A Xunta impulsa novos obradoiros de dixitalización que promoven proxectos colaborativos para potenciar a transformación dixital e sustentable das pemes galegas

Luns, 17 Xuño 2024 10:23
  • O Diario Oficial de Galicia publica a resolución dunha nova convocatoria deste programa, que suma 34 novos obradoiros aos que se destinan máis de 600.000 euros para promover espazos de colaboración que capaciten ás empresas na preparación de proxectos avanzados cara aos principais retos da economía
  • Os apoios, do 100% dos gastos subvencionables, permiten promover novos talleres de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada na procura de facilitar ao tecido empresarial, a través da cooperación, o impulso de iniciativas nestes eidos
  • O goberno galego promoveu ata o de agora máis de 160 obradoiros de dixitalización cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros

 

Santiago, 13 de xuño de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución da última convocatoria dos obradoiros de dixitalización impulsados pola Consellería de Economía e Industria de cara a promover e facilitar a transformación industrial e a dixitalización do tecido empresarial galego. O obxectivo é crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía.

Neste sentido, e no marco da aposta do Goberno galego pola transformación dixital e sustentable dentro do desenvolvemento integral do tecido produtivo, impúlsanse desta volta 34 novos obradoiros que, desde a colaboración empresarial, atenden a ámbitos como a dixitalización, a sustentabilidade e a loxística avanzada.

Deste xeito, estes talleres actúan como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas poden explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais, na procura de desenvolver e implantar procesos ou produtos mais sostibles ou melloras a prol dunha función loxística mais avanzada e sostible, así como oportunidades de hibridación intersectorial.

Coma sempre, os apoios ascenden ao 100% dos gastos subvencionables. Cunha contía conxunta de máis de 600.000 euros, entre os beneficiarios se atopan organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos “hubs” de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.

Desde a súa posta en marcha, o programa ten permitido promover máis de 160 obradoiros cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros, contribuíndo así a impulsar a reactivación do tecido empresarial de Galicia a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis