Super User

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a base reguladora e a convocatoria das axudas que buscan impulsar a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva do tecido empresarial galego
  • As axudas, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros, e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de outubro

 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2024

 A Xunta destina 3 M€ a investimentos en equipamento empresarial que promovan a innovación e a mellora competitiva das empresas galegas. Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste programa de investimento en equipamento empresarial que procura promover iniciativas que melloren a innovación e a competitividade das empresas galegas.

O obxectivo é potenciar o mantemento e a creación de emprego, a innovación e o impulso de novos proxectos empresarias a través de apoios que facilitan a adquisición de equipamento para as empresas.

Neste marco, entre as principais novidades destaca o feito de que poden optar a esta liña empresas de todas as actividades económicas, agás as excluídas pola regulamentación comunitaria. Así mesmo, e para reforzar os investimentos inmediatos sen prexudicar a liquidez e a solvencia das empresas, contémplase un anticipo do 100 % da axuda, estando tamén prevista a exención de garantías.

Os apoios, en concorrencia non competitiva, ascenden ao 40% dos custos ata un máximo de 300.000 euros. O obxectivo é facilitar a modernización tecnolóxica e a capacidade competitiva das empresas galegas reducindo parcialmente os seus custos de investimento recentes neste mesmo exercicio 2024.

Neste sentido, admitiranse gastos e investimentos executados dende o 1 de xaneiro de 2024 e ata o vindeiro 10 de decembro, e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 10 de outubro.

Os conceptos de investimento subvencionable inclúen tanto a compra de maquinaria ou bens de equipamento como os programas de implantación de solucións tecnolóxicas (software e hardware). Deste xeito, a Xunta pretende dar resposta coordinada ás necesidades financeiras das empresas, facilitando a  mellora da súa competitividade. 

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha reunión co director xeral de Antea Group

 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co director xeral da empresa galega Antea Group, Fernando Illanes, a quen lle agradeceu o traballo que están a levar a cabo para avanzar na súa internacionalización e na da economía galega.

Esta consultaría, con sede central en A Coruña, é pioneira e líder no desenvolvemento integral de proxectos de enxeñería, infraestruturas de transporte, xestión de mobilidade, auga e medio ambiente, e no desenvolvemento territorial, urbano e edificación.

Durante a xuntanza, tamén se abordou a planificación do solo industrial, competencia agora da Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección xeral de Estratexia industrial e solo empresarial e as medidas do Plan de aceleración de proxectos industriais, que garante a tramitación en menos dun ano daquelas iniciativas empresariais con máis de 800.000 euros de investimento.

Por outra banda, María Jesús Lorenzana lembrou a recente activación da gratuidade durante os oito primeiros anos do dereito de superficie nas parcelas de natureza empresarial titularidade da Xunta de Galicia a través de Xestur. Serán máis de medio millón de metros cadrados de solo industrial que se porán a disposición do empresariado galego e que permitirá facilitar o asentamento en solo galego de novas industrias capaces de xerar riqueza e emprego na Comunidade.

Deste xeito, esta nova medida permitirá a concesión de solo empresarial a custo cero durante os oito primeiros anos para novas actividades económicas no réxime de dereito de superficie, o que vai facilitar a implantación de novas empresas na Comunidade Autónoma.

A conselleira explicou que con esta medida, o Goberno galego avanza na nova estratexia de política industrial que busca, fundamentalmente, impulsar novos sectores industriais estratéxicos; detectar e integrar novas cadeas de valor; promocionar a formación, a atracción de talento e o emprego de calidade e mellorar a competitividade da industria galega a través da innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visita Codeor, unha empresa familiar especializada na fabricación de calzado para uso laboral e que vén de beneficiarse da liña de acceso ao crédito, que este ano ampliou o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial
  • Salienta que a convocatoria abriuse en xaneiro coa previsión de poñer en circulación ata 80M€ recibíndose xa solicitudes por importe superior a esa cifra
  • Lembra que a liña complementa ao programa de préstamos directos, que mellora tamén as condicións de acceso ao crédito e que ven de ampliar o seu orzamento ante o importante número de solicitudes xa recibidas 

 

Pereiro de Aguiar (Ourense), 24 de xullo de 2024.- A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións da empresa Codeor, compañía familiar galega especializada na fabricación de calzado para uso laboral, onde puxo en valor a importancia de facilitar o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego nas condicións máis vantaxosas.

“No escenario actual, marcado pola suba de tipos de xuro durante o último exercicio, facilitar financiamento a pemes e autónomos nas mellores condicións posibles resulta fundamental para a mellora competitiva do noso tecido empresarial”, salientou Toca Carús, que indicou que precisamente Codeor vén de beneficiarse da liña de acceso ao crédito que cada ano promove a Consellería de Economía e Industria a través do Igape.

Este programa, explicou, que se desenvolve a través dun convenio coas entidades de crédito e as Sociedades de Garantía Recíproca, vén de ampliar o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial galego. En concreto, achéganse 5,8M€ máis, que se suman aos 12M€ previstos inicialmente, na procura de que os beneficiarios soliciten tanto a bonificación do tipo de xuro dun préstamo como a obtención do aval sen custo algún.

Toca Carús lembrou que a convocatoria, aberta no mes de xaneiro, prevía poñer en circulación ata 80M€, recibíndose xa solicitudes por importe superior a esa cifra. Agora, e con este incremento, se prevé chegar ata aos 120M€ en operacións nas que pemes e autónomos poden financiar investimento e circulante, ou refinanciar préstamos anteriores que se materializasen en condicións menos vantaxosas. 

Deste xeito, e como incidiu a directora do Igape, a Consellería de Economía e Industria facilita o acceso a préstamos ao tecido empresarial galego, principalmente a pemes e autónomos ao ser estes os que sofren maiores dificultades para acadar o financiamento adecuado ás súas necesidades.

Toca Carús indicou que desde o 2020 aprobáronse xa, no marco deste programa, preto de 3.500 solicitudes, moitas delas vencelladas ao programa Reaval Covid posto en marcha no contexto da pandemia, formalizándose operacións por valor de máis de 227 millóns.

Así mesmo, esta liña complementa ao programa de préstamos directos, cuxo obxectivo vencéllase tamén á mellora das condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda, e que ven de ampliar ata os 50M€ o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial galego.

  • Exixe unha cogobernanza real e efectiva destas axudas e que vaian acompasadas ao que a industria, as pemes e as persoas autónomas precisan
  • Indica que, a día de hoxe, Galicia é a única comunidade autónoma que leva executado máis de tres cuartas partes dos fondos asignados
  • Solicita, tamén, ese mesmo compromiso do Goberno en relación á planificación da rede de transporte eléctrico que condiciona o desenvolvemento de diversos proxectos industrias que supoñen un importante investimento para Galicia
  • Contrapón a esta falta de resposta do Goberno, o compromiso da Xunta por facer de Galicia un polo de atracción industrial na Península, especialmente, no eido da economía verde e dixital

 

Arteixo (A Coruña), 23 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, volveu reclamar hoxe ao Goberno central unha xestión planificada e máis áxil dos fondos europeos ao considerar que, catro anos despois de ser anunciados, existe unha desconexión entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos Perte.

Na súa intervención do Lorenzana Foro sobre Perspectivas Empresariais, organizado polo Banco Santander e La Voz de Galicia, Lorenzana indicou que, a día de hoxe, Galicia é a única comunidade autónoma que leva executado máis de tres cuartas partes dos fondos asignados. Non obstante, apuntou novamente que é necesario acompasar estas axudas ás verdadeiras necesidades do tecido empresarial, -especialmente da industria, das pemes e das persoas traballadoras autónomas-, e aos tempos de execución dos proxectos.

“En Galicia hai iniciativas, capacidades e talento, visión de futuro, e un traballo conxunto entre a Administración e as empresas e, por iso, exiximos unha cogobernanza real e efectiva dos fondos europeos”, reiterou, para solicitar, tamén, ese mesmo compromiso do Goberno en relación á planificación da rede de transporte eléctrico que condiciona o desenvolvemento de diversos proxectos industrias que supoñen un importante investimento para Galicia.

A conselleira contrapuxo a esta falta de resposta do Goberno, o compromiso da Xunta por facer de Galicia un polo de atracción industrial na Península, especialmente, no eido da economía verde e dixital. “É necesario reducir a burocracia e as trabas ás empresas, que necesitan certezas”, dixo, como a Xunta está a facer dándolles o acompañamento necesario a través da Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape. “Fronte aos impedimentos e aos obstáculos, a Xunta aposta por ser un apoio e un sostén”, afirmou. 

Nesta liña, destacou que o obxectivo do Goberno galego é desenvolver unha política industrial integrada, responsable, para facer un aproveitamento sustentable dos recursos naturais impulsando unha industria de alto nivel tecnolóxico e innovador. Ao respecto, mencionou que se está traballando nos plans directores para os sectores estratéxicos de Galicia -como o do naval e a automoción cuxos borradores se presentaron a pasada semana- para o desenvolvemento dun mapa industrial de Galicia.

“Non nos imos deter á hora de defender os intereses de Galicia e por iso vimos realizando un impulso de proxectos industriais e, concretamente, de proxectos que identificamos como estratéxicos ou que se están tramitando través do Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais”. Unha medida que considerou un eixe fundamental da política industrial da Xunta, xunto coa de poñer á disposición das empresas solo industrial a custo cero durante os oito primeiros anos.

Lorenzana apuntou que o sector industrial contribúe cun 16,7% ao PIB de Galicia, que é a terceira comunidade cun maior ritmo de crecemento interanual de ocupación industrial. Sinalou que o índice de confianza empresarial é superior ao nacional, cun 3% fronte ao 1,5% do Estado. E destacou que Galicia segue batendo récords en exportacións que suman, de xaneiro a maio, máis de 12.800M€, un 4,4% máis con respecto ao mesmo período do histórico 2023, e como segunda comunidade co maior crecemento do Estado.

  • Nos cinco primeiros meses do ano, as vendas ao exterior da Comunidade incrementáronse un 4,4% con respecto a 2023, ano récord das exportacións galegas no que se superou por primeira vez a barreira dos 30.000M€
  • Maio volve ser un bo mes para as exportacións en Galicia, que crecen máis dun 9% en comparación co mesmo período do exercicio anterior
  • Este incremento permite a Galicia contar cunha balanza comercial positiva en preto de 4.125M€ entre xaneiro e maio

 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024

Galicia segue a acadar resultados históricos nas súas exportacións. Así, e tras pechar 2023 co mellor rexistro acadado ata o momento, tras superar por primeira vez a barreira dos 30.000M€, as vendas ao exterior galegas marcan un novo récord e suman, entre xaneiro e maio de 2024, máis de 12.800M€, tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). 

Esta cifra supón un incremento do 4,4% con respecto ao mesmo período dese histórico 2023, e sitúa a Comunidade como a segunda co maior crecemento do Estado, soamente superada por Andalucía. Unha porcentaxe que contrasta cos datos arroxados na media nacional, onde as exportacións descenderon un -2,3% con respecto a ese mesmo período de xaneiro a maio de 2023.

O incremento permite tamén a Galicia contar cun saldo favorable de 4.124,14M€ entre as exportacións e as importacións contabilizadas entre xaneiro e maio, mentres que en España a balanza continúa en números vermellos.

No que respecta aos datos interanuais de maio, as vendas ao exterior aumentaron este mes un 9,4% con respecto a maio do ano pasado, sumando nesta ocasión 2.884M€. A porcentaxe galega mellora en sete puntos a media estatal de maio, onde o crecemento situouse, con respecto ao mesmo período do ano pasado, nun 2,3%. 

Entre os sectores que están detrás do ascenso das exportacións neste mes de maio figuran o dos combustibles, aceites minerais, cunhas vendas ao exterior que medraron un 90,2% máis que en maio de 2023; a automoción, cun incremento do 9,7% con respecto ao ano pasado na venda de automóbiles; e o naval, que no acumulado de xaneiro a maio destaca polo crecemento do 27,3%.

Por países, todos os estados cos que o peso do comercio galego é significativo aumentan, producíndose, no marco da Unión Europea, importantes ascensos nos principais compradores en relación ao mesmo período do ano anterior: Francia (+26,1%), Alemaña (+3,2%), e Italia (+1,1%). E tamén destacan outros destinos como Marrocos (+6,4%) ou Estados Unidos, que suma o 2,2% das exportacións galegas nos primeiros 5 meses do ano.  

O apoio da Xunta de Galicia  

Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír ao seu crecemento económico, a Xunta de Galicia segue a desenvolver unha Estratexia de Internacionalización que facilita a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

A través desta Estratexia, o Goberno galego mantén e reforza a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e a dixitalización.

  • Tanto a conselleira como o delegado amosaron a súa disposición a seguir explorando novos ámbitos de traballo en común para xerar solo industrial e atraer novos proxectos empresariais cara á Comunidade
  • Lorenzana enmarca a relación de colaboración co CZFV dentro dos obxectivos da política industrial do Goberno galego, que busca fomentar a colaboración público-privada e institucional para impulsar a competitividade dos sectores estratéxicos

 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co delegado especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, con quen abordou as liñas de colaboración que a Xunta de Galicia mantén abertas con esta entidade para impulsar o desenvolvemento e a atracción de empresas en Galicia.

Entre outros asuntos, na xuntanza, Lorenzana e Regades abordaron o proxecto de ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo (PTL), cunha superficie bruta de 252.000 m². De igual xeito, tamén trataron os avances na tramitación para ampliar a Plataforma Loxística Industrial Salvaterra-As Neves (Plisan).

Tanto a conselleira como delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo amosaron a súa disposición a seguir explorando novos ámbitos de colaboración para xerar solo industrial e atraer novos proxectos empresariais cara a Galicia. Ao respecto, Regades coincidiu na necesidade dunha aposta mutua de ambas as dúas institucións polos sectores estratéxicos para desenvolver a política industrial, e cualificou de imprescindible a colaboración entre as administracións que teñen intereses comúns.

En liñas xerais, Lorenzana enmarcou a relación de colaboración que veñen mantendo a Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo dentro dos obxectivos da política industrial do Goberno galego, que busca fomentar a colaboración público-privada e institucional para impulsar a competitividade dos sectores estratéxicos da economía galega con medidas en materia de solo industrial, innovación e atracción de investimentos a través da Oficina Económica de Galicia no Igape.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, acompañada da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou o Grupo Rilo, ao que puxo como exemplo de compromiso coa sustentabilidade tras a recente consecución dunha das súas compañías, Recinor, do Accésit de Empresa Sostible no Premio Peme do Ano da Coruña
  • Avoga pola colaboración público-privada neste eido e sinala que, grazas ao programa de economía circular da Xunta, Recinor adquiriu unha prensa continua automática e oito contedores de gran volume para diminuír o volume de residuos e optimizar o seu almacenamento
  • Destaca o lanzamento este ano dunha nova liña de axudas que conta cun orzamento de 1M€ para a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora dos factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes

 

Ferrol, 18 de xullo de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións da empresa Grupo Rilo en Ferrol onde puxo en valor a importancia de apostar pola sustentabilidade na procura de promover entre o tecido empresarial galego novos procesos produtivos e un consumo máis eficiente. 

“A sustentabilidade resulta xa unha gran protagonista dentro da estratexia de empresas e organizacións para adaptarse ás novas demandas do mercado dun modo máis competitivo”, subliñou Toca Carús, que estivo acompañada durante a visita da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Neste sentido, a directora do Igape puxo ao Grupo Rilo como exemplo desa aposta pola sustentabilidade do tecido empresarial galego. Un compromiso que vén de materializarse, de modo máis recente, coa consecución por unha das súas empresas, Recinor, do Accésit de Empresa Sostible no Premio Peme do Ano celebrado hai tres semanas.

Toca Carús destacou tamén a importancia da colaboración público-privada para avanzar neste eido; un traballo conxunto que, como expuxo, ten permitido impulsar liñas como a centrada na economía circular. Esta aposta, afondou, “non só representa unha oportunidade para reducir o impacto ambiental, senón que ao adoptar este modelo as empresas poden mellorar a súa eficiencia, innovar nos seus procesos e produtos, xerar emprego e abrir novas vías de crecemento sustentable”.

Neste contexto, a directora do Igape sinalou que, grazas a este programa de economía circular, Recinor adquiriu unha prensa continua automática e oito contedores de gran volume para diminuír o volume de residuos e optimizar o seu almacenamento. Deste xeito, a empresa reduce o seu consumo enerxético, mellora  a valorización de residuos e o seu almacenamento, promovendo a súa reciclaxe e reutilización.

Así mesmo, Toca Carús destacou tamén o lanzamento este ano dunha nova liña de axudas que conta cun orzamento de 1 M€ para a posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento e mellora dos factores ASG (ambientais, sociais e de gobernanza) nas pemes.

As iniciativas promoverán proxectos de implantación de solucións avanzadas que acaden reducións e aforros de recursos e diminucións na xeración de refugallos, e tamén actuacións dirixidas a desenvolver a responsabilidade social empresarial e avanzar nos mellores modelos de gobernanza nas organizacións.

  • A convocatoria abriuse en xaneiro cun orzamento de 30M€, e desde entón recibíronse xa solicitudes por un importe próximo a esa cifra, motivo polo que o Goberno galego amplía o presuposto nun 70% achegando outros 20M€
  • O obxectivo é mellorar as condicións de acceso ao crédito de pemes e autónomos, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda nun contexto de aumento dos tipos de xuro
  • O programa suma cinco liñas con dúas novidades: os préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior; e aqueles para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira

 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2024

O Goberno galego, a través da Consellería de Economía e Industria, segue a traballar na mellora da competitividade do tecido empresarial galego, facilitando, entre outras accións, o acceso a financiamento de pemes e autónomos galegos nun escenario como o actual marcado por tipos de xuro máis elevados.

Neste marco, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación da liña de préstamos directos do Igape ata os 50 millóns de euros. Un incremento levado a cabo ante o crecente interese e a demanda do tecido empresarial galego neste programa. No en van, destináronse inicialmente 30M€, abríndose o prazo de presentación de solicitudes o pasado 16 de xaneiro.

Desde entón, téñense recibido xa solicitudes por un importe próximo a eses 30M€, motivo polo que o Goberno galego amplía agora o orzamento inicial nun 70%, achegando outros 20M€ adicionais para facer fronte á demanda estimada ata o fin de prazo establecido, que se mantén a finais do mes de novembro.

Cómpre lembrar que a convocatoria presentaba desta volta dúas grandes novidades: dun lado, a concesión de préstamos para financiar a implantación de empresas galegas no exterior; e, doutro, os préstamos para financiar circulante para as empresas de transformación e comercialización de produtos da pesca e acuicultura, e para a industria manufactureira.

No tocante á liña de internacionalización, está previsto financiar a empresas con centros de traballo en Galicia que poñan en marcha novos establecementos, sucursais ou filiais en ata 60 países dos cinco continentes.

O importe mínimo dos préstamos oscilará entre os 300.000€ e un máximo de 1M€, contribuíndo á expansión do tecido empresarial galego, que segue a consolidar os rexistros históricos en exportacións tras superar o ano pasados os 30.000 M€ en vendas ao exterior.

A segunda novidade céntrase na industria manufactureira, artellándose os mecanismos necesarios para a concesión de préstamos ás empresas do sector na procura de acomodar a devolución dos mesmos ao diñeiro xerado polas operacións da empresa. O  importe dos préstamos oscilará tamén entre 300.000€ e 1M€, cunha duración de oito anos con dous de carencia.

Investimentos estratéxicos, centros tecnolóxicos e naval

Así mesmo, e como vén sendo habitual, o programa atende tamén aos investimentos estratéxicos de pemes e autónomos, promovendo a creación de novas instalacións e a mellora das existentes, ou o incremento da súa capacidade produtiva.

Cubrindo ata o 50% do investimento a financiar, cun máximo de 5M€, neste caso os préstamos terán unha duración de ata doce anos coa posibilidade de incluír carencia na amortización principal.

Ademais, os préstamos directos financiarán actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego. Nestes casos, o seu importe oscilará entre 75.000€ e 1,5M€, cubríndose ata un máximo do 75% do investimento financiable.

Así mesmo, atenderase tamén as operacións levadas a cabo pola industria auxiliar naval, co obxectivo de apoiar a estas empresas facilitándolles o financiamento a longo prazo. O importe mínimo do préstamo será de 300.000 euros e o máximo de 1M€ euros, resultando o prazo de devolución de ata seis anos, incluíndo dous de carencia, cun tipo de xuro bonificado.

Máis de 100 M€ mobilizados

Desde a súa activación no 2019 lévanse concedido operacións ao abeiro deste programa por un importe total de préstamos de máis de 63 millóns que suman un investimento mobilizado de máis de 104 millóns.

Deste xeito, o Goberno galego reforza o seu compromiso cos autónomos e empresas galegas para facilitarlles o acceso ao financiamento nas condicións máis favorables posibles, potenciando o mantemento e creación de emprego, a innovación, o desenvolvemento e mellora das empresas existentes, a creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais e o financiamento.

  • Son firmas de sectores tan diversos como o téxtil, o agroalimentario, o sector da maquinaria, as TIC, o farmacéutico, os servizos bancarios ou de consultaría
  • Apunta que desde o ano 2019 as exportacións galegas a Alemaña creceron case un 25% e rexistraron o pasado ano os 1.815M€, mentres que as importacións acadaron un volume de 797M€
  • Precisa que as empresas galegas que exportan regularmente a aquel país creceu no mesmo período un 15%, ata acadar a día de hoxe as 479, das que 316 o fan xa regularmente
  • Manifesta a intención do Goberno galego de continuar abrindo mercado ao tecido empresarial a través de programas como o Plan Foexga e da convocatoria de misións comerciais
  • A embaixadora amosa o seu interese pola política de incentivos da Xunta de Galicia para captar investimento foráneo, entre os que figuran a Oficina Económica de Galicia, o plan de aceleración de proxectos industriais e a Lei de Recursos Naturais

 

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o crecente posicionamento das empresas galegas no mercado alemán, que se reflicte tanto no incremento das exportacións a aquel país como no nivel de implantación.

Nun encontro coa embaixadora de Alemaña en España, Maria Margarete Gosse, con quen abordou as relacións comerciais que mantén Galicia co país xermano e a política industrial da Xunta, Lorenzana salientou que se trata do cuarto mercado receptor das exportacións galegas.

Así, apuntou que desde o ano 2019 as exportacións desde Galicia a Alemaña creceron case un 25% e rexistraron o pasado ano os 1.815M€, mentres que as importacións acadaron un volume de 797M€. A mesma tendencia que se rexistrou canto ao número de empresas galegas que exportan regularmente a aquel país, que creceu no mesmo período un 15%, ata acadar a día de hoxe as 479, das que 316 o fan xa regularmente.

Neste momento, ademais, son aproximadamente 350 empresas galegas as que están implantadas no país, de sectores tan diversos como o téxtil, o agroalimentario, o sector da maquinaria, as TIC, o farmacéutico ou os servizos bancarios ou de consultaría. O téxtil, a automoción, o metalmecánico, o agroalimentario, os produtos minerais e as industrias químicas -cun incremento do 85% desde o ano 2029-, son, de feito, os principais sectores exportadores a Alemaña. 

Política industrial da Xunta e RDG

Na xuntanza, Lorenzana manifestou a intención do Goberno galego de seguir consolidando esta tendencia e continuar abrindo mercado ás empresas galegas no país, a través de programas como o Plan Foexga e da convocatoria de misións comerciais por parte do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en colaboración coas Cámaras de Comercio.

Igualmente, a embaixadora de Alemaña en España, Maria Margarete Gosse, amosou o seu interese pola política de incentivos da Xunta de Galicia para captar investimento foráneo, entre os que figuran o servizos de asesoramento da Oficina Económica de Galicia, o plan de aceleración de proxectos industriais e a Lei de Recursos Naturais xunto coa sociedade público-privada RDG (Recursos de Galicia).

  • Indica que no ano 2023, o uso da Intelixencia Artificial nas empresas TIC galegas foi do 29,5%, o que supón un crecemento relativo desde 2021 do 36,6% e un 5% respecto ao ano anterior
  • Sinala que as TIC xa teñen un impacto moi significativo no conxunto da economía galega pero, para acrecentalo, a Xunta está a elaborar o plan director do sector
  • Destaca que sectores estratéxicos como a automoción, a agroindustria e o sector marítimo-pesqueiro xa comezaron a integrar solucións de Intelixencia Artificial para monitorizar procesos, mellorar as cadeas de subministración e reducir custos

 

O Grove (Pontevedra), 12 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apelou hoxe a aproveitar as oportunidades que ofrece a Intelixencia Artificial para o tecido empresarial, mesturando investimento tecnolóxico, formación, colaboración público-privada e un enfoque coidadoso en ética e regulación.

Así o manifestou hoxe durante a súa participación na mesa redonda O impacto da IA na estratexia organizacional, no Encontro da Toxa, onde apuntou que, segundo o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (Osimga), no ano 2023, o uso da Intelixencia Artificial nas empresas TIC galegas foi do 29,5%, o que supón un crecemento relativo desde 2021 do 36,6% e un 5% respecto ao ano anterior. En Galicia, sectores estratéxicos como a automoción, a agroindustria e o sector marítimo-pesqueiro xa comezaron a integrar solucións de Intelixencia  Artificial para monitorizar procesos, mellorar as cadeas de subministración e reducir custos.

Segundo dixo, as TIC xa teñen un impacto moi significativo no conxunto da economía galega pero, para acrecentalo, a Xunta está a elaborar o plan director do sector, declarado estratéxico xunto cos da automoción, o naval, o metalmecánico, o forestal-madeira e a loxística industrial. Contará con medidas que permitan impulsar a modernización e a produtividade, implantar modelos de produción máis eficientes e respectuosos co medio ambiente e mellorar a seguridade e onde terá un peso especial, ademais, o talento e a cualificación do capital humano.

Para que as empresas poidan facer fronte a estes retos, a conselleira lembrou que a Xunta, a través do Igape, leva convocando desde 2018 dúas liñas de axuda que suman case 7M€ para facilitar a transformación industrial e a dixitalización de pemes e autónomos, ademais de incentivar investimentos no eido da economía circular. Nestes seis anos, os apoios concedidos suman máis de 20M€ cun mobilizado de 40M€ no tecido empresarial. Referiuse, tamén, ao labor de asesoramento que realiza a Oficina Económica de Galicia nesta materia, así como aos apoios para a constitución de centros de fabricación avanzada.

Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas españolas en aprobar unha estratexia propia de Intelixencia Artificial (a EGIA), ademais de ser designada como sede da primeira axencia estatal de supervisión que se crea en Europa. Na mesma liña, apuntou que se abriu un proceso de consulta pública para a elaboración da futura lei de intelixencia artificial en Galicia.