

 

Gijón, 17 de outubro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá no XXIV Foro ADR, organización que reúne ás Axencias de Desenvolvemento Rexional españolas, onde puxo en valor a aposta da Xunta de Galicia tanto pola innovación e a dixitalización como pola proximidade e simplificación dos trámites administrativos na procura de seguir a mellorar a competitividade do tecido empresarial galego abrindo novas oportunidades de negocio. 

Este foro, que se vén celebrando desde hai máis de dúas décadas, permite ás Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, traballar e concretar os seus modelos de futuro, optimizando os servizos e apoios que prestan as empresas e aos emprendedores.

Desta volta, as sesións de traballo centráronse, entre outros temas, na dixitalización, a economía circular ou o financiamento cara á innovación. Un marco no que Toca Carús presentou algunhas das prácticas que cada ano promove a Consellería de Economía e Industria a través do Igape.

Neste marco, a directora puxo en valor os Centros de Fabricación Avanzada, que están a permitir promover proxectos en sectores industriais diversos, como as TIC, o biotecnolóxico, o turismo ou o agroalimentario, liña que, como afondou, se complementa co programa de Centros Dixitais, que, vén de abrir unha nova convocatoria con 8M€ para mellorar a dixitalización do tecido empresarial e modernizar a industria galega a través de novos proxectos de creación deste tipo de infraestruturas.

Así mesmo, Toca Carús incidiu na importancia de apoiar a creación e aceleración de empresas innovadoras para diversificar o tecido empresarial e modernizar e dixitalizar os sectores máis tradicionais de Galicia.

Neste contexto, como explicou, o Goberno galego ten posto en marcha a aceleradora Galicia Avanza para a internacionalización das pemes; ou conta coa a rede galega de business factories que inclúe alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutico (BFAero), e a economía circular (Clima Tech).

Así mesmo, a directora referiuse tamén á posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para promover a desburocratización, facilitando a entrada das empresas á administración, a información, o asesoramento e o acompañamento.

Nos seus primeiros seis meses de funcionamento, a Oficina está a impulsar unha nova forma de conectar co tecido empresarial galego sumando xa máis de 8.000 consultas atendidas. A través dela achégase un asesoramento personalizado e un plan individual de apoios ás empresas, ao tempo que se simplifica o camiño e se axilizan os trámites para a posta en marcha de proxectos empresarias en Galicia.

O vindeiro 29 de outubro, Santiago de Compostela acollerá unha xornada clave para o sector biotecnolóxico da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, organizada polo Igape, no marco do proxecto IberoBio. Este evento formativo, que se celebrará no Biopolo Sionlla, está dirixido a pequenas e medianas empresas (pemes) do sector biotech, co obxectivo de capacitarlas na identificación e acceso a diferentes vías de financiamento, tanto públicas como privadas.

O programa inclúe un obradoiro formativo con expertos en financiamento de proxectos emprendedores, así como unha mesa redonda onde profesionais da biotecnoloxía e fondos de investimento compartirán experiencias e debaterán sobre as oportunidades e desafíos do sector.

Poñentes do obradoiro de formación

  • Antonio Casal Rey (CEO e Co-fundador de Livetopic Asesor Financeiro Online)
  • Pablo Taboada Villamil (Managing Partner de Taboada Abogados)

Participantes da mesa de experiencias

  • Ion Arocena (Director Xeral da Asociación Española de Bioempresas ASEBIO)
  • Tomas Casquero Cimadevila (Avogado en Estudio 4 e socio de GingerCase – Alternative Finance Models)
  • Enrique Castellón Leal (Presidente do Consello de Administración de Cross Road Biotech Inversiones Biotecnológicas)
  • Pablo Mosquera Martínez (Director de Investimentos en UNIRISCO e Co-fundador de Noukee)

O evento, que se desenvolverá de 9:30 a 18:00, contará ademais con espazos de networking para facilitar o intercambio de ideas e a creación de alianzas estratéxicas. As inscricións están abertas e espérase a participación de actores clave no desenvolvemento do sector biotech na rexión.

Coñece o dossier informativo facendo clic aquí.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a sede da empresa Torusware
  • Apunta que, por primeira vez, poden acceder a apoios que oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros para gastos e investimentos
  • Pon Torusware como exemplo de transferencia de coñecemento entre o sector público de investigación e o tecido produtivo
  • Destaca que os dous fondos de investimento de Xesgalicia para startups suman investimentos por importe de 15M€ en 64 compañías, entre participacións no capital e préstamos

 

A Coruña, 11 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, lembrou hoxe que, desde este ano e por primeira vez, Galicia conta cunha liña de axudas específica para impulsar o lanzamento e a consolidación de startups, no marco dunha política de apoio ao emprendemento innovador que se vén desenvolvendo desde o Instituto Económico de Galicia (Igape).

Así o apuntou hoxe nunha visita a Torusware, unha spin-off da Facultade de Informática da Universidade da Coruña fundada en 2013 e especializada no deseño de plataformas de datos e software. Unha empresa, dixo, que na súa orixe é un exemplo de transferencia de coñecemento entre o sector público de investigación e o tecido produtivo.

Neste contexto, Lorenzana puxo en valor que, por primeira vez, as startups puideron acceder en Galicia a axudas para gastos ou investimentos que oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros, grazas á liña de apoios aprobada pola Xunta cuxo prazo de presentación de solicitudes finalizou o pasado 30 de setembro.

A conselleira explicou que este programa pioneiro vén motivado polo impulso que o Goberno galego quere dar ás iniciativas empresariais emerxentes de carácter innovador e tecnolóxico que achegan coñecemento ao tecido produtivo.

Polo seu alto potencial de crecemento, tamén apuntou que outra vía de apoio téñena en Xesgalicia, a sociedade xestora de entidades de capital risco do Igape. Concretamente, destacou que conta con dous fondos de investimento para startups: o Galicia Innova Tech, para proxectos de marcado carácter innovador; e Galicia Iniciativas Emprendedoras, para proxectos de emprendemento, especialmente, que afloran na rede de aceleradoras da Xunta de Galicia. A día de hoxe, os dous suman investimentos por importe de 15M€ en 64 compañías, entre participacións no capital e préstamos.

A rede de aceleradoras, que conta co apoio e a colaboración de axentes e empresas tractoras de diferentes sectores, abrangue a industria da automoción (BFAuto), o sector aeroespacial (BFAero), o da alimentación (BFFood) ou a nova aceleradora no ámbito da economía circular e as solucións ambientais (BFClima Tech). Tamén figura VíaGalicia, sobre emprendemento innovador, multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimentario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Lorenzana tamén quixo sumar a todos estes apoios o servizo que presta a Oficina Económica de Galicia, onde as empresas poden atopar un plan de seguimento personalizado para os seus proxectos; ata o de agora, con máis de 8.000 consultas atendidas.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou en Santiago a xornada `Oportunidades da industria da seguridade e a defensa para Galicia´
  • Subliña que Galicia aspira a liderar en España o despregamento da nova política industrial vinculada a este sector
  • Destaca o apoio da Xunta para promover a entrada de empresas galegas en toda a cadea de valor e a creación de mercados públicos e privados
  • Lembra que o Goberno galego está a traballar na convocatoria de apoios para proxectos de Compras Privada de Innovación

 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a competitividade, a xeración de emprego, a diversificación de mercados e a sustentabilidade como fortalezas da industria da seguridade e a defensa en Galicia.

Lorenzana clausurou este mediodía a xornada Oportunidades da industria da seguridade e a defensa para Galicia, onde subliñou que Galicia quere liderar en España o despregamento da nova política industrial vinculada a este sector.

Así, a conselleira apuntou que é fundamental que as empresas e os centros tecnolóxicos unan capacidades e establezan sinerxías, para desenvolver proxectos tecnolóxicos conxuntos e optar con garantías a todas as oportunidades que ofrece a industria da seguridade e a defensa.

Apoio ao sector

Durante a súa intervención, a conselleira de Economía e Industria destacou que o principal obxectivo da Xunta é o de promover a entrada das empresas galegas na cadea de valor dos grandes actores deste macro sector e a creación de mercados públicos e privados para elas.

E para iso, sinalou, “deseñamos instrumentos de apoio pioneiros na política industrial española e moito máis beneficiosos para as empresas que as meras axudas públicas e que agora comezan a ser replicados por outras comunidades autónomas”.

María Jesús Lorenzana, subliñou tamén que Galicia foi pioneira na aplicación da compra pública de innovación e no desenvolvemento de instrumentos novidosos como a compra privada de innovación. Neste sentido, afirmou que, por exemplo, ata 2028 a Xunta terá achegado 102M€ de recursos propios ao sector aeroespacial e terá mobilizado un investimento total de 375M€.

Así, a conselleira lembrou ademais que, o Goberno galego está a traballar en proxectos de Compra Privada de Innovación. “Apoiaremos a empresas galegas do sector das UAVs que presenten iniciativas para empresas privadas doutros sectores, recibirán axudas para executar eses proxectos co fin de abrir os mercados privados ás novas tecnoloxías”, destacou.

Finalmente Lorenzana subliñou que a Xunta apoiará os investimentos industriais, a ampliación de capacidades de produción, o establecemento en Galicia de novas empresas e todo o necesario para o desenvolvemento desta industria que está en crecemento.

Novo WEBINARIO PAÍS dende a ANTENA IGAPE en CHINA.

A través das Antenas empresariais do Igape no estranxeiro, a Xunta apoia as iniciativas de internacionalización das empresas galegas prestando servizos de asesoramento de mercados.

Estes servizos están á disposición de todas as empresas galegas de xeito totalmente gratuíto.

Con este Webinario acercámoslles as últimas novidades sobre China, a evolución deste mercado nos primeiro semestre do 2024 e tendencias de crecemento e sectores estratéxicos.

Ademais terás a oportunidade de programar unha reunión individual para presentar directamente aos responsables da Antena Igape en China os teus produtos e/ou servizos.

 

Solicite a reunión ao realizar a súa inscripción.

Día:  Mércores, 9 de outubro de 2024

Hora: 09:30-11:15 horas ESP/ 15:30-17:15 horas CHINA

 

Inscripcións

Inscricións Antena China

  • Rueda salienta que se trata de achegas que se enmarcan “no Fondo de Transición Xusta” polo que a Xunta vai destinar 100 M€ a modernizar a industria galega
  • Os apoios combinan, nunha mesma operación, subvención con préstamos directos que poderán ser parcialmentes reembolsables, correspondéndose o tramo non reembolsable coa axuda concedida
  • O obxectivo, destacou, é financiar de investimentos para “a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes ou melloras para a diversificación da produción”
  • O gasto mínimo subvencionable será de 60.000 euros e os apoios están orientados a financiar proxectos empresariais, o fomento da descarbonización nos sectores tractores de Galicia ou a mellora da eficiencia enerxética dos polígonos industriais

 

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a creación dunha liña de préstamos, a través do Igape, dotada con 10 millóns de euros parcialmente reembolsables, pola que as empresas poderán optar a axudas e préstamos de modo conxunto para o financiamento de iniciativas co fin de potenciar o mantemento e a creación de postos de traballo, a innovación e a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Tal e como explicou a medida, en réxime de concorrencia competitiva, inscríbese no marco do” Fondo de Transición Xusta”, polo que o Goberno galego destinará máis de 100 millóns de euros no período 2021-2024 a mellorar os procesos empresariais e a modernizar a industria na provincia da coruña, unha das nove máis afectadas en España polo proceso de descarbonización. “O obxectivo é mitigar os efectos perxudiciais do peche das centrais das Pontes e Meirama”, indicou.

Estes préstamos concédense a través do Igape e Inega e permiten financiar proxectos empresariais, fomentar a descarbonización nos sectores tractores de Galicia, implantar novas industrias, mellorar a eficiencia enerxética dos polígonos industriais ou crear un polo de innovación tecnolóxica en enerxías renovables.

No caso desta nova liña, os préstamos están dirixidos a pequenas e medianas empresas que realicen ou teñan previsto levar a cabo unha iniciativa empresarial cun impacto económico e social positivo nos lugares identificados como zonas de transición xusta, o que, no caso de Galicia, se corresponde coa provincia da Coruña. 

Neste marco,  presidente indicou que o programa permitirá financiar “proxectos que supoñan a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade dos existentes ou melloras para diversificar a produción”. O gasto mínimo subvencionable será de 60.000 euros e as iniciativas deberán manter o emprego e crear, polo menos, un posto de traballo. 

Cómpre salientar que estas axudas combinan, nunha mesma operación, subvención con préstamos directos que poderán ser parcialmente reembolsables, correspondéndose o tramo non reembolsable coa axuda concedida.

Este tramo non reembolsable suporá o 25% do gasto subvencionable para as medianas empresas, e o 35% para as pequenas empresas e microempresas. O tramo reembolsable, pola súa banda, poderá ser reintegrado polo beneficiario nun prazo máximo de 12 anos, con carencia igual ao prazo de execución do proxecto previsto máis un ano. 

Pemes e autónomos

A Consellería de Economía e Industria segue así a facilitar o acceso a préstamos ao tecido empresarial galego, principalmente a pemes e autónomos, ao seren estes os que sofren maiores dificultades para acadar o financiamento adecuado ás súas necesidades. 

Neste sentido, desde o 2020 aprobáronse xa, no marco de distintos convenios coas entidades de crédito e as sociedades de garantía recíproca, preto de 3.500 solicitudes, moitas delas vencelladas ao programa Reaval Covid posto en marcha no contexto da pandemia, e formalizáronse operacións por valor de máis de 227 millóns. 

Así mesmo, o programa de préstamos directos, cuxo obxectivo se vencella tamén á mellora das condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda, permitiu, desde a súa posta en marcha en 2019, a concesión dun total de 56 operacións por un importe total de préstamos de máis de 63 millóns, que suman un investimento mobilizado de máis de 104 millóns. 

