- En total foron 130 candidaturas as que se presentaron a esta convocatoria, das que oito son proxectos que proceden de fóra de Galicia
- Esta é unha das tres novas convocatorias comprometidas ata 2026, coas que se prevé dar apoio a 60 iniciativas
- A rede de aceleradoras da Xunta (Business Factories) é unha aposta da Administración autonómica por impulsar as startups, con actuacións que abranguen todo tipo de sectores e localizacións territoriais
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024
A Xunta de Galicia, membro do comité executivo da aceleradora Business Factory Auto (BFAuto) a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), resalta o nivel tecnolóxico dos vinte proxectos que van participar na oitava edición deste programa de aceleración.
En total foron 130 candidaturas as que se presentaron a esta convocatoria, das que oito son proxectos que proceden de fóra de Galicia: dous internacionais, de Holanda e Francia; e seis nacionais, de Santander, Barcelona, Madrid, Sevilla, Navarra e Lleida. Esta é unha das tres novas convocatorias comprometidas ata 2026, coas que se prevé dar apoio a 60 iniciativas.
Os 20 proxectos seleccionados responden aos retos tecnolóxicos propostos por compañías como Akwel Vigo Spain, Denso Sistemas Térmicos España, Lear, Magna Seating Vigo, Maier Ferroplast, SMRC, Snop Estampación, Stellantis o Plastic Omnium. En concreto, as liñas de investigación están vinculadas coa sustentabilidade, a electrificación e as novas formas de mobilidade.
Entre os proxectos figuran propostas como plataformas modulares baseadas en intelixencia artificial; robots móbiles autónomos para optimizar a loxística; estacións modulares para o intercambio e carga de baterías; sistemas de carga solar ou de refrixeración líquida de compoñentes; xemelgos dixitais; unha motocicleta adaptada eléctrica de tres rodas; equipos especializados para talleres, entre outras.
O obxectivo desta aceleradora é ensanchar a base do sector en Galicia atraendo novas empresas de carácter tecnolóxico. Ofrece, polo tanto, o acompañamento necesario nos primeiros pasos de todo proxecto innovador que xurda no eido da mobilidade. Os participantes contarán con titorizacións e recursos para dar forma ás súas ideas e convertelas en conceptos empresariais, con formación específica adaptada ás necesidades de cada un; ou con talleres grupais impartidos por expertos de prestixio no ámbito nacional e internacional.
O compromiso da Xunta é que Galicia siga sendo un referente para o conxunto do sector en España e para iso a aposta seguirá sendo a vía da colaboración e o diálogo co resto de integrantes do comité executivo da BFAuto: o Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), Stellantis, o Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e Vigo Activo Sociedade de Capital Risco.
A rede de Business Factories é unha aposta da Administración autonómica por impulsar aceleradoras de empresas, con actuacións que abranguen todo tipo de proxectos e localizacións territoriais. Unha ampla rede que conta co apoio e a colaboración dos axentes e as empresas tractoras dos diferentes sectores, e na que destacan as aceleradoras do sector da automoción (BFAuto), aeroespacial (BFAero), no sector da alimentación (BFFood) ou a nova aceleradora no ámbito da economía circular e as solución ambientais (BFClima Tech). Tamén VíaGalicia, sobre emprendemento innovador, multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimentario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo.