A Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña exploran novas vías de colaboración para contribuír ao desenvolvemento industrial do porto exterior

Martes, 03 Setembro 2024 14:17
  • A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a directora do Instituto Económico de Galicia (Igape), Covadonga Toca, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado
  • Na xuntanza, púxose de manifesto a disposición da Administración autonómica a colaborar a través de diferentes instrumentos de apoio no proxecto de desenvolvemento previsto para o Porto da Coruña, que busca promover a vertente enerxética, industrial e loxística do porto exterior e unha maior especialización dos tráficos comerciais na dársena interior

 

A Coruña, 30 de agosto de 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, e a directora do Instituto Económico de Galicia (Igape), Covadonga Toca, mantiveron hoxe un encontro co presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, con quen abordaron diversas liñas de colaboración entre a Xunta e a entidade portuaria, que vén de licitar o seu plan estratéxico para os vindeiros catro anos.

Na xuntanza, púxose de manifesto a disposición da Administración autonómica a colaborar a través de diferentes instrumentos de apoio no plan de desenvolvemento previsto para o Porto da Coruña, que busca promover a vertente enerxética, industrial e loxística do porto exterior -a través do proxecto Green Port- e unha maior especialización dos tráficos comerciais na dársena interior. 

Tendo en conta estes obxectivos, a responsable do Igape, Covadonga Toca, explicou o traballo que vén facendo estes meses a Oficina Económica de Galicia en termos de asesoramento empresarial, para contribuír á implantación de novos proxectos de investimento en Galicia.

Na mesma liña, e sabendo o interese da Autoridade Portuaria da Coruña por seguir captando cara ao porto exterior novos proxectos industriais vinculados coas enerxías renovables e a eólica mariña, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, expuxo o traballo que vén facendo a Xunta de Galicia por desburocratizar a tramitación de proxectos industriais a través do Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais.

Ao respecto, explicou que a declaración como proxecto industrial estratéxico ofrece, entre outros beneficios, a redución á metade dos prazos -agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos-, mantendo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais. 

Concretamente, na provincia da Coruña, xa contan con esta distinción o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes, onde tamén vai ir instalada a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire, e a planta de biofibra reciclada de Ence. Tamén a planta de metanol verde en Mugardos de Forestal del Atlántico; a de hidróxeno renovable de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda;  a planta de envasado e manipulación de peixe proxectada por Stolt Sea Farm en Rianxo, e a de extracción de cobre nos concellos do Pino e Touro promovida por Cobre San Rafael. 

O presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, informoulles, así mesmo, da situación dos traslados dos tráficos do porto interior a Punta Langosteira, con especial referencia á terminal de Repsol e á próxima entrada en servicio da conexión ferroviaria, ademais das novas instalacións que están a habilitar o grupo Nogar, TMGA e Pérez Torres, que inclúen a ampliación dos seus almacéns e a incorporación de circuítos pechados para as descargas de graneis.  

Fernández Prado, agradeceu o apoio que vén prestando a Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento industrial do que é un dos principais centros loxísticos de Galicia.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis