A Xunta destina 5 M€ ao impulso da transformación industrial e a dixitalización de pemes e autónomos galegos

Sábado, 27 Abril 2024 12:06
  • O Diario oficial de Galicia publica unha nova convocatoria de axudas paro o impulso da transformación industrial e para reforzar a aposta dixital de pemes e autónomos galegos
  • Os apoios serán do 35% dos investimentos para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, mentres que para os gastos de consultaría, a intensidade de subvención será do 50%
  • Como novidade, nesta convocatoria introdúcese por primeira vez unha liña específica que atende á dixitalización dos procesos loxísticos, e se favorece tamén a implantación de iniciativas que se leven a cabo nun concello emprendedor

 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2024

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar unha nova convocatoria do programa de apoio á dixitalización, que este ano destina 5 millóns de euros ao impulso da transformación industrial e a reforzar a aposta dixital de pemes e autónomos galegos. Neste sentido, a liña potencia o compromiso do Goberno da Xunta neste eido, na procura de mellorar a competitividade do tecido produtivo e de promover unha transformación dixital cada vez máis necesaria no actual contexto económico.

Por este motivo, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, activa esta nova convocatoria que persegue apoiar a posta en marcha de sistemas cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor ou proxectos individuais cara á dixitalización ou conectividade da peme.

As axudas, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 27 de maio, serán do 35% dos investimentos para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas. Así mesmo, para os gastos de consultaría, a intensidade da axuda ascenderá ata o 50%. Como novidade, favorécese a implantación de iniciativas que se leven a cabo nun concello emprendedor.

Deste xeito, impulsaranse dous tipos de accións. Dun lado, proxectos colectivos nos que un grupo de empresas abordará, de forma conxunta, a implantación de sistemas dixitais, xa sexa nas súas interaccións ou nos procesos de xestión. Doutro, iniciativas individuais nas que unha peme ou un autónomo poderá promover interfaces dixitais, sistemas de intelixencia artificial, sistemas para a dixitalización, ou sistemas de mellora da función loxística da empresa, no que se configura como outra das principais novidades desta convocatoria.

De feito, este apartado loxístico cobre actuacións como a robotización dos procesos, a xeolocalización de cargas ou medios de transporte, a aplicación de vehículos autónomos, a reciclaxe de materiais de envasado, a aplicación da realidade virtual ou aumentada a estes procesos, ou a monitorización da pegada de carbono no transporte e a distribución de mercadorías de cara á súa redución. 

Deste xeito, o Goberno galego mantén a súa aposta pola dixitalización do tecido empresarial da Comunidade como un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica, na procura de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis