Lorenzana avalía con Cluergal novas vías de colaboración para continuar reforzando o sector

Mércores, 08 Mai 2024 09:24
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con representantes do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia
  • A asociación achegará as súas propostas ao futuro plan director da industria metalmecánica, que contará coas medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector e mellorar a súa competitividade

 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2023

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con representantes do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), con quen avaliou novas vías de colaboración para continuar reforzando este sector, así como as necesidades de desenvolvemento industrial ligadas ás renovables e as posibilidades de instalación en Galicia deste tipo de industria e dos componentes asociados. Neste contexto, a conselleira lembrou tamén que se está a elaborar o plan director da industria metalmecánica, un dos sectores declarados estratéxicos pola Xunta de Galicia xunto coa industria da automoción, a construción naval, o sector forestal-madeira, a industria das TIC e a da loxística.

O plan director contará coas medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego e estimular a captación de investimento. Como primeiro fito, levouse a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. Ademais, na elaboración do plan participará o sector privado, representantes dos traballadores e resto de axentes implicados, polo que contará tamén coas achegas de Cluergal.

Os plans directores, xunto co Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, son instrumentos da planificación da política industrial da Xunta enmarcados nunha estratexia que ten como obxectivo facilitar o proceso de adaptación e transformación enerxética e dixital da industria galega. Antes da súa aprobación por parte do Consello da Xunta de Galicia será necesario o informe do Consello Galego de Economía e Competitividade.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis