Super User

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe os stands das empresas galegas que están a participar na Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024
  • Lorenzana resalta que se trata dun dos proxectos científicos máis ambiciosos e prometedores a nivel global
  • Subliña que esta iniciativa é estratéxica para Galicia e reforza a súa posición no mapa da ciencia e a tecnoloxía a nivel mundial

 

Hamburgo (Alemaña), 5 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a Xunta vai apoiar con 10M€ á empresa galega Gabadi na construción dun acelerador de partículas nos Estados Unidos de América.

“O noso apoio a esta iniciativa recoñece a importancia estratéxica do proxecto para Galicia e para o avance da ciencia en global e ademais marca un antes e un despois na contribución da Comunidade a proxectos científicos de vangarda”, apuntou a conselleira.

Este acelerador de partículas coñecido como DUNE (Deep Underground Neutrino Experiment) será o máis potente do mundo e desenvolverase na antiga mina de ouro en Dakota do Sur. “Trátase dun dos proxectos científicos máis ambiciosos e prometedores a nivel global e será clave para a investigación dos neutrinos e a explotación das orixes do universo”, dixo.

Gabadi é unha empresa de Narón especializada na fabricación de tanques de membrana por todo o mundo e un exemplo da aposta pola innovación, a internacionalización e os investimentos. Este proxecto sitúa á compañía galega como un factor chave na revolución científica que permitirá desentrañar os segredos máis profundos no universo.

A conselleira tamén puxo en valor que a participación de Gabadi neste proxecto destaca a capacidade técnica e a innovación da empresa galega e reforza a posición de Galicia no mapa da ciencia e a tecnoloxía a nivel mundial.

Feira do sector naval

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana visitou hoxe os stands das empresas galegas que están a participar estes días na Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024 co apoio da Xunta de Galicia.

Neste marco, Lorenzana destacou a aposta que está a facer o Goberno galego por acompañar e dar resposta ás necesidades das empresas do naval, para o cal vai ser fundamental o plan director que se está elaborando para o sector.

Esta é a 31ª edición desta feira, a máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebra cada dous anos por estas datas e atrae unha multitude de empresas e entidades do sector procedentes de todo o mundo. Do medio cento de empresas galegas participantes grazas ao apoio do Instituto Económico de Galicia (Igape), 24 delas contan con expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, iniciou hoxe a súa primeira xornada de visita á Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024 acompañando ás empresas galegas presentes
  • Resalta que, o feito de que a delegación galega sexa a máis numerosa das que proveñen de toda España, de onde proceden un total de 65 empresas, amosa o nivel e o bo momento que atravesa o sector naval en Galicia
  • Destaca a aposta que está a facer o Goberno galego por acompañar e dar resposta ás necesidades das empresas do naval, para o cal vai ser fundamental o plan director que se está elaborando para o sector e que estará aprobado a finais de ano
  • Do medio cento de empresas galegas participantes grazas ao apoio do Instituto Económico de Galicia (Igape), 24 delas contan con expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga

 

Hamburgo (Alemaña), 4 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, iniciou hoxe a súa primeira xornada de visita á Feira do sector naval SMM Hamburgo 2024, á que asiste acompañando ao medio cento de empresas galegas que, xunto con Asime e o clúster Aclunaga, participan no evento co apoio da Xunta de Galicia.

Lorenzana resaltou que, o feito de que a delegación galega sexa a máis numerosa das que proveñen de toda España, de onde proceden un total de 65 empresas, amosa o nivel e o bo momento que atravesa o sector naval en Galicia. Un sector, dixo, “que soubo perfectamente diversificar e incorporar a innovación suficiente para que agora mesmo poidamos estar orgullosos das súas cifras de facturación, de exportacións, do seu nivel de internacionalización e do emprego de calidade que está xerando esta industria”.

A conselleira de Economía e Industria destacou a aposta que está a facer o Goberno galego por acompañar e dar resposta ás necesidades das empresas do naval, para o cal vai ser fundamental o plan director que se está elaborando para o sector. Sobre o documento, cuxo borrador xa está rematado, informou de que neste momento se están avaliando as alegacións presentadas coa previsión de que antes de finais de ano estea aprobado polo Consello da Xunta.

Con este plan, apuntou, a vontade da Xunta é “continuar intensificando os apoios ás empresas do naval alí onde máis o necesitan”, dixo, especialmente para a captación de fondos europeos, para impulsar a diversificación, a apertura a novos mercados, e abrindo novas liñas de financiamento para que as empresas do sector poidan seguir crecendo e facelo en Galicia.

Esta é a 31ª edición desta feira, a máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebra cada dous anos por estas datas e atrae unha multitude de empresas e entidades do sector procedentes de todo o mundo. Do medio cento de empresas galegas participantes grazas ao apoio do Instituto Económico de Galicia (Igape), 24 delas contan con expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.

O sector naval en Galicia incrementou un 15 por cento a súa facturación en 2023 (1.031 M€) e un 3,5 por cento o número de empregos (8.234 persoas).

  • En concreto, foron 5.446 consultas recibidas ata o de agora, un 78 por cento delas, resoltas no momento; concertáronse 323 reunións con empresas, e prestouse asesoramento personalizado a 146 proxectos de especial relevancia
  • A posta en funcionamento desta oficina, na que traballa un equipo de 100 profesionais, comporta un investimento de case 6 M€
  • “O que pretendemos é desburocratizar a administración, facilitar ao mundo empresarial galego o acceso a unha administración amigable”, sinala Lorenzana
  • Pon en valor a boa acollida que está a ter, ata o punto de que xa se está replicando este modelo noutras comunidades autónomas

 

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as novas instalacións da Oficina Económica do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que, desde que entrou en funcionamento o pasado mes de abril, leva atendido máis de 5.000 consultas de empresas.

En concreto, foron 5.446 consultas, un 78 por cento delas, resoltas no momento; concertáronse 323 reunións con empresas, e prestouse asesoramento personalizado a 146 proxectos de especial relevancia.

Por sectores, Lorenzana apuntou que as principais consultas proveñen de ámbitos como  o enerxético, a automoción, a economía circular, o sector mar-industria, o turismo, as TIC, a loxística, o contract e a construción. Xunto con isto, tamén cómpre sinalar que esta oficina realiza labores de coordinación con outros axentes e entidades externas, tanto de forma directa como a través de ICEX/Invest in Spain, á hora de detectar obstáculos administrativos e identificar novas oportunidades de investimento.

A posta en funcionamento da Oficina Económica comporta un investimento de case 6 M€, dos que preto de 1 M€ euros foron destinados a recursos humanos para dotala dun equipo de máis de 100 profesionais a partir de persoal do Igape e a colaboración con empresas especializadas. Para a dixitalización de todos os servizos, investíronse 1,4 M€. E os 3,5 M€ restantes van dirixidos a programas específicos de asesoramento empresarial, como o Economía Responde ou o Reacciona (axudas para que as empresas galegas poidan ver mellorada a súa competitividade co apoio de expertos).

A conselleira explicou que o que se busca coa Oficina Económica é acompañar as empresas galegas en calquera tipo de consulta ou apoio que precisen por parte da Xunta de Galicia. “O que pretendemos é desburocratizar a administración, facilitar ao mundo empresarial galego o acceso a unha administración amigable”, sinalou Lorenzana, quen destacou que este modelo de oficina única xa está sendo replicado noutras comunidades autónomas.

  • A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a directora do Instituto Económico de Galicia (Igape), Covadonga Toca, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado
  • Na xuntanza, púxose de manifesto a disposición da Administración autonómica a colaborar a través de diferentes instrumentos de apoio no proxecto de desenvolvemento previsto para o Porto da Coruña, que busca promover a vertente enerxética, industrial e loxística do porto exterior e unha maior especialización dos tráficos comerciais na dársena interior

 

A Coruña, 30 de agosto de 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a directora do Instituto Económico de Galicia (Igape), Covadonga Toca, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, con quen abordaron diversas liñas de colaboración entre a Xunta e a entidade portuaria, que vén de licitar o seu plan estratéxico para os vindeiros catro anos.

Na xuntanza, púxose de manifesto a disposición da Administración autonómica a colaborar a través de diferentes instrumentos de apoio no plan de desenvolvemento previsto para o Porto da Coruña, que busca promover a vertente enerxética, industrial e loxística do porto exterior -a través do proxecto Green Port- e unha maior especialización dos tráficos comerciais na dársena interior. 

Tendo en conta estes obxectivos, a responsable do Igape, Covadonga Toca, explicou o traballo que vén facendo estes meses a Oficina Económica de Galicia en termos de asesoramento empresarial, para contribuír á implantación de novos proxectos de investimento en Galicia.

Na mesma liña, e sabendo o interese da Autoridade Portuaria da Coruña por seguir captando cara ao porto exterior novos proxectos industriais vinculados coas enerxías renovables e a eólica mariña, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, expuxo o traballo que vén facendo a Xunta de Galicia por desburocratizar a tramitación de proxectos industriais a través do Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais.

Ao respecto, explicou que a declaración como proxecto industrial estratéxico ofrece, entre outros beneficios, a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos-, mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais. 

Concretamente, na provincia da Coruña, xa contan con esta distinción o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes, onde tamén vai ir instalada a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire, e a planta de biofibra reciclada de Ence. Tamén a planta de metanol verde en Mugardos de Forestal del Atlántico; a de hidróxeno renovable de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda;  a planta de envasado e manipulación de peixe proxectada por Stolt Sea Farm en Rianxo, e a de extracción de cobre nos concellos do Pino e Touro promovida por Cobre San Rafael. 

O presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, informoulles, así mesmo, da situación dos traslados dos tráficos do porto interior a Punta Langosteira, con especial referencia á terminal de Repsol e á próxima entrada en servicio da conexión ferroviaria, ademais das novas instalacións que están a habilitar o grupo Nogar, TMGA e Pérez Torres, que inclúen a ampliación dos seus almacéns e a incorporación de circuítos pechados para as descargas de graneis.  

Fernández Prado, agradeceu o apoio que vén prestando a Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento industrial do que é un dos principais centros loxísticos de Galicia.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañará a delegación galega na visita, xunto a representantes de Asime, do Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e da Cámara de Comercio de Vigo
  • Trátase da feira máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebrará do tres ao seis de setembro
  • A visita ofrece unha oportunidade ás empresas galegas participantes de coñecer as últimas tendencias no sector, establecer vías de negocio e explorar ámbitos de cooperación comercial e tecnolóxica

 

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2024

Máis de medio cento de empresas galegas, acompañadas pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e por representantes de Asime, do Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e da Cámara de Comercio de Vigo, participarán a vindeira semana na feira do sector naval SMM Hamburgo 2024 (Alemaña), que terá lugar do tres o seis de setembro.

Trátase da 31ª edición da feira máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebra cada dous anos por estas datas e atrae unha multitude de empresas e entidades do sector procedentes de todo o mundo. Desde a súa fundación en 1963, consolidouse como unha plataforma de referencia para a presentación das últimas innovacións e os produtos máis recentes da industria naval e os estaleiros.

A visita, promovida pola Xunta a través do Instituto Económico de Galicia (Igape) e os seus programas de axuda á internacionalización, ofrece unha oportunidade ás empresas galegas participantes de coñecer as últimas tendencias no sector, establecer vías de negocio e explorar ámbitos de cooperación comercial e tecnolóxica. 

En concreto, esta edición congregará máis de 2.200 expositores de 67 países e estímase unha afluencia de máis de 50.000 visitantes profesionais. A delegación galega compóñena un total de 54 empresas que representan o 37 por cento da presenza española na feira. Delas, 24 contan cun expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.

A edición deste ano está enfocada ao impacto da dixitalización e as enerxías renovables no sector marítimo; en concreto, a automatización, a economía circular, os sistemas alternativos de propulsión, a redución de emisións, a economía circular e os novos materiais e seguridade.

Durante os seus dous días de estancia, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que encabeza a delegación galega acompañada da directora do Igape, Covadonga Toca, terá ocasión de reunirse co Conselleiro Económico e Comercial Xefe da Oficina Económica e Comercial en Düsseldorf da Embaixada de España en Alemaña. Ademais, manterá unha reunión de traballo coas empresas participantes e terá ocasión de visitar os diferentes expositores procedentes de Galicia.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu ao encontro sobre emprendemento ‘Meetup na Praia’ que busca facilita o intercambio de valor entre os asistentes, promovendo a aprendizaxe e a innovación
  • Subliña que este programa específico de apoio para startups abriuse por primeira vez en xaneiro e conta cun orzamento de 1,5M€

 

Nigrán (Pontevedra), 28 de agosto de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, lembrou hoxe que as startups galegas aínda poden solicitar as axudas da Xunta destinadas a impulsar proxectos emprendedores e innovadores emerxentes.

O Goberno galego abriu o pasado mes de xaneiro este primeiro programa específico de apoio que conta cun orzamento de 1,5M€ e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

Covadonga Toca asistiu hoxe ao encontro sobre emprendemento ‘Meetup na praia’ onde tamén puxo en valor o programa ReAcciona do Igape, dotado este ano con mais de 3,2M€, e que ofrece a pemes e autónomos diferentes ferramentas e servizos avanzados para ser máis competitivos.

Meetup na praia

Este evento organizado polo Igape, dá comezo hoxe ás 20,00h e está deseñado para aquelas persoas emprendedoras e empresarias que buscan medrar, intercambiar ideas e crear sinerxias no seo dun formato innovador de networking na praia.

Durante o encontro, a directora do Igape subliñou que estes eventos están pensados para facilitar o intercambio de valor entre os asistentes, promovendo a aprendizaxe colectiva e a colaboración. Neste sentido animou a todos os emprendedores e emprendedoras, así como ás empresas galegas a impulsar os seus proxectos e sinalou que esta iniciativa “promete ser unha excelente oportunidade para conectar con outros profesionais, compartir coñecementos e descubrir novas oportunidades de crecemento.”

  • O Goberno galego destina 3M€ a unha convocatoria dirixida a estudantes con titulacións universitarias de grao superior, que agora poderán formarse en diferentes destinos mundiais mellorando a súa empregabilidade
  • Desde a súa posta en marcha, o programa da Consellería de Economía e Industria beneficiou xa a 450 profesionais, que colaboraron na promoción exterior das empresas galegas desde mercados, entre outros, como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes
  • O programa reforza a capacitación para a internacionalización de capital humano e contribúe á boa marcha das exportacións galegas, que tras un histórico 2023 seguen a mellorar este ano as súas cifras

 

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2024

A Xunta de Galicia ten en marcha unha nova convocatoria do programa de bolseiros de internacionalización, que permitirá a contratación de medio cento de mozos e mozas galegos que poderán adquirir competencias profesionais en mercados exteriores na procura de seguir a mellorar as vendas internacionais do tecido empresarial galego.

Desta volta, a iniciativa, impulsada a través do Igape pola Consellería de Economía e Industria, recibiu preto dun centenar de solicitudes. Pero para facerse coa bolsa, os candidatos deberán de  superar un proceso selectivo consistente nunha proba de idiomas (para aqueles que non achegaron previamente o correspondente certificado) e unha entrevista persoal.

O Igape destina máis de 3 millóns de euros a este programa cuxo obxectivo pasa por fortalecer a especialización en comercio exterior facilitando a contratación destas persoas, menores de 35 anos, con titulación universitaria superior, que adquirirán formación práctica en internacionalización que se poderá levar a cabo no estranxeiro e ou en Galicia, en entidades e organismos oficiais relacionados coa internacionalización empresarial. A duración da bolsa establécese nun máximo de 11 meses coa posibilidade de prorrogala por igual período de tempo.

Os países nos que o persoal seleccionado completará a súa formación no estranxeiro inclúen novos mercados internacionais, algúns deles de interese estratéxico para o tecido empresarial galego. Así, os bolseiros terán como posibles destinos, entre outros, Bogotá, Casablanca, Chicago, Dubai, Dusseldorf, Johannesburgo, Kuala Lumpur, Lima, México, Miami, Montevideo, Oslo, Ottawa, Roma, Seúl, Singapur ou Toquio.

A iniciativa contribúe así á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 450 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes, entre moitos outros.

A iniciativa inclúese na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2021 - 2025 que está a promover a Xunta para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que durante o ano pasado acadaron rexistros históricos en exportacións, ao superar a barreira dos 30.000 millóns, e que este ano están a mellorar estes datos durante os primeiros seis meses do ano.

Neste sentido, no primeiro semestre de 2024 as empresas galegas suman vendas no exterior por riba dos 15.500 millóns de euros, unha cifra que supón un incremento do 3,5% con respecto ao mesmo período dese histórico 2023.

  • O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, visitou hoxe o viveiro empresarial de A Veiga, un dos beneficiarios desta liña de axudas da Administración galega
  • O Goberno autonómico achegou máis de 5M€ desde 2016 para a posta en marcha destes equipamentos

 

A Veiga (Ourense), 22 de agosto de 2024

Tres viveiros industriais ourensás poderán mellorar as súas instalacións grazas á liña de apoios convocada pola Consellería de Economía e Industria para a creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas destes espazos en parques empresariais da Comunidade galega. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, durante a visita ao viveiro de A Veiga (Ourense), un dos 3 beneficiarios na provincia da convocatoria deste ano, xunto co de Vilamarín e O Carballiño.

Nesta liña, Vázquez lembrou que este ano a Xunta destinou 1,5M€ a esta orde de axudas que, como novidade, incorporou a posibilidade de levar a cabo actuacións de dotación ou reforma de equipamentos e infraestruturas nos viveiros industriais que actualmente están en funcionamento. No caso de A Veiga, contará cunha achega de 75.000 € para levar a cabo traballos de mellora, o mesmo importe que recibirá O Carballiño, mentres que no de Vilamarín serán algo máis de 43.000€. En total, estes tres municipios ourensás recibirán preto de 200.000€.

O secretario xeral de Industria explicou que a convocatoria deste ano contemplaba outras novidades como a ampliación ata os 48 meses do período de acollemento dos negocios ou a posibilidade de incorporación doutras empresas non industriais que xustifiquen a súa relación dentro da cadea de valor dunha actividade industrial.

As subvencións desta liña de axudas permiten achegar ata o 80% do investimento elixible, cun máximo de 240.000€ no caso da creación de viveiros e de 75.000€ para a realización de melloras ou dotación de equipamento e infraestruturas. Os beneficiarios poden recibir anticipos de ata un 25 % da axuda concedida. ­ Deste xeito, desde o ano 2016, a Xunta de Galicia leva destinados máis de 5M€ para a posta en marcha deste recurso o que está a permitir que Galicia conte con 22 viveiros industriais.

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes de Datalife
  • Na reunión deuse conta dos proxectos que leva desenvolvido ata o de agora, enfocados, fundamentalmente á prestación de servizos de intelixencia artificial e robótica para a produción ecolóxica e sustentable no sector agroalimentario
  • Considera que é unha peza clave para identificar retos tecnolóxicos nas área da saúde, a economía circular, e os novos produtos, e dotar estes sectores das ferramentas necesarias para afrontalos

 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou como indispensable o labor que realiza o hub de innovación dixital Datalife á hora de achegar a tecnoloxía dixital a toda a cadea de valor do sector biotecnolóxico de Galicia.

Lorenzana mantivo un encontro con representantes desta entidade, que reúne unha vintena de asociados de diferentes sectores, entre empresas, centros tecnolóxicos, universidades e cinco clústers empresariais, como é o caso do Clúster Saúde de Galicia, Anfaco-Cecopesca, Bioga, o Clúster TIC e o de Madeira e Deseño de Galicia.

As cadeas de valor nas que traballa son a de agro-mar alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e a de saúde-coidados. En total, abrangue un ámbito de 52.350 empresas, co obxectivo de acelerar a súa transformación dixital e optimizar toda a súa infraestrutura de procesamento de datos a través da Intelixencia Artificial e o Big Data.

Na reunión deuse conta dos proxectos que leva desenvolvido ata o de agora, enfocados, fundamentalmente á prestación de servizos de intelixencia artificial e robótica para a produción ecolóxica e sustentable no sector agroalimentario.

Datalife, segundo destacou a conselleira, é unha peza clave para identificar retos tecnolóxicos nas área da saúde, a economía circular, e os novos produtos a partir de biorrecursos e dotar estes sectores das ferramentas necesarias para afrontalos.

  • Lembra o compromiso do Goberno galego coas iniciativas empresariais, con ferramentas como a Oficina Económica de Galicia para facilitar e reducir os trámites

 

Ames (A Coruña), 31 de xullo de 2024.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel dos emprendedores á hora de xerar emprego de calidade na comunidade, subliñando que estes son  “os que crean riqueza e os que de verdade lle dan valor engadido ás ideas que teñen”. Durante unha visita ás instalacións de D3 Applied Tech -firma de Ames que elabora solucións tecnolóxicas para embarcacións de competición, o sector aeroespacial, as enerxías renovables, a industria ou o eido naval- lembrou o compromiso da Xunta coas iniciativas empresariais. Así, recordou que a través da Oficina Económica de Galicia “intentaremos acompañar os proxectos para que todo sexa áxil e para que a burocracia non sexa un problema”, achegando tamén axudas puntuais para “despois multiplicar todas as oportunidades”.

Acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente salientou a firme aposta da Xunta por reter o talento innovador e atraer investimentos. Neste eido, a Administración autonómica conta con medidas para fomentar a posta en marcha de proxectos, como a Rede de Polos de Emprendemento –14 centros espallados por toda a comunidade nos que os emprendedores reciben orientación e asesoramente durante todo o proceso–; unha liña de axudas para os gastos de lanzamentos das startups –1,5 millóns de euros na convocatoria deste 2024–; ou unha rede de aceleradoras desde as que se aposta por dar pulo a proxectos innovadores mediante a colaboración público-privada, entre outras iniciativas.

Por outra banda, o Goberno autonómico traballa desde hai anos para reducir e axilizar os trámites que teñen que realizar as empresas á hora de poñer en marcha un negocio. Para iso, ademais da Oficina Económica de Galicia, que actúa como única canle para facilitar os trámites que teñen que realizar os empresarios, existen diferentes liñas de axudas para fomentar a innovación no tecido produtivo ou promover investimentos para renovar e modernizar o seu equipamento.