Super User
A Xunta aposta por impulsar un ecosistema emprendedor capaz de conxugar innovación, dixitalización e sustentabilidade
O director do Igape, Fernando Guldrís destacou hoxe a importancia do emprendemento no marco das políticas económicas que está a promover a Xunta e avogou por seguir impulsando un ecosistema emprendedor “capaz de conxugar innovación, dixitalización e sostenibilidade”.
Durante a súa intervención no “Startup Congress Galicia 2022”, en Vigo, Guldrís salientou que “todo o sacrificio e o esforzo que supón emprender ten no Goberno galego un firme respaldo, porque impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”. É por iso que defendeu a importancia de “tomar a creatividade e o talento como punto de partida e a tecnoloxía como ferramenta clave”.
O director do Igape salientou iniciativas como a rede galega de aceleradoras que inclúe as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutica (BFAero) ou a industria farmacéutica (BFMedicines); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; a incubadora de alta tecnoloxía en biotecnoloxía (BioIncubaTech).
Esta aposta, lembrou, compleméntase con outros proxectos e liñas de apoio, como os espazos coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais de Galicia; ou os programas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 500 proxectos impulsados.
“Estamos a falar, en definitiva, dun amplo ecosistema onde poden ver a luz novas empresas e startups como as que nos tedes acompañado ao longo deste encontro”, subliñou Guldrís en referencia a un evento que reúne estes días as distintas aceleradoras galegas e a máis de medio millar de fondos de investimento na procura de facilitar o desenvolvemento de novos proxectos.
A Xunta destaca a mellora da competitividade do sector TIC galego coa aposta das pemes pola dixitalización e a internacionalización
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou na Coruña a compañía Docuten, onde salientou a súa contribución á transformación dixital do tecido produtivo. A empresa, que ofrece solucións avanzadas para a xestión corporativa, conta co apoio das axudas ao financiamento de proxectos innovadores e o Galicia Exporta Dixital, cuxo prazo de solicitude remata o 30 de xuño.
A Xunta impulsa 244 plans de internacionalización de pemes galegas en case 60 países
As axudas achegadas a través da última convocatoria resolta do Galicia Exporta Empresas ascenden a case 6M€. O Goberno galego adaptou o programa ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. Permanecen abertos os prazos de solicitude das axudas das novas convocatorias do Galicia Exporta Dixital, o Foexga, o Cheque Brexit e o programa de apoio á contratación de expertos en comercio exterior.
A Xunta destaca a transformación dixital dos sectores da saúde e o benestar como motor de competitividade para a economía galega
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no obradoiro Dixitalización Industria 4.0: os sectores da saúde e o benestar, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo). Salienta a aposta do Goberno galego na candidatura aos fondos europeos Next Generation polas tecnoloxías emerxentes, a innovación e a Industria 4.0 nestes ámbitos produtivos. Subliña o apoio á dixitalización das pemes galegas a través dos diferentes programas de axudas, que achegaron 23M€ en 2020 a case 3700 proxectos que mobilizarán preto de 36M€.
A Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama constitúen a nova sociedade público-privada que se encargará de impulsar os proxectos tractores en Galicia
A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia nace para madurar iniciativas empresariais con relevante efecto dinamizador na economía galega. Favorecerá a transformación da economía implantando un modelo verde e dixital. Promoverá a captación de fondos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións, ao tempo que fomentará especialmente a participación das pemes. O seu primeiro obxectivo é apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation e axudar despois na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento. Prestará tamén diferentes servizos de asesoramento para garantir a presentación e a posta en marcha das novas actividades empresariais, como apoio xurídico, económico, administrativo, comercial e industrial e de xestión e dirección. O capital inicial desta nova sociedade limitada de maioría privada ascende a 5M€, dos que a Xunta de Galicia achega o 40%, mentres que o 60% restante se reparte entre Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%).
Galicia é capaz de incrementar as vendas no exterior e o número de empresas exportadoras
As exportacións da Comunidade medran un 1,4% en febreiro, ao tempo que ascende un 11,4% o número de empresas galegas que exportan. A balanza comercial galega nos dous primeiros meses presentou un saldo positivo de máis de 160M€ que contrasta co negativo estatal de -2850M€. Destaca a boa evolución de industrias como a automoción, cun incremento das exportacións de vehículos dun 34,6% en febreiro; a conserveira, que medra un 16,6%, ou os metais, cunha suba do 13,1%. Por destinos, son salientables os aumentos das exportacións a países europeos como Alemaña e Italia e asiáticos como China e Xapón, que incrementou en máis do 150% as compras a compañías galegas.
A Xunta aproba o refinanciamento dos préstamos achegados a empresas e autónomos para facilitar a súa solvencia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para a solicitude de renovación ou nova formalización de créditos, débedas e garantías, que estará aberta desde mañá ata final de ano. O obxectivo da iniciativa, dotada con 18M€, é seguir facilitando liquidez aos colectivos empresariais máis afectados pola actual situación económica mentres recuperan a súa actividade. Súmase ás medidas que se veñen de activar de ampliación dos prazos de devolución dos créditos e exención de compromisos nos apoios ao investimento que os beneficiarios non poden cumprir debido á pandemia da covid-19.