Os préstamos coñecidos hoxe polo Consello impúlsanse no marco do programa do Fondo de Transición Xusta, a través do cal o Goberno galego tamén vén de activar unha nova liña de axudas dotada con máis de 8 M€ para a creación de centros dixitais de xestión remota co obxectivo de contribuír a mellorar a dixitalización dos procesos empresariais, a contorna das empresas ou a modernizar e desenvolver a base industrial. 

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou as instalacións da empresa Galfrío en Marín
  • A conselleira puxo en valor o modelo produtivo desenvolto por Galfrío dentro do sector estratéxico mar-industria
  • Destacou os bos resultados da estratexia de internacionalización galega que se reflexan, dixo, no récord de exportacións da Comunidade no 2023 que superou os 30.000M€

 

Marín (Pontevedra), 4 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a Xunta destinou máis de 14M€ á organización de misións para impulsar a internacionalización do tecido empresarial galego.

Lorenzana visitou as instalacións da empresa Galfrío en Marín onde puxo en valor o traballo realizado por esta compañía e destacou o seu modelo produtivo como exemplo dentro dun sector estratéxico para Galicia como é o do mar-industria.

Ademais, na súa intervención, explicou que esta empresa colabora coa Xunta a través do Plan para o Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), orientado a promover a internacionalización das empresas galegas, o crecemento das exportacións e a apertura das pequenas e medianas empresas aos mercados internacionais. Desde o 2014, destináronse máis de 14M€  á organización de misións internacionais cunha participación media por ano dunhas 170 pemes en 70 países.

Estratexia galega de internacionalización

A titular de Economía e Industria destacou ademais que a estratexia de internacionalización de Galicia busca apoiar ao tecido produtivo galego, especialmente as pemes; e fomentar a súa internacionalización dixital apoiándose en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.

Así, destacou os bos resultados desa estratexia que se reflexan no récord de exportacións da Comunidade no ano 2023 que superou os 30.000M€, “unha tendencia positiva que se mantivo no primeiro trimestre deste ano”, dixo.

Neste marco, aludiu a todas as ferramentas que a Xunta está a poñer a disposición das empresas para apoiar a súa internacionalización como o programa Galicia Exporta Empresas, Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital; os Programas de xestores de exportacións; o de Bolseiros de internacionalización; as redes de antenas da Xunta no exterior ou os préstamos para a implantación de empresas galegas no exterior.

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución da última convocatoria do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que beneficiou a preto de 200 empresas que, a través de proxectos coordinados por agrupacións, participarán agora en actividades de difusión e en eventos expositivos en ata 37 países
  • O metalmecánico, o naval e o agroalimentario son os sectores con máis demanda dunha liña que contribúe a reforzar ás exportacións galegas, que seguen acadando valores históricos e que, segundo as últimas cifras publicadas, tamén medran máis nestas industrias
  • Desde a súa posta en marcha, o Goberno galego ten destinado máis de 10,3M€ a un programa do que se beneficiaron máis de 1.200 empresas e que se complementa co Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Dixital

 

Santiago de Compostela, de outubro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da última convocatoria do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, unha liña de apoio que, desta volta, suma preto de 1,6M€ na procura de promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos.

Así, a través de proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais, o Galicia Exporta Organismos Intermedios beneficiou nesta convocatoria a preto de 200 empresas que, agora, impulsarán en 37 países diferentes tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.

O obxectivo do programa, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, é apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles de comercialización.

Neste sentido, cómpre destacar que o metalmecánico, o naval ou o agroalimentario son os sectores que máis demanda tiveron este ano, contribuíndo deste xeito a reforzar ás exportacións galegas, que seguen acadando valores históricos e que, segundo os últimos datos publicados, tamén medran máis nestas industrias.

Así, o balance do 2024 arroxa unha cifra exportadora acumulada de 18.009 millóns, o que supón un crecemento interanual do 3,9% con respecto aos sete primeiros meses do 2023, ano récord ata o de agora nas vendas ao exterior da comunidade ao superarse por primeira vez a barreira dos 30.000 millóns.

Desde a súa posta en marcha, o Goberno galego ten destinado máis de 10,3 millóns a un programa do que se beneficiaron máis de 1.200 empresas e que se complementa co Galicia Exporta Empresas e o Galicia Exporta Organismos Intermedios.

O primeiro promove tamén actividades de difusión, así como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional pero, neste caso, de empresas individuais. Posto en marcha no ano 2016, ten permitido ata o de agora apoiar preto de 1.500 plans de promoción internacional, con accións de difusión, e asistencia a feiras ou prospección de novos mercados, o que supuxo unha axuda total ata a data de 30,9M€.

Pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital, que busca apoiar ás empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, ten beneficiado xa a máis de 400 empresas por importe de máis de 14 M€ e un investimento inducido de 17,6 M€.