Super User
Xunta e Nueva Pescanova abordan as oportunidades que ofrece Galicia ao tecido empresarial para investir
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse co conselleiro delegado do Grupo Nueva Pescanova, Jorge Escudero
- A conselleira destacou o compromiso do Executivo autonómico para facer da Comunidade galega un polo de atracción industrial na Península
- Puxo en valor as medidas postas en marcha pola Xunta como a creación da Oficina Económica de Galicia ou o solo industrial gratuíto durante os primeiros oito anos
Vigo, 1 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Vigo co conselleiro delegado do Grupo Nueva Pescanova, Jorge Escudero, para abordar as oportunidades que ofrece Galicia ao tecido empresarial para investir e implantar proxectos empresariais na Comunidade.
Durante a reunión, Lorenzana destacou que é bo para Galicia que Nueva Pescanova creza en competitividade e en xeración de emprego, pois é toda unha referencia na industria de transformación pesqueira española.
A titular de Economía e Industria trasladoulle o compromiso da Xunta para facer de Galicia un polo de atracción industrial na Península e desenvolver unha planificación industrial que facilite o acceso ao solo empresarial, potencie o emprego e subministre o tecido empresarial galego.
Neste marco, destacou a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia que ofrece un servizo de asesoramento integral e que desde a súa creación no mes de abril xa atendeu máis de 7.000 consultas.
Por outra banda, María Jesús Lorenzana, explicou que o Goberno galego puxo en marcha tamén un plan de aceleración de proxectos industriais para dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos empresariais. Unha medida que se complementa coa posta a disposición das empresas de máis de 500.000 m² de solo industrial a custo cero durante os oito primeiros anos.
A Xunta destaca o alto nivel de calidade, diferenciación e competitividade dos profesionais e empresas de deseño galegas
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron nunha misión comercial organizada pola Xunta no marco do evento CreaFogar, na que empresas e artesáns galegos expuxeron as súas propostas e mantiveron reunións de traballo con arquitectos e interioristas, co obxectivo de contribuír a fortalecer a Marca Galicia no exterior.
O obxectivo desta misión é potenciar o deseño galego, os materiais e recursos naturais, poñer en valor os oficios tradicionais e tamén impulsar a comercialización e a internacionalización das marcas galegas.
Toca Carús destacou que este evento, no que se que amosan as últimas tendencias en sustentabilidade, eficiencia enerxética, ecodeseño, ecoinnovación ou novos materiais “é un bo exemplo da creatividade, innovación e compromiso coa calidade dos profesionais, artesáns e empresas galegas”.
Lorenzana pon en valor a iniciativa de Cafés Candelas para incrementar a produtividade e sustentabilidade da compañía coa construción da nova planta en Lugo
- A conselleira de Economía e Industria repasou cos responsables da compañía o estado de tramitación no que se atopa o proxecto, declarado Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP) polo Goberno galego e que prevé un investimento superior aos 14M€ e a xeración de 40 novos postos de traballo
- O Goberno galego continuará prestando apoio e acompañamento á firma luguesa a través da Oficina Económica de Galicia, que desde a súa entrada en funcionamento o pasado mes de abril, leva atendidas máis de 7.000 consultas
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión cos responsables da empresa lucense Cafés Candelas co fin de analizar o estado de tramitación do proxecto para a construción dunha nova planta no polígono industrial das Gándaras (Lugo). Unha iniciativa que foi declarada como iniciativa empresarial prioritaria (IEP) polo Goberno galego e na que a compañía ten previsto investir máis de 14 millóns de euros e a creación de 40 postos de traballo directos.
Neste sentido, cómpre destacar que a futura infraestrutura permitirá duplicar a capacidade produtiva da empresa e contribuirá á internacionalización da compañía mediante o incremento das exportacións, sobre todo a mercados da Unión Europea, o que complementa e reforza a súa xa importante presenza internacional, con filiais en Portugal e Andorra e presenza comercial en Europa e Estados Unidos.
Así mesmo, o sistema produtivo adaptarase a tecnoloxías propias da Industria 4.0 en ámbitos como o almacenamento da materia prima ou o automatizado da embalaxe, e primaranse tamén formatos sustentables priorizando o ecodeseño, a reciclaxe, a valorización de residuos, o uso de enerxías renovables e a loxística eficiente.
A conselleira de Economía e Industria puxo en valor a iniciativa de Cafés Candelas da que destacou o seu carácter innovador e respectuoso co medio ambiente e avanzou que o Goberno galego continuará co acompañamento do proxecto a través da nova Oficina Económica de Galicia, comandada desde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que desde que entrou en funcionamento no mes de abril, leva resoltas máis de 7.000 consultas, das que o 79% son atendidas no momento.
Lorenzana lembrou que a Oficina Económica acompaña ás empresas en calquera tipo de consulta ou apoio que precisen por parte da Xunta de Galicia e, así, serve de instrumento para facilitar a relación entre administración e empresas e seguir avanzando na liña de desburocratización que vén impulsando o Goberno galego.
A Xunta pon en valor a colaboración entre as axencias de desenvolvemento para fomentar a competitividade do tecido empresarial
- A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo encontros de traballo con representantes de ACCIÓ- Axencia para a Competitividade da Empresa e coa Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña
Barcelona, 30 de setembro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo hoxe un encontro de traballo en Barcelona con representantes de ACCIÓ - Axencia para a Competitividade da Empresa, no que puxo en valor a colaboración entre as axencias de desenvolvemento para fomentar a competitividade do tecido empresarial e destacou a importancia de crear redes de contactos entre empresas catalás e galegas para facilitar o comercio e a cooperación.
Durante esta reunión, abordáronse as distintas iniciativas que se están a desenvolver en Galicia e Cataluña mediante programas de apoio ao investimento, a innovación e a internacionalización, co obxectivo de promover o desenvolvemento económico e a competitividade das empresas.
Posteriormente, a directora do Igape tamén se reuniu coa Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT), onde salientou a importancia da cooperación público-privada para fortalecer a Marca Galicia e consolidar a internacionalización do tecido produtivo galego.
Neste sentido, Covadonga Toca destacou a importancia das AEGAS xa que desempeñan un papel crucial na promoción e o desenvolvemento da comunidade empresarial galega facilitando a creación de redes entre empresarios galegos no exterior, así como conexións con empresas locais, un papel que non só potencia a economía, senón que tamén fortalece os lazos entre a diáspora e a súa terra de orixe.
Así mesmo, trasladoulles as iniciativas que está a impulsar Galicia para favorecer o investimento, entre as que destacan a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, que funciona como unha canle única onde se centralizan todos os trámites entre a Administración autonómica e o tecido empresarial.
Desde a oficina, salientou “cada día atendemos dando información, temos reunións de asesoramento para a implantación de proxectos, escoitamos o que necesitan as empresas para achegar melloras e que as decisións sexan as máis acertadas, dando soporte e seguimento dos proxectos”.
A Xunta resalta o papel da loxística na competitividade e na "globalización económica" da industria galega
- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a xornada ‘Galicia con sinerxía: loxística, innovación, persoas’, onde avoga porque a “apertura comercial” vaia da man do talento e da innovación, “clave para o crecemento empresarial nunha contorna dinámica e global”
- O encontro celébrase no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu ata o de agora realizar máis de 90 actividades formativas nas que participaron máis de 19.000 asistentes, en presencial e en liña
- Salienta as posibilidades que ofrecen este tipo de xornadas para reforzar a cooperación pública-privada, establecendo un “diálogo constante” coas empresas, os sectores produtivos e as organizacións empresariais”
Ferrol, 26 de setembro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá en Ferrol na xornada ‘Galicia con sinerxía: loxística, innovación, persoas’, onde destacou a importancia da industria loxística na mellora competitiva e na “globalización económica” dos diferentes sectores da Comunidade. O evento celebrouse no porto de Ferrol contando coa presenza da delegada autonómica Martina Aneiros.
“A Xunta de Galicia ten claro que a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, incidiu Toca Carús, quen, neste marco, afondou na necesidade de seguir a fomentar a cooperación público-privada.
Esta colaboración, afondou, materialízase en clústeres como o da Loxística de Galicia, que está a permitir analizar datos, fomentar a internacionalización e reforzar a propia cooperación e a aposta pola innovación.
Neste contexto, Toca Carús subliñou que a innovación e o talento resultan “clave para o crecemento empresarial nunha contorna dinámica e global”. “As persoas, os equipos directivos, desempeñan un papel esencial na promoción e xestión da innovación dentro dunha empresa”, afondou.
Así mesmo, resaltou a nova área de innovación empresarial do Instituto, centrada na creación de empresas, na transferencia de tecnoloxía ao tecido produtivo, na captación de fondos ou nas estratexias de internacionalización da innovación. “Esta área é a responsable de toda a planificación e programación de iniciativas para o impulso á innovación empresarial”, explicou.
Unha aposta pola innovación que se complementa co compromiso co talento e a formación, materializado en programas como o Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolveu a xornada deste xoves.
Esta iniciativa, lembrou a directora do Igape, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento, e que ten permitido ata o de agora realizar máis de 90 actividades formativas nas que participaron arredor de 19.000 asistentes.
Lorenzana destaca o papel de CEAPI na internacionalización do tecido empresarial galego
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse coa presidenta do Consello Empresarial Alianza por Iberoamérica, Núria Vilanova
- A conselleira subliñou que un dos obxectivos da Xunta é o de impulsar a internacionalización da economía de Galicia, e que as pemes e autónomos teñan acceso a novas cales e destinos de comercialización
- Destacou a tendencia positiva que segue a ter a Comunidade galega no eido das exportacións que alcanzan os 18.000 M€ no acumulado de xaneiro a xullo, o que supón un incremento interanual do 3,9 %
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o importante papel do Consello Empresarial Alianza por Iberoamérica (CEAPI) na internacionalización do tecido empresarial galego, así como o esforzo que as empresas galegas están a facer por diversificar mercados e comercializar os seus produtos e servizos noutros países.
Lorenzana mantivo un encontro coa presidenta de CEAPI, Núria Vilanova, no que lle trasladou que un dos obxectivos da Xunta é, precisamente, o de impulsar a internacionalización da economía de Galicia, e que as pemes e autónomos teñan acceso a novas canles e destinos de comercialización.
Apoio á internacionalización
Durante a reunión, a conselleira explicou que o Goberno galego acaba de reforzar a súa aposta pola internacionalización do tecido empresarial galego coa ampliación do orzamento do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios que acada 1,6 M€.
Esta aposta compleméntase ademais, cos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Dixital que suman, de xeito conxunto, case 8 M€ máis para colaborar coas empresas galegas na boa marcha das súas exportacións.
Todas estas liñas, postas en marcha polo Igape, buscan apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, especialmente de pemes; e fomentar a súa internacionalización dixital apoiándose en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.
Por último, a conselleira de Economía e Industria lembrou que Galicia rexistrou en 2023 un nivel récord de exportacións alcanzando os 30.000 M€. Unha tendencia positiva que se mantivo no primeiro semestre do ano, no que a Comunidade galega anotou 18.000 M€ no acumulado de xaneiro a xullo, o que supón un crecemento interanual do 3,9 %.
A Xunta destaca a importancia do talento e da formación para manter a competitividade do tecido empresarial galego
- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a xornada ‘Galicia con sinerxía: biotecnoloxía, deporte, TIC’, onde destaca a importancia das “persoas, clave e fundamento de todo”, e o papel que xogan talento e formación como “activos máis valiosos” dunha organización
- O encontro celébrase no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu ata o de agora realizar máis de 90 actividades formativas nas que participaron máis de 19.000 asistentes, en presencial e en liña
- Salienta as posibilidades que ofrecen este tipo de xornadas para “transformar as cadeas de valor a través de interacción, colaboración e complementariedade de sectores estratéxicos da nosa terra”
Pontevedra, 18 de setembro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá en Pontevedra na xornada ‘Galicia con sinerxía: biotecnoloxía, deporte, TIC’, onde destacou a importancia do talento e da formación como “activos máis valiosos” das empresas galegas de cara a incrementar e manter a súa competitividade.
“As persoas son a clave e o fundamento de todo”, afondou Toca Carús, quen destacou a necesidades de investir no desenvolvemento de equipos humanos e directivos, “dotándoos das ferramentas e coñecementos necesarios para afrontar os desafíos do presente e do futuro”.
Entre estes instrumentos, a directora do Igape puxo en valor o programa Capacita Directivos, no marco do cal se desenvolveu a xornada deste mércores. Unha iniciativa que, como lembrou, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento.
O programa ten permitido ata o de agora realizar máis de 90 actividades formativas nas que participaron arredor de 19.000 asistentes, xa fose en presencial ou en liña, co obxectivo de dotar aos empresarios e directivos das ferramentas necesarias para enfrontar os retos actuais do mercado global e asegurar o crecemento sostible das empresas galegas, promovendo a profesionalización da xestión empresarial e o desenvolvemento de proxectos innovadores que permitan ás empresas galegas competir tanto a nivel nacional como internacional.
Na xornada de hoxe, os participantes puideron afondar nos sectores biotecnolóxico, do deporte e as TIC, na procura, como explicou Toca Carús, de “transformar as cadeas de valor a través de interacción, colaboración e complementariedade de sectores estratéxicos da nosa terra”.
“A converxencia entre TIC, biotecnoloxía e industria do deporte ofrece numerosas oportunidades de negocio que van desde o desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas ata a creación de servizos personalizados e solucións innovadoras, oportunidades que xorden da integración de avances tecnolóxicos e biolóxicos para mellorar o rendemento, a saúde e a experiencia no deporte”, concluíu Toca Carús.
Rueda destaca o compromiso da Xunta cos proxectos empresariais que aposten por promover unha industria máis innovadora e sostible
- O presidente do Goberno galego asiste á inauguración do campus tecnolóxico de Cortizo en Padrón
- Resalta a importancia da empresa e deste campus para o sector industrial galego
- Salienta a necesidade de que entidades públicas e privadas traballen da man para promover inversións
- Encomia a modernidade e a constante innovación do sector industrial
Padrón (A Coruña), 17 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do seu Executivo cos proxectos empresariais que aposten por promover unha industria máis innovadora e sostible. Así o fixo na inauguración do campus tecnolóxico do Grupo Cortizo, á que foi acompañado do conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana.
Este proxecto, que supuxo un investimento de corenta millóns para convertelo nun referente internacional da enxeñería de fachadas, é unha das primeiras iniciativas prioritarias en Galicia para a Xunta. Na presentación, Rueda resaltou a importancia que ten a empresa e este campus para o tecido industrial galego, e encomiou todo o labor feito: “O resultado final é froito de moitísimo traballo anterior e de todo o que hai detrás”, sinalou o presidente.
Ademais, o titular do Goberno galego salientou a necesidade de que entidades públicas e privadas traballen unidos para promover e atraer investimentos industriais, e así facer crecer a riqueza da comunidade: “Cando as administracións non entenden que son as empresas as que moven a economía, poden converterse nun gran obstáculo. Pola nosa parte, estamos desexosos de seguir acompañando un crecemento que a min me parece imparable”, apuntou.
Neste sentido, recordou o compromiso do seu Executivo con este obxectivo, manifestado a través de iniciativas como a creación de la Oficina Económica de Galicia, que serve para desburocratizar os procesos industriais e facilitar que se poñan en marchan o antes posible.
Por último, Rueda encomiou a todas as empresas e entidades que forman o sector industrial galego. Un sector que, para el, destaca pola súa modernidade, por ir á vangarda e por estar en constante transformación para ser máis sustentable e innovador, destacando o traballo feito polo Grupo Cortizo: “Tedes moitos retos por diante. Eu aquí non vexo outra cosa que perspectivas de seguir crecendo, de seguir fixando emprego en Galicia”, salientou o presidente.
Lorenzana salienta o compromiso da Xunta por impulsar o emprendemento innovador e as empresas emerxentes
- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación da aceleradora Business Factory Climatech, especializada no sector ambiental
- Climatech, en colaboración co Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), está financiada nun 95% por fondos públicos e conta cun investimento de 6,3M€
- Trátase da primeira edición desta aceleradora, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 30 de setembro, que busca novas solucións tecnolóxicas en ámbitos como a economía circular e a descarbonización da industria
- Apunta que a rede de aceleradoras da Xunta leva apoiado xa máis de 830 proxectos
- Destaca que a Xunta canaliza os apoios ao emprendemento innovador non só mediante esta rede de aceleradoras senón, tamén, cunha liña de apoios para startups dotada con 1,5M€, que se convocou por primeira vez este ano e que está aberta ata finais deste mes
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na presentación da aceleradora Business Factory Climatech, especializada no sector ambiental, onde salientou o compromiso da Xunta por impulsar o emprendemento innovador e as empresas emerxentes.
A iniciativa, en colaboración co Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), está financiada nun 95% por fondos públicos. Conta cun investimento de 6,3M€, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e da Axencia Galega de Innovación (Gain), e nace co obxectivo de impulsar preto de 40 proxectos de emprendemento nos vindeiros 3 anos.
Trátase da primeira edición desta aceleradora -cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 30 de setembro-, que busca novas solucións tecnolóxicas en ámbitos como a economía circular e a descarbonización no sector primario: forestal, agrario, gandeiro e pesqueiro; nas materias primas e a industria; no sector téxtil; nos usos da auga; a construción con cero emisións; as cidades sostibles e a dixitalización para a sustentabilidade ambiental.
Esta business factory, na que colaboran empresas tractoras do sector, a Universidade de Vigo e Sogama, é parte da rede de aceleradoras da Xunta que coordina o Igape. Dela tamén forman parte a BFAuto, especializada no sector da automoción; a BFAero, no aeroespacial; a BFFood, no sector da alimentación; VíaGalicia, que abrangue o ámbito das TIC, o sector agroalimentario ou o téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca (Vigo e Lugo); e outras iniciativas como a BFMedicines, Agrobiotech, Bioincubatech, Galicia Avanza ou Turislab.
Esta rede de aceleradoras leva apoiado máis de 830 proxectos innovadores, dos cales 270 recibiron financiamento para a creación de novas empresas ou para a posta en marcha de proxectos en empresas xa existentes. E, ademais, contribuíu á promoción e impulso de 1.400 postos de traballo cualificados directos.
Lorenzana apuntou que a Xunta canaliza os apoios ao emprendemento innovador non só mediante esta rede de aceleradoras senón, tamén, cunha liña de apoios para startups dotada con 1,5M€, que se convocou por primeira vez este ano e que está aberta ata finais deste mes. Igualmente, insistiu en que a Administración autonómica está poñendo todos os medios ao seu alcance para dar resposta ás necesidades do tecido empresarial a través da Oficina Económica de Galicia, cun servizo de información e asesoramento á medida. A premisa, dixo, é desburocratizar e dar as máximas facilidades administrativas ás empresas. Ser unha administración amigable para o investimento e o emprendemento.
Lorenzana destaca o compromiso da Xunta co fomento da actividade empresarial e a implantación de pemes en Galicia
- A conselleira de Economía e Industria visitou hoxe as instalacións da empresa Caravanas Juan
- Sinalou que as medidas de apoio ao financiamento son a chave para lograr este obxectivo
O Porriño (Pontevedra), 6 de setembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o compromiso da Xunta co fomento da actividade empresarial e a implantación de pemes en Galicia para o que considera chave as medidas de apoio ao financiamento.
Lorenzana visitou hoxe as instalacións da empresa galega Caravanas Juan, especializada na venda de caravanas e autocaravanas e cun servizo de reparación e instalación de accesorios que a converten nun referente en Galicia no seu sector.
Segundo explicou a conselleira, esta compañía é unha das beneficiarias da liña de crédito para pemes e autónomos da Xunta que este ano acada os 17,5M€ e que permanecerá aberta ata o 30 de setembro. Trátase dunha liña de apoios para facilitarlle ás empresas galegas o acceso ao crédito e as mellores condicións de financiamento para fortalecer a súa solvencia.
Ademais, esta liña complementa o programa de préstamos directos da Xunta que teñen o obxectivo de mellorar as condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo e que se acaba de ampliar ata os 50M€.
María Jesús Lorenzana lembrou que a isto hai que sumar a labor de acompañamento e asesoramento que desenvolve a Oficina Económica de Galicia, que desde a súa posta en marcha o pasado mes de abril, leva atendido xa máis de 5.000 consultas de empresas.