- A directora do Igape, Covadonga Toca, visita Codeor, unha empresa familiar especializada na fabricación de calzado para uso laboral e que vén de beneficiarse da liña de acceso ao crédito, que este ano ampliou o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial
- Salienta que a convocatoria abriuse en xaneiro coa previsión de poñer en circulación ata 80M€ recibíndose xa solicitudes por importe superior a esa cifra
- Lembra que a liña complementa ao programa de préstamos directos, que mellora tamén as condicións de acceso ao crédito e que ven de ampliar o seu orzamento ante o importante número de solicitudes xa recibidas
Pereiro de Aguiar (Ourense), 24 de xullo de 2024.- A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe as instalacións da empresa Codeor, compañía familiar galega especializada na fabricación de calzado para uso laboral, onde puxo en valor a importancia de facilitar o acceso ao crédito ao tecido empresarial galego nas condicións máis vantaxosas.
“No escenario actual, marcado pola suba de tipos de xuro durante o último exercicio, facilitar financiamento a pemes e autónomos nas mellores condicións posibles resulta fundamental para a mellora competitiva do noso tecido empresarial”, salientou Toca Carús, que indicou que precisamente Codeor vén de beneficiarse da liña de acceso ao crédito que cada ano promove a Consellería de Economía e Industria a través do Igape.
Este programa, explicou, que se desenvolve a través dun convenio coas entidades de crédito e as Sociedades de Garantía Recíproca, vén de ampliar o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial galego. En concreto, achéganse 5,8M€ máis, que se suman aos 12M€ previstos inicialmente, na procura de que os beneficiarios soliciten tanto a bonificación do tipo de xuro dun préstamo como a obtención do aval sen custo algún.
Toca Carús lembrou que a convocatoria, aberta no mes de xaneiro, prevía poñer en circulación ata 80M€, recibíndose xa solicitudes por importe superior a esa cifra. Agora, e con este incremento, se prevé chegar ata aos 120M€ en operacións nas que pemes e autónomos poden financiar investimento e circulante, ou refinanciar préstamos anteriores que se materializasen en condicións menos vantaxosas.
Deste xeito, e como incidiu a directora do Igape, a Consellería de Economía e Industria facilita o acceso a préstamos ao tecido empresarial galego, principalmente a pemes e autónomos ao ser estes os que sofren maiores dificultades para acadar o financiamento adecuado ás súas necesidades.
Toca Carús indicou que desde o 2020 aprobáronse xa, no marco deste programa, preto de 3.500 solicitudes, moitas delas vencelladas ao programa Reaval Covid posto en marcha no contexto da pandemia, formalizándose operacións por valor de máis de 227 millóns.
Así mesmo, esta liña complementa ao programa de préstamos directos, cuxo obxectivo vencéllase tamén á mellora das condicións de acceso ao crédito do tecido produtivo, favorecendo a entrada a instrumentos de débeda, e que ven de ampliar ata os 50M€ o seu orzamento ante o interese amosado polo tecido empresarial galego.