Lorenzana resalta a compañía Gabadi como exemplo da capacidade da industria auxiliar do naval galego

Sábado, 06 Abril 2024 10:11
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, destaca a aposta pola innovación e a internacionalización da empresa naronesa, que cumpre 35 anos de actividade
  • Lembra que o Goberno galego está a elaborar o Plan director do sector naval, que vai ser imprescindible para coñecer a situación actual e os retos de futuro desta industria estratéxica para a economía galega

 

Narón (A Coruña), 5 de abril de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Narón as instalacións de Gabadi, sinalando que esta compañía é un exemplo da capacidade que está a demostrar a industria auxiliar do naval galego. Así, Lorenzana destacou a aposta desta compañía pola innovación, a internacionalización e os investimentos, apuntando que isto deixa de manifesto que “Galicia vai no bo camiño no sector naval, que xunto coa automoción suma o 20 % do emprego industrial na Comunidade”.

A conselleira subliñou que a reunión celebrada hoxe permitiu coñecer de preto os proxectos cos que conta a empresa e presentarlles os diferentes apoios que a Xunta pon a disposición do tecido empresarial, como a Oficina Económica de Galicia. Neste sentido, a conselleira lembrou que a que a Xunta de Galicia está a elaborar o Plan director do sector naval, dentro da nova estratexia industrial.

Lorenzana sinalou que esta ferramenta vai ser “imprescindible para coñecer a situación actual e os retos de futuro  que ten este sector”, e para continuar acompañándoos a través de diferentes instrumentos no ámbito financeiro, na internacionalización ou na cualificación das persoas traballadoras.

O naval é unha das industrias declaradas estratéxicas polo Consello da Xunta, xunto coa metalmecánica, a automoción, o sector forestal-madeira, a industria das TIC e a loxística industrial, das que tamén se están a elaborar plans directores. Os distintos plans contarán con medidas, mecanismos e medios necesarios para fortalecer o sector, mellorar a competitividade, fomentar a súa internacionalización e sustentabilidade, impulsar a innovación industrial, incrementar o emprego industrial e estimular a captación de investimento.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis